Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2003 Páx. 9.115

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da subestación de Carballeira e da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV conexión da subestación Carballeira coa liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV subestación Bustelo-subestación Tesouro, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Parque Eólico Carba, S.A.U., con enderezo para efectos de notificacións na rúa O Castiñeiriño, 12-3º, 15702 Santiago de Compostela, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 20 de novembro de 2002 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fai referencia o Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación

concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

* Liña subterránea de media tensión, a 20 kV, baixo tubo en conductor R.H.Z. 15/25 kV de 3x(1x300) mm Al, de 514 metros de lonxitude, con orixe na arqueta de saída do Parque Eólico de Carballeira e final na subestación Carballeira.

* Subestación transformadora intemperie, do Parque Eólico Carballeira, equipada con transformador de 26/32 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 20/132 kV, celas de media tensión 20 kV, transformador de servicios auxiliares de 50 kVA e relación 20/0,380 kV, aparellos de medida, protección, telemando e telecontrol.

* Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 132 kV desde a subestación do Parque Eólico Carballeira ó apoio nº 47 da liña de alta tensión P.E. Bustelo-P.E. Tesouro, sobre apoios metálicos de celosía, composta por un circuíto cun conductor por fase LA-110 e cable de terra OPGW de 24 fibras para telecomunicacións, de 2.974 metros de lonxitude, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Acordo do 15 de xaneiro de 2003, publicada no DOG do 28 de xaneiro, no BOP da Coruña do 11 de febreiro e no diario La Voz de Galicia do 24 de xaneiro de 2003, no taboleiro de anuncios do Concello das Pontes de García Rodríguez e na Delegación Provincial da Coruña; así mesmo a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

1. Julio Elías Nieto en representación de Promotora Roncor, S.A. manifesta que existiu un erro na notificación individual, rectificando a titularidade do predio nº 11. Considera a traza de arbitraria e propón dous trazados alternativos aéreos ou que sexa a liña subterránea e no caso de non acepta-la variante da traza sexa expropiado totalmente o predio nº 11 da súa propiedade considerando que a súa explotación forestal é antieconómica. Considera inservible o predio para a explotación cinexética comercial e turismo rural.

2. Guillermo Prieto Rodríguez, alega desacordo na superficie e plantación afectada no predio nº 13 e na superficie de ocupación temporal do predio nº 19.

3. Lourdes Corral Novo, alega que se ve afectado o cultivo do predio nº 15, estando interesada nun acordo amigable previo á expropiación da superficie afectada.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña, comprobándose mediante inspección sobre o terreo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de valoración.

2. Cabe manifestar que a alegante Lourdes Corral Novo, pode chegar a un acordo amigable co beneficiario ata o día do levantamento de actas previas á ocupación.

3. En relación ás alegacións efectuadas por Julio Elías Nieto, en representación de Promotora Roncor, cabe manifestar que o alegante acadou acordo amigable co beneficiario.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña subterránea de media tensión, a 20 kV, con orixe na arqueta de saída do Parque Eólico de Carballeira e final na subestación Carballeira; a subestación transformadora intemperie, do Parque Eólico Carballeira, equipada con transformador de 26/32 MVA e relación de transformación 20/132 kV; a liña de alta tensión aérea a 132 kV desde a subestación do Parque Eólico Carballeira ó apoio nº 47 da liña de alta tensión P.E. Bustelo-P.E. Tesouro, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se autoriza, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA

E DESENVOLVEMENTO RURAL