Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 09 de xullo de 2003 Páx. 9.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de rematantes e serradoiros de madeira.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de rematantes e serradoiros de madeira (código convenio 1501235) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-5-2003, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Industrias da Madeira (Rematantes e Serradoiros), e da parte social, por UGT, CC.OO. e CIG o día 12-5-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de xuño de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de industrias

de rematantes e serradoiros de madeira

da provincia da Coruña

Ano 2003

Artigo 1º.-Partes signatarias.

Son partes asinantes do presente convenio, en representación empresarial: a Asociación Provincial de Empresarios de Rematantes e Aserradeiros de Madeira da Coruña; en representación dos traballadores as centrais sindicais: Unión Xeral de Traballadores (UGT), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ámbalas partes recoñécense mutuamente lexitimación para negocia-lo presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

a) Territorial. O presente convenio será de aplicación en toda a provincia da Coruña.

b) Funcional. Están afectadas polo presente convenio as empresas que se dediquen ás actividades de rematantes e serradoiros e outras semellantes que non estean incluídas noutros convenios.

c) Persoal. O presente convenio será de aplicación a tódolos traballadores e traballadoras e empresas incluídas no ámbito territorial e funcional.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia.

A vixencia do presente convenio estenderase desde o un de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2003.

O convenio entenderase prorrogado por períodos anuais, se ningunha das partes o denunciase con dous meses de antelación ó seu vencemento.

Unha vez producida a denuncia, manterase a vixencia do seu contido normativo, na súa totalidade, deica a sinatura dun novo convenio.

Artigo 4º.-Garantía ad personam.

Respectarase a tódolos traballadores e traballadoras as situacións persoais actualmente consolidadas no seu conxunto, en canto determinen maiores dereitos os recoñecidos neste convenio.

Tódolos conceptos salariais teñen carácter normativo e condición mínima indispensable, polo que tal garantía non pode ser afectada por pacto ou renuncia de calquera tipo, cos demais efectos, e durante o período establecido no artigo 3º.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria composta por 6 membros, designados 3 por cada unha das partes asinantes do presente convenio, empresarial e sindical, na forma que decidan as respectivas organizacións e coas funcións que se especifican no artigo seguinte.

Os acordos da comisión paritaria adoptaranse en todo caso por maioría das partes e, aqueles que interpreten este convenio terán a mesma eficacia que a norma que fose interpretada.

A comisión paritaria reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se estimen necesarias, que serán solicitadas alomenos por unha das partes asinantes do presente convenio.

Sinálase como domicilio da comisión paritaria o da Asociación Provincial de Industrias de Rematantes e Aserradoiros de Madeira da provincia da Coruña.

Artigo 6º.-Funcións e procedemento da comisión paritaria.

1. A comisión paritaria á que se refire o artigo anterior, terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos do presente convenio.

c) Á instancia dalgunha das partes mediar e/ou conciliar, se é o caso, e logo de acordo das partes e a solicitude delas, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo, poidan suscitarse na aplicación do presente convenio.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio, ou se deriven do estipulado no seu texto e anexos que formen parte del.

e) As establecidas no artigo 49º deste convenio.

2. Como trámite, que será previo e preceptivo, a toda actuación administrativa ou xurisdiccional que se promova, as partes asinantes do presente convenio obríganse a poñer en coñecemento da comisión paritaria cantas dúbidas, discrepancias e conflictos colectivos, de carácter xeral, puidesen formularse en relación á interpretación e aplicación del, sempre que sexan da súa competencia conforme o establecido no punto 1, co fin de que, mediante a súa intervención, se resolva o problema xurdido ou, se iso

non fose posible, emita un dictame ó respecto. Este trámite previo entenderase cumprido no caso de que houbese transcorrido o prazo previsto no punto 5 sen que se emitise resolución ou dictame.

3. Establécese que as cuestións propias da competencia da comisión paritaria e que se promovan ante ela adoptarán a forma escrita, e o seu contido será o suficiente para que se poida examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa, debendo ter como contido obrigatorio:

a) Exposición sucinta e concreta do asunto.

b) Razóns e fundamentos que entenda que lle asisten ó propoñente.

c) Proposta e petición concreta que se lle formule á comisión.

Ó escrito-proposta acompañaránselle cantos documentos se consideren necesarios para a mellor comprensión e resolución do problema.

4. A comisión poderá solicitar, por vía de ampliación, canta información ou documentación se estime pertinente para unha mellor ou máis completa información do asunto; para este efecto concederase ó propoñente un prazo de cinco días hábiles.

5. A comisión, unha vez recibido o escrito-proposta e, se é o caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a 20 días hábiles para resolve-la cuestión xurdida ou, se iso non fose posible, emiti-lo oportuno dictame. Transcorrido o dito prazo sen terse producido resolución nin dictame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdiccional competente.

6. Cando sexa preciso evacuar consultas, o prazo poderá ser aprazado no tempo que a comisión determine.

Artigo 7º.-Contratación.

O contrato de traballo poderase celebrar nas diferentes formas establecidas pola normativa laboral en cada momento, formalizándose por escrito nos supostos que o contemple a lexislación e conforme a esta, entregando copia deste contrato o interesado ou interesada.

Realizaranse por escrito as prórrogas que se formalicen, así como o aviso previo de remate do contrato.

O contrato de traballo deberá formalizarse antes do comezo da prestación de servicios. Farase constar no contrato de traballo, que deba establecerse por escrito, as condicións que se pacten, o grupo profesional ou categoría no que queda encadrado o traballador ou traballadora, e o contido mínimo do contrato, así como os demais requisitos formais legalmente establecidos.

A empresa, previamente ó seu ingreso, poderá realizar ós interesados ou interesadas as probas de selección, prácticas e psicotécnicas, que consideren necesarias para comprobar se o seu grao de aptitude

e a súa preparación son as axustadas á categoría profesional e posto de traballo que vaia desenvolver.

O empresario entregará, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

As empresas quedan obrigadas a publicar, no seu taboleiro de anuncios, o modelo de TC-2 correspondente ó último mes no que se fixese efectiva a liquidación.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderase concertar, por escrito, un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de:

a) Técnicos e titulados superiores: 6 meses.

b) Técnicos de grao medio ou sen titulación e persoal administrativo cualificado: 2 meses.

c) Oficiais de oficio e auxiliares administrativos: 1 mes.

d) Resto de persoal: 15 días.

Durante o período de proba o traballador ou traballadora terá os dereitos e obrigas correspondentes a súa categoría profesional e posto de traballo que desempeñe, como se fose de cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de previo aviso e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización ningunha, debéndose comunica-la desistencia por escrito á empresa, podendo ser de palabra a comunicación por parte do traballador ou traballadora.

Transcorrido o período de proba sen que se teña producida a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, computándose para os efectos salariais o tempo dos servicios prestados.

Artigo 9º.-Contrato fixo de cadro de persoal.

Entenderase como contrato fixo de cadro de persoal o que se concerte entre a empresa e o traballador ou traballadora, para a prestación laboral durante tempo indefinido.

Artigo 10º.-Contrato para obra ou servicio determinado.

Esta modalidade contractual é a celebrada ó abeiro do artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, e ten por obxecto a realización dunha obra ou traballo determinado sempre que a execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta.

A duración do contrato axustarase ós seguintes supostos:

a) Con carácter xeral, o contrato é para unha soa obra ou servicio determinado, con independencia da súa duración, e rematará cando o fagan os traballos do traballador na dita obra.

b) Malia o punto anterior, logo de acordo entre as partes, o persoal contratado para unha obra ou

servicio determinado poderá seguir prestando servicios para unha mesma empresa durante un período máximo de tres anos consecutivos, sen perde-la dita condición e percibindo os conceptos compensatorios que correspondan polos seus desprazamentos, se é o caso, tanto realice os novos servicios no mesmo centro de traballo como en distintos centros dunha mesma provincia.

Os traballadores que formalicen un contrato para unha obra ou servicio determinado, unha vez rematado este por expiración do tempo pactado ou de calquera das súas prórrogas, terán dereito a percibir unha indemnización de quince días de salario por ano de servicio se a duración do contrato fose igual ou inferior a doce meses, de vintecatro días de salario por ano de servicio se a duración é superior a doce meses e igual ou inferior a vintecatro meses, e de trinta días por ano de servicio se a duración é superior a vintecatro meses.

Artigo 11º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

Este contrato é o celebrado ó abeiro do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores e poderá concertarse cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixan, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

O contrato deberá especificar con precisión e claridade a causa ou circunstancia que o xustifique e a súa duración máxima será de doce meses dentro dun período de dezaseis meses. No caso de que se concerte por un prazo inferior a doce meses, poderá ser prorrogado por unha soa vez, con acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

Os traballadores que formalicen un contrato eventual por circunstancias da producción, unha vez rematado este por expiración do tempo pactado ou de calquera das súas prórrogas, terán dereito a percibir unha indemnización de dous días de salario por cada mes de duración do contrato.

Artigo 12º.-Contratos formativos.

A) Contrato de traballo en prácticas.

1. O contrato de traballo en prácticas poderá concertarse con quen estivese en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior así como outros títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, que habiliten para o exercicio profesional, dentro dos catro anos inmediatamente seguintes ó remate dos correspondentes estudios.

2. A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses nin superior a dous anos.

3. O posto de traballo deberá ser apto para a obtención da práctica profesional axeitada ó nivel de estudios cursados.

4. Ningún traballador poderá permanecer como contratado en prácticas na mesma ou distinta empresa por tempo superior a dous anos en virtude da mesma titulación académica.

5. A retribución do traballador en prácticas non poderá ser inferior ó 60 por 100 durante o primeiro ano e ó 75 por 100 durante o segundo ano de vixencia do contrato con respecto ó salario fixado no convenio para un traballador que ocupe o mesmo ou equivalente posto de traballo.

6. Se unha vez rematado o contrato o traballador continuase na empresa, non poderá acordarse un novo período de proba, téndose en conta a duración das prácticas para os efectos de antigüidade na empresa.

B) Contrato de traballo para a formación.

1. O contrato de traballo para a formación terá por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desenvolvemento axeitado dun oficio ou posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

2. O devandito contrato poderase celebrar con traballadores maiores de dezaseis anos e menores de vinteún anos que carezan da titulación requirida para realizar un contrato en prácticas. Nembargantes, o límite máximo de idade non será de aplicación cando o contrato se celebre con desempregados incluídos nalgún dos seguintes colectivos:

-Minusválidos.

-Traballadores estranxeiros durante os dous primeiros anos de vixencia do seu permiso de traballo, a non ser que acrediten a formación e experiencia necesaria para o desempeño do posto de traballo.

-Traballadores que leven máis de dous anos sen actividade laboral.

-Traballadores que se encontren en situación de exclusión social.

-Aqueles que se incorporen como alumnos-traballadores ós programas de escolas taller, casas de oficios e obradoiros de emprego.

3. Esta modalidade contractual realizarase sempre a tempo completo e, con carácter xeral, a duración mínima non poderá ser inferior a seis meses nin a máxima superior a tres anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio. Excepcionalmente a duración máxima dos contratos celebrados con traballadores pertencentes ós colectivos ultimamente descritos será de dous anos. Respectada a duración inicial mínima, as partes poderán concertar un máximo de tres prórrogas, cada unha das cales non poderá ter unha duración inferior a seis meses.

4. A formación teórica cumprirá as seguintes condicións:

-O tempo dedicado a ela será do 15 por 100 do total da xornada máxima do convenio, debéndose concretar e especificar no contrato os días e horas dedicados á formación.

-O ensino teórico, de ser iso posible, deberá ser previo á formación práctica ou alternarse con esta

dun xeito racional. No contrato deberá identificarse o centro formativo que, se é o caso, estea encargado do ensino teórico.

-No contrato de traballo deberá sinalarse o nome e grupo profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor estará a cargo da axeitada formación do traballador así como do control de tódolos riscos profesionais.

5. O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

6. O contrato de traballo en formación presumirase de carácter común ou ordinario cando o empresario incumpra na súa totalidade as obrigas en materia de formación teórica.

7. A retribución do traballador en formación será o 75, 85 ou 95 por 100 do salario correspondente á categoría de axudante durante o primeiro, segundo ou terceiro ano do contrato,respectivamente.

8. Unha vez producido o cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado acreditativo da formación teórica e práctica adquirida facendo expresa mención da duración dela.

Artigo 13º.-Contratación de substitución por anticipación da idade de xubilación.

Por acordo entre empresa e o traballador ou traballadora, este poderá xubilarse á idade de 64 anos, e a empresa terá a obriga de contratar un traballador ou traballadora que o substitúa co obxecto de que o primeiro se poida acoller ós beneficios establecidos no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, ou norma que puidera substituíla.

As partes asinantes pactan no presente convenio que, de calquera modo, a idade máxima para traballar será de 65 anos, sen prexuízo de que se poidan completalos períodos de carencia para a xubilación.

Artigo 14º.-Cesamentos.

O fin de contrato deberá ser comunicado por escrito ós traballadores cunha antelación mínima de quince días naturais. Nembargantes, poderase substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de aviso previo omitidos, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio.

Toda comunicación de aviso previo de cesamento deberá ir acompañada dunha proposta de liquidación.

O traballador ou traballadora poderá ser asistido por un representante dos traballadores no acto de sinatura do recibo de liquidación. No caso de que a empresa non conte con representación dos traballadores, o traballador ou traballadora poderá ser asistido/a por un representante dun dos sindicatos asinantes do convenio.

O cesamento voluntario por parte dos traballadores deberá ser comunicado á empresa cunha antelación mínima de quince días naturais. O incumprimento desta obriga poderá ser sancionado, pola empresa, descontando un día de salario por cada día de falta de aviso previo.

Artigo 15º.-Promoción profesional.

O ascenso dos traballadores e traballadoras a tarefas ou postos de traballo que impliquen mando ou especial confianza serán de libre designación e revogación pola empresa.

Artigo 16º.-Empresas de traballo temporal (ETT).

As empresas afectadas por este convenio cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal, garantirán que os traballadores postos á súa disposición teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles corresponden ós seus traballadores en aplicación do presente convenio. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada polo presente convenio.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada anual de traballo efectivo será de mil setecentas setenta e dúas horas no ano 2003.

A xornada ordinaria semanal será de 40 horas, distribuídas de luns a venres.

No suposto de xornada continuada, establecerase un período de descanso de quince minutos que terá a consideración de traballo efectivo.

Respectando o número de horas anuais de traballo, pactadas neste convenio, así como os períodos mínimos de descanso diario e semanal dispostos pola normativa vixente, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular da xornada en períodos de catro meses.

En cada período cuadrimestral a distribución semanal poderá superar as 40 horas, sempre que se respecte o límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase con tempo de descanso nos períodos de menor traballo.

A empresa publicará cunha antelación de quince días antes do comezo de calquera período de cómputo irregular de xornada, que como mínimo terá unha duración dun mes, o calendario e o horario correspondente ó dito período.

Se por disposición legal ou convencional de superior rango, se producise unha minoración de carácter obrigatorio en materia de xornada, o dito nivel sería de aplicación dentro da vixencia do convenio.

Artigo 18º.-Días festivos.

1. Para efectos de distribución da xornada anual fixada no artigo precedente será de aplicación o calendario laboral para o ano 2003 aprobado por acordo da comisión paritaria do convenio na data 26 de febreiro de 2003 publicado no BOP da Coruña nº 77, do 3 de abril, e que se reproduce no anexo III do presente convenio.

2. Se nalgún concello da provincia fosen sinaladas como festividades locais días que teñan o carácter de non laborables no calendario laboral anual, establécese a súa substitución como día festivo polo día laborable inmediatamente seguinte ou anterior, se é o caso.

3. Os días de descanso retribuído establecidos nos calendarios laborais anuais poderán ser modificados por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores ou, se é o caso, cos seus traballadores, para axustalos ás necesidades das partes.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

1. Ámbalas dúas partes conveñen en reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, realización que só será admisible nos seguintes supostos:

a) Horas extraordinarias necesarias para reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes e no suposto de risco de perdas de materia prima.

b) Horas extraordinarias necesarias para períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quendas e outras circunstancias de carácter técnico propias da actividade, sempre e cando non caiba a utilización nas distintas modalidades de contratación de persoal. Neste suposto consideraranse como horas extraordinarias estructurais.

2. A dirección da empresa informará periodicamente ós representantes dos traballadores sobre as horas extraordinarias realizadas.

3. As horas extraordinarias realizadas serán retribuídas cun incremento do 75% respecto da contía correspondente á hora ordinaria.

Artigo 20º.-Vacacións.

1. Como norma xeral, os traballadores terán dereito a gozar dun período de vacacións de vintedous días laborais sempre e cando as empresas para as que prestan os seus servicios non cesen na súa actividade durante o referido período. Nembargantes, no suposto de que a empresa cese na súa actividade durante o período ou períodos de vacacións, o período de vacacións será de trinta días naturais, garantíndose en todo caso un total de vinteún días laborais. O goce das vacacións iniciarase nun día laborable e, salvo pacto en contrario, terá carácter ininterrompido.

2. As empresas elaborarán o calendario de vacacións que deberá ser obxecto de exposición no taboleiro da anuncios ou, alternativamente, de notificación ós traballadores con dous meses de antelación ó inicio das mesmas. No caso de desacordo na confección do calendario, a empresa poderá fixar 15 días e os 15 días restantes os traballadores, cun tope máximo do 20 por cento do cadro de persoal.

3. Durante o goce do período de vacacións os traballadores percibirán as retribucións correspondentes a salario, antigüidade e complemento de asistencia na mesma contía que lles correspondería de estar traballando de forma efectiva.

4. O dereito ó gozo das vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que cese na súa empresa terá dereito a percibi-la compensación económica correspondente ó período de vacacións non gozado, aínda que as vacacións correspondan ó ano natural anterior.

5. Para os efectos de retribución de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó gozo das vacacións caduca unha vez rematado o ano natural, o período de incapacidade temporal non se computará se chegado o día final do ano o traballador continúa en situación de baixa médica.

Se no momento en que o traballador debera inicia-lo seu período de vacacións, por estar así previamente establecido, se atopase en situación de incapacidade temporal, poderá apraza-lo seu gozo. Do mesmo xeito, cando un traballador se encontre gozando das súas vacacións e pase á situación de incapacidade temporal, aquelas interromperanse e reiniciaranse na mesma data en que se produza a alta médica.

Artigo 21º.-Permisos e licencias.

Os traballadores, previo aviso e xustificación, se é o caso, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo que se sinala a continuación:

a) Morte do cónxuxe ou fillos: catro días naturais.

b) Enfermidade grave do cónxuxe ou fillos: tres días naturais.

c) Enfermidade grave ou morte de pais, sogros, netos, irmáns, avós e tíos: tres días naturais.

d) Enfermidade grave ou morte de noras, xenros, cuñados, avós políticos e tíos políticos: dous días naturais.

e) Nacemento ou adopción dun fillo: tres días naturais.

f) Matrimonio do traballador: quince días naturais.

g) Matrimonio dun fillo: un día natural.

h) Cambio de domicilio habitual: un día laborable.

i) Deber inescusable de carácter público e persoal: o tempo indispensable ou o sinalado na norma aplicable.

j) Lactación dun fillo ata nove meses despois do parto: unha hora de ausencia ó traballo que se poderá dividir en dúas fraccións de media hora. Alternativamente poderase optar por unha reducción da xornada de media hora. Cando pai e nai traballen na mesma empresa, soamente un deles poderá facer uso de tal dereito.

k) Traslado (artigo 40 ET): tres días laborables.

l) Consulta ó médico especialista: o tempo necesario cun máximo de catro horas diarias.

m) Consulta ó médico de cabeceira: ata un máximo de catro saídas anuais, sen que as ausencias poidan supera-las 16 horas.

n) Funcións sindicais ou de representación dos traballadores: o establecido na norma de aplicación.

Nos casos de morte ou enfermidade grave, os permisos poderanse ampliar un día natural máis no caso

de terse que realizar un desprazamento superior a 100 km, e dous días naturais se o desprazamento é superior a 150 km.

Artigo 22º.-Excedencia.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

Voluntaria: o traballador ou traballadora con, alomenos, unha antigüidade dun ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos nin superior a cinco. O traballador ou a traballadora soamente poderá exercer de novo este dereito se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Forzosa: o traballador ou traballadora poderá situarse en situación de excedencia forzosa nos seguintes casos:

a) Cando fose elixido para un cargo público que imposibilite a súa asistencia ó traballo.

b) Cando exerza un cargo ou función sindical de ámbito comarcal ou superior nun sindicato maioritario. Neste caso a solicitude irá acompañada dunha certificación da central sindical á que pertenza, na que conste o cargo ou función sindical para que foi elixido ou nomeado.

Na excedencia voluntaria conservarase un dereito preferente ó ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se produzan na empresa. Na excedencia forzosa o ingreso será solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical, perdéndose este dereito se se fai transcorrido este prazo.

No caso de excedencia voluntaria o reingreso será solicitado un mes antes do remate do prazo que lle foi concedido. De incumprirse este prazo dará lugar á perda de tódolos dereitos.

As contestacións ás solicitudes serán feitas pola empresa, no prazo de quince días, entendéndose concedidas de non mediar resposta no prazo sinalado.

Artigo 23º.-Traballos penosos, tóxicos ou perigosos.

O persoal que realice traballos penosos, tóxicos ou perigosos, recibirá por parte da empresa os medios de protección axeitados que eliminen o seu carácter de penosidade, toxicidade ou perigosidade.

Ós traballadores ou traballadoras que realicen estes traballos, e mentres non se eliminan as ditas condicións, a empresa deberá aboarlles un incremento do 20% sobre o seu salario base. Se estas funcións se efectuaran durante a metade da xornada ou en menos tempo, o incremento será do 10% aplicado ó tempo realmente traballado. De tódolos xeitos sempre se seguirá o establecido na Lei de prevención de riscos laborais.

A empresa facilitará a aqueles traballadores ou traballadoras que especificamente o necesiten pola súa actividade, botas de protección, luvas, lentes, cascos, etc.

A periodicidade no recambio de cada unha das pezas da roupa de seguridade será, en cada caso, de acordo co tempo lóxico de duración ou ben polo seu estado de deterioración.

No caso de discrepancia entre as partes sobre que determinado traballo, labor ou actividade debe cualificarse como excepcionalmente penoso, tóxico ou perigoso, corresponde á comisión paritaria do presente convenio resolve-lo que proceda, logo de informe técnico elaborado polo Gabinete Técnico Provincial de Saúde Laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 24º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 22.00 horas e as 06.00 horas, terán a consideración de traballo nocturno e serán retribuídas cun complemento denominado «de nocturnidade», e a contía do cal se fixa nun incremento do 20% do salario base.

O complemento de nocturnidade aboarase integramente cando a xornada de traballo e o período nocturno teña unha coincidencia superior a catro horas. Se a coincidencia fora de catro horas ou inferior a este tempo a retribución a aboar será proporcional ó número de horas traballadas durante o período nocturno.

Exceptúanse dos supostos anteriores e, polo tanto, non haberá lugar a compensación económica ningunha, nos supostos seguintes:

a) As contratacións realizadas para traballos que pola súa propia natureza se consideran nocturnos tales coma: gardas, porteiros, serenos ou similares, que fosen contratados para desenvolve-las súas funcións durante o período de 22.00 a 06.00 horas.

b) O persoal que traballe en dúas quendas cando a coincidencia entre a xornada de traballo e o período nocturno sexa igual ou inferior a unha hora.

Artigo 25º.-Salario base.

Enténdese por salario base a parte de retribución do traballador fixada por unidade de tempo sen atender a circunstancias persoais, de posto de traballo, por cantidade ou calidade de traballo, ou de vencemento periódico superior ó mes.

O salario base correspondente a cada categoría é o que figura no anexo I.

Artigo 26º.-Complemento de asistencia.

Todo o persoal afectado polo presente convenio terá dereito a un complemento por día traballado na contía que se establece no anexo I.

Artigo 27º.-Complemento de transporte.

As empresas pagaranlles ós seus traballadores ou traballadoras un complemento de transporte, por cada día traballado, na contía que figura no anexo I.

Artigo 28º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga extra de verán e paga extra de Nadal que se percibirán por semestres naturais. Serán aboadas antes do 30 de xullo a de verán e antes do 20 de decembro a de Nadal.

A contía de cada unha das pagas extraordinarias consistirá nunha mensualidade de salario base e antigüidade consolidada.

Así mesmo, establécese unha paga chamada «paga do 1º de maio» que se percibirá por anualidades, e na contía de 175 euros.

Artigo 29º.-Complemento de antigüidade.

Os traballadores e traballadoras manterán e consolidarán as cantidades que, polo concepto de antigüidade, gozaban con data 1 de outubro de 1998. Ó importe anterior engadiráselle a parte proporcional de antigüidade que o traballador tivese recoñecida e non cobrada á data antes referida, calculándose por defecto ou por exceso por anos completos, é dicir, computarase ano completo cando a fracción deste sexa igual ou superior a 0,5.

As cantidades de antigüidade consolidadas serán as que figuran no anexo II. Estas cantidades tan só serán de aplicación a aqueles traballadores ou traballadoras que na data indicada tivesen, polo menos, cinco anos de antigüidade na empresa.

Os importes da táboa manteranse invariables e por tempo indefinido como complemento retributivo ad personam, é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ningunha causa. Este complemento retributivo reflectirase nos recibos de salario coa denominación de «antigüidade consolidada».

Para completa-la compensación pola desaparición do complemento de antigüidade nos termos anteditos e rematando o sistema de fraccionamento recollido no anterior convenio aplicarase durante o ano 2003, e con efectos desde o día un de xaneiro, un incremento lineal de 96,16 euros anual, para tódolos niveis profesionais da táboa de salarios. O citado incremento lineal adicionarase ó salario base do convenio, para cada unha das categorías, unha vez que se lle aplique a cada salario o incremento salarial pactado no presente convenio.

Artigo 30º.-Pagamento do salario.

A liquidación e o pagamento do salario farase documentalmente mediante recibos de salarios que se axustarán ás normas vixentes sobre a materia, nos que figurarán tódolos datos de identificación, segundo OM 27-12-1994, e os conceptos percibidos polo traballador debidamente especificados.

O salario aboarase por períodos vencidos e mensualmente, dentro dos catro primeiros días hábiles do mes seguinte do seu percibo. As empresas quedan facultadas para paga-las retribucións e anticipos mediante cheque, transferencia ou outra modalidade de pagamento a través de entidades bancarias ou financeiras, logo de comunicación ós representantes legais dos traballadores.

O pagamento, ou a sinatura de recibos que o acredite, efectuarase dentro da xornada laboral.

O traballador, e coa súa autorización o seu representante, terá dereito a percibir, sen que chegue o día sinalado para o pagamento e por unha soa vez ó mes, anticipo a conta do traballo xa realizado.

O importe do anticipo poderá ser de ata o 90% das cantidades que se teña dereito a percibir. No momento do pagamento do salario, ou, se é o caso, do anticipo á conta, o traballador ou traballadora asinará o recibo correspondente e entregaráselle copia del.

Artigo 31º.-Condicións salariais.

As contías económicas dos conceptos retributivos de salario base, complemento de asistencia e complemento de transporte increméntanse nun catro por cento para o ano 2003, con independencia da aplicación do incremento lineal por supresión da antigüidade establecido no artigo 29º precedente, resultando as contías que figuran detalladas no anexo I.

Artigo 32º.-Revisión salarial.

Unha vez rematado o ano 2003 garántese, se é o caso, unha revisión salarial consistente en aplicar sobre as táboas salariais aprobadas no presente convenio a porcentaxe que resulte da diferencia entre o incremento do IPC real correspondente á anualidade de 2003 e 2,5 puntos.

Artigo 33º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Tódolos traballadores ou traballadoras que por necesidades da empresa e por orde dela teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lles impidan realizar comidas ou pernoitas no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo diarias:

Axuda de custo completa con pernoita: 35 euros.

Axuda de custo completa sen pernoita: 20 euros.

Media axuda de custo: 10 euros.

Se por circunstancias excepcionais os gastos orixinados exceden os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo de coñecemento e posterior xustificación por parte do traballador.

Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos, non aboará cantidade ningunha por estes conceptos.

Artigo 34º.-Xubilación.

1. Os traballadores afectados por este convenio xubilaranse ós 65 anos de idade, agás aqueles que non teñan completado o período de carencia preciso para teren dereito á prestación de xubilación da Seguridade Social, caso no que o traballador terá dereito a permanecer na empresa ata completa-lo período mínimo preceptivo.

2. Establécese un premio de xubilación para tódolos traballadores que se xubilen como máximo á idade de 65 anos, e sempre e cando acrediten alomenos dez anos de antigüidade na empresa, consistente no gozo dun período de vacacións retribuídas a duración das cales se axustará ó establecido na seguinte escala:

Xubilación ós 60 anos: 120 días de vacacións.

Xubilación ós 61 anos: 100 días de vacacións.

Xubilación ós 62 anos: 90 días de vacacións.

Xubilación ós 63 anos: 75 días de vacacións.

Xubilación ós 64 anos: 60 días de vacacións.

Xubilación ós 65 anos: 40 días de vacacións.

O salario que se vai percibir durante os períodos de vacacións retribuídas será a suma dos conceptos retribuídos de salario base, antigüidade e complemento de asistencia que lle correspondería percibir ó traballador en caso de continuar prestando os seus servicios de forma efectiva. En todo caso o traballador terá dereito á liquidación que lle corresponda no momento da resolución de seu contrato de traballo para que poida acceder á situación de xubilación.

Artigo 35º.-Seguro de invalidez ou morte por accidente.

1. As empresas contratarán unha póliza de seguros que garanta ós seus traballadores as coberturas de incapacidade permanente total, incapacidade permanente absoluta, grande invalidez e morte derivada de accidente de traballo coas seguintes indemnizacións:

a) Por morte: 28.000 euros.

b) Por incapacidade permanente total: 36.000 euros.

c) Por incapacidade permanente absoluta e grande invalidez: 45.000 euros.

2. As empresas que acrediten en debida forma e vixencia dunha póliza contratada cunha compañía de seguros coas coberturas anteriormente relacionadas, non serán, en ningún caso, responsables subsidiarias do pagamento das indemnizacións aquí pactadas.

Artigo 36º.-Incapacidade temporal.

No caso de incapacidade temporal derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional legalmente recoñecida, a empresa satisfará ó traballador ou traballadora a diferencia entre a prestación da mutua de accidentes de traballo correspondente e a base de cotización do mes anterior ó da baixa.

As ausencias por motivos independentes á vontade dos traballadores, como enfermidade, accidente ou maternidade, serán contadas como parte do período de servicio, non incidindo nas pagas extraordinarias nin no período de vacacións.

Artigo 37º.-Roupa de traballo.

Os traballadores percibirán anualmente dous xogos de roupa de traballo, unha en xaneiro e outra en xullo. En caso de necesidade entregaranse as que foran precisas.

Artigo 38º.-Comités de empresa e delegados de persoal.

Os comités de empresa e delegados de persoal terán dereito a recibir información, emitir informes e exerce-lo labor de vixilancia sobre materias expresamente previstas polas normas legais vixentes. Así mesmo, gozarán de garantías en materias discipli

narias, de non discriminación, exercicio de liberdade de expresión e disposición de créditos horarios para o desenvolvemento da súa actividade sindical.

Artigo 39º.-Eleccións sindicais. Candidatos.

Os traballadores que teñan 18 anos cumpridos e unha antigüidade mínima de 4 meses na empresa, e sempre que superaran o período de proba, serán elixibles nas eleccións sindicais a representantes dos traballadores.

Artigo 40º.-Crédito horario.

Os delegados de persoal disporán dun crédito horario mensual de 16 horas para o desenvolvemento do seu labor sindical. O crédito horario para os membros de comité de empresa será o que establece o Estatuto dos traballadores.

Artigo 41º.-Negociación colectiva.

As horas dedicadas ás reunións oficiais de negociación do convenio polos representantes dos traballadores serán retribuídas, e non se computarán dentro do crédito horario que se establece no artigo 40º do presente convenio.

Este artigo non será de aplicación para aquelas empresas que teñan máis dun representante legal dos traballadores participando na negociación do convenio.

Artigo 42º.-Dereitos sindicais.

As empresas considerarán ós sindicatos debidamente implantados no cadro de persoal como elementos básicos e consubstanciais para afrontar, a través deles, as necesarias relacións entre traballadores e empresarios.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores e traballadoras a sindicarse libremente. Non poderán condicionalo emprego dun traballador á obriga de non afiliarse ou renunciar á súa afiliación sindical. Non poderán despedir a un traballador nin danalo, de calquera outra maneira, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

As empresas permitirán ós traballadores afiliados a un sindicato e ós propios sindicatos, celebrar reunións, logo de comunicación, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen que se perturbe a súa actividade normal.

As empresas con mais de 50 traballadores, facilitarán ó comité de empresa un local perfectamente acondicionado, dentro da empresa, e onde poida realiza-las súas actividades sindicais.

Nos centros de traballo con máis de 75 traballadores, a empresa recoñecerá ás centrais sindicais, un delegado sindical, segundo o previsto no artigo 10 da Lei orgánica de liberdade sindical.

As empresas porán á disposición da representación sindical un taboleiro de anuncios nun lugar visible e de acceso a tódolos traballadores, onde se poida difundir aquela información que poida interesar ós afiliados ó sindicato, e ós traballadores en xeral.

Os sindicatos, a través dos seus liberados ou representantes legais, poderán acceder ó interior das empresas ou centros de traballo, logo do permiso do empresario ou encargado, e pórse en contacto cos seus afiliados, delegados de persoal ou membros do comité de empresa, para os efectos de subministrarlle información, sempre e cando, o exercicio de tal práctica non interrompa o desenvolvemento do proceso productivo.

Artigo 43º.-Garantías dos delegados de persoal e comités de empresa.

Os membros de comités de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais, gozarán das seguintes garantías:

1. Non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte do seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, sempre que o despedimento ou a sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación.

2. Terán prioridade de permanencia na empresa, no suposto de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

3. Se o despedimento ou calquera outra sanción, por suposta falta grave ou moi grave, obedecera a outras causas deberá tramitarse expediente contradictorio, no que será escoitado, á parte do interesado, o comité de empresa ou delegados de persoal.

4. Non poderán ser discriminados, na súa promoción económica ou profesional, por causa ou razón do desempeño da súa representación.

5. Os delegados de persoal e membros de comités de empresa poderán acumular nun dos seus membros o crédito de horas sindicais, que deberán comunicar á empresa mediante escrito asinado para o efecto cunha antelación mínima de 15 días.

Artigo 44º.-Competencias dos comités de empresa e delegados de persoal.

Os membros de comités de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais, terán as seguintes competencias:

1. Coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, daqueles documentos que se dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións.

2. Emitir informe, con carácter previo, á execución por parte do empresario das decisións adoptadas por este sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquel.

b) Reducción da xornada, así como o traslado total ou parcial das instalacións.

c) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control do traballo.

d) Estudio de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración dos postos de traballo.

e) Cando a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte ó volume do emprego.

3. Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

4. Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e incremento da productividade, de acordo co pactado no presente convenio.

Artigo 45º.-Revisión médica.

A empresa estará obrigada a realizar recoñecementos médicos periódicos a tódolos traballadores ó seu servicio, alomenos unha vez ó ano.

Así mesmo, efectuaráselle revisión médica ós traballadores que se incorporen á empresa, dentro dos 30 días seguintes ó seu ingreso, salvo que xa a teñan realizada no último ano natural.

Os traballadores disporán de media xornada retribuída para realizala revisión. No caso de que sexa necesario mais tempo, terán que presentar xustificante, séndolle igualmente retribuído o exceso. Os gastos de desprazamento serán a cargo da empresa, agás que o recoñecemento se faga nos locais da empresa.

Artigo 46º.-Risco grave e inminente.

O empresario estará obrigado a informar, o antes posible, a tódolos traballadores afectados, acerca da existencia dun risco grave e inminente, e das medidas que se deben adoptar en materia de protección.

O traballador ou traballadora terá dereito a interrompe-la súa actividade e abandona-lo lugar de traballo, en caso necesario, cando considere que a dita actividade entraña un risco grave e inminente para a súa vida.

Cando o empresario non adopte as medidas necesarias, os representantes legais dos traballadores poderán acorda-la paralización da actividade. Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal nun prazo de vintecatro horas, anulará ou ratificará a paralización acordada.

Os traballadores e os seus representantes non poderán sufrir ningún prexuízo derivado da adopción das medidas á que se refiren os puntos anteriores, alomenos que houbesen obrado de mala fe ou cometido neglixencia grave.

Artigo 47º.-Delegados de prevención.

1. Os delegados de prevención son os representantes dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo e serán designados por e entre os representantes do persoal, de acordo ca seguinte escala:

1. Ata 30 traballadores, o delegado de prevención será o delegado de persoal.

2. De 30 e un a 49 traballadores e traballadoras, haberá un delegado de prevención, que será elixido por e entre os delegados de persoal.

3. De 50 a 100 traballadores ou traballadoras: 2 delegados de prevención.

4. De 101 a 500 traballadores ou traballadoras: 3 delegados de prevención.

2. As competencias dos delegados de prevención serán:

a) Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

b) Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa de prevención de riscos laborais.

c) Exerce-lo labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de riscos laborais.

d) As que se estipulen na Lei de prevención de riscos laborais.

3. As facultades dos delegados de prevención serán:

a) Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter técnico preventivo, así como os inspectores de traballo nas visitas que realicen ós centros de traballo podendo formular diante deles as observacións que estimen oportunas.

b) Ser informado polo empresario sobre os danos producidos na saúde dos traballadores, unha vez que se tivese coñecemento deles.

c) Recibir do empresario as informacións obtidas por este, procedentes das persoas ou órganos encargados das actividades de protección e prevención na empresa.

d) Realizar visitas ós lugares de traballo para exercer un labor de vixilancia e control do estado das condicións de traballo, de maneira que non se altere o normal desenvolvemento do proceso productivo.

e) As que se estipulen na Lei de prevención de riscos laborais.

4. Os delegados de prevención terán as seguintes garantías:

a) Na súa condición de representantes dos traballadores, seranlles de aplicación as garantías contempladas no artigo 68 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, Estatuto dos traballadores.

O tempo utilizado polos delegados de prevención nas súas actividades será considerado como no exercicio das súas funcións de representación a efectos do crédito de horas mensuais retribuídas.

Non se computarán como tales as correspondentes as reunións do comité de seguridade e saúde, reunións co empresario en materia de prevención, ou as destinadas ás visitas previstas nas letras a) e do apartado 3 deste artigo.

b) O empresario deberá proporcionar ós delegados de prevención os medios e formación necesarios en materia preventiva.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo, para tódolos efectos.

c) Manterán o secreto profesional debido, respecto das informacións ás que tivesen acceso pola súa actuación na empresa.

d) As que se estipulen na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 48º.-Comité de seguridade e saúde.

1. O comité de seguridade e saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

2. Constituirase un comité de seguridade e saúde en tódalas empresas ou centros de traballo que conten con 50 ou máis traballadores. Estará formado polos delegados de prevención, dunha parte e, polo empresario e/ou os seus representantes en igual número, da outra.

Reuniranse trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións del. Adoptarán as súas propias normas de funcionamento.

3. O comité de seguridade e saúde exercerá as seguintes competencias:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos planos e programas de prevención de riscos na empresa.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos.

4. O comité de seguridade e saúde terá as seguintes facultades:

a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención dos riscos no centro de traballo, realizando a tal efecto as visitas que estime oportunas.

b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios.

c) Coñecer e analiza-los danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores.

d) Coñecer e emitir informe sobre a memoria e programación anual dos servicios de prevención.

Artigo 49º.-Competencia da comisión paritaria en materia de seguridade e saúde laboral.

1. Serán funcións desta comisión as seguintes:

a) Acadar dos órganos competentes da Xunta de Galicia o recoñecemento oficial como interlocutor social sectorial en materia de seguridade e saúde, tanto no seu aspecto lexislativo como no desenvolvemento de plans e medidas formativas.

b) Estudiar e acorda-los mecanismos oportunos de coordinación da información provincial en materia de sinistralidade no sector.

c) Promover cantas medidas considere tendentes a mellora-la situación do sector nesta materia, tendo como obxectivo fundamental estende-la preocupación pola seguridade a tódolos niveis, fomentando campañas de mentalización, etc.

d) Acomete-las xestións necesarias para obte-los medios que lle permitan desenvolve-las súas funcións coa eficacia axeitada.

e) Promove-la creación dun órgano específico, nos termos e conforme as modalidades que acorden, con competencias xerais respecto do conxunto dos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación do convenio, para fomentar o mellor cumprimento neles da normativa sobre prevención de riscos laborais, segundo o artigo 35 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

f) Cantas outras funcións acorde a propia comisión atribuírse, encamiñadas ós seus fins.

2. A comisión reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se estimen necesarias e serán solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

Artigo 50º.-Formación continua.

Seguirase o establecido nos artigos 61, 62, 63, 64, 65, 66, 67, 68 e 69 do convenio estatal da madeira, así como ós acordos que sobre a materia adopte a comisión paritaria estatal de formación.

Artigo 51º.-Productividade e absentismo.

Os salarios pactados neste convenio remuneran os niveis normais de productividade.

Os plans de melloras da productividade poderanse negociar dentro das respectivas empresas, segundo os seguintes criterios:

a) Información previa dos mesmos traballadores con intervención das centrais sindicais asinantes do convenio.

b) Que tales plans non supoñan discriminación duns traballadores sobre doutros.

c) Establecemento de períodos de proba e adaptación nos que se garanta ós traballadores as percepcións habituais.

d) As condicións de traballo respectarán o establecido nas leis e convenios colectivos, se ben se procederá á reclasificación de categorías para axustalas á situación da empresa.

Artigo 52º.-Empresas en perdas.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para que as empresas poidan acollerse á cláusula regulamentada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos de solicitude:

1º Comisión paritaria do convenio.

2º Negociación coa representación legal dos traballadores.

3º Mecanismos de AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente deberase de achega-la documentación seguinte:

a) Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante eles se produciron perdas reais.

b) Plan de viabilidade para o período en que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Na súa aplicación poderanse pactar reduccións sobre os porcentaxes dos incrementos negociados ou a súa total inaplicación polo período que se determine; neste último caso aplicaranse os aspectos económicos nos termos que figuran no convenio anteriormente vixente.

Os representantes dos traballadores, membros da comisión paritaria, así como os seus asesores están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tiveron acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Artigo 53º.-Clasificación profesional.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo queda encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida. As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas senón simplemento enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través dos mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores a actividade dos cales se desenvolve baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, e para o desenvolvemento do cal se require unha pericia ou habilidade sistemática nas actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, estando ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxese o coñecemento total do seu oficio, e as funcións poden implicar incomodidade ou esforzo físico.

Artigo 54º.-Mobilidade xeográfica.

a) Desprazamento. As empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel no que presten os seus servicios fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

b) Traslado. Enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique cambio de domicilio.

Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo diste máis de 40 km do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos contemplados na lei, establécense os seguintes mecanismos:

* Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

* Intervención dos mecanismos do AGA, e en caso de desacordo da comisión paritaria.

* Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentencia favorable.

* Aviso previo de 45 días.

* Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

* Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

* Se por traslado dun cónxuxe cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma terá dereito ó traslado a mesma localidade.

Os casos de traslados darán lugar o percibo polo traballador dos seguintes conceptos compensatorios:

* Billete para o traballador e os familiares que vivan ás súas expensas.

* Transporte de mobiliario, roupa e aparellos do fogar.

* Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun pagamento único.

* Compensación durante doce meses do custo da vivenda en alugamento (vivenda das mesmas características).

* Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano, e con un máximo de 12 mensualidades.

Artigo 55º.-Faltas e sancións.

Considerarase falta laboral toda acción ou omisión da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que constitúa un incumprimento grave e culpable das súas obrigas.

As faltas graduaranse atendendo a súa importancia, transcendencia, voluntariedade e malicia na súa comisión, en: leves, graves e moi graves.

Artigo 56º.-Faltas leves.

1. As faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, sen causa xustificada, de dúas a catro faltas no período dun mes ou de trinta días naturais.

2. Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización, aínda que sexa por breve tempo. Se como consecuencia dise se causase algún prexuízo á empresa ou fose causa de accidente ós compañeiros de traballo, será considerada como grave ou moi grave.

4. Pequenos descoidos na conservación do material, maquinaria, ferramentas e instalación, salvo que iso repercuta na boa marcha do servicio; neste caso poderá ser considerada como grave ou moi grave.

5. Non atender ó público coa corrección e dilixencia debida.

6. Non informar á empresa dos cambios de domicilio.

7. As discusión sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servicio. Se se produce con notorio escándalo poden ser consideradas como graves ou moi graves.

8. A inobservancia das normas en materia de seguridade e hixiene no traballo ou saúde laboral, que non entrañen risco para o traballador nin para os seus compañeiros de traballo ou terceiras persoas, xa que de darse estas circunstancias será considerado como grave ou moi grave segundo os casos.

9. Usar o teléfono da empresa para asuntos particulares, sen autorización.

10. A embriaguez ocasional.

11. Cambiar, mirar ou revolve-los armarios ou efectos persoais dos compañeiros de traballo, sen a debida autorización dos interesados.

Artigo 57º.-Faltas graves.

1. Alegar motivos falsos para a obtención de licencias ou permisos.

2. Atoparse no local de traballo, fóra das horas de traballo, sen autorización.

3. Máis de catro faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, durante un mes ou trinta días naturais.

4. Faltar ó traballo dun a tres días durante o mes sen causa xustificada.

5. Non comunicar con dilixencia debida as alteracións familiares que poidan afectar ós procesos administrativos ou prestacións sociais. Se mediara algunha malicia será considerada como moi grave.

6. Simula-la presencia doutro traballador na empresa mediante calquera forma.

7. A neglixencia no traballo que afecte a boa marcha del.

8. A imprudencia no traballo, que implicase risco de accidente para o traballador ou outros, ou ben perigo de avaría na maquinaria, ferramentas ou instalacións, poderase considerar moi grave.

9. A asistencia reiterada ó traballo en estado de embriaguez ou toxicomanía.

10. A reincidencia en falta leve dentro dun trimestre, cando exista sanción por escrito da empresa.

11. Non advertir e instruír axeitadamente a outros traballadores sobre os que teña algunha relación de autoridade ou mando, do risco do traballo a executar e do posible modo de evitalo.

12. Transitar ou permiti-lo tránsito por lugares ou zonas perigosas portando útiles de ignición, así como por lugares expostos ó risco de incendio.

13. A falla de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa.

14. Calquera falsidade ou inexactitude deliberada nos partes ou documentos de traballo, ou a negativa a súa formalización, así como proporcionar falsa información á dirección da empresa, ou ós seus superiores en relación co traballo.

15. A inxustificada delegación de funcións ou traballo en persoal de inferior rango laboral ou non cualificado para a súa realización.

16. A aceptación de dádivas ou regalos por dispensar trato de favor no servicio.

17. A diminución voluntaria do rendemento do traballo normal.

18. Non informar coa debida dilixencia ós seus xefes, ó empresario, ou a quen o representa de calquera anomalía que observe nas instalacións e demais útiles, ferramentas, maquinaria e materiais.

19. Descoidos de importancia na conservación, limpeza ou utilización de materiais, máquinas, ferramentas e instalacións que o traballador utilice.

Artigo 58º.-Faltas moi graves.

1. A desobediencia continuada ou persistente no traballo.

2. Máis de dez faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas nun período de 3 meses ou de 20 durante seis meses.

3. A fraude, a deslealdade, ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a terceira persoa, dentro das instalacións da empresa ou durante o desenvolvemento da súa actividade profesional.

4. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada de traballo, así como empregar ferramentas, útiles ou materiais para uso propio.

5. Maliciosamente, facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar despezamentos en materiais, ferramentas, útiles, aparellos, instalacións, vehículos, edificios, aparellos e mesmo documentos da empresa.

6. A condena por sentencia firme por delictos de roubo, furto, violación ou abusos sexuais, así como calquera outros delictos que puideran implicar desconfianza da empresa respecto ó seu autor, aínda cando estes foran cometidos fora da empresa.

7. A embriaguez ou toxicomanía habitual durante o traballo que repercuta negativamente no traballo.

8. Viola-lo segredo da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

9. Revelar a elementos estraños á empresa datos desta de obrigada reserva.

10. Dedicarse a actividades profesionais, por conta propia, en empresas da competencia, sen a oportuna e expresa autorización.

11. Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideracións ós superiores, compañeiros ou subordinados.

12. A imprudencia, neglixencia ou incumprimento das normas ou ordes sobre seguridade e saúde no traballo, cando por iso se produza grave risco para os traballadores ou danos para as instalacións.

13. Causar accidentes graves por neglixencia, descoido ou imprudencia inescusables ou serio perigo para as empresas.

14. A non utilización dos medios ou materiais de prevención de riscos de accidentes de traballo, facilitados pola empresa.

15. Abandona-lo posto de traballo en cargo de responsabilidade ou cando con isto causara un prexuízo grave no proceso productivo, deterioración importante das cousas ou serio perigo para as persoas.

16. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado.

17. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, sempre que fora obxecto de sanción por escrito.

18. A falla de asistencia ó traballo non xustificada por máis de tres días no mes ou de 30 días naturais.

19. A comisión de erros repetidos e intencionados, que poidan orixinar prexuízo á empresa.

20. A emisión maliciosa ou por neglixencia inescusable, de informes errados ou a sabendas de que non son exactos.

21. A simulación de supostos de incapacidade temporal ou accidente.

Artigo 59º.-Graduación das sancións.

1. As sancións que poderán impoñe-las empresas en cada caso, graduaranse atendendo á gravidade da falta cometida, podendo se-las seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación escrita.

b) Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de 1 a 20 días.

c) Por faltas moi graves.

Suspensión de emprego e soldo de 21 a 90 días.

Despedimento.

2. Para a aplicación e graduación das sancións que anteceden, terase en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade do que comete a falta.

b) A categoría profesional del.

c) A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

Artigo 60º.-Solución extraxudicial de conflictos laborais.

As partes asinantes asumen o contido do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), publicado no DOG do 8 de abril de 1992, que desenvolverá os seus efectos nos ámbitos do presente convenio co alcance previsto no propio AGA.

ANEXO I

Táboas salariais ano 2003

Grupo

profesional

Nivel salarial

Salario

mensual

total 2003

Salario

anual total

ITécnico proxectista728,6711.254,01

Perito711,9911.020,49

ATS711,9911.020,49

Xefe advo. 1ª728,6711.254,01

Encargado711,9911.020,49

IIDelineante695,2810.786,55

Xefe advo.711,9911.020,49

IIIAuxiliar analista680,8010.583,83

Oficial advo. 1ª695,2810.786,55

Oficial advo. 2ª680,8010.583,83

Auxiliar advo.665,2510.366,13

Oficial 1ª695,2810.786,55

Oficial 2ª680,8010.583,83

Axudante665,2510.366,13

Peón especializado651,9610.180,07

Peón635,829.636,86

Ordenanza635,829.954,11

Garda e vixilante635,829.954,11

Paga 1º de maio175,00

Complemento de asistencia traballadores menores de idade0,86

Complemento de asistencia traballadores en formación de 18 a 20 anos1,02

Complemento de asistencia resto dos traballadores1,50

Complemento de transporte2,32

ANEXO II

Antigüidade consolidada ó 1 de outubro de 1998

G.P.Nivel salarial5 anos6 anos7 anos8 anos9 anosCada ano máis

ITécnico proxectista18,7322,4826,2329,9833,723,74

Perito18,3121,9725,6329,2932,953,66

ATS18,3121,9725,6329,2932,953,66

Xefe advo. 1ª18,7322,4826,2329,9833,723,74

Encargado18,3121,9725,6329,2932,953,66

IIDelineante17,8821,4625,0328,6132,183,58

Xefe advo.18,3121,9725,6329,2932,953,66

IIIAuxiliar analista17,3820,8524,3227,8031,273,47

Oficial advo. 1ª17,8821,4625,0328,6132,183,58

Oficial advo. 2ª17,3820,8524,3227,8031,273,47

Auxiliar advo.17,0320,4423,8527,2630,663,41

Oficial 1ª17,8821,4625,0328,6131,183,58

Oficial 2ª17,3820,8524,3227,8031,273,47

Axudante17,0320,4423,8527,2630,663,41

Peón especializado16,6119,9323,2526,5829,893,32

Peón16,1919,4322,6725,9029,143,24

Ordenanza16,1919,4322,6725,9029,143,24

Garda e vixilante16,1919,4322,6725,9029,143,24