Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 04 de agosto de 2003 Páx. 10.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 21 de xullo de 2003 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias do Concello das Pontes de García Rodríguez, relativa ó equipamento escolar no poboado das Veigas.

O planeamento urbanístico vixente no municipio das Pontes de García Rodríguez son as Normas Subsidiarias Municipais de Planeamento aprobadas definitivamente en data 9 de decembro de 1985.

O Concello das Pontes de García Rodríguez formula unha modificación puntual das normas subsidiarias vixentes que ten por obxecto a recualificación dunha parcela de solo urbano do Poboado das Veigas (actualmente vivenda unifamiliar) duns 425 m de superficie a equipamento docente público (gardería), anexándoa á colindante de 1.260 m de superficie, cualificada esta como equipamento e onde existe xa a gardería municipal, todo isto co fin de amplia-la escola infantil municipal. Establécese unha ordenanza específica para a parcela resultante.

O obxecto da modificación dá cumprimento ó sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remite o expediente ó informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 13-3-2003, de conformidade co disposto polo artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno da Corporación, en sesión do 11 de abril de 2003 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida á información pública polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia de data 16-4-2003 e nos xornais Diario de Ferrol e La Voz de Galicia de datas 15 e 16 de abril de 2003 e 16 e 17 de abril de 2003, respectivamente.

No expediente constan os informes emitidos polo arquitecto técnico municipal e polo secretario municipal, en datas 8 e 9 de abril respectivamente, informes nos que manifestan a conformidade da modificación puntual proposta coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

O Pleno da Corporación, en sesión do 23 de maio de 2003, acordou aprobar provisionalmente o

proxecto de modificación puntual, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, vistos os informes xurídico e técnico do Servicio de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña, de datas 19 de xuño e 24 de xuño, respectivamente,

DISPONGO:

Artigo 1º

Apróbase definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias municipais do concello das Pontes de García Rodríguez, relativa ó equipamento escolar no poboado das Veigas.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2003.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política territorial, Obras Públicas

e Vivenda