Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2003 Páx. 10.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2003 pola que se fai público o contido do acordo de modificación do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras o 21 de xuño de 2001 e se denuncia con efectos desde o 1 de xaneiro de 2004.

Con data do 21 de xuño o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 18 entidades financeiras, asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego, complementarias das axudas directas concedidas ó abeiro do Decreto 201/2000, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Entendendo cumpridos os obxectivos previstos neste convenio e tendo en conta que os novos proxectos que se leven a cabo neste ámbito poden ser atendidos dentro dos límites legais máximos de axuda, no marco actual dos convenios subscritos polo Igape e as entidades financeiras para o financiamento subsidiado ós proxectos de investimento que levan a cabo as Pemes galegas, estímase oportuno dar por finalizada no exercicio 2003 a vixencia do convenio, deixando atendidos os proxectos con resolución favorable da Consellería de Pesca ata o dito exercicio.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento

RESOLVO:

Facer público, como anexo a esta resolución, o texto do acordo de modificación con data do 21 de

xullo de 2003 do convenio de apoio ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras o 21 de xuño de 2001, e se denuncia con efectos desde o 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Acordo polo que se modifica o convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras, e se denuncia con efectos desde o 1 de xaneiro de 2004

En Santiago de Compostela a 21 de xullo de 2003,

Reunidos:

Dunha parte, o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, José Antonio Orza Fernández, en nome e representación do dito instituto.

Doutra parte ... (en adiante, a entidade financeira), representada por D./Dª ..., con poder suficiente para obrigarlle neste acto.

Expoñen:

O Igape e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con data do 21 de xuño de 2001, asinaron un convenio de colaboración co obxecto de establecer unha liña de apoio financeiro específico para o sector pesqueiro de Galicia, dentro da política de apoio á pequena e mediana empresa e que constitúe unha axuda complementaria ós incentivos que para este sector ten establecido a citada consellería, entendendo cumpridos os obxectivos previstos neste convenio e tendo en conta que os novos proxectos que se levan a cabo neste ámbito poden ser atendidos dentro dos límites legais máximos de axuda, no marco actual dos convenios subscritos polo Igape e as entidades financeiras para o financiamento subsidiado ós proxectos de investimento que leven a cabo as Pemes galegas, estímase oportuno dar por finalizada no exercicio 2003 a vixencia do convenio, deixando atendidos os proxectos con resolución favorable da Consellería de Pesca ata o dito exercicio.

Polo que antecede, as partes reunidas, en relación ó convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro asinado o 21 de xuño de 2001 (DOG nº 133, do 10 de xullo) e modificado mediante addenda do 1 de xullo de 2001 (DOG nº 177, do 12 de setembro),

Acordan:

Primeiro.-Engádese un novo parágrafo á cláusula 4ª Modalidade e destino das axudas co seguinte texto:

«No ano 2003 o Igape unicamente atenderá os proxectos de investimento que tiveran unha resolución de concesión de subvención ó abeiro das ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura con datas do 14 de xullo de 2000, 17 de xullo de

2000, 26 de xullo de 2000 e 21 de setembro de 2000 de data anterior ó 1 de xaneiro de 2003, e que presenten a súa solicitude no Igape antes do 31 de outubro de 2003. A concesión da axuda do Igape estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, resolvéndose as solicitudes por estricto orde de entrada no Igape.».

Segundo.-Denúnciase o convenio con efectos desde o 1 de xaneiro de 2004, comprometéndose as partes a deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas legalmente contraídas polas dúas partes ata o dito momento.

Terceiro.-A modificación acordada na cláusula primeira terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2003.

Pola entidade financeira ...:Polo Igape:

Asdo.: ... Asdo.: José Antonio Orza Fernández

DNI: ...Presidente do Igape

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA