Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.212

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

CIRCULAR informativa 1/2003, do 31 de xullo, sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da nova Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Da regulación do solo rústico ou non urbanizable que establece o artigo 31 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e o artigo 20 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, dedúcese que o solo rústico está esencialmente destinado á súa explotación agrícola, gandeira ou forestal; a protección destas actividades e o mantemento do solo nas súas orixinarias condicións inspira a regulación desta clase de solo ó servicio dos intereses xerais de Galicia.

Neste senso, recoñéceselles ós propietarios do solo rústico o dereito de levar a cabo accións sobre o solo e o subsolo que non impliquen movemento de terras, tales como o aproveitamento agropecuario, o pastoreo, a roturación e desecación, así como os valados con elementos naturais e de setos (artigo 31.1º a).

Entre as actividades e usos constructivos posibles en solo rústico, a lei sinala as destinadas a explotacións agrícolas e gandeiras (artigo 33.2º a) e b), baixo determinadas condicións de edificación que se establecen nos artigos 33 a 44, así como as maiores limitacións que impoña o planeamento urbanístico.

Entre as condicións de edificación establecidas directamente pola Lei destacan a fixación das distancias mínimas das novas explotacións gandeiras ós asentamentos de poboación e ás vivendas máis próximas (artigo 44.4º); a superficie mínima da parcela sobre a que se pretenda situa-la nova edificación (artigo 44.1º); e outras. Estas condicións establecidas pola lei son de aplicación a tódalas novas explotacións gandeiras que se pretendan implantar no solo rústico.

Para as explotacións agropecuarias existentes no momento da entrada en vigor da nova lei (1 de xaneiro de 2003) se establece un réxime especial na disposición transitoria décimo primeira. A consecuencia xurídica que se desprende desta disposición é que as explotacións agropecuarias existentes no momento da entrada en vigor da nova Lei que non dispoñan de licencia urbanística poden mante-la súa actividade da explotación agropecuaria e as edificacións e construccións afectas á explotación, sen que resulten de aplicación as medidas de reposición da legalidade ou sancionadoras establecidas pola lexislación urbanística.

Por razóns de seguridade xurídica e como garantía para os interesados, as administracións urbanísticas

deben artella-los medios de acreditación e recoñecemento administrativo da situación urbanística da explotación agropecuaria con referencia ó momento da entrada en vigor da Lei 9/2002.

A Administración autonómica considera que o lugar natural de presentación das solicitudes de recoñecemento da existencia das explotacións agropecuarias ós efectos establecidos na disposición transitoria décimo primeira, son os concellos, debido por un lado o mellor coñocemento da realidade destas explotacións e, por outro, á previsible maior axilidade na resolución das solicitudes presentadas.

Non obstante o anterior, e dado que as solicitudes de recoñocemento tamén poderán presentarse ante a Administración autonómica, esta consellería considera necesario expoñe-los criterios que utilizará para a resolve-las solicitudes que se presenten ante ela. En todo caso, nos expedientes que se tramiten ante os servicios desta consellería, esta solicitará sempre un informe técnico municipal.

Con esta finalidade a presente circular sinala a documentación necesaria para que a Administración urbanística autonómica considere acreditado o suposto establecido pola disposición transitoria décimo primeira e, consecuentemente, expida o título administrativo no que se reflicta o recoñecemento da explotación agropecuaria e das edificacións afectas a ela no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002 e forme un inventario das explotacións que permita deixar constancia administrativa da súa situación legal.

O recoñecemento ó que se refire a presente circular, circunscríbese exclusivamente ós efectos urbanísticos e non prexulga nin condiciona as potestades que noutro orde teñan atribuídas outros órganos administrativos, nin exonera do cumprimento da normativa sectorial de aplicación.

De non obterse este recoñecemento administrativo expreso, a Administración urbanística competente adoptará as medidas establecidas pola disposición transitoria quinta, que só poderá ser enervada acreditando a existencia da edificación con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2003 por outros medios de proba admisibles en dereito, pero non pola vía sinalada na presente circular.

1. Natureza da circular.

A presente circular informativa ten natureza de instrucción ou orde de servicio dictada ó abeiro do disposto polo artigo 21 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas desta consellería.

Aínda que non ten os efectos propios dunha norma xurídica, considérase conveniente a súa publicación

para xeral coñecemento dos criterios seguidos pola consellería en aplicación da disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A circular circunscríbese en exclusiva ó ámbito das competencias deste departamento en materia de urbanismo e sen prexuízo das competencias doutro orde que afecten ás explotacións agrícolas e gandeiras e corresponden exercer a outras consellerías e organismos públicos ou á Administración municipal.

2. Obxecto da circular.

Esta circular ten por obxecto atende-la previsible demanda dos titulares de explotacións gandeiras existentes no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002 que non conten coa preceptiva licencia urbanística, para obte-lo recoñecemento administrativo da súa situación urbanística ó abeiro da disposición transitoria décimo primeira da nova Lei 9/2002.

Esta circular facilitará á Administración urbanística os criterios para o exercicio das súas competencias sobre disciplina urbanística e sobre o réxime de autorizacións en relación coas edificacións destinadas a explotacións agropecuarias existentes no momento da entrada en vigor da nova lei.

En todo caso, o recoñecemento administrativo da situación de feito o 1 de xaneiro de 2003 facilitará ós titulares das explotacións a obtención de autorizacións para futuras obras de rehabilitación, conservación, adecentamento, mellora, reforma, e incluso ampliación, e permitirá eludi-las consecuencias de eventuais expedientes de reposición da legalidade e sancionadores que se puidesen iniciar no futuro.

3. Acto declarativo do recoñecemento.

O recoñecemento da situación de feito para os efectos establecidos pola disposición transitoria décimo primeira de Lei 9/2002, corresponderá ó órgano competente da Admnistración municipal, no suposto de que as solicitudes se presenten ante o concello. Se as solicitudes se presentan ante a Administración autonómica, o recoñocemento correspondera ó director xeral de Urbanismo, que o comunicará ó concello correspondente.

3.1. Recoñocementos efectuados polos concellos.

A Administración autonómica considera que o lugar natural de presentación das solicitudes de recoñecemento da existencia das explotacións agropecuarias para os efectos establecidos na disposición transitoria décimo primeira, son os concellos, debido por un lado ó mellor coñocemento da realidade destas explotacións e, por outro, á previsible maior axilidade na resolución das solicitudes presentadas.

Como consecuencia do anterior, a consellería considerará suficientes e atenderá os recoñecementos que efectúe a Administración urbanística municipal, sempre que se acredite que se efectuaron segundo os criterios que para a Administración autonómica establece esta circular e se remita unha copia completa, orixinal ou autenticada, de toda a documentación integrante do expediente municipal para a súa constancia no inventario autonómico.

3.2. Contido e consecuencias da resolución de recoñocemento.

Cando a resolución recoñeza a existencia da explotación agrícola e gandeira para os efectos establecidos pola citada disposición transitoria décimo primeira, fará consta-la identificación exacta da explotación e as características principais das edificacións e construccións que forman desta; para o que se poderá emprega-lo modelo que con carácter orientativo se insire no anexo III.

A Dirección Xeral de Urbanismo formará un inventario das explotacións agropecuarias recoñecidas ó abeiro da disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002.

En todo caso, o recoñecemento da existencia da explotación non exime do cumprimento da normativa sectorial de aplicación (ambiental, sanitaria, etc.), nin do deber de obte-las licencias e autorizacións esixibles.

Cando a resolución non recoñeza a preexistencia da explotación ou dalgunha das edificacións que forman parte dela por non resultar acreditado que estivesen construídas antes do 1 de xaneiro de 2003, adoptaranse as medidas de reposición da legalidade, en aplicación do disposto pola disposición transitoria quinta da Lei 9/2002.

En calquera caso, contra a resolución que se dicte, o interesado poderá interpoñe-lo recurso admistrativo que proceda, segundo o establecido na Lei 30/1992, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Acreditación da existencia da explotación agropecuaria.

Os titulares das explotacións que pretendan acollerse á disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, precisan legalmente acreditar de modo indubitado a existencia, dimensións volumétricas e características principais das edificacións e construccións que formaban parte da explotación en data do 1 de xaneiro de 2003 -momento da entrada en vigor da nova lei.

Aínda que estes feitos poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito, o trans

curso do tempo fará cada vez máis difícil a proba das dimensións e características principais das edificacións e construccións existentes na data de referencia.

Para solventa-las dificultades de proba, esta circular facilita a acreditación da situación de feito existente no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, e permite obte-lo recoñecemento expreso da Administración urbanística para os efectos establecidos pola disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, e determina a forma de preceder da Administración autonómica ante as solicitudes de recoñocemento que se presenten ante ela.

4.1. Solicitude do interesado.

Cando os titulares de exolotacións agrícolas ou gandeiras existentes o 1 de xaneiro de 2003, soliciten da Administración o recoñecemento expreso da súa existencia para os efectos da disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, os servicios desta consellería procederán atendendo ós criterios contidos nesta circular.

Para obte-lo recoñecemento da Administración autonómica, sen prexuízo de calquera outra documentación que poida ser atendible en dereito, se considerará suficiente a seguinte:

a) Declaración responsable do titular da explotación.

b) Bosquexo acoutado das edificacións.

c) Reportaxe fotográfico das edificacións.

d) Identificación en rexistros públicos.

e) Plano de situación.

f) Calquera outra documentación que acredite a existencia da explotación e as características das edificacións e construccións que formaban parte dela o 1 de xaneiro de 2003.

4.1.1. Declaración responsable.

A declaración do titular da explotación, baixo a súa plena responsabilidade, na que consten os datos de identificación exacta da explotación e a descrición e características principais de cada unha das edificacións que, formando parte da explotación, estaban completamente construídas antes do 1 de xaneiro de 2003. Para estes efectos, os interesados poderán utiliza-lo modelo que con carácter orientativo se insire no anexo II.

4.1.2. Bosquexo acoutado.

O bosquexo acoutado que reflicta tódalas edificacións e construccións que formaban parte da explotación e estaban completamente construídas

antes do 1 de xaneiro de 2003, perfectamente acoutadas e con expresión, en metros cadrados, da superficie construída en planta; tamén reflectirá os alzados de cada unha das edificacións existentes, acoutando a súa altura, dimensións e a distancia ás vías ou camiños públicos.

4.1.3. Reportaxe fotográfica.

A reportaxe fotográfica na que se ofreza unha visión do conxunto das edificacións que forman parte da explotación e do seu contorno, e fotografías individualizadas de cada unha das edificacións existentes.

4.1.4. Identificación en rexistros públicos.

Referencia/s catastral/is que se solicitará da Xerencia do Catastro ou, se é o caso, datos rexistrais ou datos de concentración parcelaria correspondentes á parcela ou parcelas sobre as que se sitúan as edificacións que forman parte das explotacións.

En todo caso, a referencia catastral deberá comunicarse en canto se outorgue, para constancia no expediente.

4.1.5. Plano de situación.

O plano de situación, obtido como fotocopia dos planos de clasificación do solo do planeamento urbanístico vixente. Nos municipios que carezan de planeamento, poderá presentarse ben plano da cartografía a escala 1/5000, ou ben plano do catastro ou da concentración parcelaria, cotexado polo concello, no que se sinalen as edificacións existentes que formen parte da explotación.

4.2. Informe municipal.

Os servicios da consellería recabarán informe técnico municipal sobre a existencia da explotación agropecuaria e das instalacións afectas a ela no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, e no que se faga constar se foi ou non incoado expediente de reposición da legalidade.

5. Prazo de aplicación da circular.

A presente circular será aplicable ás solicitudes que se presenten antes do 31 de decembro de 2003. Transcorrido este prazo sen presenta-la solicitude de recoñecemento, os titulares das explotacións existentes non poderán acollerse ó previsto nesta circular.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

ANEXO III

Expediente núm...

Resolución sobre solicitude de recoñecemento de explotación agrícola e gandeira:

Vista a documentación presentada por D./Dona..., titular dunha explotación agrícola e gandeira, que tivo entrada no Rexistro de... co núm..., en data... de 2003,.

A documentación presentada polo titular da explotación cumprimenta tódolos requisitos sinalados pola Circular 1/2003 sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que foi publicada no DOG núm..., de...

No expediente instruído consta suficientemente acreditada que a explotación agrícola e gandeira existía o 1 de xaneiro de 2003 e que tódalas edificacións que se describen e forman parte da explotación foron concluídas antes do 1 de xaneiro de 2003.

Na súa virtude, e de acordo cos informes técnicos e xurídicos que constan no expediente,

RESOLVO:

Recoñece-la existencia da de explotación agrícola e gandeira da que é titular D./Dona..., para os efectos establecidos pola disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas seguintes características:

1. A explotación agropecuaria está situada no lugar de..., parroquia de..., no termo municipal de..., provincia de... (e figura inscrita no Censo de Explotacións Agrarias da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural co número...).

2. A explotación estaba formada o 1 de xaneiro de 2003 polas seguintes edificacións:

a) Edificación destinada a..., cunha superficie edificada total de... metros cadrados en planta baixa.

b)...

3. Referencia/s catastral/is, ou se é o caso, datos do Rexistro da Propiedade ou da Concentración Parcelaria, do predio sobre o que se emprazan as edificacións.

..., de... de 2003.

O...

Asdo.:...