Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2003 Páx. 10.000

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA (SECCIÓN SEGUNDA)

EDICTO (323/2003-M).

Manuel Ferreiro González, secretario da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, fago saber que neste recurso se dictou a seguinte sentencia:

Rolo: recurso de apelación 323/2003-M; Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Noia nº 156.

Na Coruña o vintetrés de maio de dous mil tres.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, constituída polas señorías, María del Carmen Taboada Caseiro, presidenta, Mª José Pérez Pena e María Dolores Fernández Galiño, maxistrados.

En nome de El-Rei pronunciaron a seguinte sentencia:

«Visto en grao de apelación ante esta sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, os autos de separación contenciosa 67/2002, procedentes do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Noia, ós que correspondeu o rolo 323/2003, nos que aparece como parte apelante Juana Martínez Casais e como apelado Juan Manuel Mariño Martínez -rebelde-, sobre separación conxugal, e sendo maxistrada relator María Dolores Fernández Galiño.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Noia, con data 21-11-2002, dictou sentencia, coa seguinte parte dispositiva:

Decido que estimando parcialmente a demanda de separación formulada por Juana Martínez Casais

contra Juan Manuel Mariño Martínez, debo declarar e declaro a separación matrimonial de ámbolos cónxuxes, con tódolos efectos inherentes a ela, acordando as medidas seguintes:

1ª Decrétase a disolución do réxime económico matrimonial, do que a disolución se poderá instar conforme o previsto nos artigos 806 e seguintes da NLEC.

2ª Atribúeselle a Juana Martínez Casais o uso da vivenda familiar, sita no lugar de Carballosa nº 59, parroquia de San Pedro de Muro (Porto do Son), así como o enxoval familiar existente nela. E todo iso sen que proceda realizar pronunciamento en materia de custas.

Segundo.-Notificada a dita sentencia ás partes interpúxose contra ela recurso de apelación pola parte demandante, que lle foi admitido en ámbolos efectos e conferidos polo xulgado de instancia, os traslados que establece o artigo 734 da Lei de axuizamento civil, ás restantes partes eleváronse os autos a esta audiencia, para a resolución do recurso, correspondendo, por reparto, a esta sección segunda con número 323/2003, sinalándose para votación e decisión o día 19-5-2003.

Terceiro.-Na substanciación deste recurso observáronse as prescricións e formalidades legais.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-Oponse a recorrente á sentencia de instancia en canto non accede á contribución por parte do marido dunha achega en diñeiro para atende-las cargas familiares e iso porque segundo alega a medida consistente en lle atribuír á esposa o dereito a unha percepción por alimentos, atendida a súa situación de necesidade acreditada en autos, non pode ser negado, privando a esta de calquera asistencia especialmente tendo en conta que a esposa se dedicou á crianza e educación dos fillos mentres o marido se foi ós Estados Unidos. Non poden te-las pretensións da recorrente favorable acollida por canto, en primeiro lugar, porque como sinala a sentencia da Audiencia Provincial de Madrid, sec. 22, do 22 de novembro de 1992 «... o que leva á conclusión de que calquera reclamación económica asistencial entre cónxuxes, non só no litixio de divorcio, senón tamén no de separación, ten que atopa-lo seu medio adecuado no marco do artigo 97 do Código Civil, baixo o concepto de pensión compensatoria

... quedando por tanto concentradas baixo a roupaxe xurídica tanto as finalidades estrictamente compensatorias coma as de índole alimenticia». E iso, en efecto, debe ser así posto que a redacción da condición 8ª do artigo 97 do Código Civil recolle os mesmos conceptos que utiliza o artigo 146, xa que ámbolos preceptos utilizan o termo de caudal ou medios económicos e as necesidades, referíndose o segundo dos artigos (146) ó caudal ou medios de quen os dá, e as necesidades de quen os recibe, mentres que o artigo 97 fala do caudal ou medios económicos e necesidades de uso e outro cónxuxe.

E en segundo lugar, tampouco procede acceder á pensión solicitada por canto a pensión compensatoria, trata de iguala-la situación de ámbolos cónxuxes, pero non ten carácter indemnizatorio senón que se basea nun desequilibrio económico fundado nunha solidariedade familiar que xurdiu entre os esposos ó contraeren matrimonio e conforme ten sinalado reiterada xurisprudencia o desequilibrio económico do cónxuxe que reclama a pensión en relación coa posición do outro, que implique un empeoramento da súa situación anterior no matrimonio, ten que existir no momento de se produci-la ruptura da convivencia conxugal, sen que as circunstancias sobrevidas outras alteracións posteriores dean dereito a pensión, se non o houbo naquel momento (St. AT Bilbao-18 febreiro 86, sec. 3ª, AP Palma de Mallorca-8 febreiro 89, AP Cuenca-6 de abril 95 e Barcelona-13 xullo 94). E no caso de autos como adecuadamente razoa o xuíz de instancia o transcurso de aproximadamente vinte anos desde o cesamento da

convivencia conxugal implica unha dificultade probatoria por determina-la existencia de desequilibrio económico naquel momento que polo demais non quedou acreditado polo que se impón a confirmación da resolución contra a que se recorreu.

Segundo.-Non cabe facer especial imposición das custas da apelación.

Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.

Decidimos.-Desestimando o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Juana Martínez Casais contra a sentencia de data 21 de novembro de 2002 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Noia confirmámo-la resolución contra a que se recorreu sen facer especial imposición das custas da apelación.

Así, por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».

E co fin de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), para que sirva de notificación ó demandado-apelado Juan Manuel Mariño Martínez, declarado en rebeldía, expido e asino este edicto na Coruña o vinteseis de xuño de dous mil tres.

O secretario

Rubricado

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE

BETANZOS