Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 24 de xullo de 2003 Páx. 9.805

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 16 de xullo de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras para o recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo, e se convocan as axudas para o seu fomento e apoio, na Comunidade Autónoma de Galicia.

O mercado da pataca de consumo, non destinada á industria feculeira, presenta fortes oscilacións dos prezos de carácter cíclico, que provocan inestabilidade no sector e grandes prexuízos económicos.

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, o asociacionismo e o cooperativismo agrarios son instrumentos fundamentais para defende-los intereses dos agricultores e palia-los problemas que se derivan tanto da deficiente estructura productiva e comercial como da atomización e dispersión da oferta.

A falla de medidas comunitarias de apoio ó sector da pataca de consumo e a derrogación do Regulamento (CE) 952/1997, que recollía as axudas para a constitución das agrupacións de productores, motivan a instrumentación dun sistema de axudas nacionais que fomenten e apoien a constitución e o funcionamento das devanditas agrupacións.

Nesa liña, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aprobou o Real Decreto 970/2002, do 24 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo, non destinadas á industria feculeira, e se establecen diversas medidas de apoio a elas.

Tamén se considera conveniente a constitución e potenciación dun instrumento financeiro, que se dotará coas axudas nacionais e as achegas económicas da agrupación de productores e dos seus socios, para mellora-las estructuras productivas e de comercialización, de forma que o sector poida afrontar un futuro que se presenta cada vez máis competitivo.

Así mesmo, contémplase a posibilidade de que unha parte do fondo operativo se destine para constituír un fondo de rotación, que terá como finalidade facilita-lo funcionamento continuo das agrupacións e a vinculación dos seus socios.

As consideracións anteriores xustifican esta orde, pola que se establece a normativa básica aplicable para o recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo, as bases reguladoras das axudas para a súa constitución e funcionamento, así como das axudas para a creación dun fondo económico limitado no tempo e cofinanciado polas administracións públicas nacionais, que sexa compatible

coa normativa comunitaria e demais lexislación vixente, coas finalidades de mellora-la producción e a comercialización das patacas de consumo.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30º.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-las bases que regulan a concesión de axudas para facilita-la constitución e o funcionamento das agrupacións de productores de patacas de consumo, non destinadas á industria feculeira, e para mellora-las súas estructuras productivas e de comercialización, ó abeiro do establecido no Real decreto 970/2002, do 24 de setembro, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo que se regula o recoñecemento das devanditas agrupacións de productores.

Sección primeira

Recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo

Artigo 2º.-Requisitos e condicionantes para o recoñecemento.

1. Segundo o citado Real decreto 970/2002, poderanse recoñecer como agrupacións de productores de patacas de consumo, non destinadas á industria feculeira, as cooperativas agrarias, as sociedades agrarias de transformación (SAT) e calquera outra entidade con personalidade xurídica propia, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, e que cumpran as seguintes condicións xerais:

a) Que se constitúan co fin de adaptar en común a producción e a comercialización da pataca dos socios da agrupación ás esixencias do mercado.

b) Que reúnan un mínimo de 25 productores titulares de explotacións agrícolas e unha producción mínima de 4.000 toneladas, se son patacas temperás; ou 8.000 toneladas, se son do resto das patacas de consumo. Tamén se admite que sexan un mínimo de 15 productores, sempre que o volume de producción alcance alomenos as 15.000 toneladas para as patacas temperáns; ou 20.000 toneladas para o resto das patacas de consumo.

c) Que teñan instalacións e medios suficientes para o acondicionamento e/ou para a conservación frigorífica.

d) Que establezan:

* Normas comúns de producción, en particular en materia de programación da superficie anual de cultivo, de calidade das patacas ou de utilización de prácticas biolóxicas e métodos ecolóxicos.

* Normas de coñecemento da producción, en particular dos datos relativos á colleita e á dispoñibilidade de patacas.

* Normas comúns de comercialización das patacas de consumo e dos seus derivados diferentes da fécula, así como as relativas á información sobre os devanditos productos, especialmente no que se refire á súa recolección e á súa subministración.

e) Que inclúan nos seus estatutos:

* O ámbito territorial de actuación da agrupación.

* A obriga por parte dos productores de producir patacas e poñer no mercado a totalidade da producción destinada para consumo a través da agrupación de productores á que pertenzan, segundo as normas establecidas e controladas pola agrupación.

* As disposicións dirixidas a garantir que os membros dunha agrupación que queiran renunciar á devandita condición poidan facelo, tras participaren na agrupación despois do seu recoñecemento durante alomenos tres anos, e sempre que llo notifiquen por escrito á agrupación cunha antelación mínima de doce meses antes da súa baixa.

* O réxime de penalizacións que se lles aplicará ós membros da agrupación que non cumpran coas obrigas sociais.

f) Que respecten na súa organización interna as seguintes normas:

* No caso das sociedades mercantís, as accións ou participacións serán nominativas e os socios terán necesariamente a condición de productores agrarios con cultivo habitual de patacas, que alomenos se debeu facer regularmente nos últimos tres anos.

As sociedades mercantís acreditarán que as accións, ou, se é o caso as participacións, están distribuídas entre os socios, en función da súa capacidade de producción de pataca. Levarán un libro de rexistro de accións ou participacións conforme a lexislación que é de aplicación ás referidas entidades, que permita acreditar en calquera momento o seu número de socios, así como a súa participación no capital social. O poder de decisión estará en función das accións ou participacións de cada productor socio, sen que ningún poida dispoñer de máis do 20% do poder de decisión.

* No caso das cooperativas e SAT, deberanse axustar á normativa vixente para elas en materia de toma de decisións.

g) Que exclúan toda discriminación contraria ó funcionamento do Mercado Común e á realización dos obxectivos xerais do Tratado da Unión Europea, e en particular toda discriminación relativa á nacionalidade ou ó lugar de establecemento.

h) Que leven para as actividades relacionadas coa pataca unha contabilidade separada. Esta contabilidade, así como a relativa a tódalas demais acti

vidades da agrupación, poderá ser obxecto de controis destinados a permiti-lo cálculo das axudas e a comproba-la súa utilización.

i) Que se comprometan a colaborar na realización das inspeccións que se leven a cabo para comproba-lo funcionamento da agrupación e a correcta utilización das axudas que se lle concedan.

j) Que estean ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria e coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

2. Para os efectos que se establecen neste artigo, a comercialización incluirá as operacións seguintes:

a) Concentración da oferta de patacas.

b) Preparación e venda das patacas.

3. Non se poderán conceder axudas por este concepto a organizacións de producción que sexan empresas, cooperativas e SAT que teñan como obxectivo a xestión dunha ou máis explotacións agrícolas, de conformidade co punto 10.3 das directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C 28/02 ).

Artigo 3º.-Recoñecemento e rexistro das agrupacións.

1. O recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. As resolucións favorables de recoñecemento darán lugar ás subseguintes inscricións rexistrais, así como á asignación dun número rexistral.

3. A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia será a responsable da actualización e custodia dos datos e da documentación necesaria para a inscrición das entidades solicitantes no Rexistro Xeral de Agrupacións de Productores de Patacas de Consumo, adscrito á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

4. As agrupacións estarán obrigadas a comunica-las modificacións esenciais que se produzan cada anualidade en relación coas altas e baixas de socios, para efectos da súa inscrición rexistral. Tamén se rexistrarán as decisións que adopte a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural en relación coa suspensión ou extinción do recoñecemento e a disolución das agrupacións de productores de patacas de consumo.

5. O recoñecemento declararase extinguido, cancelándose a inscrición, cando se deixen de cumpri-los requisitos esixidos no artigo 2º desta orde ou cando se comprobe con posterioridade que algún dos devanditos requisitos non se cumpría no momento do recoñecemento. Como consecuencia da extin

ción, a entidade beneficiaria deberá devolver tódalas axudas indebidamente percibidas, cos xuros legais correspondentes, nos prazos establecidos para o efecto na lexislación vixente.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As entidades que desexen ser recoñecidas, de acordo co establecido nesta orde, deberán presentar unha solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante instancia segundo o modelo que se recolle no anexo I, debidamente cuberta e asinada polo presidente da entidade ou persoa legalmente acreditada. Presentaranse preferentemente nos servicios de industrias e promoción agroalimentaria das delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Coa solicitude de recoñecemento, presentarase por duplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade, nos que se deben recolle-los requisitos que se citan no artigo 2º desta orde.

b) Certificación da inscrición rexistral dos estatutos ou copia compulsada dela.

c) Copia compulsada do CIF da entidade.

d) Certificación da acta da asemblea xeral ou órgano competente que corresponda, onde se acordou solicita-lo recoñecemento como agrupación de productores.

e) Memoria da entidade, na que se describan alomenos os seguintes aspectos:

* Antecedentes e estructura productiva.

* Relación nominal de socios productores, cos seus efectivos productivos.

* Producción estimada para cada un dos socios e producción total prevista.

* Condicións de entrada para novos socios.

* Instalacións, servicios e medios dispoñibles.

* Formas, canles e volume de comercialización previstos.

* Relación e cargos dos compoñentes dos órganos de goberno.

* Persoal e composición do órgano xestor.

* Perspectivas e novas actividades.

f) Programa de actuacións, que debe conte-las normas establecidas para o coñecemento e seguimento da producción, comercialización e xestión.

g) Orzamento de gastos de constitución e de funcionamento como agrupación de productores, de acordo co establecido no artigo 7º desta orde.

h) Plan de accións que pretende desenvolve-la agrupación de productores e o seu orzamento previsto, en relación coa mellora das súas estructuras productivas e de comercialización, de acordo co establecido no artigo 10º desta orde.

i) Compromiso de levar unha contabilidade separada para as patacas de consumo.

j) Compromiso de colaboración nas inspeccións que se realicen.

k) Xustificación da difusión da intención da entidade de constituírse e ser recoñecida como agrupación de productores.

l) Acreditación de estar ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria e coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

As certificacións de estar ó día coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Axencia Tributaria poderán solicitalas as entidades interesadas, ou ben autoriza-la Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para que o faga, tal como se establece no anexo II desta orde.

m) As sociedades mercantís deberán achegar tamén:

* Documentos que acrediten que os seus socios cultivaron patacas de consumo nos últimos tres anos.

* Documentos que acrediten a distribución de participacións entre os seus socios.

n) Calqueraoutra documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para o recoñecemento dunha entidade como agrupación de productores de patacas de consumo.

Artigo 5º.-Recoñecemento temporal.

Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores e para os efectos de que poidan percibir en determinadas condicións as axudas reguladas nesta orde, poderanse recoñecer como agrupacións de productores de patacas de consumo, con carácter temporal por un período máximo de dous anos, as entidades asociativas integradas por productores de patacas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que constitúan un fondo operativo con achegas realizadas de acordo co establecido no artigo 10º, punto 3, para a execución dun plan de accións dirixido a cumpri-los fins previstos no devandito artigo 10º, punto 1, desta orde.

b) Que reúnan alomenos un 70% do número mínimo de socios e do volume de producción que se esixen no artigo 2º desta orde.

c) Que se comprometan a acada-lo 100% dos requisitos mínimos esixidos no devandito artigo 2º, no prazo máximo de dous anos.

d) Que elaboren un programa para o seu recoñecemento, cunha duración de dous anos, que deberá conte-las accións ou medidas que se pretenden desenvolver para logra-lo cumprimento dos requisitos mínimos antes citados, xuntamente co orzamento previsto. Deberase presentar ante a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural previamente ó recoñecemento temporal como agrupación.

Sección segunda

Axudas para a constitución e o funcionamento das agrupacións de productores de patacas

Artigo 6º.-Beneficiarios.

1. Poderanse beneficiar das axudas para a constitución e o seu funcionamento, as agrupacións de productores de patacas de consumo, non destinadas á industria feculeira, que previamente fosen recoñecidas de acordo co establecido na sección primeira desta orde.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades asociativas integradas por productores de patacas que previamente fosen obxecto dun recoñecemento temporal como agrupacións de productores de patacas de consumo, coas seguintes condicións:

a) Durante os dous anos de recoñecemento temporal, as devanditas entidades poderanse beneficiar das axudas destinadas á mellora das súas estructuras productivas e de comercialización, así como das axudas para a constitución e o funcionamento das agrupacións de productores de patacas que sexan aplicables durante o primeiro e o segundo ano do seu funcionamento, segundo se establece no seguinte artigo desta orde.

b) As entidades que definitivamente sexan recoñecidas como agrupacións de productores de patacas de consumo poderanse beneficiar das axudas para o terceiro, cuarto e quinto ano do seu funcionamento, así como das axudas para mellora das súas estructuras productivas e comerciais durante os anos correspondentes, de acordo co disposto na sección terceira desta orde.

Artigo 7º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Son subvencionables os gastos de constitución e de funcionamento das agrupacións de productores, que entre outros poderán se-los seguintes:

a) Gastos legais administrativos.

b) Aluguer de locais adecuados.

c) Adquisición de material de oficina.

d) Adquisición de equipos e programas informáticos.

e) Custos do persoal administrativo.

f) Gastos xerais.

2. As axudas para a constitución e o funcionamento das agrupacións de productores de patacas de consumo terán as seguintes limitacións:

a) O importe das axudas que se concedan para cada un dos cinco anos seguintes á data de recoñecemento das agrupacións será, como máximo, dun 5%, 5%, 4%, 3% e 2%, respectivamente, do valor das patacas de consumo e dos seus derivados, excluída a fécula, que comercialice a agrupación de productores solicitante.

b) As solicitudes de axuda presentaranse, e así mesmo concederanse, unha vez rematado cada un dos períodos anuais de funcionamento da agrupación.

c) O importe das axudas non poderá supera-los gastos reais de constitución e funcionamento administrativo da agrupación de productores.

d) As axudas que se concedan serán sufragadas integramente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Excepcionalmente, poderanse complementar con fondos desta Comunidade Autónoma.

e) O pagamento das axudas farase por períodos anuais, como máximo durante o prazo dos sete anos posteriores á data de recoñecemento de cada agrupación.

f) En ningún caso se poderán conceder estas axudas para gastos posteriores ó quinto ano, nin tampouco se poderán acordar axudas despois do sétimo ano, seguintes ó recoñecemento das agrupacións de productores solicitantes.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante instancia segundo o modelo anexo I, debidamente cuberta e asinada polo presidente da agrupación de productores ou persoa legalmente acreditada. Presentaranse preferentemente nos servicios de industrias e promoción agroalimentaria das delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O expediente de solicitude de axuda presentarase por duplicado exemplar. Deberá conte-la documentación que se detalla a continuación:

a) Memoria, na que se describan as actividades desenvolvidas pola agrupación de productores solicitante en relación coa producción e comercialización de patacas de consumo, así como o programa de actuacións que realizaron.

b) Relación e xustificación do valor da producción que foi comercializada pola agrupación de productores.

c) Relación e xustificación dos gastos de constitución e de funcionamento administrativo, debidamente ordenados e clasificados de acordo co disposto no Regulamento (CEE) nº 2084/1980, da Comisión, do 31 de xullo.

A relación de gastos deberase presentar en soporte papel e tamén en soporte informático. As facturas xustificativas dos gastos deberán trae-lo IVE desagregado.

d) Balance, conta de resultados do último exercicio económico e conta de explotación, así como certificación da acta da asemblea xeral onde se aprobaron.

e) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e volume de producción.

f) Copia compulsada do CIF.

g) Certificación bancaria do número de conta na que se solicita o ingreso da subvención.

h) Certificación en conforme a agrupación de productores leva contabilidade independente e específica para as patacas de consumo.

i) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

3. Tódalas certificacións deben vir asinadas polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente.

Aqueles documentos que sexan copias deberanse cotexar co seu orixinal e seren perfectamente lexibles.

Sección terceira

Axudas destinadas a mellora-las estructuras productivas e de comercialización das agrupacións de productores de patacas

Artigo 9º.-Beneficiarios.

1. Poderanse beneficiar das axudas para mellora-las súas estructuras productivas e de comercialización, as agrupacións de productores de patacas de consumo, non destinadas á industria feculeira, que previamente fosen recoñecidas de acordo co establecido na sección primeira da presente orde, sempre que constitúan un fondo operativo con achegas da propia agrupación ou dos seus socios para a execución dun plan de accións dirixido a logra-lo cumprimento dos obxectivos previstos no seguinte artigo desta orde.

2. Excepcionalmente, tamén se poderán beneficiar destas axudas:

a) As entidades asociativas integradas por productores de patacas, que previamente fosen obxecto dun recoñecemento temporal como agrupacións de

productores de patacas de consumo, de acordo cos requisitos que se establecen no artigo 5º desta orde de axudas.

b) As entidades xurídicas que reúnan ás entidades de base integradas por productores de patacas de consumo, sempre que constitúan un fondo operativo co obxectivo de poñer en marcha medidas comúns de producción e comercialización, e que no seu conxunto alcancen os mínimos establecidos no artigo 2º desta orde.

Artigo 10º.- Conceptos subvencionables e contía económica.

1. As axudas para mellora-las estructuras productivas e de comercialización das agrupacións de productores de patacas de consumo, concederanse para o financiamento de accións dirixidas a logra-los seguintes obxectivos:

a) Mellora-la producción e a comercialización, particularmente a normalización, das patacas de consumo non destinadas á industria feculeira, sempre que isto non supoña perturbación da competencia nin consistan en complementacións directas dos prezos percibidos polos productores ou publicidade de marcas específicas.

b) Concentración e adaptación da oferta á demanda.

c) Reducción dos custos de producción.

d) Fomento de prácticas de cultivo, técnicas de producción e sistemas de xestión dos residuos, que sexan respectuosos co ambiente.

e) Mellora da calidade e variedade das patacas para incrementa-lo seu valor comercial.

f) Promoción das patacas entre os consumidores.

g) Fomento de accións comúns entre agrupacións de productores de patacas de consumo.

h) Incentiva-la producción de productos transformados da pataca, excluíndo a fécula e os seus productos derivados.

i) Fomento de actividades de experimentación e innovación.

j) Constitución dun fondo de rotación para a concesión de anticipos, que se deberán reconstituír alomenos cada tres anos. Este fondo terá como finalidade facilita-lo funcionamento continuo das agrupacións e a vinculación dos seus socios. Poderá acadar ata un 30% do fondo operativo.

2. As axudas para mellora-las estructuras productivas e de comercialización poderanse conceder anualmente a cada agrupación de productores, durante un período máximo de ata seis anos.

A condición de agrupación de productores beneficiaria desta liña de axudas deberase obter nalgún dos seguintes anos: 2003, 2004 ou 2005.

3. As axudas para mellora-las estructuras productivas e de comercialización das agrupacións de pro

ductores de patacas de consumo, ordenaranse da seguinte forma:

a) As axudas concedidas polas administracións públicas non poderán supera-lo importe equivalente ó 15% do valor da facturación rexistrada pola agrupación de productores no ano anterior, para as patacas de consumo e os seus productos derivados, excluída a fécula.

b) O importe da axuda concedida polas administracións públicas sufragarase anualmente con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ata un 7,5%, e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ata outro 7,5%.

c) As axudas citadas anteriormente deberán ser complementadas polas agrupacións de productores, mediante achegas delas ou dos seus socios, nunha cantidade mínima equivalente ó 7,5% do valor da súa facturación no ano anterior, para as patacas de consumo e os seus productos derivados, excluída a fécula.

d) O importe da axuda concedida polas administracións públicas e as achegas complementarias que obrigatoriamente deben face-las agrupacións de productores, constituirán conxuntamente un fondo operativo dirixido ó financiamento do plan de accións que se aprobe para mellora-las estructuras productivas e comerciais das devanditas agrupacións.

e) Para os únicos efectos do cálculo da axuda anual, as administracións públicas poderán establecer valores máximos ou mínimos anuais do prezo unitario da pataca, como referencia para o cálculo da facturación das agrupacións.

f) As solicitudes de axuda presentaranse unha vez rematada cada anualidade.

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante instancia segundo o modelo anexo I, debidamente cuberta e asinada polo presidente da agrupación de productores ou persoa legalmente acreditada. Presentaranse preferentemente nos servicios de industrias e promoción agroalimentaria das delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O expediente de solicitude de axuda presentarase por duplicado exemplar. Deberá conte-la documentación que se detalla a continuación:

a) Memoria de actividades e plan de accións realizadas pola agrupación de productores solicitante, en relación coa mellora das súas estructuras productivas e comerciais, para consegui-los obxectivos que se citan no artigo 10º, punto 1, desta orde.

b) Descrición das instalacións, servicios e medios dispoñibles para mellora-las estructuras productivas e de comercialización da agrupación.

c) Relación e xustificación da facturación rexistrada pola agrupación de productores no ano anterior, para as patacas de consumo e os seus productos derivados, excluída a fécula.

d) Relación e xustificación dos gastos derivados da execución do plan de accións que se aprobou para mellora-las estructuras productivas e comerciais de cada agrupación de productores de patacas de consumo.

Esta xustificación farase por períodos anuais, e a relación de gastos deberase presentar en soporte papel e tamén en soporte informático. As facturas xustificativas deberán trae-lo IVE desagregado.

e) Documentación acreditativa en conforme a agrupación de productores solicitante constituíu o fondo operativo.

f) Balance, conta de resultados do último exercicio económico e conta de explotación, así como certificación da acta da asemblea onde se aprobaron.

g) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e volume de producción.

h) Copia compulsada do CIF.

i) Certificación bancaria do número de conta na que se solicita o ingreso da subvención.

j) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

3. Tódalas certificacións deben vir asinadas polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente.

Aqueles documentos que sexan copias deberanse cotexar co seu orixinal e seren perfectamente lexibles.

4. Toda a documentación que sexa coincidente entre liñas de axuda coa establecida no artigo 8º, punto 2, desta orde, non é necesario volvela presentar.

Sección cuarta

Disposicións comúns

Artigo 12º.-Prazo de presentación.

1. As solicitudes para o recoñecemento das agrupacións de productores de patacas de consumo poderanse presentar ó longo de todo o ano, cando as entidades interesadas o consideren oportuno.

2. As solicitudes de axudas para a constitución e o funcionamento das agrupacións de productores de patacas de consumo, así como para mellora-las súas estructuras productivas e comerciais, poderanse presentar ata o 30 de setembro inclusive do ano en curso.

Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de seis meses, contados desde a presentación da solicitude polo interesado, entenderanse desestimadas as axudas solicitadas.

3. En todo caso, as solicitudes de axudas presentaranse como máximo no prazo establecido na convocatoria seguinte á finalización de cada período anual de funcionamento. O período de funcionamento poderá coincidir co ano natural ou coa campaña da pataca, segundo elixa cada agrupación de productores solicitante.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

Para a avaliación das solicitudes de axudas teranse en conta a memoria de actividades, o programa de actuacións e o plan de accións que se levaron a cabo, así como os condicionantes e incidencias que tiveron lugar no seu desenvolvemento. Valoraranse cunha puntuación máxima de ata seis puntos.

Tamén se valorará a importancia estratéxica para a comarca de implantación, así como a propia dimensión e estructura organizativa da agrupación de productores cando foi recoñecida e ó final do exercicio para o que se solicitan as axudas. Valoraranse cunha puntuación máxima de ata catro puntos.

Artigo 14º.- Tramitación.

1. Os servicios de industrias e promoción agroalimentaria de cada delegación provincial desta consellería revisarán e comprobarán se os expedientes de solicitude de recoñecemento e de axudas presentados reúnen os requisitos fixados na normativa, facendo os controis que consideren necesarios.

Seguidamente remitirán o expediente orixinal ó Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, acompañado do informe - proposta correspondente.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación esixida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase a agrupación de productores afectada para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 15º.-Concesión das axudas.

1. Unha vez examinadas as solicitudes de axudas e considerados os criterios de valoración citados anteriormente, a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria elaborará as propostas de concesión da subvención, onde figurará o seu importe previsto, de acordo co establecido na normativa e segundo a dotación orzamentaria existente para estas liñas de axudas.

2. As propostas de concesión comunicaránselle ás agrupacións de productores beneficiarias. Seguidamente, remitiranse á intervención delegada desta consellería para a súa fiscalización.

3. Unha vez fiscalizadas, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes de axudas. En todo caso, as resolucións de concesión das axudas estarán condicionadas ó cumprimento dos requisitos e fins establecidos nesta orde, e poderanse modificar ou derrogar se houbese alteración ou incumprimento deles.

4. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de seis meses, contados desde a presentación da solicitude polo interesado, entenderanse desestimadas as axudas solicitadas.

Artigo 16º.-Financiamento.

As subvencións concedidas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.615-A.770.0, por un importe de 200.000,00 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Esta dotación orzamentaria poderase incrementar con fondos adicionais, estatais e desta Comunidade Autónoma, principalmente a transferencia de fondos que lle corresponde facer ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En todo caso, a concesión das axudas para as agrupacións de productores de patacas de consumo recoñecidas en Galicia estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 17º.-Compatibilidade.

1. As axudas consideradas nesta orde son compatibles con calquera outra, dentro dos límites establecidos na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

2. As axudas concedidas consonte a presente orde son incompatibles coa percepción de axudas comunitarias obtidas en virtude do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre as axudas ó desenvolvemento rural con cargo ó Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola (FEOGA).

Artigo 18º.-Pagamento.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das agrupacións de productores beneficiarias, unha vez que se comprobe que o expediente está correcto.

2. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente as agrupacións de productores de patacas de consumo beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Certificación da agrupación de productores, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

As certificacións de estar ó día coa Comunidade Autónoma e nas obrigas fiscais, poderán solicitalas as agrupacións de productores beneficiarias, ou ben autoriza-la Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para que o faga, tal como se establece no anexo II desta orde.

Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas, as agrupacións de productores beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 euros, de acordo co establecido no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

3. Coa resolución de concesión das axudas que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Artigo 19º.-Seguimento e control.

1. As agrupacións de productores beneficiarias deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral, ou en quen ela delegue, realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As agrupacións de productores de patacas de consumo beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as agrupacións de productores beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, estarán suxeitas ó establecido no artigo 78, punto 9º, da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ( Decreto lexislativo 1/1999 ), na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 20º.- Réxime de recursos.

1. A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas dictadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, as agrupacións de productores beneficiarias da presente orde de axudas quedan suxeitas ó réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Disposición transitoria

As solicitudes que se presentasen con anterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia seguirán o seu trámite, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen, así como na normativa vixente ó respecto. De non ser así, solicitaráselles ás entidades afectadas que cubran debidamente o expediente de solicitude e que acheguen os datos ou xustificantes que puidesen faltar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural