Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 14 de xullo de 2003 Páx. 9.368

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispon o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo do sector da hostalería da provincia de Ourense para os anos 2003 e 2004, a acta e o escrito de rectificación de erros deste.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da hostalería da provincia de Ourense para os anos 2003 e 2004 de Ourense (código de convenio nº 3200215), que tivo entrada na delegación provincial o día 2 de abril de 2003, a acta e o escrito de rectificación de erros deste, subscrito o 24 de marzo de 2003, pola Federación Provincial de Empresarios da Hostelería da provincia de Ourense, en representación da parte empresarial, e, polas centrais sindicais: Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), en representación dos traballadores do sector.

Esta delegación provincial de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995 do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/82, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Odena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 28 de abril de 2003.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de hostalería

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais de tódolos traballadores que desenvolven as súas funcións dentro de Ourense e da súa provincia, estean ou poidan estar incursos no acordo laboral de ámbito estatal para o sector de hostalería asinado o 1-7-2002, código de convenio nº 9910365.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A duración do presente convenio será de 2 anos, con efectos de vixencia desde o día 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro de 2004. Os efectos económicos serán a partir do día 1 de xaneiro de 2003. Todo isto con independencia do seu rexistro pola autoridade laboral e publicación no BOP, salvo as excepcións indicadas no propio texto.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non o denunciar calquera das partes con antelación mínima de tres meses respecto á data da súa terminación, entendéndose por denuncia válida a efectuada por escrito certificado dirixido á outra parte, conforme o previsto no Estatuto dos traballadores. A negociación deste efectuarase ó mes seguinte do seu vencemento.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Por seren condicións mínimas as establecidas no presente convenio, deberán respectarse as que veñan gozando os traballadores ou as que puidesen ser incrementadas por disposición legal regulamentaria ou costume. Cando resulten máis beneficiosas para o traballador, respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do presente convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Capítulo II

Xornadas, horarios, horas extras, descansos diarios, semanais e vacacións

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada máxima de traballo para o persoal para o presente convenio para o 2003 será de 40 horas semanais. Na xornada continuada computarase a media hora de comida como xornada efectivamente traballada.

Artigo 5º.-Horarios.

A elaboración e fixación de horarios de traballo, será de común acordo entre a empresa e os traballadores, a través dos seus delegados de persoal ou comités de empresa, os cales gozarán os 15 días laborais antes da súa aceptación para consultas de traballadores e demais organismos que consideren oportunos:

a) Os devanditos cadros horarios deberán estar expostos en lugar visible, debendo estes sinala-la hora de entrada e saída, descanso diario e semanal e horarios das quendas.

b) Os cadros horarios deberán estar permanentemente expostos en sitios visibles nos centros de traballo.

c) Tales cadros horarios teñen que estar de conformidade co establecido no artigo 4º deste convenio, en canto á xornada máxima.

d) Os empresarios están obrigados a fixarlles un horario especial ós traballadores que realicen cursos de formación profesional de hostalería, para os efectos de que sexa posible asistir ós citados cursos.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo aboarase cun incremento do 100% sobre o salario que corresponda a cada hora de traballo individual, de acordo coa táboa de salarios anexa ó presente convenio.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 2 ó día, 15 ó mes e 80 ó ano, así como as limitacións impostas para o efecto pola lexislación en cada momento.

Artigo 7º.-Descanso diario.

Entre a terminación dunha xornada e o comezo doutra deberá existir un intervalo como mínimo de 12.00 horas.

Artigo 8º.-Descanso semanal.

Os traballadores terán dereito a un descanso semanal mínimo de día e medio ininterrompido, atendéndose para o seu goce ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 9º.-Festas aboables e non recuperables.

Se por necesidades do servicio e tralo acordo entre o traballador e a empresa se traballase en día festivo, aboarase da seguinte forma:

a) Se o traballador opta porque se lle compense economicamente o día traballado, deberá percibi-lo 150% do salario correspondente ó devandito día.

b) Se opta polo descanso compensatorio, terá dereito a día e medio ininterrompido, dentro da mesma semana na que coincida o devandito día.

c) O traballador ó que o seu descanso semanal lle coincida en festivo, terá dereito a outro día de descanso na mesma semana.

Para tódolos efectos o día 29 de xullo, día de Santa Marta, patrona da hostalería, 24 de decembro día de Noiteboa, e 17 de novembro, consideraranse festivos.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións para o persoal afectado por este convenio será de 30 días naturais ininterrompidos.

Durante as vacacións o traballador percibirá con cargo á empresa o salario real correspondente á súa categoría profesional.

Os traballadores que na data determinada para o seu goce non completasen o ano de servicio na empresa, ratearase polo tempo traballado.

Durante as vacacións anuais o traballador percibirá con cargo á empresa o salario correspondente á súa categoría profesional, sendo estas retribuídas a salario real.

En cada empresa elaborarase un cadro de vacacións conforme establece a lexislación vixente, é dicir: nos tres primeiros meses do ano, no que se exporá o período de vacacións para gozar por cada traballador, ou grupo de traballadores, intentando que sexan rotativas.

Capítulo III

Enfermidade, licencias, excedencias

e servicio militar

Artigo 11º.-Enfermidade.

No caso de enfermidade do traballador, a empresa está obrigada a satisface-lo complemento necesario para que, computando o que perciba con cargo á Seguridade Social, por prestación económica de IT, alcance o 100% do salario establecido no presente convenio.

A empresa reserva para si o dereito a recorrer ante a inspección médica para verifica-la autenticidade de calquera baixa por IT.

Artigo 12º.-Licencias.

As empresas afectadas polo presente convenio concederán as licencias retributivas que soliciten os traballadores, tralo aviso e xustificación e polas causas e prazos que a continuación se consignan:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por falecemento de fillos: 5 días naturais.

c) Por enfermidade grave, accidente, hospitalización ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

d) Por asistencia a exames, o tempo necesario requirido por estes, quedando o traballador obrigado a xustificar tal circunstancia e a duración daqueles.

e) Por traslado de domicilio habitual: 2 días naturais.

f) Vodas de fillos, irmáns, bautizos e primeiras comuñóns de fillos: 1 día si é dentro da provincia, e 2 se é fóra dela.

g) Para realización de funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

h) Tres días por nacemento de fillos.

Artigo 13º.-Excedencia.

Establécese a situación de excedencia voluntaria para o persoal afectado por este convenio, sendo preciso que para gozar tal beneficio se leve ó servicio da empresa máis de 2 anos. A permanencia na situación de excedencia á que se refire o parágrafo anterior, non poderá ser inferior a 3 meses, nin superior a 5 anos, concedéndose esta por unha soa vez.

Causarase baixa na empresa definitivamente no caso de que finalizada a excedencia non solicite o traballador o reingreso por escrito con 1 mes de antelación ó vencemento desta.

No caso de solicita-lo reingreso das excedencias de igual categoría profesional, terá preferencia o que teña maior antigüidade na empresa. O traballador en excedencia non se poderá ocupar en ningún centro de traballo que desenvolva a súa actividade en iguais ou similares características á da súa profesión.

Durante o período de excedencia non percibirá ningún soldo.

Artigo 14º.-Premio de permanencia na empresa.

Todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar á situación de invalidez permanente, con máis de 5 anos de servicio, percibirá desta o equivalente:

-Ós 5 anos de servicio na empresa: 2 meses de vacacións.

-Ós 10 anos de servicio na empresa: 6 meses de vacacións.

Estas gratificacións traduciranse en diñeiro no caso de que o traballador falecese antes de se xubilar e xa cumpridos os 55 anos, ou levase dez anos de servicio ininterrompidos na empresa, no momento da súa morte. Estas percibiranas tanto o home coma a muller, e no seu lugar os orfos de menos de 18 anos, ou de máis se están incapacitados para o traballo.

Artigo 15º.-Código de conductas.

As relacións laborais na empresa discorrerán en todo momento polo camiño da igualdade, mutuo respecto e diálogo. O traballador obedecerá as ordes que lle correspondan á súa específica categoría profesional dentro do seu horario de traballo, salvo aqueles casos que fosen de excepción.

Artigo 16º.-Ascensos.

Os ascensos de categoría profesional produciranse tendo en conta a formación e a antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 17º.-Cesamentos, prazos e aviso previo.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente dos seus servicios na empresa veranse obrigados a poñelo en coñecemento desta por escrito ou a través dos delegados sindicais ou comités de empresa, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

a) Xefes de grupos profesionais: 30 días naturais.

b) Resto dos traballadores: 15 días naturais.

O incumprimento do traballador da obriga de avisar coa mencionada antelación, daralle dereito á empresa a descontar da liquidación deste o salario dun día por cada día de atraso.

Capítulo IV

Aprendizaxe

Artigo 18º.-Concepto.

Os traballadores en calidade de aprendizaxe ligados á empresa, segundo un contrato especial, polo cal esta, á vez que utiliza o traballo do que aprende, se obriga a ensinarlle o oficio correspondente.

A aprendizaxe, que será sempre retribuída, dará lugar a un contrato especial que se rexerá, tanto no seu contido como na súa forma, e nas obrigas respectivas de cada unha das partes, respectivamen

te, ademais de polo regulado nas disposicións legais, polas seguintes condicións:

a) O número de horas de traballo á semana non poderá ser superior a 35 horas repartidas en 7 diarias durante 5 días.

b) Non poderán realizar horas extraordinarias.

c) A xornada de traballo non poderá comezar antes das 9.00 da mañá, nin rematar despois das 22.00 horas, polo que non poderán realizar traballo nocturno.

d) A xornada de traballo será continuada con interrupción de 30 minutos para a comida.

e) As tarefas encargadas a estes traballadores serán exclusivamente as pertinentes á categoría profesional para a que se están preparando.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 19º.-Retribucións.

As retribucións do persoal afectado por este convenio serán as da táboa de salarios anexos.

Serán de obrigado cumprimento para tódolos traballadores que presten os seus servicios no sector de hostalería con independencia da súa modalidade de contratación, incluídas aquelas contratacións que expresamente sexan contratados a través das empresas de traballo temporal, as cales, e para este sector, deberán fixar estes salarios no documento contractual que formalicen coas empresas.

Artigo 20º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase dentro da xornada laboral.

Artigo 21º.-Anticipos.

O traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do seu salario sen que poidan exceder do 80% do salario ó que ten dereito a percibir.

Artigo 22º.-Recibos de salarios.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio quedarán obrigadas a entregarlles ós seus traballadores no momento de aboárlle-los seus salarios un recibo (do modelo oficial) no que consten con toda claridade os seguintes datos:

a) Os datos da empresa e os profesionais do traballador.

b) O período de tempo que se paga, a cantidade total e real en euros gañados polo traballador, con especificación de todos e cada un dos conceptos polos que se cobra.

Os recibos de salarios téñense que referir a meses naturais concretos. Se a empresa pagase por semanas, quincenas ou calquera outro período inferior ó mes, estas cantidades consignaranse como anticipos.

Artigo 23º.-Salario base.

O salario bruto base anual para os traballadores afectados por este convenio desde a súa vixencia a partir do día 1 do mes seguinte á sinatura do presente texto e a súa publicación no BOP ata o 31 de decembro de 2003, serán os da táboa de salarios anexo a el (anexo II), que representa unha suba no salario base dun 2,35% e para o ano 2004 a suba salarial será do IPC previsto polo Goberno máis o 0,35%.

Artigo 24º.-Antigüidade.

Todo traballador que na data do 31-12-1994 teña recoñecida antigüidade manteráselle esa contía, figurando na súa nómina o concepto complemento de antigüidade por dereitos adquiridos.

A partir do día 1-1-1995 pagarase o concepto de antigüidade en quinquenios e na contía de 12 euros e tomarase como inicio para o dito cómputo o tempo do citado día 1-1-1995.

Artigo 25º.-Complementos de posto de traballo.

O traballador que desempeñe unha praza de categoría superior percibirá o salario correspondente á mencionada categoría. Se o desempeño de tal actividade fose continuado durante tres meses ou alternos durante seis, o traballador consolidará o salario correspondente á citada categoría, logo de reclamación ante a empresa. Se por esixencia no traballo, sempre con carácter transitorio urxente e non reiterativo, se destinase a un traballador a tarefas pertencentes a categorías profesionais ás que non estea adscrito, conservará a retribución correspondente á súa categoría. En todo caso respectarase a orde xerárquica profesional para adscribi-lo traballador de categoría inferior, sempre e cando non constitúa represalias, discriminacións, tratos vexatorios ou ofensivos.

Artigo 26º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias que as empresas lles veñen aboando ós seus traballadores serán aboadas en xullo e decembro respectivamente, e consistirán nunha mensualidade do salario real cada unha.

Artigo 27º.-Complementos en especie.

Todo o persoal que ata a data teña recoñecido o dito complemento seguirá percibindo, sempre e cando non se faga uso do dereito de manutención, a empresa aboaralle 21,53 euros, e 5,59 euros respectivamente por cada unha das 12 mensualidades.

Ós traballadores que fagan uso do dereito de manutención e aloxamento a empresa aboaralles 15,35 euros durante o período de vacacións independentemente dos complementos salariais previstos para estes conceptos.

Artigo 28º.-Gratificación de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 22.00 horas e as 6.00 da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o tra

ballo sexa nocturno, en todo ou en parte, pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada, como mínimo, nun 25% sobre o salario base.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

Anualmente as empresas subministrarán como mínimo a tódolos seus traballadores sempre que se lles esixa a súa utilización dos uniformes completos, un no verán e outro no inverno, que constará de pantalón e camisa, ou falda e blusa.

Artigo 30º.-Contratación.

En prol de contribuír e darlle estabilidade ó emprego, as partes que asinan o presente convenio comprométense a fomenta-la contratación indefinida, como norma xeral con bases nas novas modalidades de contratación.

Sen embargo, ó ser este un sector cunha problemática específica propoñemos os seguintes modelos de contratación:

a) Contratos de formación. O contrato de formación terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio ou dun posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderanse realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos, cunha duración mínima de 6 meses, e prorrogable ata un máximo de 3 anos.

O período de formación será do 15% da xornada máxima prevista no convenio, que poderá ser impartida dunha soa vez ó inicio do contrato.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 75%, 85% e 95% do salario base da categoría de axudante de camareiro ou similar, durante o primeiro, segundo e terceiro ano, respectivamente da vixencia do contrato. A aplicación deste salario será para os contratos formalizados a partir da entrada en vigor do presente convenio ou da súa publicación no BOP.

b) Cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixiran, aínda tratándose da actividade normal da empresa, os contratos de traballo concertados de acordo co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores e os artigos 1 b) e 3 do Real decreto 2546/1994, terán unha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 18 meses.

Poderán acollerse ó disposto nesta disposición tanto nos contratos pactados desde a publicación do presente convenio como aqueles que estean xa en vigor na data de xubilación do presente convenio e aínda non esgotaron a súa duración.

De formalizarse por tempo inferior ó citado de 12 meses, poderán facerse prórrogas ata completa-la totalidade do tempo de 12 meses.

Artigo 31º.-Recoñecementos médicos.

Realizarase unha revisión médica anual o máis completa posible, que incluirá análises, exploracións radiolóxicas, auditivas a tódolos traballadores, o resultado da dita revisión médica será confidencial e o traballador recibirá unha copia desta.

Artigo 32º.-Réxime disciplinario polo acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade ou contra a liberdade dos traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, será conceptuadas como faltas graves ou moi graves no suposto de que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica con persoas con contrato laboral non indefinido. A sanción é aplicable no seu máximo grao.

O comité de empresa ou delegados de persoal e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado.

Artigo 33º.-Cláusula de revisión salarial.

Para o ano 2003, se o IPC real ó 31 de decembro de 2003 fora superior ó 2%, a diferencia terá efectos retroactivos ó 1 de xaneiro de 2003, pagándose os correspondentes atrasos e modificaranse á alza os valores dos conceptos obxecto do incremento salarial, que servirán de base para os incrementos do exercicio seguinte. A revisión será realizada o máis tardar na mensualidade seguinte ó facerse oficial o IPC real do exercicio.

Para o ano 2004 se o IPC real ó 31 de decembro de 2004 é superior á previsión oficial, a diferencia terá efectos retroactivos ó 1 de xaneiro de 2004, pagándose os correspondentes atrasos e modificaranse á alza os valores dos conceptos obxecto do incremento salarial, que servirán de base para os incrementos do exercicio seguinte. A revisión será realizada o máis tardar na mensualidade seguinte ó facerse oficial o IPC real do exercicio.

O dereito á dita revisión salarial alcanzará a tódolos traballadores afectados por este convenio durante todo ou parte do 2003 ou 2004, pertenzan ou non á empresa na data en que se produza esta revisión.

A cantidade resultante, correspondente ó ano completo ou, de se-lo caso, á parte rateada, aboarase (nunha soa paga) durante o primeiro trimestre do ano.

Capítulo VI

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión mixta.

Constitúese unha comisión mixta paritaria formada por cinco representantes da parte social, dos cales catro corresponderalle á Unión Xeral de Traballadores (UGT), e un a Comisións Obreiras (CC.OO.); e cinco da parte económica, compoñentes da comisión negociadora, así como polos asesores que as

partes xulguen oportunos, que terán voz pero non voto. Serán funcións desta comisión:

a) Interpretación auténtica do convenio.

b) Arbitraxe das cuestións de problemas derivados do presente convenio e sometidas á súa consideración por calquera das partes.

c) Intervención dos conflictos colectivos.

d) Vixilancia e cumprimento do pactado.

Todo isto sen prexuízo da competencia que a este respecto teñan atribuída os organismos ou autoridades competentes.

Segunda.-Servicios extraordinarios.

Consideraranse servicios extraordinarios aqueles que realicen traballadores alleos á empresa. Estes servicios serán retribuídos como mínimo de 36,54 euros por servicio.

As empresas que necesiten traballadores alleos a ela para este servicio ofrecerán estes obrigatoriamente ós profesionais do sector, a través do Instituto Nacional de Emprego, sempre que reúnan as condicións esixidas polo servicio para o que se lles require; no caso de non existiren estes na oficina de emprego, a empresa quedará en liberdade de contratar, ó igual que no caso de urxencia, no que por ser festivo, a devandita oficina estea pechada.

Terceira.-En todo o non especificado neste convenio ateranse ó disposto no acordo laboral de ámbito estatal para o sector de hostalería, asinado o 1 de xullo de 2002, código de convenio 9910365.

Cuarta.-Na táboa salarial anexa ó presente convenio especifícanse os salarios correspondentes ás distintas categorías profesionais de establecementos nas súas distintas modalidades, incrementados nun 2,35% para o 2003.

Quinta.-As empresas están en boa disposición para estimula-los seus traballadores na realización de estudios ou asistencia a cursos de formación cultural ou profesional, en horas distintas á xornada laboral, correndo a cargo desta o custo dos devanditos estudios, así como a concesión de premios en metálico, que teñen de estímulo ós traballadores que acrediten a regular asistencia e bo aproveitamento. As partes asinantes acordan que, no mes seguinte á sinatura do convenio, se constitúa unha comisión paritaria que permita o desenvolvemento dos distintos programas formativos.

Sexta.-Operador de son.

Todo traballador que realice as funcións de operador de son, en calquera establecemento de hostalería, terá o grupo 4 da táboa de asimilación das categorías profesionais.

Sétima.-Xubilación anticipada.

As empresas poderán establecer cos seus traballadores pactos previstos no artigo 2.b) do Real decreto do 19 de outubro de 1981, nº 2705/1981, que desenvolve o Real decreto lei do 20 de agosto, sobre xubilación especial ós 64 anos.

Oitava.-Xubilación obrigatoria.

A partir do 1 de xaneiro de 1992 establécese a xubilación obrigatoria para todo traballador que cumpra ou cumprise a idade de 65 anos e que completase os períodos de carencia necesarios para percibi-la correspondente pensión de xubilación.

Novena.-As partes que asinan o presente convenio, en cumprimento do establecido no artigo 26.5º da Lei 1/1995, do 24 de marzo, fan constar que o salario en cómputo anual e en función de xornada establecida no presente convenio, para o grupo 4, categoría 1ª, sen antigüidade, e sen conta-las gratificacións nin complementos persoais, é de 9.986,37 euros.

Décima.-Formación profesional.

As partes que asinan coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo deriva do afastamento da formación profesional respecto ás necesidades auténticas da man de obra, e da carencia dunha formación ocupacional continua para a actualización e a adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.

A formación profesional, tanto inicial como continua, ten uns fins primordiais que son mante-la competitividade da empresa e mellora-la calidade dos servicios que se prestan, á vez que facilita-lo perfeccionamento e a promoción profesional dos traballadores do sector comprendidos no ámbito do presente convenio, debe sustentarse sobre a base dun plan de formación profesional inicial e permanente que lles afecte ós traballadores. O devandito plan terá como criterios prioritarios na súa actuación:

1. Traballadores menos cualificados, co fin de facilitarlles unha formación de base.

2. Preparación para a introducción de novas tecnoloxías e modalidades de servicio.

3. Cualificación daqueles traballadores que como consecuencia dos cambios na organización do traballo ou creación de emprego o precisen.

4. Plans de actuación coordinados para atende-las necesidades de formación dos traballadores das pequenas e medianas empresas.

5. Acceso de mozos parados, mediante accións formativas, no marco do plan FIP, en colaboración coas institucións que se crea conveniente.

Co fin de facer efectivas as accións formativas, as partes que asinan, acordan realizar por si, ou por medio de entidades especializadas, estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra no sector.

Constituirase, no momento da sinatura do presente convenio, unha comisión paritaria de formación profesional, que estará composta por tres membros designados polos sindicatos e tres membros designados pola patronal, podendo acudir á mesa cantos técnicos ou asesores estimen oportuno as partes. Reunirase alomenos, unha vez por trimestre.

As competencias da comisión de formación profesional serán:

a) Concreta-lo plan de formación e aprobalo, marcando prioridades, xunto coas actuacións necesarias para a súa elaboración e seguimento.

b) Propoñer accións formativas.

c) Coordina-las accións de formación e o seu financiamento.

d) Levar á práctica cantas accións en materia de formación profesional acorden as partes.

Disposicións transitorias

Primeira.-O presente convenio é asinado pola Federación Provincial de Empresarios da Hostalería da Provincia de Ourense, dunha parte, e doutra as centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras, segundo o establecido na Lei 1/1995, do 24 de marzo, pola que se aproba o Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Área funcional primeira (recepción, conserxería, relacións públicas, administración e xestión).

Grupo profesional; tárefas; grupo.

I. Xefe de recepción; xefe de recepción; 1.

-2º xefe de recepción; 2º xefe de recepción; 3.

-Xefe de administración; contable xeral, 1; xefe 1º; 1.

-Primeiro conserxe; primeiro conserxe de día; 3; segundo conserxe de día; 5.

II. Recepcionista; recepcionista; 4, caixeiro; 4.

-Conserxe; conserxe de noite; 5.

-Administrativo; interventor; 3; contable; 3; oficial 1ª; 3.

III. Axudante de recepción e conserxería; axudante recepción; 6; axudante conserxería; 6; axudante de conserxería; 6.

-Axudante administrativo; oficial contabilidade; 3; auxiliar oficina e contabilidade; 4; auxiliar de caixa; 5; telefonista; 5.

IV. Auxiliar de recepción e conserxería; porteiro; 7; porteiro de coches; 7; porteiro recibidor; 7; porteiro de accesos; 7; porteiro de servicios; 7; vixilante de noite; 7: ordenanza de salón; 7; ascensorista; 7; botóns; 7; despachador de billetes; 5; mozo equipaxes; 7.

Área funcional segunda (cociña e economato).

Grupo profesional; tarefas; grupo.

I. Xefe de cociña; xefe de cociña; 1.

-2º xefe de cociña; 2º xefe de cociña; 2.

II. Xefe de partida; xefe de partida; 3.

-Cociñeiro; cociñeiro; 4.

-Reposteiro; reposteiro; 4.

-Encargado de economato; encargado economato; 4, encargado de almacén; 4.

III. Axudante de economato; axudante economato; 7, mozo almacén; 7.

-Axudante cociña; axudante cociñeiro; 5, axudante reposteiro; 6.

IV. Auxiliar de cociña; fregador; 7.

Área funcional terceira (restaurantes, bar e semellantes).

Grupo profesional; tarefas; grupo.

I. Xefe de restaurante-sala; xefe de comedor; 1; 1º xefe de sala; 2.

-2º xefe de restaurantes ou sala; 2º xefe de sala; 3.

II. Camareiro; camareiro; 4, dependente 1º; 4, dependente 2º; 6, cafeteiro; 5, caixeiro comedor; 5; pranchista; 4.

-Barman; barman; 3, 2º barman; 4.

-Sumiller; sumiller; 4.

-Operador de son; operador de son; 4.

III. Axudante camareiro; axudante camareiro; 6, axudante; 6, axudante pranchista; 6, axudante bárman; 6, axudante de dependente; 6, axudante de cafeteiro; 6, axudante de piso; 6.

Área funcional cuarta (pisos e limpeza).

Grupo profesional; tarefas; grupo.

I. Encargado xeral; gobernanta; 2; encargado de lencería; 5; encargado de lavadoiro; 5.

II. Camareiro de pisos; lencería; 6; camareira de pisos; 6, pasadora de ferro-costureira; 6, lavandeira-zurcidora; 6.

III. Auxiliar de pisos e limpeza; persoal limpeza; 7, limpadora; 7, mozo cuartos; 6, mozos de lavandería; 6.

Área funcional quinta (servicios de mantemento e servicios auxiliares).

Grupo profesional; tarefas; grupo.

I. Xefe de servicio de cátering; xefe servicio cátering; 1.

II. Encargado de mantemento e servicios; encargado de traballos; 3.

III. Especialista de mantemento e servicios; mecánico calefactor; 4; ebanista-carpinteiro; 4, electricista; 4; albanel, pintor, conductor; 4; fontaneiro, xardineiro; 4.

IV. Auxiliar de mantemento e servicios; axudante de mantemento; 5, garda exterior; 5.

ANEXO II

Clasificación de establecementos e seccións.

Seccións; clasificación de establecementos: 1ª categoría; 2ª categoría; 3ª categoría; 4ª categoría.

Sección primeira: hoteis, hostais, hoteis-residencias, albergues, paradores, hoteis-apartamentos, moteis, hostais en estacións termais, cidades de vacacións e cámping; 5 estrelas; 4 estrelas; 3 estrelas; 2 estrelas; 1 estrela.

Sección 2ª: pensións, fondas, casas de hóspedes e pousadas; 3 estrelas, 2 estrelas, 1 estrela, fondas.

Sección 3ª: restaurantes, casas de comidas e tabernas que non serven comidas; luxo, primeira; segunda; terceira; cuarta.

Sección 4ª: cafeterías; especial; primeira; segunda.

Sección 5ª: cafés, cafés-bares, bares americanos, whiskerías, cervexerías, chocolaterías, xeaderías; especial, luxo; primeira; segunda; terceira e cuarta.

Sección 6ª: salas de festas, salas de té, discotecas, tablaos flamencos, salóns de baile, casinos, sociedades recreativas; luxo; primeira; segunda; terceira.

ANEXO III

Táboas salariais por grupos profesionais

Grupos profesionais; 1ª categoría; 2ª categoría; 3ª categoría; 4ª categoría.

Grupo 1. 954.71; 932.25; 909.89; 887.63.

Grupo 2. 887.63; 865.11; 842.65; 821.26.

Grupo 3. 838.44; 816.05; 793.65; 771.22.

Grupo 4. 748.86; 726.45; 726.45; 705.16.

Grupo 5. 673.92; 651.52; 629.13; 629.13.

Grupo 6. 640.35; 640.35; 629.13; 629.13.

Grupo 7. 640.35; 640.35; 629.13; 629.13.

R. 2.175

En Ourense, 23 de abril de 2003, reunidos

-Por la parte empresarial:

Federación Empresarial de Hostelería de Ourense.

-Por la parte social:

Unión Xeral de Traballadores.

Comisións Obreiras.

Todos eles integrantes da comisión mixta de interpretación do convenio colectivo para o sector de hostalería da provincia de Ourense, e con domicilio para efectos de notificacións na sede comarcal de UGT, sita no Parque de San Lázaro nº 12, baixo, 32003 Ourense.

ACORDAN:

Proceder á aclaración do texto del convenio colectivo presentado ante a autoridad laboral para o seu registro e publicación definitiva, nos seguintes termos:

«Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Manterase integramente o seu articulado».

«Artigo 23º.-Salario base.

Queda redactado da seguinte forma:

O salaraio bruto anual para os traballadores afectados por este convenio desde o día 1 de xaneiro de 2003, serán os da táboa de salarios anexo a el (anexo II), que representa unha suba do salario base dun 2,35% e para o ano 2004 a suba salarial será do IPC previsto polo Goberno máis o 0,35%, con independencia do seu rexistro e publicación no BOP.».

No que se refire a discordancia entre a acta da comisión negociadora, e a data establecida nas follas estatísticas presentadas, observaranse un erro na acta da comisión negociadora, sendo a súa data a do día 24 de marzo de 2003.

E para que así conste, e para os efectos legais preceptivos, asinan esta acta no lugar e ut. supra.

Á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

Delegación Provincial de Ourense

Servicio de Relacións Laborais

Concepción López Caride, maior de idade, titular do DNI nº 34947722, secretaria xeral da Federación de Comercio, Hostalería, Turismo e Xogo de UGT. En Ourense, con domicilio para efectos de notificacións na sede comarcal da UGT, sita no parque de San Lázaro, nº 12 baixo, 32003 Ourense, ante esta delegación comparece e, como mellor proceda no dereito.

EXPÓN:

Que detectamos un erro de transcrición nas cantidades establecidas no artigo 27º. Complementos en especie, do convenio provincial de hostalería.

Que nestes momentos se encontran nesa delegación provincial pendente do seu rexistro e posterior publicación.

Que, por iso, é interese desta parte que, se proceda ó seu rexistro e publicación, rectificado o erro material nos seguintes termos:

«Artigo 27º.-Complementos en especie.

A todo persoal que ata a data teña recoñecido o dito complemento seguirao percibindo sempre e cando non se faga uso do dereito de manutención a empresa aboaralle 21,53 A, e 8,60 A (en lugar de 5,59 A) respectivamente por cada unha das 12 mensualidades.

Ós traballadores que fagan uso do dereito de manutención e aloxamento a empresa aboaralles 7,15 A (en lugar de 15,35 A) durante o perído de vacacións independentemente dos complementos salariais previstos para estes conceptos».

Polo exposto,

Suplica a este servicio que, teña por presentado este escrito, o admita a trámite, e na súa virtude,

teña por emenda do o erro de transcrición previamente referenciado, procedendo a súa rectificación, previo o seu rexistro e publicación no BOP:

É de xustiza.

En Ourense, 25 de abril de 2003.

Concepción López Caride

Secretaria xeral da Federación de Comercio,

Hostalería, Turismo e Xogo-UGT Ourense