Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 15 de xullo de 2003 Páx. 9.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2003 pola que se convoca a décimo cuarta edición do curso superior de relacións laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias atribuídas pola Lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Conscientes da demanda, pola sociedade galega, de ensinanzas do máis alto nivel no marco das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis concorrente, a adaptación da xestión das empresas ó novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos e, en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro de 1995 (DOG do 2 de marzo), pola que se establece o prezo privado para satisfacer, en concepto de matrícula, polos alumnos que realicen o curso superior de relacións laborais, procédese a convoca-la décimo cuarta edición do curso superior de relacións laborais que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

1ª Obxecto: o curso pretende ser un foro de exposición e debate sobre os profundos cambios producidos anualmente na lexislación laboral, que afectan, ademais de o mercado de traballo (formas de contratación, organización do traballo, extinción do traballo), a negociación colectiva, a representación

dos traballadores na empresa, a seguridade social e a seguridade e hixiene no traballo. Así mesmo, non cabe esquece-la incidencia que está a te-lo dereito social comunitario sobre as lexislacións sociais dos distintos estados membros da Unión Europea.

2ª Destinatarios: diríxese o curso a cantos están interesados en adquirir unha formación e/ou actualización nas materias laborais en xeral, facilitando a súa capacitación para resolve-las cuestións suscitadas polas relacións laborais e a xestión de recursos humanos e, en especial, ós licenciados en dereito, ciencias económicas e empresariais, ou a diplomados en relacións laborais, responsables de recursos humanos, xefes de relacións laborais, asesores e cadros das organizacións sindicais e empresariais, etc.

3ª Contido e horas lectivas: o curso contará cun total de 186 horas lectivas distribuídas nos seguintes módulos formativos:

Módulo IPolítica e xestión integrada dos recursos humanos36 horas

Módulo IIRelación individual de traballo48 horas

Módulo IIIRelacións colectivas de traballo34 horas

Módulo IVDereito administrativo do traballo. Saúde laboral. Dereito penal do traballo24 horas

Módulo VSeguridade social20 horas

Módulo VIDereito social comunitario8 horas

Para as sesións de inauguración e clausura, así como para as mesas redondas está previsto un total de 16 horas.

4ª Calendario: a inauguración do curso terá lugar o 19 de setembro de 2003 e rematará o 18 de marzo de 2004. Os días lectivos, normalmente 2 -excepcionalmente 3- por semana, figuran detallados no programa que se entregará ós alumnos.

As clases impartiranse nas aulas da facultade de dereito de Santiago de Compostela e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, desde as 16.30 ata as 20.30 horas.

A dirección do curso poderá modifica-lo programa de desenvolvemento por circunstancias eventuais que afecten a súa organización. Estas variacións seranlles anunciadas ós asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se vaian impartir e dos seus correspondentes relatores.

5ª Inscrición e solicitudes: a) Información. Os alumnos que desexen matricularse no curso deberán poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do Curso, no Consello Galego de Relacións Laborais, Algalia de Abaixo, 24, 15781 Santiago de Compostela, teléfono 981 54 16 06/981 54 16 07, telefax 981 54 16 10, e-mail: maria.luisa.pena.babio*xunta.es, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude.

b) Prezo. O prezo que deberán satisface-los alumnos en concepto de matrícula será de mil douscentos noventa e dous euros con dezaoito céntimos (1.292,18), segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG do 2 de marzo) que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.

O importe da matrícula poderá ser satisfeito nos prazos e contías que a continuación se dispón:

1º prazo: 691,16 euros, antes do 19 de setembro de 2003, día sinalado para a inauguración oficial do curso.

2º prazo: 601,02 euros, antes do día 2 de decembro de 2003.

c) Número de prazas: o número de prazas que se convocan pola presente resolución é de 50.

d) Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ó Consello Galego de Relacións Laborais, acompañadas do xustificante de ter efectuado o pagamento total ou parcial do correspondente importe da matrícula.

e) Prazo de admisión: o prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o 4 de xullo e rematará o 19 de setembro ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.

6ª Asistencia, avaliación de diploma: é obrigatoria a asistencia regular a tódalas actividades do curso. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ó comezo e ó remate de cada sesión.

Ó remate de cada módulo o alumno deberá realizar un test sobre os contidos mínimos das materias impartidas naquel. O dito test terá como finalidade

de verifica-lo aproveitamento das ensinanzas recibidas e potencia-lo debate nas sesións.

A matrícula do curso, a asistencia regular ás ensinanzas programadas e a realización dos test dá dereito á expedición do oportuno diploma pola Universidade de Santiago de Compostela, e o Consello Galego de Relacións Laborais.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, en máis do 20% das sesións académicas privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que concorrese.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2003.

Demetrio Fernández López

Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais