Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 24 de xullo de 2003 Páx. 9.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 315/2003, do 3 de xullo, polo que se crea o centro residencial de atención a persoas maiores Concepción Arenal no concello da Coruña.

O artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 148.1º20 da Constitución española, establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma no ámbito da asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14

de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia, estructurado en dous niveis de atención: primaria e especializada

A dita norma veu regula-los servicios sociais de atención especializada dirixidos ó colectivo de persoas maiores, e establecer determinados programas e equipamentos, entre os que figuran as residencias e os centros de atención diúrna, encamiñados a acada-la atención integral, a autonomía persoal e a participación social deste sector poboacional.

En desenvolvemento da lei, e co fin de garanti-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Esta disposición regula a obrigatoriedade de obter autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que eles deben cumprir.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto.

En consecuencia, e por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase o centro residencial de atención a persoas maiores Concepción Arenal no concello da Coruña.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais