Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xullo de 2003 pola que se convocan bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao, estructura os estudios de terceiro ciclo en dous períodos: o primeiro deles constitúe o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e ámbolos dous teñen como finalidade a especialización do estudiante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades e da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, continúan, de forma coordinada, cun programa que contribúa ó financiamento dos estudios do terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia por parte daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse en futuros investigadores e profesores universitarios, encargándose a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, da convocatoria de bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo por parte de aqueles estudiantes que non a desfrutaron anteriormente, tanto no período de docencia como no de investigación tutelado, e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento das

prórrogas das ditas bolsas que corresponden ó segundo ano dos estudios de terceiro ciclo (período de investigación tutelado).

Esta actuación conxunta encádrase dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 14 de marzo de 2002 (Resolución do 15 de marzo de 2002, DOG do 4 de abril).

Polo que antecede,

DISPONSE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para aqueles estudiantes que non a desfrutaron anteriormente, tanto no período de docencia como no de investigación tutelado.

Estas bolsas teñen como finalidade contribuír ó financiamento dos estudios de terceiro ciclo daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse no xerme dunha nova xeración de investigadores.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das bolsas destinarase un total de 478.165,23 euros con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comuni

dade Autónoma de Galicia dos anos 2003 e 2004 de acordo coa seguinte distribución: 119.541,31 euros no ano 2003 e 358.623,92 euros no ano 2004.

As cantidades antes citadas poderanse incrementar de acordo coa dispoñibilidade de crédito da Dirección Xeral de Universidades e coas cantidades que, con cargo ó Fondo Social Europeo, se compromete a achegar a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, en función do protocolo de colaboración asinado o 24 de xuño de 2003 entre o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Requisitos dos solicitantes.

a) Posuí-la nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ter residencia en España no momento de solicita-la bolsa.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, enxeñeiro superior ou de arquitecto, incluído o proxecto de fin de carreira, se o houbese.

c) Estar admitido no curso 2003/2004, en programas de terceiro ciclo impartidos nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo.

d) Estar integrado nun grupo de investigación dun centro público de investigación da Comunidade Autónoma para realizar actividades complementarias de formación.

2. Período de aproveitamento.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 2003 e setembro de 2004. As bolsas concedidas poderanse prorrogar por unha soa vez e para un só programa de doutoramento, e de acordo coa normativa que se elabore para o efecto.

3. Contía.

O importe total de cada bolsa será de 4.687,89 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

a) As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo I á presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou doutro documento equivalente no caso de cidadáns da Unión Europea. Os cidadáns doutros países presentarán fotocopia da tarxeta de residentes.

-Certificación académica oficial ou copia compulsada, detallada dos estudios de titulación, na que figure as

cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia.

Aqueles solicitantes que non obtiveran a súa titulación nalgunha das universidades galegas, deberán facer constar, expresamente na certificación académica, a nota media final do seu expediente.

No caso de estudios validados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha titulación a través do correspondente curso de adaptación, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación e ó 2º ciclo, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

-Fotocopia compulsada do correspondente título ou, no seu defecto, documento acreditativo de pagamento das taxas correspondentes para a súa expedición.

-Certificado do secretario do correspondente departamento, segundo o modelo que se inclúe, como anexo II, no impreso de solicitude, no que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento.

-Documento asinado polo director dun grupo de investigación da Comunidade Autónoma, segundo o modelo que se inclúe, como anexo III, no impreso de solicitude, no que conste que no caso de obtención da bolsa, o solicitante integrarase no dito grupo para realizar actividades de formación cunha dedicación mínima de 10 horas semanais e máxima de 15 horas semanais.

c) O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o día 30 de setembro de 2003. En todo caso, o prazo mínimo establecido será o estipulado no artigo 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, das súas delegacións provinciais, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm.

Esta lista estará exposta do 16 ó 25 de outubro de 2003, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo,

formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos, achegando, se é o caso, a documentación necesaria ante a Dirección Xeral de Universidades. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Selección dos candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de bolseiros será efectuada por unha comisión constituída por tres representantes da Dirección Xeral de Universidades, dos que un deles actuará como presidente e outro como secretario con voz e con voto, máis un representante da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento e os vicerrectores competentes na materia das tres universidades galegas.

6.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase en atención ós seguintes valores proporcionados polas universidades correspondentes: expediente persoal, media da titulación dos últimos tres anos e desviación típica dela.

O reparto das bolsas realizarase en función de catro grandes áreas da forma seguinte:

-37 bolsas para estudios de ciencias experimentais e da saúde.

-37 bolsas para estudios de ciencias sociais e xurídicas.

-30 bolsas para estudios de ensinanzas técnicas.

-26 bolsas para estudios de humanidades.

As bolsas, correspondentes ás áreas que non podan cubrirse na súa totalidade por bolseiros coa nota mínima que estableza a comisión, engadiranse ás outras áreas.

Artigo 7º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través do director xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha relación de concedidas, unha de suplentes e outra de solicitudes denegadas coas causas de exclusión. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Condicións de aproveitamento.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co aproveitamento doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo con aquelas bolsas destinadas

a cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

As bolsas concédense para o curso completo, polo que no caso de renuncia ou revogación o bolseiro deberá reintegra-las cantidades xa aboadas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Dirección Xeral de Universidades, logo de xustificación dos cursos superados e das actividades de formación realizadas polo bolseiro durante o período anterior á renuncia.

Artigo 9º.-Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases e no que especificará o conxunto de bolsas solicitadas e concedidas. O citado documento deberá remitirse á Dirección Xeral de Universidades no prazo de 5 días contados desde a data de recepción. Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o interesado renuncia á bolsa concedida.

Artigo 10º.-Pagamentos.

Os pagamentos, que serán trimestrais, realizaranse despois de que as universidades acrediten que os bolseiros seleccionados están matriculados nos correspondentes programas de terceiro ciclo.

O pagamento do último trimestre farase efectivo despois de que o titor do bolseiro emita informe favorable en relación co cumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas, recollidas no punto 11 da presente convocatoria, e de que o bolseiro especifique mediante declaración xurada o conxunto de bolsas solicitadas e concedidas.

Artigo 11º.-Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros están obrigados a asistir ás clases, seguir con aproveitamento os cursos correspondentes ó seu programa de doutoramento e a realiza-las actividades complementarias de formación que determine o titor e deberán integrarse nun grupo de investigación realizando dentro del actividades de formación, cunha dedicación mínima de 10 horas semanais e máxima de 15 horas semanais.

Os bolseiros están obrigados a lle comunicar á Dirección Xeral de Universidades a renuncia á bolsa tan pronto como se produza a causa que determine a dita renuncia.

Ó finaliza-lo período de desfrute da bolsa, e antes do 5 de outubro de 2004, o bolseiro deberá presentar certificación do director do grupo de investigación no que se integrou, na que se faga consta-las actividades de formación realizadas durante o desfrute da bolsa.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas na presente convocatoria suporá a perda da bolsa concedida e, se é o caso, o reintegro das cantidades cobradas conforme o establecido no arti

go 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de suplentes que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Universidades, da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Sexta.-A convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria