Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 15 de xullo de 2003 Páx. 9.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2003 pola que se modifica o programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia acadada ata o momento polo Igape no seu programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia iniciado en maio de 2002, xunto coas necesidades manifestadas polos diferentes axentes do sector audiovisual galego, levan a considera-la posibilidade de estende-lo alcance do dito programa de forma que se poidan beneficiar del produccións audiovisuais con impacto na actividade económica da nosa comunidade que, por non cumpriren os requisitos establecidos no programa, non tiñan acceso a esta fonte de financiamento.

De acordo co programa actual, poden solicitar préstamos para o financiamento de produccións audiovisuais aquelas empresas que, entre outros requisitos, estean domiciliadas en Galicia e participen maioritariamente no proxecto, ou que, participando nun mínimo do 20% na producción, desempeñen a producción executiva da mesma. A experiencia móstranos que é cada vez máis frecuente a execución destes proxectos mediante diferentes fórmulas de cooperación entre empresas do sector, nas que, en ocasións, non existe unha empresa con posición maioritaria no proxecto ou unha única empresa que desempeñe a totalidade da producción executiva. Así, obsérvase que en ocasións as empresas galegas teñen unha participación relevante no proxecto pero non maioritaria, ou que comparten con outros participantes no proxecto as tarefas propias da producción executiva. Nestes casos pódense atopar proxectos coproducidos por empresas galegas con empresas non galegas que, sen cumpri-la empresa galega os requisitos

de participación maioritaria ou producción executiva mencionados, poden pre

sentar un interese especial para o desenvolvemento do sector audiovisual galego, xunto cun impacto directo na actividade económica da nosa comunidade autónoma derivado das actividades económicas que para a elaboración da producción se executen en Galicia e con inputs da nosa comunidade.

Por este motivo, considérase oportuno estende-los beneficios deste programa a empresas galegas con participación non maioritaria nunha producción audiovisual reducindo os ditos beneficios de xeito proporcional á súa porcentaxe de participación na producción obxecto de financiamento, e sempre e cando exista un interese para a nosa comunidade autónoma con base no seu impacto na actividade económica de Galicia.

Por último, engádese un parágrafo ó punto terceiro do programa que establece o arquivo das solicitudes que non cumpran condicións.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Únivo.-Publica-la seguinte modificación do programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 87, do 7 de maio de 2002), acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa reunión do 4 de xullo de 2003:

1. Modifícase o apartado c) do punto segundo, que queda redactado como segue:

«c) Participen maioritariamente no proxecto productoras con enderezo social e fiscal en Galicia, ou ben, que as ditas productoras desempeñen a producción executiva, sempre que neste caso participen como mínimo nun 20% da producción. Excepcionalmente, tamén poderán solicitar préstamos as productoras con domicilio social e fiscal en Galicia, que aínda que non maioritariamente, participen nunha producción audiovisual que teña interese polo seu impacto no sector audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste último caso axustarase o importe do préstamo á porcentaxe da súa participación na producción».

2. Engádese o seguinte parágrafo ó punto terceiro:

«Aquelas solicitudes que non reúnan as condicións establecidas neste programa serán arquivadas sen máis trámite pola Dirección Xeral do Igape, dando comunicación ó solicitante».

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA