Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xullo de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, con domicilio en Ourense.

Supuestos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación ós efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día dezaoito de outubro de dous mil, ante o notario Luis Rajoy Brey, co número de protocolo mil setecentos dezanove pola Deputación Provincial de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., por medio dos seus representantes; esta escritura foi rectificada por outra posterior de data trece de febreiro de dous mil un outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo douscentos setenta e catro e complementada por outra posterior de data vintecatro de febreiro de dous mil tres outorgada en Ourense ante a notaria María José Rodríguez Tourón por Manuel López Casas que intervén en nome e representación da Fundación.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 4º dos estatutos, o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico, en tódolos ámbitos de actividade e tódalas cabanas existentes e en particular:

a) Fomenta-la investigación e o desenvolvemento na materia cárnica.

b) Mellora-las técnicas de xestión productiva.

c) Coordina-la correcta utilización de tódolos medios tecnolóxicos existentes en Galicia.

d) Asisti-lo sector nos procesos de adaptación lexislativa.

e) Atende-la formación profesional dos recursos humanos.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo se especifica no artigo dez dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do

22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e á súa adscrición á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Fundamentos de dereitos.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de xullo de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne adscribíndoa á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública