Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.633

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a Reelectrificación do Sisto (A Torre), no concello de Vilalba. (Expediente 8/2002 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Bega, S.A. con domicilio para

os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro 4, Lugo, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados no titulo VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública non se presentou ningunha alegación.

Vista sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, obsérvase que na liña, o seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha limitación sobre os predios en expropiación, ós que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 en relación co artigo 57 da Lei 54/1997.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e vista a Lei 54/1999, do 27 de novembro e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA) o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1-Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. de Pazos e remate no C.T. proxectado do Sisto, de 1.425 metros de lonxitude, a 20 kV sobre apoios de formigón ou torres metálicas en conductor LA-56.

2-Centro de transformación aéreo de intemperie do Sisto de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3-Rede de baixa tensión do Sisto de 3.150 metros de lonxitude a 380/220 V. sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, da necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas,

ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidumbre pública.

Terceiro.-Prestarlle aprobación ó proxecto de execución denominado «Reelectrificación no Sisto (A Torre)» e o seu anexo, asinado polo enxeñeiro técnico industrial -Nicanor Piñeiro Sampedro, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo co número 1472/2000, con data do 7-3-2002, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo II, titulo VII do citado Real decreto 1955/2000 e visto o contido do informe técnico do 2 de abril de 2003.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no xornal El Progreso do 16 de abril de 2003, Diario Oficial de Galicia do 15 de maio de 2003 e no BOP de Lugo do 7 de maio de 2003, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Vilalba. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte o da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 12 de xuño de 2003.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo