Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 09 de xullo de 2003 Páx. 9.156

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2003 pola que se fai pública a convocatoria de I Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de títeres.

O IGAEM, a través do Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia e o Festival Internacional de Títeres Galicreques, coa colaboración dos concellos participantes, tentando dar pulo a unha das formas artísticas de maior incidencia social, a do teatro de monicreques, e en lembranza dun dos galegos pioneiros deste tipo de teatro, Barriga Verde, convoca o I Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de títeres, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.

Anúnciase a convocatoria anual do Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de títeres, e establécense dúas modalidades cunha dotación económica de 3.000 euros en cada unha delas.

Segunda.

Poderán optar ó premio tódolos autores, calquera que sexa a súa nacionalidade, que presenten obras inéditas, non representadas nin premiadas con anterioridade, escritas en calquera lingua oficial, sempre e cando estes textos veñan acompañados da súa correspondente traducción para o galego.

Terceira.

Establécense dúas modalidades ás que os autores poderán optar:

-Textos de teatro de monicreques para rapaces.

-Textos de teatro de monicreques para adultos.

A dotación do premio para cada unha destas modalidades será de 3.000 euros.

Cuarta.

As obras serán de temática e extensión libres. Presentaranse acompañadas de alomenos un exemplar na lingua orixinal e cinco en galego, en exemplares separados, mecanografados a dobre espacio, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.

Os textos orixinais presentaranse baixo un título e un lema, achegados dunha plica na que conste no exterior o título e mailo lema, e no interior o nome e os apelidos do autor, o seu enderezo, número de teléfono, correo electrónico -se dispón del-, a súa nacionalidade e fotocopia do documento que a acredite.

Quinta.

O prazo de admisión de orixinais remata o día trinta de agosto de dous mil tres.

Sexta.

O xurado estará composto por presidente e catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e do teatro de monicreques, máis unha persoa nas funcións de secretario, con voz pero sen voto.

O nomeamento do xurado farase público con anterioridade á súa primeira reunión.

Os membros do xurado non poderán optar ó premio.

Sétima.

No caso de que calquera das obras presentadas ó premio recibise algún outro galardón mentres opta a este, o autor terá a obriga de lle comunicar ó Galicreques esta incidencia e procederase á súa exclusión do concurso.

O xurado actuará en pleno, se é posible en sesión única, e será necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente, que será asinada pola totalide dos membros do xurado.

O xurado poderá declarar deserto o premio en calquera das súas modalidades.

O fallo do xurado terá lugar no transcurso do Galicreques 2003, e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación.

Oitava.

Os textos que desexen optar ó premio deberán ser remitidos ó seguinte enderezo:

I Premio Internacional Barriga Verde.

Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia.

Rúa do Vilar 35, 2º.

15705 Santiago de Compostela.

A Coruña - España.

Novena.

A obra galardoada poderá ser publicada polos convocantes do premio, que se reservarán para si por un prazo de dous anos desde a concesión do galardón os dereitos de edición ou de coedición, comprometéndose a lle entregar ó autor trinta exemplares da obra publicada.

Os convocantes tamén reservan para si o dereito, durante un prazo de dous anos desde a concesión do galardón, de promocionar e realiza-la montaxe e representación da obra premiada, sen que isto supoña ningún compromiso ou compensación para con respecto ó autor.

Décima.

Os orixinais non premiados poderán ser retirados no Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia, nun prazo de 30 días naturais contados a partir da data de comunicación do fallo.

Rematado o prazo sinalado de trinta días, os textos que non sexan retirados pasarán a incorporarse ó fondo de inéditos do mencionado Centro de Documentación, tendo este postestade para abri-las plicas e identificar autores e obras. Calquera acción de difusión pública dos orixinais queda supeditada á explícita autorización do autor e ás limitacións que marca a lei de propiedade intelectual.

Así mesmo, os autores dos textos poderán optar libremente a deixalos no mencionado Centro de

Documentación baixo as premisas que eles decidan e que o dito centro considere pertinentes.

Décimo primeira.

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais