Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.249

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2003, do Consello Galego de Cooperativas, pola que se reabre o prazo de presentación dos plans de traballo sobre cooperativismo nos centros educativos recollidos no anexo III da Resolución do 11 de xuño de 2003 pola que se fan públicas as bases dos concursos sobre cooperativismo nos centros escolares de Galicia e se procede á súa convocatoria.

Por Resolución do 11 de xuño de 2003, do Consello Galego de Cooperativas, publicada no Diario Oficial de Galicia do 20 de xuño de 2003 procedeuse á

convocatoria e publicación dos bases dos concursos sobre cooperativismo nos centros escolares de Galicia coa finalidade de promove-la educación e a formación cooperativa nos distintos niveis do sistema educativo xeral.

No anexo III da resolución establecíanse as bases da convocatoria do concurso de proxectos empresarias cooperativos de formación profesional en dúas fases:

1ª fase: plan de traballo sobre o cooperativismo no centro educativo, do que o seu prazo de presentación rematou o día 15 de xullo.

2ª fase: proxectos empresariais cooperativos, do que o seu prazo de presentación remata o día 28 de novembro.

Tendo en conta que a citada publicación concidiu coa finalización do curso escolar e co fin de consegui-la máxima difusión e participación de tódolos centros de ensino ós que vai dirixido, faise necesario reabri-los prazos establecidos na primeira fase do certame.

DISPOÑO:

Artigo único.

Os centros educativos que impartan formación profesional específica poderán presenta-los plans de traballo sobre cooperativismo nos seus centros ó abeiro do establecido no anexo III, punto 2 da Resolución do 11 de xuño, ata o día 10 de outubro de 2003.

A relación de centros seleccionados publicarase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na súa páxina web o día 20 de outubro.

Os centros seleccionados contarán cun importe de 1.000 euros para a realización das actividades propostas no seu plan de traballo. Estas actividades realizaranse como data límite o 15 de novembro de 2003.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Presidenta do Consello Galego de Cooperativas