Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 21 de xullo de 2003 Páx. 9.712

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA EMIGRACIÓN

ANUNCIO do 7 de xullo de 2003 polo que se publica a resolución do presidente da Fundación Galicia Emigración na que se convocan e regulan axudas para a prestación de servicios socio-sanitarios a favor dos emigrantes galegos e os seus descendentes.

En decembro do ano 2001 desatouse en Latinoamérica unha crise longamente larvada, que afectou a unha das súas nacións máis desenvolvidas: a Arxentina. Esta fonda recesión tiña como base importantes desaxustes de carácter estructural que afectaron, de xeito directo e repentino, á capacidade adquisitiva dos seus cidadáns e que, por ende, levaron consigo un forte empobrecemento de capas cada vez máis amplas de poboación. O papel dinamizador da economía arxentina nesa área xeográfica determinou unha transferencia do declive económico a outros estados, particularmente o Uruguai, que tiñan, no intercambio de bens, mercadorías e capitais co país austral, un dos resortes nucleares da súa estabilidade económica.

Moi cedo, por riba dos indicadores macroeconómicos comezou a agroma-lo rostro humano do colapso financeiro: familias e persoas en situacións enormemente difíciles, especialmente nos seus segmentos máis vulnerables, como a terceira idade e a infancia. Anciáns desasistidos e nenos con serios pro

blemas de desnutrición eran o flanco máis feble dun panorama descrito en termos de caída do crecemento, depreciación monetaria, tendencias inflacionistas, débeda pública acumulada e desemprego galopante.

A ampla colonia galega alí asentada, na súa maior parte en idade avanzada, sufriu de cheo estes embates. Despois dunha traxectoria vital de esforzo, traballo e sacrificio volvían ós tempos da necesidade, nuns casos pola falta de liquidez do sistema, noutros polos desaxustes monetarios e, sobre todo, pola inexistencia real e operativa de mecanismos de cobertura socio-sanitaria, no mellor dos casos, máis teóricos que efectivos.

Unha serie de institucións, creadas polos nosos emigrantes, diante da magnitude das necesidades que están a padecer e volvendo ás súas orixes fundacionais, tiveron que asumi-la responsabilidade de atende-las cargas sociais dos nosos emigrantes e dos seus descendentes, en especial, as da terceira idade e os nenos.

A Fundación Galicia Emigración en execución dos seus fins e obxectivos fundacionais convoca as presentes axudas de acordo coas seguintes bases:

Base primeira.-Obxecto.

Considéranse obxecto de axuda, ó abeiro da presente convocatoria, as accións encamiñadas á prestación de servicios de carácter socio-sanitario e de

protección da infancia realizados na Arxentina, Brasil, Uruguai e Venezuela, a favor dos emigrantes galegos e dos seus descendentes en situación de necesidade, durante o ano 2003.

Tamén será obxecto desta convocatoria a concesión de axudas económicas extraordinarias de carácter individual, por razón de urxencia ineludible, a favor de emigrantes galegos e dos seus descendentes cando así o soliciten os centros/entidades.

A Fundación Galicia Emigración destinará ás presentes axudas, con cargo ós seus orzamentos e para o presente exercicio, a cantidade de 541.000,00 euros. Este importe se financiará con 270.455,45 euros, con cargo á achega da Deputación Provincial da Coruña determinada no convenio subscrito con data do 21-5-2003, e o resto con cargo ós fondos propios da Fundación Galicia Emigración.

Non se considerará obxecto da axuda a adquisición de equipamento non vencellado ó uso directo das persoas asistidas.

Base segunda.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas os centros galegos no exterior que presten os servicios determinados no obxecto da convocatoria. Así mesmo, poderá ser beneficiaria calquera outra institución que, realizando un servicio similar, atenda a emigrantes galegos e os seus descendentes.

Base terceira.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de axuda achegaranse á Fundación Galicia Emigración no prazo de 45 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, se ben as axudas económicas extraordinarias de carácter individual, se poderán solicitar ata o 31 de decembro de 2003.

A documentación que se deberá achegar é a seguinte:

1. Solicitude segundo o anexo I.

2. Informe dos servicios socio-sanitarios ou de protección da infancia prestados pola institución solicitante ós emigrantes galegos e os seus descendentes ó longo do ano 2002, así como o financiamento dos gastos derivados desta actividade (anexo II).

3. Proxecto de asistencia para o ano 2003, así como as posibles fontes do financiamento (anexo III).

No caso de solicitude de axudas económicas extraordinarias de carácter individual formuladas independentemente da solicitude xeral, terán que se presentar xunto cun informe socio-sanitario e non será preciso incluílas no correspondente convenio.

Base cuarta.-Selección e resolución.

As solicitudes formuladas serán avaliadas en función das necesidades que se cubran cos servicios

de carácter socio-sanitario e de protección da infancia que se lles prestan ós emigrantes galegos e ós seus descendentes, así como as necesidades financeiras que para cubrir estes servicios axeitadamente e na súa maior amplitude se precisan, tendo en conta para esta avaliación os anexos II e III.

O importe da axuda pode acadar ata o 90% do total do custo do gasto, se ben esta porcentaxe será do 100% no caso de que as prestacións realizadas sexan de carácter beneficente na súa totalidade (sen cotas de custo), sexan dirixidas á protección da infancia, ou sexan axudas económicas extraordinarias de carácter individual, por razón de urxencia ineludible.

A concesión das axudas artellarase a través da sinatura de convenios cos beneficiarios (anexo IV), e nestes determinaranse as condicións particulares, gastos subvencionables, así como importe, xustificación e forma de pagamento da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os importes das axudas axustaranse ás disposicións financeiras da Fundación Galicia Emigración determinadas na base cuarta da presente convocatoria, se ben terán preferencia na súa concesión as institucións que presten un servicio obxecto da convocatoria de forma beneficente na súa totalidade (sen cotas de abono) ou ben a súa actividade este vencellada á protección da infancia ou sexan axudas económicas extraordinarias de carácter individual.

As axudas económicas extraordinarias de carácter individual solicitadas independentemente da solicitude xeral, e sempre que o informe socio-sanitario sexa favorable, aboaranse en canto exista orzamento para tal fin.

Segunda.-O custo do servicio obxecto de axuda será o que asumen polos centros/entidades desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do presente exercicio.

Terceira.-A Fundación Galicia Emigración poderalles solicitar ós beneficiarios a documentación e os datos que considere necesarios (en especial informes socio-ambientais) na execución e comprobación da axuda concedida.

Cuarta.-A Fundación Galicia Emigración aboará as axudas concedidas e debidamente xustificadas na conta bancaria indicada polo beneficiario, se ben tamén poderá realizar este aboamento mediante calquera outro medio de pagamento, do que deixará constancia fidedigna no expediente.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2003.

Aurelio Miras Portugal

Presidente da Fundación Galicia Emigración

ANEXO IV

Modelo de convenio cos beneficiarios

Convenio entre a Fundación Galicia Emigración

e Centro/Institución beneficiario

Por unha parte, a Fundación Galicia Emigración, actuando no seu nome e representación o seu presidente, Aurelio Miras Portugal, conselleiro de Emigración, consonte as facultades que para vincularse neste acto ten conferidas no artigo 14 dos estatutos da Fundación Galicia Emigración.

Da outra parte o Centro/Institución beneficiario, actuando, no seu nome e representación, o seu cargo do máximo representante, nome e apelidos, con poder dabondo para comprometerse neste acto.

As partes interveñen en virtude dos seus respectivos cargos e no exercicio das facultades e atribucións que teñen conferidas, recoñecéndose mutuamente capacidade e lexitimación para obrigarse e convir, e para o efecto

EXPOÑEN:

Primeiro.-A Fundación Galicia Emigración ten por obxecto promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á potenciación e difusión da galeguidade en calquera parte do mundo, en especial nos lugares onde estean radicadas comunidades galegas, así como a realización de accións encamiñadas a apoia-los emigrantes galegos retornados e os seus descendentes.

Segundo.-O padroado da Fundación Galicia Emigración, na súa reunión do día 4 de decembro de 2002, aprobou o seu orzamento para o presente exercicio e na documentación que o compón determínase que a fundación vai prioriza-las súas actuacións onde as circunstancias o requiran, tendo como obxecto fundamental atende-los dereitos básicos da persoa, sendo un dos seus obxectivos a asistencia social.

Terceiro.-O Centro/Institución beneficente, ante a inexistencia real e operativa de mecanismos de cobertura socio-sanitaria en PAÍS motivada pola crise socio-económica que se está a sufrir, asumiu como actividade primordial da súa actuación a prestación de atención socio-sanitaria ós emigrantes galegos e ós seus descendentes residentes en (CIDADE), pois estes, na súa maior parte, sufriron de cheo os embates da dita crise.

Para tales efectos, as partes asinantes formalizan o presente convenio, que se rexerá de acordo co disposto polas seguintes

Cláusulas

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto instrumenta-la axuda concedida pola Fundación Galicia Emigración a Centro/Institución beneficiario, para a realización dun programa de asistencia ós galegos emigrantes e ós seus descendentes residentes na súa área de influencia e que se atopan nunha grave situación económica, social e sanitaria, de carencia e necesidade.

Segunda.-A Fundación Galicia Emigración, con cargo ós seus orzamentos, concédelle a Centro/Institución beneficiario unha subvención por importe euros e de acordo co seguinte:

* Gasto subvencionable (importe):

* Epígrafe subvencionable:

-

-

-

* Condicións particulares (se as houber):

Terceira.-A Fundación Galicia Emigración librará a axuda concedida á entidade asinante deste convenio, logo de que esta lle achegue á fundación a seguinte documentación:

* Certificación, en orixinal, emitida pola entidade financeira, da conta da que é titular a entidade beneficiaria da axuda, e na que se realizará o correspondente aboamento.

* Memoria comprensiva da execución do programa.

* Facturas e liquidacións, en orixinal, dos gastos realizados na execución da acción subvencionada.

* Certificación acreditativa da aprobación das liquidacións e facturas polo órgano competente do Centro/Institución beneficiario.

* Xustificantes orixinais dos pagamentos derivados dos gastos realizados na execución da acción subvencionada.

* Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto da axuda, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os pagamentos das axudas extraordinarias individuais de carácter económico e por razón de urxencia ineludible, aboarallas directamente a Fundación Galicia Emigración ó interesado, logo de solicitude da entidade asinante do presente convenio, á que se lle xuntará o informe socio-ambiental correspondente.

De non xustificarse o importe total do orzamento subvencionado, e sempre e cando se acadase a finalidade prevista, a Fundación Galicia Emigración minorará a súa achega proporcionalmente ó xustificado,

Cuarta.-O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2003.

Quinta.-As cuestións litixiosas que puidesen xurdir na aplicación do presente convenio serán resoltas por unha comisión mixta que se constituirá por un representante de cada unha das partes asinantes; os acordos por esta adoptados serán inmediatamente executivos e non serán recorribles en ningunha ins

tancia xurisdiccional. Será presidente da comisión o representante da fundación.

Lido polas partes, por si mesmas, e como proba de conformidade co expresado no presente convenio, asínano e rubrícano por duplicado exemplar consonte as cartas intercambiadas entre as partes.

Pola Fundación GaliciaPolo Centro/Entidad

Emigración beneficiario

Aurelio Miras Portugal Nome e apelidos

Presidente Presidente