Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 336/2003, do 24 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do enlace da Cidade da Cultura de Galicia coa autoestrada A-9 en Santiago de Compostela. (Clave: AC/03/106.01).

Con data do 22 de xullo de 2003 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado do enlace da Cidade da Cultura de Galicia coa autoestrada A-9 en Santiago de Compostela. Clave: AC/03/106.01.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración de urxente ocupación pola súa incidencia na seguridade vial, posto que a actividade de construcción da Cidade da Cultura no que se refire ó movemento de vehículos pesados incide negativamente tanto na programación de tales obras como no movemento de vehículos e peóns no contorno de carácter urbano delas, sendo necesario executar desde a autoestrada A-9 uns accesos na Cidade da Cultura que, ademais, teñen que cumpri-las ineludibles distancias de seguridade establecidas pola normativa vixente.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado do enlace da Cidade da Cultura de Galicia coa autoestrada A-9 en Santiago de Compostela. Clave AC-03/106.01.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda