Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xullo de 2003 pola que se convoca a I edición do premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve.

Creado o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro polo Decreto 25/1993, do 11 de febreiro de 1993 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) como organismo dependente da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, denominado despois Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 27 de novembro), este centro quere homenaxea-la figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro López e, ó mesmo tempo, contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega, xénero que Ramón Piñeiro cultivou con asiduidade e ó que fixo importantes contribucións.

En consecuencia, e no ámbito dos actos que se celebrarán no mes de novembro do presente ano 2003, conmemorativo do décimo aniversario da creación do Centro Ramón Piñeiro e en uso das atribucións que teño conferidas e co fundamento nos decretos invocados,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócase a I Edición do premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Traballos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa oficial do idioma.

Segunda.-Temática: ámbito xeral do pensamento humanístico (lingua, literatura, antropoloxía, filosofía, historia).

Terceira.-Os traballos presentados deberán ser enviados nun sobre por quintuplicado, impresos ou mecanografados en formato A4, letra corpo 12 (30-32 liñas por páxina), cunha extensión máxima de 60 páxinas e mínima de 40.

Cuarta.-Poderase presentar ó premio calquera persoa interesada, coa excepción do persoal pertencente ó Centro Ramón Piñeiro.

Quinta.-O autor debe asina-lo seu traballo cun lema ou pseudónimo e achegar nun sobre pechado os seguintes datos: nome e apelidos, DNI ou equivalente, enderezo, teléfono e enderezo electrónico. No exterior do sobre indicarase o título do traballo e mailo lema ou pseudónimo.

Os orixinais poderán presentarse no rexistro xeral da consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Política Lingüística -Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- I Premio Centro Ramón Piñeiro de Ensaio Breve, estrada Santiago de Compostela-Noia, Km 3, A Barcia, (15896) Santiago de Compostela-Galicia (España) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro).

Sexta.-O autor do ensaio premiado recibirá 3.000 euros. O seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.06.353E.640. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. O traballo será publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Sétima.-A proposta da concesión do premio emitida polo xurado elevarase a través da Dirección Xeral de Política Lingüística ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, da modificación da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Os traballos entenderanse desestimados de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Oitava.-O premio será único e indivisible. O xurado poderá aconsella-la publicación de traballos de interese que non recibiran o premio e así mesmo poderá declaralo deserto.

Novena.-O xurado estará composto por personalidades de relevo da vida cultural galega designadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A composición nominal do xurado farase pública antes da resolución da convocatoria do premio.

Décima.-Os criterios de valoración serán os seguintes:

a) Corrección idiomática: 1 punto.

b) Perfección e singularidade persoal do estilo: 1 punto.

c) Coherencia no desenvolvemento interno da argumentación: 2 puntos.

d) Coñecemento da área ou materia na que se encadra o traballo: 2 puntos.

e) Orixinalidade da idea exposta e do punto de vista empregado ó desenvolvela: 2 puntos.

f) Solvencia da bibliografía utilizada: 2 puntos.

Decimo primeira.-A presentación a este premio implicará, para o autor galardoado, a cesión dos dereitos de explotación en favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A compensación económica polos dereitos de explotación que lle puidera corresponder ó autor, considerarase

incluída na dotación do premio. Os orixinais que non resulten premiados poderán ser recollidos no prazo de dous meses, a partir do cal serán destruídos.

Décimo segunda.-O prazo de presentación dos orixinais rematará o 28 de outubro de 2003.

Décimo terceira.-A presentación a este premio implicará a aceptación destas bases.

Décimo cuarta.-As incidencias que poidan presentarse nos supostos non previstos nestas bases serán resoltas polo xurado do premio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria