Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 24 de xullo de 2003 Páx. 9.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto e da acta de rectificación do convenio colectivo para o sector de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería da provincia de Ourense para o ano 2003.

Visto o texto e a acta de rectificación do convenio colectivo para o sector de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería da provincia de Ourense para o ano 2003 (código de convenio número 3200185), que tivo entrada na delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 27 de marzo de 2003, subscrito con data do 18 de marzo de 2003 pola Asociación Empresarial de Fabricantes de Muebles, en representación da parte empresarial, e polas centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores (UGT), Converxencia Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO.), en representación dos traballadores do sector; esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, o Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre

traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 9 de abril de 2003.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de fabricantes de mobles,

carpintería, tapicería e ebanistería de Ourense

para 2003

Artigo lº

De conformidade co Estatuto dos traballadores, o presente convenio afectará a tódolos traballadores do sector de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería non excluídos expresamente por este e dentro do ámbito das empresas radicadas en Ourense e provincia, ou que no futuro se establezan, dedicadas á ebanistería, carpintería e tapicería.

Quedan excluídos deste convenio o persoal de alta dirección ou alto consello e os socios de empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio durará un ano e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2003 e rematará o 31 de decembro de 2003, ben que os seus efectos económicos se retrotraer ó 1 de xaneiro de 2003, manténdose a vixencia deste en canto ós seus efectos normativos ata o ano 2004, mentres non se negocie outro que o substitúa. O convenio denunciarase con tres meses de anticipación á finalización da vixencia. A forma de denuncia será por medio de comunicación dunha parte á outra, na que se fará consta-la pretensión de denuncia-lo convenio, a representación que ten para negociar, así como as materias que se negociarán.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aqueloutras condicións que se puidesen establecer por disposición legal, agás cando expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A duración da xornada anual de traballo efectivo no presente convenio colectivo será no ano 2003 de 1.772 horas. A devandita xornada considérase de traballo efectivo e desenvolverase de luns a venres.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de 21 días laborables e en calquera caso nunca menos de 30 días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o goce pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de goce con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos para gozar no verán, o resto para gozar de acordo entre o traballador e a empresa, atendendo de forma prioritaria ás necesidades de producción.

A data das vacacións deberá facerse pública cun mínimo de dous meses.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data do goce das vacacións, a excepción das horas extraordinarias e as gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que, na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se lles integre o importe da remuneración correspondente á parte de vacacións devengadas e non gozadas.

Polo contrario, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador gozase das súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle practique os días de exceso gozados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para os efectos do aboamento de vacacións considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal for a causa. Non obstante, dado que o dereito ó goce das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución das vacacións e a prestación de incapacidade temporal, de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio aplicarase para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

No caso de baixa por accidente laboral, os traballadores afectados por este convenio terán dereito a pospoñe-las súas vacacións, sinalándose un novo período que se fixará de común acordo entre a empresa e o traballador afectado.

Conceptos retributivos.

Artigo 6º.-Salario.

As táboas retributivas para o ano 2003 serán as que figuran no presente convenio e que son o resultado de aplica-lo 3,50% ás táboas salariais do 2002.

Artigo 7º.-Antigüidade.

1. A partir do 30 de setembro de 1996 non se aboarán por este concepto novos dereitos quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que tivesen xerado ou xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na devandita data. A dita contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada e non será absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto calcularase o equivalente a 8 anos (isto é, segundo o criterio da antiga ordenanza laboral, 1 quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio) das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio de ámbito inferior e presente ou no seu lugar das porcentaxes da ordenanza laboral.

A contía resultante dividirase entre cinco. A cantidade resultante de efectua-la operación anterior será a que se engadirá ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade.

Considéranse gratificacións extraordinarias os complementos salariais de vencemento periódico superior ó mes.

Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga do verán e paga do Nadal, que serán aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e aboaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se aboase o salario base.

Aplicación das pagas:

Paga do verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía dos devanditos complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste convenio incrementada coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese ou cese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 9º.-Indemnización por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non lles sexa facilitada pola empresa consistente en 0,23 euros por día efectivo de traballo para o oficial e de 0,12 euros para o axudante. A empresa determinará os casos de achega de ferramentas polo traballador.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indican e polo tempo que se sinala:

-Falecemento de pais, avós, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e sogros: 3 días naturais, ampliables ata 5 naturais no caso de desprazamento superior a 150 km.

-Enfermidade grave de pais, sogros, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e avós: 3 días naturais ampliables ata 5 naturais no caso de desprazamento superior a 150 km.

-No caso de hospitalización de parentes ata o 2º grao de consanguinidade e afinidade, os traballadores terán dereito a 2 días naturais. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días.

-Por falecemento de tíos: 1 día natural.

-Falecemento de noras, xenros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 días naturais no caso de desprazamento superior a 150 km.

-Enfermidade grave de noras, xenros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 naturais no caso de desprazamento superior a 150 km.

-Nacemento de fillo ou adopción: 3 días naturais, ampliables a 5 naturais no caso de desprazamento superior a 150 km.

-Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

-Cambiar de domicilio habitual: 1 día laborable.

-Deber inescusable de carácter público e persoal: o indispensable ou o que marque a norma.

-Lactación ata 9 meses: ausencia de 1 hora ou 2 fraccións de media hora, reducción da xornada en media hora.

-Traslado: (art. 40 ET): 3 días laborables.

-Matrimonio de fillos: 1 día natural.

-Funcións sindicais ou de representación de traballadores: o establecido na norma.

-O tempo necesario para acudir ó médico, presentando a xustificación correspondente.

Para o que non estea previsto neste artigo haberá que aterse ó disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores as pezas de roupa de seguranza que proceda adaptadas ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e as pezas de seguranza reporanse sempre que sexa necesario, cando o seu grao de deterioración non sexa imputable á neglixencia por parte do traballador. Esta roupa será sempre propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á súa boa conservación e emprego. En calquera caso, os traballadores terán dereito a percibir dúas fundas de traballo ó ano.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

A axuda de custo é un concepto de aboamento extrasalarial de natureza indemnizadora ou compensatoria e de carácter irregular, que ten como finalidade o resarcimento ou compensación dos gastos de manutención e aloxamento do traballador ocasionados como consecuencia da situación de desprazamento.

O traballador percibirá a axuda de custo completa cando, como consecuencia do desprazamento, non poida pasa-la noite na súa residencia habitual. Aboarase sempre por día natural.

Aboarase media axuda de custo cando, como consecuencia do desprazamento, o traballador afectado teña necesidade de realiza-la comida fóra da súa residencia habitual e non lle fose subministrada pola empresa e poida pasa-la noite na citada residencia. A media axuda de custo aboarase por día efectivo de traballo.

As axudas de custo ou medias axudas de custo percibiranse sempre, con independencia da retribución do traballador.

Ó persoal afectado por este convenio seranlle aboados no caso de desprazamento fóra do seu centro de traballo habitual os gastos ocasionados e debidamente xustificados.

Artigo 13º.-Retribución de menores.

O contrato de formación que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O dito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional relacionada co posto de traballo que vai desempeñar.

O contido do contrato, igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito, e figurará nel de modo claro a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderá realizar este tipo de contratos naquelas actividades nas que concorran circunstancias de tipo, tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

Este contrato pódese realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21.

a) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

b) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, podéndose prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de 6 meses.

c) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica ou alternarase con esta de xeito racional.

No contrato deberá figura-lo nome e a categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz, así como de tódolos riscos profesionais.

O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O salario que percibirá o aprendiz será o 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro, segundo e terceiro ano do contrato, respectivamente.

No caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a duración deste.

Artigo 14º.-Vinculación á totalidade.

No caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos preceptos deste convenio, este quedará sen efecto, debendo considerarse o seu contido total.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de 3 meses a partir da contratación do traballador, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de morte e incapacidade para a profesión habitual, incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral incluído ou in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa no caso de morte e invalidez para todo tipo de traballo por causa fortuíta, espontánea e exterior á vontade do traballador, a percepción da indemnización seguinte:

-16.527,83 euros no caso de morte.

-19.532,89 euros no caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual.

-22.537,95 euros no caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

Cada unha destas pólizas incrementarase en 1.502,53 euros no 2004, 2005 e 2006, quedando conxeladas na contía resultante no ano 2006.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante, as indemnizacións ás que se fai mención neste artigo non se considerarán como entrega á conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 16º.-Situacións de incapacidade laboral.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, no caso de accidente laboral con ou sen hospitalización, percibirán polo período de ILT a cargo da empresa o 100% do salario desde o primeiro día ata o 70, ambos inclusive. Para os supostos de enfermidade común e enfermidade profesional, percibirán no caso de IT a cargo da empresa o 100% do salario desde o día 20 ó 60, ambos inclusive.

Artigo 17º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria para a interpretación deste convenio, constituída polos membros asinantes.

Artigo 18º

No non previsto no presente convenio colectivo haberá que aterse ó disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o II Convenio Estatal da Madeira, asinado o 13 de decembro de 2001 entre as centrais sindicais UGT, CC.OO. e Conemac, como dereito de directa aplicación para todas aquelas cuestións non recollidas no presente convenio e que afectan os traballadores do correspondente ámbito territorial.

Artigo 19º.-Sistema de contratación.

Durante a vixencia do presente convenio a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración

determinada acolleranse ó disposto na alínea b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto nos contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 20º.-Fomento da contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade no emprego que deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos ó que se refire o dito artigo poderá realizarse cunha duración mínima de seis meses e un máximo de doce meses nun período de dezaoito meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó goce dos beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con, polo menos, 15 días de anticipación, percibindo unha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que esta indemnización corresponde por finalización das prórrogas, xa que no caso de producirse a extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción cando remate o tempo máximo de duración dun ano, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Artigo 21º.-Empresas de traballo temporal.

Ós traballadores/as que sexan contratados a través de empresas de traballo temporal (ETT) para prestaren os seus servicios nas empresas de fabricación de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería seralles de aplicación o presente convenio colectivo. Ó mesmo tempo, de tódolos contratos que faga a empresa usuaria desta modalidade (a través das ETT), daralle copia ó representante sindical, se o houber.

Artigo 22º.-Revisións médicas.

As empresas afectadas polo presente convenio deberán concerta-los servicios adecuados para realizar unha revisión médica ó ano para os seus traballadores.

Disposicións adicionais

Primeira.-Co fin de axusta-lo calendario laboral anual ó presente ano 2003, fíxanse como días non laborables: o 3 de marzo, a tarde do 16 de abril, 2 de maio, 10 de novembro, 24, 26, 30 e 31 de decembro e todo isto sen prexuízo de que se fixen outros días distintos por acordo entre a empresa e os seus traballadores. Os traballadores que non tivesen o 3 de marzo como día libre desfrutarán o 24 de xullo.

Se algún dos días sinalados coincidise con festivo local, pasaríase ó inmediato anterior ou posterior.

Os días festivos de convenio sinalados neste artigo non serán computados para os efectos de vacacións.

Segunda.-Cláusula de revisión. No caso de que o IPC previsto polo Goberno superase o 31 de decembro de 2003 o 2,50%, o exceso aboarase nunha soa paga no mes de febreiro do ano seguinte. En todo caso, este exceso, en caso de darse, servirá de base para o cálculo do incremento en anos posteriores.

Disposición transitoria

Este convenio colectivo é asinado polas centrais sindicais UGT, CC.OO., e CIG, e pola parte empresarial pola Asociación Empresarial de Carpintería, Tapicería e Ebanistería de Ourense e a Asociación de Fabricantes de Mobles de Cociña.

Disposición derradeira

Faise constar que nas cantidades que se sinalan no anexo I deste convenio como salario base do convenio xa está incluído o rateo da paga de marzo.

Cláusula de submisión ó AGA.-Ante a importancia que poida te-la resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración dun acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as centrais sindicais CC.OO., UGT e a CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

As partes que asinan o convenio acordan reuni-la comisión paritaria do convenio para estudiar e efectuar un estudio en profundidade das categorías profesionais do convenio. A dita comisión paritaria reunirase, no prazo máximo de tres meses desde a publicación do convenio no BOP.

Táboa salarial

Categoría Salario base

Peón 691,78 euros

Axudante 752,80 euros

Oficial de segunda 771,63 euros

Oficial de primeira 774,37 euros

Encargado 792,90 euros

Auxiliar administrativo 763,18 euros

Administrativo de segunda 771,63 euros

Administrativo de primeira 774,37 euros

Acta da comisión paritaria do convenio colectivo

de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería

e ebanistería

En Ourense, sendo as 20.00 horas do día 3 de abril de 2003, reúnese nos locais da Confederación Empresarial de Ourense, sita en r/ Praza das Damas, nº 1, CP 32005 Ourense, a comisión mixta paritaria do convenio colectivo de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería de Ourense para o ano 2003, co obxecto de proceder á aclaración do

contido do artigo 2º, no que se regula o ámbito temporal do convenio.

-Pola parte empresarial: María de Miguel Pérez.

-Pola parte social:

UGT: Javier Carreiro Vázquez.

CC.OO.: José Gómez Gómez.

CIG: Xan Losada González.

ACORDOS:

Que se proceda á corrección dos erros advertidos na publicación do convenio nos seguintes termos:

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Onde di: «O presente convenio durará un ano e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2003 e rematará o 31 de decembro de 2003, ben que, os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 2003, manténdose a vixencia deste en canto ós seus efectos normativos ata o ano 2004, mentres non se negocie outro que o substitúa», debe dicir: «O presente convenio terá vixencia por un ano, entrando en vigor o 1 de xaneiro de 2003, e rematará o 31 de decembro de 2003, ben que os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 2003, manténdose a súa vixencia, mentres non se negocie outro que o substitúa».

Sen máis puntos que tratar, dáse por rematada a reunión no mesmo lugar e data.