Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.566

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2003, da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria extraordinaria para aspirantes a vinculacións temporais de duración inferior ó ano, nas categorías de médicos de familia e pediatras, de persoal estatutario nas II.SS. xestionadas polo Servicio Galego de Saúde.

A norma xeral 6ª do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO, UXT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de diversas categorías de persoal nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, aprobado por resolución conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, mediante resolución da División de Recursos Humanos do 11 de febreiro de 2000 (DOG nº 39, do 25 de febreiro), efectúa a previsión de formalización dunha convocatoria extraordinaria para a selección de aspirantes, no caso de indispoñibilidade de aspirantes dunha listaxe das categorías existentes.

Así mesmo, dispón a norma xeral 6ª do pacto sobre selección temporal que a relación de aspirantes resultado desta convocatoria extraordinaria será subsidiaria da relación principal e confeccionarase a través dun procedemento simplificado no que se valorará exclusivamente a formación académica.

De conformidade coa antedita norma, dada a indispoñibilidade de aspirantes da listaxe nas categorías de médicos de familia e pediatras nas distintas área de xestión do Servicio Galego de Saúde, a División de Recursos Humanos

DISPÓN:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listaxes de vinculacións temporais das categorías de médicos de familia e pediatras en tódalas áreas de xestión do Sergas.

Estas listaxes confeccionaranse en aplicación da norma xeral 6ª do pacto sobre selección temporal e serán reguladas polas bases contidas nel e polas disposicións que se recollen nesta convocatoria extraordinaria.

O prazo para o achegamento de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

Os aspirantes deberán presenta-la solicitude no modelo normalizado que se anexa, xuntando os xus

tificantes dos requisitos esixidos e os méritos alegados de formación académica. Este modelo de solicitude facilitarase nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de Atención Primaria.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

Será preciso que os aspirantes acrediten con documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas os requisitos e méritos presentados, nos termos previstos no baremo que se recolle na disposición terceira desta resolución.

Segundo.-Os requisitos para seren admitidos como aspirantes a vinculacións temporais serán os seguintes:

1. Non figurar inscritos en listaxe vixente de vinculacións temporais en ningunha das áreas sanitarias nas correspondentes categorías.

2. Titulación:

2.1. Para os aspirantes a médicos de familia: título de médico especialista en medicina familiar e comunitaria ou a certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993.

2.2. Para os aspirantes a médicos especialistas en pediatría: título de pediatría, ou licenciado en medicina coa especialidade de pediatría.

Terceiro.-Os baremos da formación académica aplicables a esta convocatoria extraordinaria serán os seguintes:

(Só se valorarán para os efectos deste punto os expedientes académicos e titulacións obtidos en España ou noutro país da Unión Europea).

A. Baremo de médicos de familia.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos deste epígrafe será de 3,5 puntos.

1. Estudios de licenciatura:

-Por cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

-Por cada sobresaliente: 1 punto.

-Por cada notable: 0,5 puntos.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Posgrao:

(A puntuación máxima acadable nesta alínea será de 1 punto).

-Exame de grao (licenciatura): 0,25 puntos.

-Premio extraordinario: 0,75 puntos.

-Pola realización de cursos monográficos de doutoramento ou do 3º ciclo: 0,25 puntos.

3. Grao de doutor: 1,5 puntos.

A puntuación máxima acadada polos coñecementos de posgrao e doutoramento reflictidos nas alíneas 2 e 3 será de 1,5 puntos.

B. Baremo de pediatras.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos deste epígrafe será de 3 puntos.

1. Estudios de licenciatura:

-Cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

-Cada sobresaliente: 1 punto.

-Cada notable: 0,5 puntos.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Exame de grao (licenciatura): 0,25 puntos.

-Premio extraordinario: 0,75 puntos.

-Cursos monográficos de doutoramento ou de 3º ciclo: 0,25 puntos.

(Máximo 1 punto polas tres alíneas anteriores).

3. Grao de doutor: 1,5 puntos.

(A puntuación máxima dos puntos 2 e 3 é de 1,5 puntos).

Cuarto.-Será absolutamente imprescindible para a admisión e, se é o caso, avaliación dos méritos dos aspirantes, que se xunten as certificacións acreditativas destes dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación presentada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da avaliación.

Quinto.-Cada aspirante ós nomeamentos solicitará a súa inclusión nunha soa categoría e área de xestión sanitaria para chamamentos para vinculacións de duración previsiblemente inferior ó ano.

No suposto de que, a través dos mecanismos de control, se detectaran duplicidades de solicitudes, serán excluídos inmediatamente os aspirantes incursos nelas.

Sexto.-Os profesionais que se inscriban nesta convocatoria extraordinaria figurarán ordenados pola puntuación que resulte de aplica-lo baremo recollido na disposición terceira desta resolución.

Sétimo.-Os aspirantes que figuren inscritos na listaxe en virtude desta convocatoria extraordinaria serán chamados para vinculacións temporais de duración inferior ó ano pola súa orde e de xeito subsidiario con respecto ós aspirantes da listaxe da convocatoria formalizada por resolución desta division de data 28 de decembro de 2001 (DOG nº 13, do 18 de xaneiro de 2002).

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2003.

José Ignacio Lema Piñeiro

Diretor xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde