Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2003 Páx. 9.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de panaderías de Ourense do ano 2003.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de panaderías da provincia de Ourense para o ano 2003 de Ourense (código de convenio número 3200265), que tivo entrada na delegación provincial o día 27 de maio de 2003, subscrito o 13 de maio, pola Asociación de Empresarios de Panaderías de

Ourense, en representación da parte empresarial, e, polas centrais sindicais: Converxencía Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores do sector; esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 30 de maio de 2003.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio de panaderías

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial o presente convenio afectará a tódalas empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola regulamentación nacional de panaderías, sen outra excepción que aquelas que se rexan por convenios colectivos de ámbito de empresa, sempre e cando estes sexan superiores globalmente ás do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas encadradas na industria de panadería coa excepción seguinte: o persoal que efectúe traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e os efectos económicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2003

Artigo 4º.-Duración.

A duración deste convenio será ata o 31 de decembro do 2003, prorrogado pola tácita reconducción sempre que non sexa denunciado de acordo cos pre

ceptos legais, cun aviso previo de tres meses (artigo 85.2º.e), segundo o Estatuto dos traballadores). Á finalización deste convenio manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Serán 40 horas semanais, dispoñendo de 15 minutos durante a xornada de traballo para toma-lo bocadillo, contabilizándose como traballo efectivo.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Táboa de retribucións que se aplicará desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do 2003.

-Oficial de pa: 21.57 A diarios.

-Oficial de masa: 21.01 A diarios.

-Oficial de mesa: 20.61 A diarios.

-Axudante: 20.09 A diarios.

-Mordomo: 21 A diarios.

-Portador de pan a despachos: 20.61 A diarios.

-Repartidor de pan a domicilio: 19.39 A diarios.

-Oficial administrativo: 669.05 A mes.

-Chofer repartidor: 21.57 A diarios. (1)

(1) Enténdese por chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

(A) Aboaranse 39,75 A nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, sendo proporcional ós días traballados durante o mes.

(B) Aboarase a cantidade de 12,57 A nos meses traballados en concepto de gratificación de horario. (As alíneas A e B son para efectos do persoal de elaboración).

(C) Os traballadores terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluídos os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidentes. O valor do kg de pan para efectos de cotización á Seguridade Social será de 0,60 A.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de San Honorato, que se aboará no mes de abril serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será a salario real que para cada categoría se establece no presente convenio. As pagas de xullo e Nadal e S. Honorato cobraranse integramente, a pesar de existir período de incapacidade temporal.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos productores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións ó ano, contía dos cales será dunha mensualidade, a salario real.

As vacacións desfrutaránse durante 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, desfrutándose os restantes días segundo o disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 38. As vacacións serán comunicadas con dous meses de antelación.

Artigo 10º.-Retribución día de S. honorato.

Aboaranse a cada traballador-a 24.10 A día de S. Honorato (16 de maio)

Non se considerará festivo o dito día a excepción de se o fose pola natureza do día.

Capítulo III

Outras disposicións

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

As empresas dotarán o seu persoal de roupa adecuada ó posto de traballo que desempeñen, a cal só poderá ser usada durante a xornada laboral.

As pezas de roupa serán entregadas unhas cando sexa asinado o convenio e as outras ós seis meses.

Se non fora entregada a roupa de traballo aboaranse a razón de 3,01 A mensuais, se ben será preceptivo a reclamación previa da roupa de traballo ante o SMAC.

Artigo 12º.-Período de proba.

Aplicarase o disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

Os traballadores de taller ou fabrica dedicados á elaboración do pan, tal e como se sinala na Regulamentación de traballo de panaderías (O.M. 12-7-46) percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base deste convenio.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 7º do presente convenio serán revisados anualmente de acordo co índice de custo da vida publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Corresponderá permiso retribuído a soldo real nos casos seguintes:

-Matrimonio ou constituírse en parella de feito: 15 días naturais

-Matrimonio de fillos e fillas: 1 día natural.

-Parto de esposa ou convivinte: 3 días naturais.

-Enfermidade grave, hospitalización ou accidente de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais e catro en caso de desprazamento fóra da provincia.

-Por falecemento de conxuxe: catro días.

-Por falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días naturais e catro cando o desprazamento sexa fóra da provincia.

-Por traslado de domicilio: 1 día.

Artigo 16º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, facéndoa efectiva no mes seguinte a sinatura do convenio.

Artigo 17º.-Festivos.

Descansarase os domingos e festivos a excepción de dous, como máximo, que coincidan con festas locais do concello onde está radicada a empresa. Tendo en conta o disposto no artigo 12º da Lei 10/1988 (Lei de comercio de Galicia).

Queda establecido neste convenio a total prohibición de venda, fabricación, distribución de pan, pans especiais e bolería, quedando a obriga de peche dos seus establecementos os domingos e días sinalados. Tanto a parte social como a económica teñen formada unha comisión de vixilancia que, a través dos seus representantes acreditados, denunciarán a todos aqueles industriais que infrinxan os acordos deste convenio á Consellería de Traballo, por medio das súas delegacións provinciais.

Ó publicarse este convenio no BOP, reunirase a comisión paritaria co obxecto de analizar e adoptar-las medidas legais oportunas que procedan a través do organismo correspondente, para que se respecte a prohibición de venda, fabricación e distribución de pan os domingos e festivos de conformidade co sinalado no presente artigo e tratar de erradicar no posible a competencia desleal que supón para as demais empresas que respectan o dito descanso.

Os membros da comisión negociadora do convenio de panaderías de Ourense, consideramos que a vulneración do descanso en domingos e festivos previsto neste artigo, debe considerarse como falta grave no seu grao máximo, de acordo co disposto na Lei de infraccións e sancións na orde social. Igualmente a reincidencia deberá considerarse como falta moi grave para os efectos da sanción que corresponde á dita falta.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Co fin de fomenta-la vinculación coa respectiva empresa do persoal que actúe na industria panadeira, establécense aumentos periódicos por tempo de servicio dentro da propia empresa para todo o persoal afectado polo convenio, nas seguintes proporcións: dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

A acumulación de incrementos por antigüidade non poderá supoñer máis do 50% do salario base. Aqueles traballadores que o 1 de xullo de 1999 perciban cantidade superior ó 50% manterán esa contía.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta composta por un presidente, dous vocais pola parte empresarial e dous pola parte social cos seus respectivos suplentes. Sendo elixidos os vocais entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 20º.-Formación.

A comisión a que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata ante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 21º.-IT.

Os traballadores afectados polo presente convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, serán remunerados normalmente ó 100 por 100 do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, sendo a cargo da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, segundo as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén aboará a empresa o 100 por 100 do salario real no caso de enfermidade desde o 20 día de baixa.

Artigo 22º.-Póliza de accidentes.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura e ós riscos de falecemento ou incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo, incluídos os in itínere, que garante ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa a percepción das seguintes indemnizacións:

-12.020,24 A en caso de morte.

-15.025,30 A en caso de incapacidade para todo tipo de traballo e invalidez absoluta.

A referida póliza só abarcará os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo a contrato de seguro de accidente que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puideran declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 23º.-Premio por antigüidade.

Aqueles traballadores-as que leven polo menos 10 anos de traballo na empresa e causen baixa nela de forma voluntaria a partir dos 60 anos e ata os 64 anos, terán dereito a desfrutar de vacacións retribuídas de 180 días para os que cesen ós 60 anos,

de 120 días para os que cesen ós 61 anos, de 90 días para os que cesen ós 62 anos, de 60 días para os que cesen ós 63 anos e de 30 días para os que o fagan ós 64 anos.

O desfrute das ditas vacacións retribuídas, será efectivo coa correspondente antelación ó cesamento efectivo na empresa, debendo comunicarllo ó traballador de forma fidedigna a súa decisión de cesar voluntariamente.

A empresa entregaralle ó traballador que solicite o premio de vacacións, un certificado acreditativo do desfrute destas no que se fará consta-lo número de días a que ten dereito.

O desfrute deste premio é compatible co complemento de antigüidade previsto no artigo 28º.

Artigo 24º

Interromperanse as vacacións cando por causa de enfermidade ou accidente sexa necesaria a hospitalización do traballador sendo a súa interrupción polo tempo que dure a hospitalización.

Artigo 25º.-Definición de categorías profesionais.

a) Oficial de pa.-Será aquel traballador que verificará as funcións inherentes á cocción, comezando pola posta a punto do forno para o afornamento do pan, a realización deste, coidado dos aparellos necesarios para o labor forneiro así como o funcionamento das caldeiras de vapor e contidos necesarios.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de pa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos oito anos.

b) Oficial de masa.-É o traballador que ten ó seu cargo os traballos de amasado e preparación de lévedos, coidando así mesmo de vixia-lo bo funcionamento e estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargando de que o verifiquen axudantes ou aprendices baixo a súa vixilancia.

Adquirirán a categoría profesional de oficiais de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos seis anos.

c) Oficial de mesa.-É o traballador que ten como función primordial a tinguidura ou a confección de pezas de pan, entaboamento destas, así como a división cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de mesa, aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos tres anos.

d) Axudante.-É o traballador que acredita a súa suficiencia, pasados dous anos como mínimo de aprendiz na industria, e ten o cometido de auxiliar indistintamente ó oficial de pa, ó de mesa ou nos labores de confección de pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permita ocupar postos de categoría superior.

Os traballadores anteriormente mencionados no momento en que os seus cometidos propios llelo permitan, axudarán ós traballadores encargados da confección das pezas de pan, entaboamento destas e aseo da panadería.

Adquirirán a condición de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos dous anos.

e) Peón.-É o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-las labores para os que se require predominantemente a achega de esforzo físico, como traslado e carrexa de fariña, amoreamento desta, leña, carbón e ocupacións similares.

Artigo 26º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisición da categoría profesional polo transcurso do tempo sinalado no artigo anterior, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior, se como consecuencia da mobilidade funcional este viñera realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, neste caso o traballador ascenderá automaticamente á categoría profesional corrrespondente ó traballo que viñera realizando no dito período, tal e como sinala o artigo 39 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo.

A empresa poderá encomendar ós seus traballadores a realización de cometidos de categoría profesional inferior á súa por razóns técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen e polo tempo imprescindible para a sua realización, tal e como se sinala igualmente no artigo 39 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 27º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten servicios de empresas de traballo temporal, garantirán que os traballadores/as postos á sua disposición, teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles correspondan ós traballadores do ámbito de aplicación deste convenio colectivo, ou pacto de empresa, se é o caso. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada a este convenio.

Non se poderán contrata-los servicios das empresas de traballo temporal para a realización das tarefas habituais. Só se poderán utilizar no caso de:

a) Cubrir incapacidades temporais (IT).

b) Situacións extraordinarias.

Artigo 28º.-Revisión médica.

Todo ó personal comprendido neste convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual. A revisión será a cargo da empresa e os resultados do recoñecemento médico entregaranse ós traballadores/as.

Artigo 29º.-Contratación.

O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos, regulado polo artigo 15.1º.b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 30º

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación de Empresarios de Panaderías a Confederación Intersindical Galega-CIG e a Unión Xeral de Trabajadores (UGT).

Disposición transitoria

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio, aplicarase o disposto nas disposicións de xeral aplicación.