Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2003 Páx. 9.898

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de xullo de 2003 pola que se convoca o Premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica e o Premio para Investigadores Mozos (área científico-técnica) correspondentes ós Premios Galicia de Investigación 2003.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polos decretos 138/1999 e 177/2002, do 7 e 10 de maio respectivamente, crea os Premios Galicia de Investigación para recompensa-lo traballo de investigadores prestixiosos realizado desde Galicia, por galegos e en prol de Galicia para estimula-los investigadores mozos e para favorece-lo recoñecemento social do seu labor, así como o papel da investigación como promotora do desenvolvemento a través da innovación empresarial.

O Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se regula a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, establece que a xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT 2002-2005) é competencia da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento. O dito plan inclúe nos seus programas horizontais, entre outras, diversas accións de sensibilización social nas que se encadran os Premios de Investigación e Innovación.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convoca-lo Premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica correspondente o ano 2003, consonte as seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 37.000 euros que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 08.05.432A.480.0 do orzamento de gastos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, para o ano 2003, así como un diploma acreditativo e un medallón esculpido en bronce, coa efixie e o nome de Antonio Casares y Rodrigo no anverso e coa inscrición «Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica 2003. Xunta de Galicia» e o nome do galardoado no reverso.

Segunda.-Poderán optar ó premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica aquelas persoas que veñan realizando investigación

polo menos desde hai quince anos na área científico-técnica e que se encadren nalgún dos seguintes puntos:

a) Os investigadores adscritos a centros públicos ou privados de investigación situados en Galicia.

b) Os investigadores galegos non vinculados a centros situados en Galicia.

c) Os investigadores que, non estando incluídos en ningunha das alíneas anteriores, abordasen temas directamente relacionados con Galicia.

Terceira.-Para concorrer ó premio, os candidatos serán propostos por algunha institución académico-científica, pública ou privada, con personalidade xurídica propia, ou estarán avalados, polo menos, por dez investigadores da área, no caso de concorreren por iniciativa propia.

Cuarta.-As candidaturas, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo I á presente orde (e tamén ó dispor dos interesados na Internet nos enderezos: http://www.sxid.org e http:// www.xunta.es/conselle/in ), irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Currículum vitae completo do candidato (por septuplicado).

b) Breve memoria na que se xustifica que o traballo do candidato o fai acredor ó premio (por septuplicado).

c) Copia das publicacións máis relevantes, ata un máximo de dez.

d) Calquera outra documentación que se estime oportuna.

Quinta.-As solicitudes presentaranse ata o 24 de setembro de 2003 no rexistro da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa dos Feáns, 7 local C, 15706, Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-O xurado será nomeado polo conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e estará formado por sete expertos na área, dos cales un actuará como presidente. Tres deles poderán ser propostos polas universidades do Sistema Universitario de Galicia, un por cada unha. Outro polas outras institucións académico-científicas galegas competentes na área. Os restantes pola Dirección Xeral de

Investigación e Desenvolvemento, que tamén propoñerá un funcionario que exercerá as funcións de secretario sen dereito a voto. O xurado elaborará a súa proposta tendo en conta a relevancia das contribucións realizadas na área polos candidatos presentados.

Artigo 2º.-Convócase o Premio de Investigación Científico-Técnica para investigadores mozos correspondente á convocatoria de 2003, consonte as seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 6.100 euros, con cargo á partida orzamentaria 08.05.432A.480.0 do orzamento de gastos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio para o ano 2003, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, así como un diploma acreditativo.

Segunda.-Poderán concorrer a este premio os investigadores que poidan encadrarse nalgunha das alíneas da base segunda do artigo 1º desta orde, sempre que non transcorresen máis de seis anos desde a presentación da súa tese de doutoramento.

Terceira.-As solicitudes dos candidatos, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo II á presente orde (e tamén ó dispor dos interesados na Internet no enderezo: http://www.sxid.org e http//www.xunta.es/conselle/in irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Currículum vitae completo (por septuplicado).

b) Breve memoria xustificativa de que o traballo do candidato o fai acredor ó premio (por septuplicado).

c) Copia das publicacións máis relevantes, ata un máximo de cinco.

d) Calquera outra documentación que se estime oportuna.

Cuarta.-O prazo e lugar de presentación das solicitudes serán os establecidos na base quinta do artigo 1º desta orde.

Quinta.-Actuará como xurado o establecido na base sexta do artigo 1º desta orde, que elaborará a súa proposta en atención ó esforzo e a creatividade dos candidatos presentados.

Artigo 3º.-Os premios poderán ser declarados desertos. Os xurados adoptarán os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente no caso de empate. Os acordos dos xurados serán inapelables. Os xurados trasladarán as súas propostas á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que, pola súa vez, as elevará ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para a súa resolución definitiva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Os premios obxecto desta convocatoria, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 5º.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de seis meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á devandita liña de axudas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio