Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 04 de agosto de 2003 Páx. 10.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de xullo de 2003 de concesión de axudas extraordinarias de cooperación exterior por razón de interese social ou humanitario.

A actividade de carácter social ou humanitario no exterior a miúdo vén condicionada por feitos e circunstancias imprevisibles que, non obstante, dada a extrema gravidade das consecuencias que xeran, requiren unha resposta urxente ou case sumaria para evitar que dereitos e bens de primeiro nivel, xuridicamente protexidos polo ordenamento internacional, non se vexan abocados a unha situación irremediable. A vida, a saúde e os restantes dereitos subxectivos que atinxen á propia existencia da persoa e que, pola súa vez, son o soporte dos seus restantes dereitos, merecen pois ser atendidos do xeito máis dilixente posible, compatibilizando esa urxencia na atención coa observancia dos procedementos establecidos para garanti-lo correcto funcionamento da Administración pública.

Neste senso, a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece que o seu obxecto é o de regula-las accións coas que a Comunidade galega asume a responsabilidade de cooperar cos outros países para propicia-lo seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e a aliviar e corrixi-las situacións de pobreza e que se aplicará ó conxunto de actuacións, iniciativas e recursos que as diferentes organizacións, entidades e administracións públicas galegas poñen ó servicio dos pobos máis desfavorecidos.

Trala aprobación e publicación da orde de convocatoria de axudas a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento do ano 2003, é ademais conveniente establecer unha liña específica de axudas, destinadas a atende-las necesidades vitais ou urxentes xurdidas nos países cun menor índice de desenvolvemento humano segundo os parámetros de Nacións Unidas, apremadas pola concorrencia de crises sanitarias, grandes fames, fenómenos naturais, conflagracións bélicas, inestabilidade política grave ou calquera outra circunstancia de análoga natureza.

A finalidade das axudas aquí instrumentadas será, consecuentemente, coadxuvar a paliar, na medida do posible, estados carenciais sobrevidos pola alteración da orde natural das cousas, alí onde se produzan e da forma máis expeditiva posible para non malograr, precisamente, o obxecto e finalidade da propia intervención asumida pola Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

Esta é a razón pola que se establece un procedemento sumario no que prime o principio de economía procesual e a axilidade na instrucción e resolución, sen prexuízo do respecto ós criterios de obxectividade na concesión e de cumprimento de tódalas garantías administrativas durante a tramitación, intentando que non se malogre ó tempo o obxectivo de cumprir eficazmente a pronta cobertura dos estados de extraordinaria necesidade xurdidos no contexto socioeconómico do país de que se trate.

Por todo isto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-la concesión de axudas extraordinarias a persoas xurídicas por razón de interese social ou humanitario en países cun baixo índice de desenvolvemento humano nos que se produza unha alteración da orde habitual das cousas debida a crises sanitarias, grandes fames, fenómenos naturais, conflagracións bélicas, inestabilidade política grave ou calquera outras circunstancias de análoga configuración.

As axudas estarán destinas á cobertura de necesidades de carácter puntual, individuais ou colectivas, ou á realización de intervencións polas entidades que executen programas sociais ou asistenciais que inclúan unha pluralidade de beneficiarios e non dispoñan de axudas ordinarias, públicas ou privadas, para o desenvolvemento de proxectos e accións nas situacións descritas.

As axudas dirixiranse preferentemente a prestacións básicas de alimentación, saúde, educación, atención á infancia e discapacitados, aloxamento, reagrupamento familiar, reparación, adecuación ou restablecemento de redes de abastecemento e tratamento de augas ou doutras utilidades elementais análogas, que non poidan ser atendidas polos servicios regulares de protección social, fosen públicos ou privados.

Artigo 2º.-Solicitudes, requisitos que deben reuni-los beneficiarios, documentación e prazo de presentación.

1. As solicitudes irán dirixidas ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I desta orde, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. As solicitudes procedentes do exterior poderán ser canalizadas por correo certificado.

2. Poderán solicita-las axudas as persoas xurídicas españolas sen ánimo de lucro que no seu obxecto social inclúan a prestación de servicios básicos ás persoas, ás familias ou ás comunidades damnificadas.

3. Documentación que hai que presentar coa solicitude.

a) Memoria descritiva da situación de emerxencia social ou humanitaria acaecida, con indicación das causas detonantes, valoración dos danos provocados ou das medidas reparadoras necesarias, relación de axudas solicitadas e obtidas para ese fin e contía solicitada á Xunta de Galicia.

b) Tódolos documentos acreditativos que o solicitante estime pertinentes e que corroboren os feitos ou datos reflectidos na memoria.

c) Copia fidedigna dos estatutos vixentes da entidade, con indicación do rexistro oficial no que constasen depositados.

d) Copia do pasaporte ou doutro documento de identificación persoal do representante da entidade e acreditación bastante da representación.

e) Certificado bancario que acredite a titularidade da conta á que sería transferida a axuda. Se non o achegase poderá reclamárselle previamente ó pagamento no caso de resultar beneficiaria.

f) Declaración do conxunto das solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade.

As organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento e outros axentes de cooperación que presentaran solicitude ó abeiro da Orde do 24 de febreiro de 2003 pola que se regulan as axudas do ano 2003 para a execución de proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior e proxectos de formación e sensibilización social para o desenvolvemento, quedan exceptuadas de achegar xunto coa súa solicitude a documentación relacionada nas letras c), d) e f) deste punto, sempre que a documentación presentada ó abeiro daquela convocatoria fora bastante.

4. Prazo de presentación.

As solicitudes poderán presentarse desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de setembro de 2003. A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior fará público o feito do esgotamento do crédito orzamentario mediante resolución inserida no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Instrucción, prazo de resolución, criterios de adxudicación e resolución.

1. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada. O prazo de resolución e notificación será de dous

meses. A instrucción do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. En todo caso, tendo en conta o obxecto e finalidade das axudas, aplicarase o procedemento de tramitación de urxencia nos termos previstos polo artigo 50 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instructor avaliará a procedencia ou improcedencia da axuda solicitada considerando os seguintes criterios:

-Situación acorde coas prioridades xeográficas da acción exterior galega, considerando o índice de desenvolvemento humano do país no que se atopen os posibles beneficiarios.

-Urxencia vital.

-Pertenza a un colectivo singularmente desfavorecido por razóns de idade, xénero, discapacidade, orixe étnica ou outras que deriven no desamparo na sociedade da que son integrantes.

-Dificultade para acceder a outras axudas, nacionais ou internacionais.

-Grao de carencia de recursos.

-Incidencia no contorno social ou comunitario.

4. As axudas graduaranse á vista das circunstancias concorrentes e nunca poderán exceder do cincuenta por cento dos deméritos económicos ocasionados pola causa detonante da situación de urxencia ou das accións reparadoras precisas, de ser susceptibles de valoración económica.

5. Á vista do expediente instruído, o instructor elevará proposta de resolución ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que resolverá. De non recaer resolución expresa nos prazos previstos no número 1 do artigo 3º, a solicitude poderase entender desestimada.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario, importe global e compatibilidade das axudas.

O financiamento das presentes axudas efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.213C.490.0, dotando a acción cun importe global de 180.000 euros, sen fixarse topes máximos e mínimos de axuda por determinarse en función das contías e dos gastos subvencionables, incluídas nas solicitudes. No suposto de que, unha vez concluída a instrucción e resolución das axudas solicitadas ó abeiro da Orde do 24 de febreiro de 2003 pola que se regulan as axudas do ano 2003 para a execución de proxectos de cooperación ó desen-

volvemento no exterior e proxectos de formación e sensibilización social para o desenvolvemento, restaran remanentes sen comprometer procedentes da mesma aplicación orzamentaria antedita, a contía non comprometida acrecerá o crédito reservado para esta convocatoria. Esa circunstancia farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente de administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de tódalas obtidas non supere o custo de reposición dos bens ou dereitos afectados ou reparación das necesidades evidenciadas dos solicitantes, aínda que sexa con carácter paliativo.

Artigo 5º.-Publicidade da concesión das axudas.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas coa indicación do beneficiario, contía, país de destino e finalidade.

Artigo 6º.-Anticipos e pagamentos.

De acordo co artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das axudas, unha vez concedidas aboaranse o oitenta por cento da contía outorgada en concepto de anticipo.

Non obstante, o beneficiario deberá acreditar, previamente ó cobramento, que está ó día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de aboamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro aboamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

A orde de transferencia efectuarase en euros, non asumindo a Xunta de Galicia ningún risco de cambio se o cobro se culminase noutra divisa con cotización oficial ou noutra moeda de curso legal no país do beneficiario cando a normativa deste imposibilitase o cobro en euros.

De conformidade co artigo 17.1º do decreto supracitado, e atendendo ó obxecto e finalidade das axudas, non se lles esixirán garantías especiais ós beneficiarios que comporten gastos de formalización ou o pagamento de xuros ou comisións.

Artigo 7º.-Prazo e forma de xustificación das axudas outorgadas.

Unha vez efectuada a transferencia dos fondos, os beneficiarios disporán dun prazo de dous meses para xustifica-la súa correcta aplicación no curso do exercicio económico de 2003. Esta considerarase idónea cando se presenten facturas, recibos ou xustificantes válidos no ordenamento do país no que se atope o beneficiario acreditativos de ter adquiridos os bens e/ou desfruta-los servicios acorde co estado de carencia detallado na memoria adxunta á súa solicitude orixinaria.

Se antes do 20 de decembro de 2003, os beneficiarios que non esgotaran o prazo de xustificación, non puidesen achega-la xustificación completa da axuda concedida, remitirán á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior certificación do órgano estatutario habilitado para tal fin comprensiva dos gastos efectuados e do cumprimento do obxecto para a que foi concedida a axuda. Como máis tarde, o primeiro de marzo de 2004, os xusticantes deberán figurar na devandita secretaría. De non ser así, iniciarase o procedemento para o reintegro das cantidades anticipadas.

Artigo 8º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios que falseasen a situación real na que se atopasen ou que non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ó reintegro da totalidade destas en caso de falseamento ou incumprimento pleno, ou á parte proporcional no caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 9º.-Información a órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios obríganse, polo simple feito de cursa-la súa solicitude, a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Modificación de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que agregadas superen a contía solicitada, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión. En todo caso, o beneficiario

comunicaralle puntualmente á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior a obtención doutras axudas, doazóns ou dádivas coa mesma finalidade.

Artigo 11º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos singulares instruídos en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñe-los seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se teña por producido o acto presunto.

Disposición adicional

Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atribucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das axudas e dos sancionadores que procedan, de se-lo caso, agás cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións e instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA