Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 15 de xullo de 2003 Páx. 9.401

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 3 de xullo de 2003 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Turismo.

Logo da creación do Consello Galego de Turismo polo Decreto 90/1989, do 11 de maio, a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia defíneo no seu artigo 7 como o órgano consultivo, asesor e colaborador da Xunta de Galicia en materia turística, establecendo xenericamente as súas funcións e remitindo a concreción da composición, organización e funcionamento ó posterior desenvolvemento regulamentario.

Este desenvolvemento regulamentario produciuse mediante o Decreto 224/1998, do 17 de xullo, posteriormente derrogado polo vixente Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.

A disposición derradeira primeira do citado decreto establece que o Consello Galego de Turismo, reunido en pleno, elaborará o seu regulamento, que establecerá o funcionamento do pleno e das comisións de traballo e que se elevará para a súa aprobación ó conselleiro competente en materia de turismo.

Por conseguinte, en uso das facultades conferidas pola disposición derradeira primeira do Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico,

DISPOÑO:

Artigo único.-Regulamento de réxime interior.

Apróbase o Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Turismo, que se insire como anexo ó presente documento.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-A presente orde entrará e vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DO CONSELLO GALEGO DE TURISMO

Capítulo I

Disposición xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente norma ten por obxecto regulamenta-lo réxime interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Turismo.

2. En todo o non previsto por este regulamento, será de aplicación o establecido en relación cos órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Funcións.

O Consello Galego de Turismo, xunto coas funcións asignadas polo artigo 3 do Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia do Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de interese turístico, exercerá as demais que se establezan legal ou regulamentariamente.

Artigo 3º.-Sede.

1. O Consello Galego de Turismo ten a súa sede na localidade e no inmoble no que se atopan os servicios centrais de turismo.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as convocatorias dos órganos que integran o consello poderán fixar unha localidade e un lugar diferente para a realización das sesións.

Artigo 4º.-Funcionamento.

O Consello Galego de Turismo funcionará en pleno e en comisións de traballo.

Artigo 5º.-Servicios.

1. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dotará o consello dos medios necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

2. A secretaría do consello ocuparase do arquivo da documentación, de traslada-las convocatorias das sesións, así como de tramitar tódolos actos de comunicación entre o consello e os seus membros, baixo a supervisión do secretario.

Artigo 6º.-Designación, substitución ou renuncia dos membros do consello.

1. Correspóndelles ós órganos, organizacións e institucións mencionados no artigo 1 do Decreto 39/2001 a designación e substitución dos membros do pleno do consello, e dos seus suplentes.

2. Os órganos, organizacións e institucións ás que fai referencia o apartado anterior remitirán ó consello escrito dos acordos adoptados en relación á designación, substitución ou cesamento dos membros deste ou dos seus suplentes no prazo dun mes. O secretario acusará recibo destes escritos, acreditará a súa suficiencia e elevaraos ó conselleiro competente en materia de turismo para que proceda ó seu nomeamento, de conformidade co artigo 2 do Decreto 39/2001.

3. As renuncias individuais dos membros do consello deberán formalizarse ante o secretario, que tomará nota e o comunicará ó conselleiro competente en materia de turismo e á organización correspondente para que proceda a designar á persoa substituta do renunciante.

Capítulo II

Do pleno

Artigo 7º.-Composición.

O pleno do Consello Galego de Turismo está composto por:

1. O conselleiro competente en materia de turismo, que será o seu presidente.

2. O titular do centro directivo competente en materia de turismo, que será o seu vicepresidente.

3. Un representante da consellería competente en materia de política territorial, obras públicas e vivenda.

4. Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

5. Un representante da consellería competente en materia de desenvolvemento rural.

6. Un representante da consellería competente en materia de sanidade.

7. Un representante da consellería competente en materia de economía e facenda.

8. Un representante da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

9. Un representante da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.).

10. Un representante da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

11. Un representante da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

12. Un representante dos pazos de congresos e organizadores profesionais de congresos.

13. Un representante dos centros oficiais de formación profesional de hostalería proposto polo conselleiro competente en materia de educación.

14. Un representante das asociacións de usuarios e consumidores, proposto polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

15. Un representante do Instituto Galego de Consumo.

16. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos hoteleiros, proposto polas respectivas asociacións.

17. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos de turismo rural, proposto polas respectivas asociacións.

18. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos de campamentos de turismo, proposto polas respectivas asociacións.

19. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de restaurantes, proposto polas respectivas asociacións.

20. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de cafeterías, cafés, bares, tabernas, discotecas e salas de festas, proposto polas respectivas asociacións.

21. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de cátering e de colectividades proposto polas respectivas asociacións.

22. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de axencias de viaxes, proposto polas respectivas asociacións.

23. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de establecementos balnearios, proposto polas respectivas asociacións.

24. Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de guías de turismo especializados.

25. Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, propostos pola referida federación.

26. Os presidentes das deputacións provinciais de Galicia, ou deputados provinciais en que deleguen.

27. Un representante das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Galicia.

28. Un representante da cada Universidade de Galicia, por proposta dos rectores de cada unha delas.

29. Un representante de cada unha das tres centrais sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

30. Tres vocais designados polo conselleiro competente en materia de turismo, entre persoas de recoñecido prestixio e experiencia en temas de turismo.

31. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario do centro directivo competente en materia de turismo, proposto polo titular do dito centro directivo.

Artigo 8º.-Atribucións.

1. Corresponde ó pleno do Consello Galego de Turismo:

a) Informar e asesora-la administración turística autonómica naquelas cuestións relacionadas cos intereses xerais do turismo nesta Comunidade Autónoma.

b) Propoñe-la realización de estudios, investigacións e publicacións que se consideren necesarios para o desenvolvemento turístico de Galicia.

c) Emitir informes no trámite de audiencia sobres os plans turísticos previstos na Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

d) Propoñe-las accións que considere de interese para a consecución dos seguintes obxectivos:

-Formación e actualización de recursos humanos no sector turístico.

-Dinamización do emprego no sector turístico.

-Defensa, conservación e recuperación dos recursos turísticos.

-Diversificación da oferta turística.

-Configuración de novos productos turísticos.

-Modernización e mellora da calidade e da competitividade da oferta turística.

-Desestacionalización turística.

-Promoción turística.

e) Elaborar un informe anual sobre a situación turística de Galicia.

f) Propoñer calquera outra acción non prevista anteriormente que poida contribuír ó fomento e desenvolvemento turístico e á planificación da política turística de Galicia.

2. Corresponde á exclusiva competencia do pleno a aprobación da proposta de modificación do Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Turismo.

Artigo 9º.-Delegación de competencias e avocación.

1. O pleno poderá delegar nas comisións de traballo o exercicio daquelas das súas funcións que sexan susceptibles de delegación.

2. O pleno poderá avocar para si o coñecemento de calquera asunto delegado ou atribuído ás comisións de traballo cando o considere conveniente.

Artigo 10º.-Sesións constitutivas.

Tras cada renovación do consello (que se producirá cada 4 anos), o titular da consellería competente en materia de turismo convocará a sesión constitutiva no prazo dun mes desde o nomeamento dos membros.

Artigo 11º.-Convocatorias de sesións.

1. O pleno do Consello Galego de Turismo reunirase en sesión ordinaria unha vez cada seis meses.

2. O pleno, así mesmo, reunirase en sesións extraordinarias por decisión do seu presidente ou a petición de, alomenos, a terceira parte dos seus membros.

3. A convocatoria da reunión será notificada a cada un dos membros do consello con, alomenos, cinco días hábiles de antelación á data de celebración. Nembargantes, se o presidente apreciara a urxencia dun asunto, poderá convoca-la reunión cunha antelación mínima de corenta e oito horas, no suposto de sesións extraordinarias.

4. A convocatoria incluirá a orde do día fixada polo presidente e indicará o lugar, a data e a hora de celebración da reunión. Así mesmo, incluirá unha segunda convocatoria que se vaia realizar trinta minutos despois da primeira.

5. Xunto coa convocatoria, achegarase copia da acta da sesión anterior, así como copia da documentación relativa ós temas que se vaian tratar ou extracto desta, en función da súa extensión. En todo caso, a documentación completa correspondente ós temas que se vaian tratar na reunión, estará á disposición dos membros do consello, para a súa consulta, na secretaría deste, desde o momento de practicarse a convocatoria.

Artigo 12º.-Orde do día.

A orde do día será fixada polo presidente, tendo en conta as peticións dos membros do consello.

No suposto de sesións extraordinarias convocadas a petición dunha parte dos membros do consello, a orde do día incluirá os asuntos propostos por quen instase a convocatoria.

Artigo 13º.-Quórum de constitución.

Para a válida constitución do pleno, en primeira convocatoria, requirirase a presencia do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan, e da metade máis un, alomenos, dos membros do consello.

De non acadarse a maioría indicada no punto anterior, o pleno quedará validamente constituído, en segunda convocatoria, coa presencia do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan, e da terceira parte dos membros do consello.

Artigo 14º.-Substitución do presidente e do secretario.

1. En caso de ausencia do presidente do consello nas reunións do pleno, será substituído polo vicepresidente deste e, no seu defecto, por aquel que designe entre os membros do consello.

2. En caso de ausencia do secretario, será substituído pola persoa designada polo titular do centro directivo competente en materia de turismo.

Artigo 15º.-Adopción de acordos.

Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos dos membros asistentes, dirimindo os empates o voto do presidente. Nembargantes, o acordo aprobatorio de calquera proposta de modificación do presente regulamento de réxime interior requirirá a maioría absoluta dos membros do consello.

Non poderán adoptarse acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, agás que estean presentes tódolos membros do consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 16º.-Asistencia de persoas alleas ó consello.

Cando a orde do día así o requira, o presidente, por iniciativa propia ou por petición razoada dalgún dos membros do pleno, poderá autoriza-la asistencia ás reunións de persoas alleas ó consello, con voz pero sen voto, en razón da súa experiencia e coñecemento dos asuntos que se vaian tratar.

Igualmente, por disposición do presidente, logo de proposta do vicepresidente, poderán tomar parte nos traballos do consello, en temas concretos, con voz pero sen voto, os técnicos do centro directivo competente en materia de turismo, e do centro directivo ou unidade competente en materia de promoción do Camiño de Santiago.

O presidente do consello tamén poderá reclama-la colaboración de técnicos doutras consellerías cando os asuntos que se van tratar así o requiran.

Artigo 17º.-Actas.

1. De cada sesión do pleno levantará acta o secretario que recollerá a relación de asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo da celebración, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Os membros do consello poden solicitar que conste na acta o seu voto contrario ós acordos adoptados, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Os membros do consello poden solicitar que conste a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, achegando o texto fidedigno ó secretario no acto ou no prazo de cinco días hábiles desde a celebración da reunión, o que se fará constar na acta, uníndose o dito texto a esta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo de corenta e oito horas desde a celebración da reunión, incorporándose á acta.

5. As actas serán aprobadas na seguinte sesión do pleno do consello.

Capítulo III

Das comisións de traballo

Artigo 18º.-Atribucións e composición.

1. As comisións de traballo constituiranse para estudiar temas concretos e disolveranse cando estes finalicen.

2. Estas comisións estarán integradas polos membros do consello e os técnicos e profesionais do turismo, non membros do consello, que o presidente designe por proposta do vicepresidente.