Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 339/2003, do 24 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da autovía AG-56 Santiago de Compostela (N-550 na Rocha)-Brión (AC-543). (Clave: AC/99/042.01).

Con data do 15 de xullo de 2003 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado da autovía AG-56 Santiago de Compostela (N-550 na Rocha)-Brión (AC-543). Clave: AC/99/042.01.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración de urxente ocupación pola súa incidencia na seguridade vial, xa que os usuarios podrán utilizar para os seus desprazamentos unha vía de alta capacidade, vía con parámetros e características que melloran, sustancialmente, as condicións de circulación das estradas convencionais. Desta forma, será posible, ademais, desconxestiona-la saturada estrada C-543 que actualmente presenta un trazado semiurbano cunha IMD que se aproxima ós 21.000 vehículos dos cales un 11% son de pesados. Pretendese comunica-los municipios de Santiago de Compostela, Ames, Brión e Negreira e todas elas coa Costa da Morte, dando cumplimento os obxectivos recollidos

no Plan de Infraestructuras Viarias aprobado pola Xunta de Galicia o 6 de abril de 2001.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado da autovía AG-56 Santiago de Compostela

(N-550 na Rocha)-Brión (AC-543). Clave: AC/99/042.01.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda