Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.342

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 340/2003, do 24 de xullo, polo que se crea o Instituto Universitario de Investigación de Estudios Irlandeses Amergin na Universidade da Coruña.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema universitario galego coa finalidade de supera-las carencias universitarias existentes na nosa Comunidade Autónoma e de reordena-lo sistema universitario de Galicia, atendendo a criterios de desenvolvemento e renovación.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia faise necesaria a súa consolidación atendendo especialmente á calidade do ensino e da investigación e, máis concretamente, ás cuestións derivadas da definición específica de cada campus: ás directrices de consolidación de calidade e de crecemento de cara á súa propia identificación do perfil académico; á complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas; e ó avance no perfil académico e investigador, de acordo cos principios e criterios de programación sinalados na LOSUG.

A este obxectivo contribúe a creación do Instituto Universitario de Investigación de Estudios Irlandeses Amergin na Universidade da Coruña, de xeito que se configura como centro de investigación, docencia, asesoramento e difusión da información nas áreas científicas e técnicas relacionadas coa promoción e desenvolvemento das materias que lle son propias.

Por todo iso, en aplicación do artigo 10.3º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, por proposta do conselleiro de Educación de Ordenación Universitaria e por instancia do Consello Social da Universidade da Coruña, logo do informe da Xunta de Goberno da Universidade e oído o Consello Universitario de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro), logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación do Instituto Universitario de Investigación de Estudios Irlandeses Amergin na Universidade da Coruña, no seu campus da Coruña.

Este instituto terá como obxectivos fundamentais: organizar, desenvolver e avaliar plans e proxectos de investigación sobre estudios irlandeses, nun marco interdisciplinar; programar e realizar actividades docentes de terceiro ciclo e posgrao, así como de especialización e actualización profesionais; impulsa-la actuación científica, empresarial, técnica, artística e pedagóxica dos seus membros e da comunidade universitaria no seu conxunto; contratar e executar traballos científicos, técnicos, humanísticos e artísticos con persoas físicas ou entidades públicas ou privadas no marco da lexislación vixente; promove-la difusión e realización de traballos e publicacións sobre estudios irlandeses relacionados co Instituto; colaborar cos demais órganos da universidade na realización das súas funcións, especialmente cos outros institutos universitarios da Universidade da Coruña xa creados.

Artigo 2º

Para o desenvolvemento das súas actividades, así como para a adscrición do seu persoal, este instituto rexerase pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, polos estatutos da Universidade da Coruña, e polo seu Regulamento de réxime interior, que deberá axustarse ó establecido para este tipo de centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria