Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2003 Páx. 9.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de xullo de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 2 de abril de 2003 foi publicada, no Diario Oficial de Galicia, a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 19 de marzo de 2003, pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego, adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación ten por obxecto, segundo o artigo 5 dos seus estatutos, o desenvolvemento de todo tipo de actividades sociolaborais dirixidas ó fomento da formación e cualificación profesional e á mellora do emprego do sector do metal, sen prexuízo de que poida desenvolver tamén actividades intersectoriais. A fundación poderá desenvolver, entre outras, as seguintes actividades:

a) Consegui-lo perfeccionamento e cualificación profesional dos traballadores e dos empresarios.

b) Impulsar e desenvolve-las relacións sociolaborais entre os traballadores e empresarios do sector do metal.

c) Contribuír á mellora do diálogo social en tódolos ámbitos negociais do sector.

d) Fomenta-la mellora das condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo do sector.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais