Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.634

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a autorización das instalacións electromecánicas, a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto modificado do parque eólico denominado Chantada, situado nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra) e promovido pola empresa Enerfín, S.A., e a prevalencia desta sobre a do monte veciñal en man común de Argozón, efectuada por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xuño de 2003. (Expediente 05/00 DXIEM-EOL).

En cumprimento do disposto no artigo 128 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público que o 26 de xuño de 2003 o Consello da Xunta de Galicia adoptou, por proposta das consellerías de Innovación, Industria e Comercio, e de Medio Ambiente, o seguinte acordo que se transcribe como anexo a esta resolución.

Examinado o expediente instruído por pedimento de Enerfín, S.A. con enderezo para efectos de notificacións na praza Manuel Gómez Moreno, s/n, edificio Bronce, planta 5ª, 28020 Madrid, sobre autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, modificación do recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto modificado do parque eólico denominado Chantada e da prevalencia desta sobre a do monte veciñal en mano común de Argozón; resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Por Resolución do 14 de febreiro de 2002, publicada no DOG do 15 de maio, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizoulle as instalacións electromecánicas, aprobou o proxecto de execución e recoñeceu a condición de instalación acollida o réxime especial de producción eléctrica, regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, á instalación do parque eólico de Chantada.

Segundo.-O 19 de xuño de 2002, Guillermo Planas Roca, en nome e representación do Grupo Elecnor, S.A., solicitou a autorización administrativa, a aprobación de proxecto de execución, a modificación do recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica e a declaración da utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto modificado do parque eólico denominado Chantada, de 48 mW,

achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, de 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Terceiro.-O proxecto modificado do Parque Eólico Chantada someteuse a información pública para os efectos previstos no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa ditos, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 6 de setembro de 2002, publicado no BOP de Lugo do 24 de setembro de 2002, no BOP de Pontevedra do 2 de outubro de 2002, nos xornais El Progreso do 21 de setembro de 2002 e Faro de Vigo do 24 de setembro de 2002, DOG do 30 de setembro de 2002 e no taboleiro de anuncios do concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra).

Durante o período no que se someteu a trámite de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

1. Emilio González Negro, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral Industria, Enerxía e Minas do 23 de setembro de 2002, mostra a súa desconformidade coa cualificación feita pola empresa promotora dunha leira da súa propiedade a cal figura como monte baixo cando en realidade, segundo o alegante, está dedicada, toda ela, a prado, supoñendo unha superficie de cincuenta e catro ferrados.

2. Ángel Roberto González Roqueiro, Elsa Santomé Frade, Luis Roberto González Santomé e Mª Elsa González Santomé, mediante os respectivos escritos achegados, todos o 30 de outubro de 2002, á Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, opóñense á autorización que nos ocupa baseándose na imposibilidade legal de adopta-la devandita autorización ó supoñe-lo descoñecemento da eficacia da resolución dictada pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 14 de febreiro de 2002, para o que cita os artigos 54, 57, 62, 63, 94, 102, 105 e 106 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por outra parte, os anteriores alegantes manifestan que o proxecto modificado do parque eólico de Chantada ten que pasar pola necesaria aprobación da declaración de impacto ambiental que dictará a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, xa que a actual declaración de impacto ambiental, dictada o 17 de abril de 2002, non é extrapolable ó actual proxecto modificado debido ós cambios existentes.

3. No seu escrito do 4 de novembro de 2002, Martín Ledo Toubes pon de manifesto un erro na relación de bens e dereitos afectados de dúas leiras no termo municipal de Rodeiro. Isto é debido a que os veciños da parroquia de Santa Baia de Camba iniciaron, na Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra, o expediente de clasificación do monte veciñal en man común da devandita parroquia, na que están integrados o veciñal de Vilaxuste e o de Loureiro, polo que insta a rectifica-la devandita relación de bens e dereitos afectados inscribindo como titulares das leiras en cuestión a xunta xestora para a clasificación do monte veciñal da parroquia de Santa Baia.

4. José Antonio Diéguez Otero, presidente do Monte Veciñal en Man Común de Faro de Argozón, e na súa representación presentou ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo as seguintes alegacións:

-O proxecto modificado que nos ocupa non conta coa aprobación da comunidade de montes da que José Antonio Diéguez é presidente, de forma que nin existe acordo sobre o arrendamento do terreo onde se situarán os aeroxeradores, nin no que se refire ó dereito de superficie que establecerá o Grupo Elecnor, S.A. sobre o terreo pertencente á comunidade de montes para a instalación dos citados aeroxeradores, o que na práctica fai inviable o proxecto eólico, pois non aparece a comunidade de montes na relación de bens e dereitos afectados sometidos a información pública.

-O monte veciñal posúe un contrato de arrendamento, non de cesión, do 25 de abril de 2000, subscrito con Enerfín, S.A., non co Grupo Elecnor, S.A., de forma que, en principio, tal contrato non autoriza o Grupo Elecnor, S.A. a solicita-lo proxecto modificado por non outorgarlle á tal empresa a disposición dos terreos necesarios para a construcción do parque. Ademais, tal contrato de arrendamento impide impor un dereito de superficie para a instalación dos aeroxeradores e facer outras construccións, e non lle autoriza a impor outras condicións que non fosen pactadas expresamente.

-Non se poden modificar unilateralmente as condicións pactadas con Enerfín, S.A. xa que, desta forma, o contrato sería nulo ó non consenti-la comunidade de veciños e ó non existir acordo sobre o prezo do contrato e, ademais, en tales circunstancias, tampouco sería valido o consentimento para a ocupación dos terreos que a comunidade prestou con data do 5 de maio de 2002, non permitindo a comunidade nin sequera a ocupación para o inicio do parque.

-A modificación do proxecto do parque eólico que nos ocupa supón maiores beneficios para a empresa promotora dos cales non participarán os veciños, sendo a súa viabilidade pouco favorable para a devandita empresa, xa que da Lei de montes veciñais se extrae que o arrendamento de montes veciñais non pode superar un período de once anos.

Cuarto.-O 13 de novembro de 2002 e o 20 de xaneiro de 2003, as delegacións provinciais respectivas da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Lugo emitiron informe favorable sobre o expediente do devandito proxecto, o cal ten as seguintes características básicas:

-Emprazamento: concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra).

-Asentamento (coordenadas poligonais en unidades UTM):

XY

591.8754.725.000

590.8754.718.000

589.9614.718.000

589.8104.719.000

591.0004.724.860

-Características técnicas do parque eólico:

Nº de aeroxeradores: 30.

Potencia nominal unitaria: 1.600 kW.

Potencia total instalada: 48 mW.

Tipo de aeroxerador: Ecotecnia 1.600.

Producción neta anual estimada: 124,75 gWh.

Orzamento total: 37.082.719,73 A.

-Características técnicas da infraestructura eléctrica de xeración, transformación e interconexión:

30 centros de transformación (situados no interior de cada aeroxerador) de 2.000 kVA de potencia e conexión Dyn 11, 0,4/0,69/30 kV e a súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

Cada aeroxerador está equipado cun autotransformador 690/220 V para servicios auxiliares (iluminación de torre e tomas de corrente para mantemento).

Rede colectora subterránea que percorre o conxunto dos aeroxeradores, interconectándoos coas celas de 30 kV da subestación 30/132 kV que recolle a enerxía do parque.

Tanto a subestación transformadora de 30/132 kV, para a evacuación da enerxía, como a liña para a conexión á rede eléctrica, serán as mesmas que se utilizarán para a evacuación da enerxía dos parques de Monte Cabeza, Penas Grandes e Farelo, e serán obxecto de proxecto independente.

Quinto.-O 25 de xaneiro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental do devandito parque eólico, modificada pola Resolución do 29 de agosto de 2002 e pola Resolución do 13 de xaneiro de 2003.

Sexto.-Por resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 2 de xuño de 2003, autorizóuselle a transmisión do PEE do Grupo Elec

nor, S.A. á empresa Enerfín, S.A. subrogándose en tódolos dereitos e obrigas dimanantes del.

Sétimo.-O 19 de maio de 2003, a Consellería de Medio Ambiente propuxo que o Consello da Xunta de Galicia declarase a procedencia da prevalencia da utilidade pública do proxecto do Parque Eólico Chantada, promovida pola empresa Enerfín, S.A., sobre a do monte veciñal en man común de Argozón, pertencente á comunidade de montes do mesmo nome do concello de Chantada, con base nos seguintes

«Antecedentes de feito:

(...)

Cuarto.-Con data do 29 de agosto de 2002 o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dicta resolución pola que se modifica a declaración de impacto ambiental emitida o 25 de xaneiro de 2002.

Con data do 30 de outubro de 2002, José Antonio Diéguez Otero, en nome e representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón, presenta escrito no que deixa constancia de que o proxecto modificado non conta coa aprobación desta comunidade.

Con data do 15 de novembro de 2002 preséntase escrito de Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Enerfín, S.A., dirixido á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, polo que formulan alegacións fronte ó escrito da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón.

Con data do 4 de decembro de 2002, José Antonio Diéguez Otero, en nome e representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón, presenta escrito no que solicita que non se autorice a modificación do proxecto do parque eólico.

Quinto.-Con data do 13 de xaneiro de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dicta resolución pola que se modifica a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Chantada, nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A.

Con data do 14 de xaneiro de 2003, Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Enerfín, S.A., presenta escrito de alegacións dirixido á Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio.

Con data do 19 de febreiro de 2003, Enerfín, S.A. envíalle unha carta á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón poñendo en coñecemento dela a vontade de colaboración nos termos do contrato asinado entre ambas.

Sexto.-Con data de entrada no rexistro o 21 de marzo de 2003, Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Enerfín, S.A., presenta escrito no que solicita a declaración de prevalencia do Parque Eólico Chantada sobre o monte veciñal en man común Faro de Argozón.

Sétimo.-Con data do 27 de marzo de 2003, o delegado provincial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente pon en coñecemento da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón o escrito presentado por Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Enerfín, S.A., con data de entrada no rexistro do 21 de marzo de 2003, declarando que a finalidade da ocupación se considera compatible coa do monte, dándolle á comunidade de montes un prazo de 15 días para que expoña o que coide oportuno.

Con data de entrada no rexistro o 16 de abril de 2003, envíase escrito de alegacións por parte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Argozón á Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Lugo, Servicio de Industrias Forestais, solicitando que non se acorde a ocupación temporal por carecer do consentimento da comunidade veciñal. Xúntase a este escrito o acordo da asemblea xeral da dita comunidade acordando denegar calquera ocupación e non autorizando o tránsito polas vías da dita comunidade a todo vehículo relacionado coa construcción do Parque Eólico Chantada ou outros parques eólicos.

Oitavo.-Con data do 28 de abril de 2003, o delegado provincial dicta resolución na que acorda, á vista do expediente, que dado que o único aproveitamento que se obtén do monte é o de pastoreo e a producción de madeira, deben prevalece-los fins de producción de enerxía eléctrica.

Noveno.-O director xeral de Montes e Industrias Forestais propón, en escrito do 13 de maio de 2003, a declaración da prevalencia da utilidade pública do proxecto sobre a do monte veciñal afectado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 6.1º da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, establece que os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ós dos propios montes veciñais.

Segundo.-Pola súa parte, o artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (actualmente competencia da Consellería de Medio Ambiente) e oídas as comunidades afectadas.

Terceiro.-Polo exposto, tendo en conta os datos que constan no expediente e tendo en conta que a superficie do monte veciñal en man común Faro de Argozón é de 378 hectáreas e a superficie que ocupará o parque eólico é de 1,2420 hectáreas, a

ocupación non supón un obstáculo nin desde o punto de vista productivo nin ambiental, tendo formulada a declaración de impacto ambiental por resolución do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 25 de xaneiro de 2002.

Cuarto.-Así mesmo, e consonte o disposto no artigo 31.1º e 2º do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, de aproveitamento de enerxía eólica, correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia a autorización e declaración de utilidade pública do parque eólico nos supostos de que as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellería».

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, por proposta das consellerías de Innovación, Industria e Comercio, e de Medio Ambiente, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos; no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, en relación co Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e mailo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación existente no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na relación de bens e dereitos afectados, na titularidade deles, así como na natureza dos terreos involucrados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó acto de levantamento de actas previas á ocupación, momento ó que serán oportunamente convocados os alegantes, e no que poderán demostra-las anteriores alegacións achegando a documentación acreditativa necesaria.

2. Segundo o exposto nos antecedentes de feito desta resolución, o proxecto conta coa preceptiva declaración de impacto ambiental realizada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

3. A relación de bens e dereitos foi debidamente presentada pola promotora, independentemente de que posteriormente, e por outras causas, puidesen ser obxecto de concentración, reparcelación ou outro tipo de actuación futura.

4. As leiras que se van expropiar neste expediente son as involucradas na solicitude de declaración de utilidade pública do proxecto modificado do parque eólico de Chantada, presentada perante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

5. A autorización do proxecto modificado que nos ocupa realízase en virtude do establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa mencionado.

6. A titularidade será xustificada de acordo co plano parcelario que se xunta ó expediente.

7. Por último, as alegacións formuladas polo presidente da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Argozón xa son obxecto de valoración na proposta de acordo mencionada no sexto antecedente de feito, ó cal nos remitimos para o obxecto de evitar innecesarias e prolixas reiteracións.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta das consellerías de Innovación, Industria e Comercio, e de Medio Ambiente, adopta o seguinte acordo:

1º Autorizar e declarar de utilidade pública o proxecto modificado do parque eólico de Chantada, nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Enerfín, S.A.. Todo iso segundo os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa citados.

2º Declara-la procedencia da prevalencia da utilidade pública do proxecto do devandito parque eólico sobre a do monte veciñal en man común de Argozón, pertencente á comunidade de montes do mesmo nome do concello de Chantada.

3º O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e esta consellería deberá cumprir co procedemento legal establecido.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e o remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade e medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste parque eólico.

Contra este acordo, que é definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potes

tativo de reposición de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da citada data, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas