Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 24 de xullo de 2003 Páx. 9.881

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 26 de xuño de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición do monte Cachadeiras da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes.

Presidente:

José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Secretaria:

Pilar Pita Ponte (xefa de xección do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 25 de xuño do 2003, coa asistencia das persoas coitadas na marxe, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre o recurso de reposición do monte Cachadeiras da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Manuel Solla Fontán solicitou en data 13-5-1999 a iniciación dos trámites para a clasificación como veciñal en man común do monte Cachadeiras da parroquia de Mourente, do concello de Pontevedra.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión de data 8-2-2002 acordou inicia-los trámites para a súa clasificación, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais co obxecto de elabora-lo informe preceptivo, nomeándose relatora del a Mª Luisa Pardavila Pazos.

Terceiro.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, procede a apertura do trámite de audiencia formulándose alegacións por parte de Bernardo Couto López, manifestando que o monte obxecto do presente expediente de clasificación comprende un predio da súa propiedade, aínda que non achega proba ningunha, ni tan siquera a descrición nin a planimetría.

Fóra do trámite de audiencia o solicitante presentou alegacións sinalando que a descrición da parcela contén un erro no lindeiro oeste derivado do propio escrito de solicitude que sinalou a estrada a Bora cando en realidade linda con propiedades particulares.

Cuarto.-Visto o informe previo, o informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais, así como as alegacións formuladas, o monte obxecto do presente expediente de clasificación, obedece á seguinte descrición:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: Mourente.

Nome: Cachadeiras.

Cabida: 2.015 m.

Lindes:

Norte: estrada CN-541.

Sur: camiño veciñal.

Leste: muro que a delimita de propiedade particular.

Oeste: propiedade particular.

Este monte atópase atravesado en dirección norte/sur pola estrada a Bora. A superficie desta estrada tense descontada da cabida sinalada.

Quinto.-Mediante resolución do xurado, adoptada na súa sesión do 20 de febreiro do 2003,

ACORDOU:

Clasificar como veciñal en man común o monte Cachadeiras, a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra, correspondéndose coa descrición reflectida no feito cuarto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais, que forma parte inseparable da presente resolución.

Sexto.-Contra a dita resolución, Bernarzo Couto López presentou recurso de reposición, polo que reitera ser propietario dunha parte do monte obxecto da clasificación, alega un defecto de notificación que lle causou indefensión.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolve-los recursos de reposición contra das súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumprir cos requisitos esixidos polo artigo 117.1º da citada lei.

Terceiro.-Os documentos achegados neste trámite polo recorrente, por tratárense de documentos que puido presentar con anterioridade no trámite de audiencia, de conformidade co parágrafo segundo do art. 112.1º da Lei 30/1992 non deberían terse en conta neste trámite.

Cuarto.-O recorrente non leva razón cando alega un defecto de notificación.

O recorrente non se atopa nos supostos previstos no artigo 23.1º b) do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de montes veciñais en man común, toda vez que non ten inscrito no Rexistro da Propiedade ningún título no seu favor relativo ó monte obxecto da clasificación; e toda vez que se deu a publicidade oficial á iniciación do expediente mediante publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e remitiuse copia ó concello para a publicación do edicto nos lugares de costume, queda claro que non existe defecto ningún de notificación.

Tampouco se lle causou indefensión ó recorrente, que mesmo compareceu no trámite de audiencia pre

visto no artigo 23.1º do Decreto 260/1992, onde fixo as alegacións que considerou pertinentes.

Quinto.-No recurso insístese en cuestións de titularidade. Esquece o recorrente que as competencias sobre esa materia correspóndenlle en exclusiva á xurisdicción ordinaria, e que as facultades do Xurado de Clasificación de Montes concrétanse na determinación, en cada caso, da existencia ou non, de aproveitamento consuetudinario en man común.

O recorrente non achegou novas probas nin feitos en contra do uso mancomunado do monte que se ten por acreditado na resolución impugnada. Mesmo tomando en consideración os documentos achegados coa interposición do recurso, estes non desvirtúan o uso en man común.

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, é proposto polo instructor, e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Desestima-lo recurso de reposición interposto por Bernardo Couto López, contra a resolución deste xurado de data 20 de febreiro de 2003, confirmando integramente a expresada resolución.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 26 de xuño de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra