Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 22 de xullo de 2003 Páx. 9.731

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA (SALA DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO, SECCIÓN SEGUNDA)

CUESTIÓN de ilegalidade (4002/2003).

En nome de El-Rei a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a sentencia nº 487/2003.

José María Arrojo Martínez, presidente.

Carlos López Keller.

José Antonio Méndez Barrera.

«Na cidade da Coruña, vintenove de maio de dous mil tres.

Na cuestión de ilegalidade que co nº 4002/2003 pende de resolución nesta sala, presentada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número tres de Pontevedra no procedemento abreviado nº 184/2002 en relación co artigo 7, punto 1º do Decreto 376/1996, do 17 de outubro, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. É parte a Xunta de Galicia, representada e dirixida polo letrado da Xunta de Galicia. Non compareceu nin fixo alegacións Isonor Prevención, S.L., recorrente no citado procedemento abreviado.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O Xulgado do Contencioso-Administrativo número tres de Pontevedra dictou con data 14-11-2002 auto no PA 184/2002 formulando cuestión de ilegalidade en relación co artigo 7, punto 1º do Decreto 376/1996, do 17 de outubro.

Segundo.-Sendo emprazada a entidade recorrente e a Administración demandada para que no prazo de 15 días poideran formular alegacións e comparecer ante esta sala só o fixo a Xunta de Galicia. Por dilixencia de ordenación do 25-3-2003 declarouse concluso o procedemento.

Terceiro.-Na substanciación deste recurso observáronse as prescricións legais.

É relator José Antonio Méndez Barrera.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-É obxecto deste recurso a cuestión de ilegalidade formulada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número tres de Pontevedra relativa ó artigo 7.1º do Decreto autonómico 376/1996, do 17 de outubro, sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para imposición de sancións en materias laborais, de prevención de riscos e de obstrucción do labor inspector.

Segundo.-Esta cuestión de ilegalidade preséntase en relación co mesmo precepto e polos mesmos motivos que a que foi resolta na sentencia desta sala do 30-4-2003, dictada nos autos nº 4001/2003. Por iso o que se di a continuación é reproducción do que nela se dixo. A Lei do Parlamento galego 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, dispón no seu artigo 34.7º que os conselleiros, como xefes das súas consellerías, están investidos da atribución de resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións dos organismos e autoridades da consellería, agás cando por lei a dita facultade se atribúa a outro órgano. Á súa vez, o artigo 7 do Decreto 376/1996 establece que as resolucións dictadas polos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o director xeral de Relacións Laborais. A comparación entre ámbalas dúas disposicións mostra a insalvable incompatibilidade entre

elas, que naturalmente debe resolverse a favor da lei por aplicación do principio de xerarquía normativa consagrado no artigo 9.3º da Constitución, deixando sen efecto o precepto regulamentario que non respectou a reserva da lei establecida na norma legal mencionada.

Terceiro.-Fronte a esta conclusión non son válidos os argumentos que expón nas súas alegacións a representación da Xunta de Galicia, que se ve obrigada a acudir a fontes normativas estrañas ó caso como son a lexislación estatal, que como moito podería marcar un criterio de interpretación analóxica se o precepto autonómico non fora o suficientemente claro, ou a resolucións xurisdiccionais desta sala que nun réxime como é en xeral o ordenamento xurí

dico continental europeo non constitúen precedentes vinculantes; nin cando trata de forza-la interpretación do artigo 34.7º da lei no sentido de que a única limitación que establece é cara arriba para impedir que os recursos cheguen ó Consello da Xunta de Galicia ou ó seu presidente, pero non cara a abaixo; é un argumento que mestura indebidamente os conceptos de consellería e conselleiro, que non deben ser confundidos nin é de supoñer que unha lei os confunda, pois mentres a primeira é unha complexa institución administrativa, o segundo é un órgano concreto e determinado. No tramo final das súas alegacións a Xunta de Galicia refírese máis que ó decreto, ás resolucións sancionadoras dictadas ó seu amparo tratando de salvalas da nulidade; non é este tema obxecto desta cuestión, da que estas alegacións se desvían.

Cuarto.-É verdade que a Administración da Comunidade Autónoma sufriu un gran desenvolvemento e xa non é a Xunta de Galicia emerxente do período preautonómico, e que residenciar no conselleiro a resolución de recursos ás veces de importancia moi relativa obxectivamente falando, pode ir en contra da eficacia que debe presidi-la actuación administrativa, por iso non pode facerse a costa de sacrifica-lo principio de legalidade de indubidable superioridade sobre aquel, cando ademais o tema pode reconverterse a unha modificación a nivel lexislativo, ou sen chegar a eses extremos, a unha delegación de facultades, admisible segundo a sentencia do Tribunal Supremo do 9 de febreiro de 1999 aínda antes da reforma operada pola Lei 4/1999 no artigo 127 da Lei 30/1992, pero o decreto que comentamos non é unha norma de delegación de competencias, senón a atribución directa destas, que como repetimos vai contra un precepto legal de superior e obrigada observancia.

Quinto.-Non se aprecian motivos para facer imposición de custas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decidimos:

Estimamo-la cuestión de ilegalidade presentada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número tres de Pontevedra e declaramos ilegal e anulámo-lo parágrafo primeiro do artigo 7 do Decreto 376/1996, do 17 de outubro, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, por ser contrario o artigo 34.7º da Lei do Parlamento de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente. Non se fai imposición de custas.

Esta sentencia é susceptible do recurso ordinario de casación do artigo 86 da LXCA de 1998, que se debe preparar por escrito presentando ante esta sala no prazo de dez días.

Firme que sexa a presente sentencia, comuníquese ó xulgado de procedencia e á Xunta de Galicia e procédase á súa publicación no DOG.

Así, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».

Rubricado