Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.250

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2003 pola que se convocan catro bolsas de estudio en materia de vivenda.

O 6 de marzo de 2000 o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a Universidade de Santiago de Compostela subscribiron un acordo de colaboración para a realización de prácticas complementarias ós estudios universitarios. Os resultados da dita colaboración presentan uns resultados altamente satisfactorios para ámbalas dúas entidades. Coa finalidade de abondar na tarefa de formación de alumnos e amplia-lo ámbito subxectivo a alumnos que rematasen recentemente os seus estudios universitarios e de cara a facilita-lo acceso ó mercado de traballo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizou no ano 2002, unha convocatoria de bolsas que tiña como contido o estudio dos sistemas de financiamento público de vivendas e a súa metodoloxía no ámbito das administracións públicas, ou o estudio e realización de traballos noutras materias relacionadas con vivenda. En virtude do anterior, e dada a gran

satisfacción tanto dos bolseiros como do organismo, convócanse catro novas bolsas de colaboración de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo convoca catro bolsas para estudios e colaboración en materia de vivenda para un arquitecto técnico, un economista ou licenciado en ADE e dous licenciados en dereito.

Segunda.-Duración e dotación.

As tarefas iniciaranse desde a incorporación dos bolseiros e rematarán o día 31 de decembro de 2003. Poderán ser prorrogadas en función do aproveitamento do adxudicatario, logo de informe da secretaría xeral, sempre e cando exista crédito orzamentario suficiente e adecuado para o ano 2004 ata o prazo máximo dun ano.

A dotación económica mensual de cada bolsa será de 901 A brutos coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ó pagamento, observarase o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o artigo 42.3º da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, acordando o pagamento parcial á conta da liquidación definitiva a medida que se xustifiquen os libramentos anteriores, sen a limitación da porcentaxe do 80% da subvención concedida. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado.

Os pagamentos serán efectuados polo instituto con cargo á aplicación orzamentaria 06.60.331A. 480 dos orzamentos xerais do organismo autónomo para 2003.

Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro será incompatible co desfrute doutras bolsas. Non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin suporá a inclusión na Seguridade Social. A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo instituto.

Cuarta.-Requisitos dos candidatos.

Poderán optar á bolsa aquelas persoas que reúnan os requisitos seguintes:

a) Ter realizado o depósito do título de arquitecto técnico ou de licenciado en administración e dirección de empresas, economía, ou dereito nos anos 2002 ou 2003.

b) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes deberán entregarse no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á

Administración xeral do Estado, á de calquera administración das comunidades autónomas, ou a dalgunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribise o oportuno convenio, no prazo de 40 días hábiles a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria. Deberá presentarse a seguinte documentación:

a) O impreso de solicitude publicado como anexo a esta convocatoria.

b) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

c) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

d) Memoria descritiva, cunha extensión mínima de tres folios e máxima de cinco, das tarefas que hai que realizar en materia de vivenda.

e) Currículum vitae.

f) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecementos en lingua galega.

g) Documentos que acrediten, se é o caso, ter realizado prácticas no ámbito das administracións públicas.

h) Declaración xurada comprometéndose a renunciar a calquera outra bolsa de colaboración.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase no taboleiro de anuncios da sede do IGVS resolución provisional de admitidos e excluídos. Os solicitantes disporán dun prazo de 10 días naturais para realizar reclamacións, transcorrido o cal se elevará a definitiva a lista de admitidos con resolución de cantas reclamacións fosen presentadas.

Sexta.-Tribunal.

Presidenta: Mª Teresa Morán Calero, secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Vocal: Heriberto García Porto, director técnico de Construccións do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Secretario: Jesús Oitaven Barcala, director técnico de Supervisión e Asesoramento do Instituto Galego da Vivenda e Solo, quen actuará con voz e voto.

Sétima.-Criterios de valoración para a elección dos bolseiros.

a) Expediente académico: ata cen puntos.

1. Nota media inferior a 1: 15 puntos.

2. Nota media entre 1-1,5: 30 puntos.

3. Nota media entre 1,5-2: 45 puntos.

4. Nota media entre 2-2,5: 60 puntos.

5. Nota media entre 2,5-3: 75 puntos.

6. Nota media superior a 3: 100 puntos.

b) Currículum vitae: ata sesenta puntos dos que se valorarán:

-20 puntos en total por cursos de informática que acrediten o dominio de Word (5 puntos), Excel (6 puntos), Access (4 puntos) e Powerpoint (3 puntos) e 2 puntos por coñecementos suplementarios. Os puntos outorgaranse proporcionalmente ó número de

horas impartidas por cada módulo, acreditadas con certificado ou título correspondente.

-Prácticas realizadas no ámbito das administracións públicas: ata dez puntos do seguinte xeito:

1. Por un período comprendido entre 250 e 500 horas en cada organismo: tres puntos e medio.

2. Por un período igual ou superior a 500 horas en cada organismo: seis puntos e medio.

3. Non se valorarán os períodos anteriores concorrencialmente se se realizan nun mesmo organismo.

-Por acreditar estudios de posgrao (ata un máximo de 5 puntos): por un curso de especialización 2 puntos e por un máster 3 puntos.

-Por cursos realizados relacionados ou de interese coas funcións que se van desempeñar ata un máximo de 15 puntos:

* De 20 a 59 horas: 1 punto.

* De 60 a 99 horas: 2 puntos.

* Máis de 100 horas: 3 puntos.

-Tempo inscrito no Servicio Público de Desemprego ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,5 puntos por mes inscrito.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dez puntos.

d) Memoria descritiva e entrevista persoal: ata trinta puntos.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

O tribunal realizará unha entrevista ós aspirantes. A entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria, e terá unha duración máxima de quince minutos.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións da secretaría xeral, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres no Instituto Galego de Vivenda e Solo. Os traballos realizados quedarán en propiedade do instituto.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o instituto considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados polo instituto, logo de que a secretaría xeral certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e mantenza non poderán supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración o instituto poderá, por proposta da secretaría xeral, e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Incompatibilidades.

Non poderán solicitar estas bolsas os que xa desfrutasen algunha bolsa de colaboración con dotación económica no Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Décimo primeira.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada ós inte

resados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións expresas ou presuntas que se dicten esgotarán a vía administrativa e poderá interpoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa, ou no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto, se non o fose. Tamén se poderá optar por interpor directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se o acto fose expreso, e se non o fose, o prazo para interpoñelo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda

e Solo