Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 16 de xullo de 2003 Páx. 9.496

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do modificado do proxecto do Parque Eólico Álabe-Ventoada, no concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 26 de maio de 2003 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do modificado do proxecto do parque eólico Álabe-Ventoada, no concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Parque eólico Álabe-Ventoada. Proxecto modificado. Febreiro 2002.

* Parque eólico Álabe-Ventoada. Proxecto modificado. Estudio de impacto ambiental. Febreiro de 2002.

* Documento resposta ó informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Marzo de 2003.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real Decreto 1997/1995, dO 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, considera que o modificado do proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na docu

mentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó modificado do proxecto de execución do parque eólico Álabe-Ventoada, que atinxe a 11 aeroxeradores e as súas infraestructuras asociadas, que se van executar no ámbito do referido parque, sito no concello de Muras (Lugo).

As coordenadas UTM da poligonal na que se desenvolverán as actuacións son as mesmas que figuran na DEA do parque eólico Álabe-Ventoada.

A localización dos aeroxeradores e a súa infraestructura asociada será a que se recolle no plano planta de ocupación. nº de plano 3VENIM12-1, do estudio de impacto ambiental.

As coordenadas UTM dos 11 aeroxeradores previstos na zona son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

V-428c612.245,5534.812.477,674

V-429c612.355,9574.812.447,104

V-430c612.455,0004.812.410,000

V-431c612.559,9654.812.360,869

V-432c612.738,0004.812.395,000

V-405c612.823,0004.812.320,000

V-406c612.926,0004.812.281,000

V-407c612.998,9304.812.198,652

V-408c613.082,5574.812.127,192

V-409c613.178,5634.812.060,285

V-410c613.269,0004.811.979,000

2. Condicións xerais.

Para o non especificado na presente DIA serán de aplicación, con carácter xeral, os condicionados establecidos na DEA do Parque Eólico Álabe-Ventoada e todos aqueles derivados do seu seguimento.

3. Condicións específicas.

3.1. Protección da atmosfera.

Non se considera necesaria a realización de medicións de ruído durante a fase de obras. Na fase de funcionamento, levarase a cabo o plan de control do nivel de ruído aprobado para o parque Álabe-Ventoada.

3.2. Protección das augas e leitos fluviais.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas protectoras e correctoras adoptadas.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución dos viais,

así como das plataformas de montaxe e foxos, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.

Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo, incluíndo, se é o caso, o remodelado de noiros ou a execución de releixos.

3.3. Protección do solo.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido á execución das obras, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

De ser precisa a realización de voaduras, disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

3.4. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.4.1. Sobre a fauna.

Nas cancelas canadenses que se instalen para impedi-lo paso do gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer no foxo. As ditas medidas consistirán nunha rampla, de subida nun lateral do foxo e capa de grava miúda no seu fondo, conforme o descrito no documento resposta ó informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Marzo 2003.

No referente á avifauna, levarase a cabo o plan de seguimento aprobado para o Parque Álabe-Ventoada.

3.4.2. Sobre a vexetación.

Xestionarase a biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, na medida do posible, de forma paralela ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo a súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso

de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

3.4.3. Sobre os hábitats naturais.

Á vista das conclusións achegada no documento resposta ó informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Marzo de 2003, a técnica constructiva dos viais poderá se-la prevista inicialmente no estudio ambiental, garantindo en todo caso que as obras non alteren as condicións de hidrolóxicas preexistentes.

Levarase a cabo un seguimento en campo co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras, de acordo co exposto no punto 3.7 desta DIA. Así mesmo, deberase atender ó que no seu momento, e de se-lo caso, se dispoña para equilibra-los impactos asumibles que se orixinen polo proxecto.

3.5. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións, aínda que as modificacións que se van executar implican un aumento da distancia ós puntos con materiais arqueolóxicos, mantense o condicionado establecido no punto 6 da DEA do Parque Álabe-Ventoada.

3.6. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, un plano de localización da zona de instalacións de obra e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma estimado das obras, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e reflicta, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

3.7. Programa de vixilancia e seguimento ambiental

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicándolle a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as

medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

3.7.1. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha dos aeroxeradores e presentarase, nun prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento das obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras executadas, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

3.7.2. Na fase de funcionamento, o seguimento ambiental realizarase conforme o establecido na DEA do Parque Eólico Álabe-Ventoada, incluíndose os seus resultados nos informes requiridos na devandita declaración.

4. Condicións adicionais.

Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprimentado este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O modificado do proxecto Parque Eólico Álabe-Ventoada, promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A. consiste nunha variación do trazado do vial de acceso ós cumios dos montes A Cape

lada e Talmante, que dá servicio ós aeroxeradores V-428c ó V-432c e V-405c ó V-410c, sufrindo algúns destes aeroxeradores unha pequena relocalización, xunto con outras instalacións e infraestructuras asociadas.

Medidas preventivas e correctoras

* Criterios de deseño de viais e gabias do cableado.

* Rede de drenaxe artificial (foxos e pasos transversais).

* Restauración e revexetación.

* Medidas de escape nos pasos de gando.

* Plan de seguimento e vixilancia ambiental.

* Cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental do Parque Eólico Álabe-Ventoada.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indica que aínda que, de acordo coa documentación presentada, as modificacións do proxecto implican que as distancias dos axentes de obra ós puntos con materiais arqueolóxicos aumentan, mantense o condicionado do punto 6 da DEA do 19 de maio de 2000.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite un primeiro informe no que presenta certas cuestións sobre a xustificación do modificado, se ben estima que a afección introducida polo proxecto non compromete a continuidade dos hábitats afectados, manténdose as posibilidades de sostemento nun estado de conservación favorable. A pesar do anterior, indica que no seu momento, e de se-lo caso, haberá que aterse ó que se dispoña para equilibrar estes impactos. Ademais do anterior, sinala unha serie de condicionados relativos ás gabias do cableado, plataformas de montaxe, pasos de gando e viais.

No segundo informe, sobre a documentación presentada polo promotor en resposta ó primeiro emitido, indica que satisface as cuestións ou peticións requiridas, obxectando que non se identifica ós autores e responsables da documentación presentada. Determina que, de cumprirse o exposto na documentación e informes emitidos ó respecto, non hai motivos para non estimar unha adecuada integración entre os intereses medioambientais e industriais.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe no que sinala, no punto de valoración da incidencia turístico-medioambiental que, dada a tesitura actual da zona (na que se teñen instalado varios parques eólicos), a incidencia sobre os seus valores turísticos existe, aínda que non é grave, e que desde unha óptica xeral a zona ten perdidas e alteradas as características máis salientables para a súa potenciación e explotación.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe no que indica que non existen modificacións significativas das afeccións xa descritas no proxecto inicial e que a única variación é positiva, reducíndose afeccións. Lembra, non obstante, que ante posibles afeccións a canles, para a execución de calquera obra, traballo ou actuación no dominio público hidráulico, zonas de servidume e policía, precisará autorización previa de Augas de Galicia, conforme a lexislación vixente.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Rafael Corral Bellas, en representación do grupo ecoloxista Guerrilleiros das Fragas, considera que o Plan Sectorial Eólico de Galicia ten grandes deficiencias en materia de protección ambiental, e que o presente parque constitúe un exemplo máis, situándose ademais no espacio natural Serra do Xistral. Apunta cuestións relativas ós impactos sobre a rede hidrolóxica, fauna, hábitats naturais, restauración, interferencias electromagnéticas e iluminación nocturna.

José Santalla Carbajal, en representación da entidade Asesoramiento y Comercialización Marpu, S.L. alega cuestións relativas á tramitación do expediente, propiedade dos terreos, localización do proxecto nun espacio proposto para Rede Natura e outras cuestións relativas ó proxecto inicial do Parque Álabe-Ventoada.

Patricial Marchal Puchol, en representación da mesma sociedade, alega cuestións relativas á localización do proxecto en espacio proposto para Rede Natura e a necesidade de contemplar este aspecto na tramitación do proxecto, en virtude de diversa normativa ambiental de ámbito comunitario, estatal e autonómico. Tamén apunta cuestións relativas ó contido do estudio ambiental, afeccións ó dominio público hidráulico e a presencia de máis parques eólico na zona, co que habería que considera-lo conxunto de aeroxeradores como un único parque eólico.