Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 337/2003, do 24 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do acondicionamento da estrada C-545. Treito: Santa Comba-Zas. (Clave: AC/01/001.01.1).

Con data do 18 de xullo de 2003 o director xeral de obras públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado do acondicionamento da estrada C-545. Treito: Santa Comba-Zas. Clave: AC/01/001.01.1.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración de urxente ocupación pola súa incidencia na seguridade vial, xa que se aumentan as distancias de visibilidade, corríxense raios de curvas reducidos, amplíanse beiravías, concéntranse accesos á estrada, dispóñense camiños de servicio para evita-lo acceso de vehículos agrícolas á estrada principal, e melloranse intersecións, ademáis de ser unha actuación incluida no Plan de dinamización económica Plan Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 23 de xaneiro de 2003 que impón unha reducción dos prazos previstos nos investimentos da Comunidade Autónoma para que a posta en servicio desta actuación sexa no 2006.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día do día vintecatro de xullo de dous mil tres,

DISPONGO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado do acondicionamento da estrada C-545. Treito: Santa Comba-Zas. Clave: AC/01/001.01.1

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda