Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.579

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Rioseco-Serín, no concello do Corgo. (Expediente 41/2001 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na rúa Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó tramite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1. Luciano Díaz-Castroverde Benavente quen en primeiro lugar solicita que se lle achegue documentación que xustifique a utilidade pública da liña que nos ocupa xa que considera que o tendido eléctrico existente é suficiente para cubri-la demanda actual de subministración eléctrica na zona, existindo capacidade de reforza-la liña actual. Así mesmo solicita que, no caso de facer a instalación, se faga de forma subterránea evitando os prexuízos que lle ocasionaría a obra e limitando o impacto ambiental. Por último, no caso de non atende-las anteriores demandas solicita a expropiación total do predio, xa que o dano que se lle ocasiona ó predio déixao practicamente inútil para calquera tipo de plantación árborea ou utilidade posterior.

2. Manuel Vila Polin quen considera que o trazado proxectado prexudica a súa parcela e, ó ser tecnicamente posible que a liña discorra por terreos de dominio público, oponse á declaración de utilidade pública e, subsidiariamente, a que o trazado siga a liña actualmente proxectada. No suposto de que se manteña o trazado proxectado, solicita que a servidume sexa soterrada. Por último, manifesta que o trazado que se proxecta prexudica gravemente a súa parcela dividíndoa en dúas, limitando as expectativas urbanísticas que, por estar a pouca distancia do núcleo urbano do Corgo, ten a súa parcela.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coas tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. Con respecto ó alegado por Luciano Díaz-Castroverde Benavente, por que se ben existe subministración eléctrica na zona, esta é insuficiente para atende-la crecente demanda de subministración eléctrica, provocada, por un cada vezmaior consumo familiar (electrodomésticos, máquinas nas explotacións gandeiras, etc.). Ademais, os puntos de consumo de Rioseco e Serín están moi alonxados do centro de transformación existente coas conseguintes caídas de tensión que xustifica a instalación dun novo centro de transformación máis próximo a estes puntos coa conseguinte liña de media tensión para a súa alimentación. Polo que respecta á alternativa de soteramento da liña, non cumpre co establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa que a alternativa proposta suporía un coste superior en máis dun dez por cento o orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Por último, en canto á solicitude de expropiación total do predio, esta non pode ser atendida xa que, tal e como establece o artigo 152 do referido Real

decreto 1955/2000, na solicitude deben xustificarse as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da explotación do predio, é dicir, para que proceda a expropiación total dunha parcela no abonda con que se produza un posible lucro cesante, senón que debe de probarse e cuantificarse (como determina o Tribunal Supremo) o prexuízo económico derivado da expropiación parcial, o prexuízo que en ningún caso concreta o alegante, máximo cando a situación actual do predio, dedicada a monte baixo, é perfectamente compatible coa imposición da servidume. Ademais, como tamén determina o referido artigo 152, no caso de non acepta-la expropiación total o predio, incluirase no prezo xusto a indemnización polos prexuízos que se produzan como consecuencia da expropiación parcial, tal e como establece o artigo 46 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

2. En canto ó manifestado por Manuel Vila Polin, a variación do trazado que propón, levando a liña por zonas de dominio público, ademais de ser tecnicamente inviable, xa que, debido a fragmentación parcelaria existente na zona, obrigaría a establecer un trazado totalmente quebrado e con excesivos ángulos, incumpriría o establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa que a variación sería superior en lonxitude ó dez por cento da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do solicitante desta. Así mesmo, a proposta de soterramento da liña que fai Manuel Vila Polin, incumpriría igualmente o dito artigo ó supoñe-lo seu custo un aumento superior a dez por cento do orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Por último, polo que se respecta ós prexuízos que o trazado da liña lle ocasione no seu predio, determinaranse nunha fase posterior do expediente seguindo os trámites establecidos no artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa en onde o afectado poderá presenta-la correspondente folla de aprecio na que concretará a indemnización que considere que lle corresponde pola imposición da servidume de paso da liña sobre a súa parcela, folla de aprecio na que poderá facer constar todo o que considere oportuno para que sexa tido en conta polo xurado provincial de expropiación no momento de dertermina-lo prezo xusto que corresponda.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha limitación sobre os predios en expropiación, ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 en relación co artigo 57 da Lei 54/1997.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e vista a Lei 54/1999, do 27

de novembro e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. a Bergazo e remate no C.T. proxectado de Rioseco de 1.226 metros de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Centro de transformación aéreo de intemperie de Rioseco de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Rede de baixa tensión aérea de Rioseco de 1.605 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, da necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implicita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó proxecto de execución denominado L.M.T., C.T., R.B.T. Rioseco-Serín e o seu modificado, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José María Fernández Rey, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña co número 016720 con data do 3-12-2001 e 18-9-2002 respectivamente, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo II, do título VII do citado Real decreto 1955/2000 e visto o contido do informe técnico con data do 25 de febreiro de 2003.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, acordo que o representante da Administración dea comenzo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso con data do 19 de marzo de 2003, Diario Oficial de Galicia con data do 16 de abril de 2003 e no BOP de Lugo con data do 11 de abril de 2003, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello do

Corgo. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 6 de xuño de 2003.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo