Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xullo de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Campus Stellae.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Campus Stellae, con domicilio en Teo (A Coruña).

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Campus Stellae, foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día sete de maio de dous mil tres, ante o notario Álvaro Moure Goyanes, con número mil trescentos vintesete do seu protocolo, emendada por outra do mesmo notario de data once de xullo de dous mil tres, con número de protocolo dous mil douscentos once. A fundación foi constituída pola sociedade unipersoal Evian Sport, S.L., representanda neste acto por María Magdalena San Román Areses.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 5 dos estatutos, a difusión, promoción e fomento de actividades culturais, deportivas, artísticas e sociais. Dedicará especial atención ó fomento do deporte na comunidade galega e o mantemento das estructuras de base, axudando ós equipos deportivos que participan nas distintas competicións e incentivando outras actividades que axuden a unha maior profesionalización e á expansión do deporte entre a xuventude. A formación humana da mocidade a través da cultura, do deporte e do compromiso social son os seus fins principais que cumprirá organizando actividades, iniciativas e programas necesarios tales como cursos de formación, convocatoria de bolsas de axuda, premios públicos, colaboración con institucións docentes, culturais, artísticas ou deportivas, así como soporte e asesoramento a entidades deportivas profesionais ou amateurs, e en xeral todas aquelas iniciativas tendentes cara a un desenvolvemento humano integral dos xoves.

4. O padroado da fundación estará integrado por Alfredo Pedreiro San Román, en representación de Evian Sport, S.L., como presidente, María Magdalena San Román Areses, en representación de Fomento de Finanzas y Deporte, S.L., como vicepresidente, e Alfredo Santiago García Domínguez, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Campus Stellae, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e a súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de xullo de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Campus Stellae adscribíndoa á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública