Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 23 de xullo de 2003 Páx. 9.796

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 26 de xuño de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición dos montes Bouza dos Abalos e Penedo do lugar de Trabanca-Badiña do concello de Vilagarcía de Arousa.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

-Presidente:

José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

-Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muiños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia)

-Secretaria:

Pilar Pita Ponte (xefa de Sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día 25 de xuño de 2003, coa asistencia das persoas a marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común co obxecto de decidir sobre o recurso de reposición dos montes Bouza dos Abalos e Penedo do lugar de Trabanca-Badiña do concello de Vilagarcía de Arousa.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 2 de xullo de 1997, Manuel Piñeiro Dasilva, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trabanca-Badiña,

solicitou a clasificación como veciñais en man común dos montes Bouza dos Abalos e do Penedo da parroquia de Arealonga, lugar de Trabanca-Badiña, concello de Vilagarcía de Arousa, presentando levantamento topográfico e documentación histórica acreditativa dos dereitos dos veciños do lugar.

Segundo.-O xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común na súa reunión con data do 24-2-1999 acordou inicia-los trámites para a clasificacións do referido monte, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais para o seu estudio e o seu informe.

Terceiro.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, procede a apertura do trámite de audiencia no que presentaron alegacións o solicitante e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

No prazo esixido comparecen como interesados: os herdeiros de Rémirez de Esparza, presentando documentación histórica e notas simples informativas; e Mª Carmen Llovo Santos presentando informe con documentación histórica, escritura pública, etc.

Cuarto.-Vistos os informes previos e preceptivos do Servicio de Montes e Industrias Forestais e efectuada visita ó terreo, os montes obxecto deste expediente de clasificacción, obedecen á seguinte descrición:

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Parroquia: Arealonga.

Lugar: Trabanca-Badiña.

Nome do monte: Bouza dos Abalos e Penedo

Cabida total estimada: 2,84 ha.

Localización xeográfica: as coordenadas extremas na cuadrícula UTM son:

Extremo norte 4717950.

Extremo sur 4716250.

Extremo leste 521200.

Extremo oeste 520800.

No citado monte distínguense dúas parcelas:

Parcela nº 1 Bouza dos Abalos.

Cabida: 0,89 ha. A vexetación consta de matogueira baixo, abundante rexeneración de Pinus Pinaster Ait e unha ducia de pés adultos da mesma especie.

Lindes:

Norte: predios particulares e camiño ó monte Xiabre.

Sur: antigo camiño ó monte Xiabre.

Leste: predios particulares.

Oeste: predios particulares.

Colindantes:

Norte: Mª Jesús Rubiáns Campos, Manuel Rodríguez Rubiáns.

Leste: Victoria Campos, Manuel Rodríguez Rubiáns.

Oeste: Herdeiros de Margarita Patiño, José Isaac Gómez Abalo.

Servidumes:

Atravesada por camiños de Trabanca-Badiña ó monte Xiabre en dous trazados distintos.

Ocupacións:

Obsérvase a presencia de: un depósito de augas, unha canteira abandoada que ocupa máis da metade da parcela no seu desterro, unha vivenda ocupada e en edificación dentro do desterro da canteira, varias chabolas ocupadas e un cercado de bloques e alambrada.

Parcela nº 2 Monte Penedo, O Penedo, Pedra Mallariza ou Pedra Malladiza.

Cabida: 1,95 ha parcialmente rasa, na zona norte aparece masa de Pinus pinaster adulto. Ó oeste monte bravo e rexenerado da mesma especie.

Lindes:

Norte: predios particulares, camiño vello de Trabanca a Cea e pista asfaltada separada por muro.

Sur: predios particulares muro por medio.

Leste: predios particulares e predios particulares muro por medio

Oeste: predios particulares, polígono industrial.

Colindantes:

Norte: Manuel Bentosinos Aguya, herdeiros Luis Mouriños.

Sur: predio Golpelleira (herdeiros de Ballesteros)

Leste: predio Golpelleira (herdeiros de Ballesteros).

Oeste: polígono industrial, Manuel Bentosinos Aguya, Elisa Barreiro García.

Servidumes: atópase atravesada por camiño.

Quinto.-Mediante resolución do xurado, adoptada na súa sesión do 20 de febreiro de 2003, acordou:

Non clasificar como veciñais en man común os montes Bouza dos Abalos e O Penedo por non quedar acreditado o seu aproveitamento veciñal.

Sexto.-Contra a dita resolución, Belén Raposo Pérez presentou recurso de reposición, alegando:

-Que a resolución denegatoria fúndase en que non resulta acreditado o uso veciñal das parcelas.

-Que os veciños de Trabanca-Badiña veñen realizando aproveitamentos das parcelas desde tempos inmemoriais.

-Que para tal fin achegouse no seu día documentación histórica e incluso oficio do concello de 1990 no que se refire que a extracción de areas efectúase por autorización dos veciños de Trabanca-Badiña no monte da súa propiedade. Achegan novamente copia.

-Documentación histórica relativa ás parcelas que se remonta ó Catastro Marqués da Ensenada e que se prolonga ata a actualidade, incluíndo cédulas de propiedade expedidas polo Ministerio de Facenda e relacións catastrais.

-Que a dita documentación proba que as parcelas estiveron censadas a favor dos veciños de Trabanca desde sempre.

-Que os actos de aproveitamentos dos veciños de Trabanca son sobradamente coñecidos e achegan:

1. Acta notarial de manifestacións dos veciños-comuneiros de máis idade de Trabanca-Badiña.

2. Acta notarial de manifestacións dos presidentes das comunidades de Cea e Loenzo.

3. Acta notarial de manifestacións do representante legal de Áridos de Pontearnelas manifestando que extraeu areas e pedras con autorización dos veciños.

4. Documento privado de manifestacións de Manuel Lago Barcala recoñecendo realizar traballos de desbrozamento e corta de piñeiros na parcela Pedra Malladiza ou Penedo, pola Comunidade de Montes de Trabanca Badiña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común é o órgano competente para resolve-los recursos de reposición contra das súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumplir cos requisitos esixidos polo artigo 117.1º da precitada lei.

Terceiro.-Vistas as mencionadas probas, resulta que:

1. As persoas relacionadas na acta notarial achegada, non resulta acredita relación algunha coa parroquia que fundamenten as súas manifestacións.

2. A extracción de areas por parte da empresa Áridos de Puentearnelas, segundo informa o alcalde de Vilagarcía de Arousa é propiedade dos veciños segundo sentencia do xurado provincial de montes, entendendo que se debe referir a outra parcela xa clasificada e non a estas parcelas xa que o xurado aínda non se pronunciara.

3. En canto a certificación de Manuel Lago Barcala de realizar traballos de desbrozamento e corta de piñeiros o día 5-4-2002, non pode admitirse, xa que segundo o artigo 24 do punto a) e b) do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, ningún terreo afectado por este poderá ser obxecto de alleamento, división ou gravame, ata que o xurado dicte resolución oportuna e deberán depositar na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia, por resultas da clasificación, os beneficios netos obtidos dos aproveitamentos habidos e os devengados por estes, depósito do que non se ten constancia.

As facultades atribuídas ós xurados provinciais de montes veciñais en man común refírense o exame da concorrencia no monte de dúas circunstancias: a súa pertenza a agrupacións veciñais e o aproveitamento consuetudinario en man común polos veciños. O aproveitamento non queda acreditado no expediente á vista dos informes perceptivos feitos pola enxeñeira técnica Mercedes González Rosales o día 3 de marzo de 1998 e polo enxeñeiro de montes Guillermo Vega Alonso o 8 de outubro de 2001.

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, proponse polo instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Desestima-lo recurso de reposición interposto por Belén Raposo Pérez, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trabanca-Badiña, contra da resolución deste xurado do 20 de febreiro do 2003, confirmando integramente a expresada resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 26 de xuño de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais de Man Común de Pontevedra