Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2003 Páx. 9.104

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Touriñán IV (serra do Moncoso), nos concellos de Monfero, Irixoa e Aranga (A Coruña), promovido pola empresa Eólicos Touriñán, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 5 de maio de 2003 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Touriñán IV (serra do

Moncoso), nos concellos de Monfero, Irixoa e Aranga (A Coruña), promovido pola empresa Eólicos Touriñán, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proxecto do Parque Eólico Touriñán-IV. Xuño 2001.

* Estudio de avaliación de efectos ambientais. Parque Eólico Touriñán IV. Xaneiro 2002.

* Parque Eólico Touriñán IV. Prospección arqueolóxica intensiva. Agosto 2001,

Parque Eólico Touriñán IV. Memoria técnica. Novembro 2001.

* Parque Eólico Touriñán IV. Addenda: Estudio impacto sobre patrimonio arquitectónico. Marzo 2002.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito dda declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque Eólico Touriñán IV, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 24,75 MW de potencia total nos concellos de Monfero, Irixoa e Aranga (A Coruña), constituído por 33 aeroxeradores modelo JACOBS 48/750, de 750 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

582.3274.794.991

582.3084.794.308

582.6514.792.699

582.2754.791.692

582.2454.791.062

582.0234.790.499

581.5704.790.077

581.3724.789.000

581.2624.789.000

581.1664.790.233

581.6504.790.754

581.8364.791.206

581.8544.791.746

582.1604.792.559

581.4524.795.114

De acordo co indicado no punto 7 da DIA desprazaranse, nas condicións sinaladas no citado punto, os aeroxeradores 22, 23 e as súas infraestructuras asociadas, así como o tramo de vial entre os aeroxeradores 21 e 24.

A localización e coordenadas UTM dos devanditos aeroxeradores e a disposición das infraestructuras indicadas establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e recibido o informe favorable da documentación requirida no punto 11.1 da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos Planta xeral. Disposición física de elementos. Plano 2.1 e Liñas de media tensión. Planta xeral. Plano 3.1 incluídos, respectivamente, no estudio ambiental e o proxecto de execución, agás para o que se derive do parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 31 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1581.8134.794.986

2581.8354.794.841

3581.8664.794.719

4581.8984.794.581

5581.9234.794.429

6581.9734.793.946

7582.0704.793.845

8582.1474.793.561

9582.2204.793.428

10582.2654.793.307

11582.3124.793.183

12582.3474.793.064

13582.3724.792.939

14582.3954.792.797

15582.3964.792.654

16582.3704.792.528

17582.3314.792.395

18582.2924.792.257

19582.1584.791.971

20582.1144.791.853

21582.0724.791.725

24582.0584.791.336

25582.0524.791.224

26582.0424.791.108

27582.0034.791.004

28581.9264.790.895

29581.8744.790.778

30581.8304.790.650

31581.7574.790.506

32581.6314.790.388

33581.4984.790.275

Liña de evacuación de enerxía.

De acordo co expediente ambiental aberto ó respecto, a liña de evacuación de enerxía do parque é obxecto dun estudio de impacto ambiental específico e o correspondente trámite de avaliación de impacto ambiental independente.

2. Protección da atmósfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas

onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, debendo presentarse un plan de control do nivel de ruído, de acordo co requirido no punto 11.3 da DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamento de vías, gabias de cableado...) así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. Estas actuacións deberán axustarse ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía, co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución das vías, plataformas de montaxe e subestación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullo, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, seguirase ó indicado no punto 13.4 da presente declaración.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente a súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo que se vai efectuar.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 11.2 desta DIA.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control do parque.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Para tal fin, deberá efectuarse un estudio valorativo da posible incidencia do parque sobre a avifauna e deseñarse o conseguinte plan de vixilancia, que se desenvolverá ó longo de toda a súa vida útil, de acordo co requirido no punto 11.4 da DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no regulamento de montes.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun radio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

Co fin de evita-lo impacto severo sobre o xacigo arqueolóxico GA15003120 (Túmulo de Pena Moura), desprazarase o aeroxerador nº 22, a vía de acceso e a gabia do cableado, fóra do ámbito de exclusión de 50 m.

En relación co impacto moderado sobre o xacigo arqueolóxico GA15003120 (Túmulo de Pena Moura), deberá desprazarse o aeroxerador nº 23, a vía de acceso e a gabia do cableado fóra do ámbito de exclusión de 50 m.

Englobando as medidas anteriores, desprazarase, fóra da localización prevista, a vía entre os aeroxeradores 21 e 24.

No relativo ó impacto compatible sobre o xacigo GA15039025 (Medoña de Pena Moura), os traballos de acondicionamento da pista non poderán altera-lo dito xacigo.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico (incluíndo a sinalización dos elementos do patrimonio cultural) durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. Estes traballos financiaranse con cargo á execución do proxecto, tal e como se contempla na citada lei.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco chamativas e tons mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

O acabado exterior do edificio de control adecuarase á tipoloxía constructiva da zona. As cores que se utilicen na pintura de exteriores serán acordes co contorno e de acabado mate.

Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser preservados. Se isto comportase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, seguirase o indicado no punto 13.4 da DIA.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar, se é o caso, sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno da subestación, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Deberá realizarse un seguimento da efectividade das labores de restauración en tódalas fases, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo a súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso

de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuación necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque e a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe.

Para tal fin, presentarase un proxecto de restauración que contemple a totalidade dos condicionados anteriores, incluíndo a fase de desmantelamento e abandono, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de desprazamento dos aeroxeradores 22, 23 e infraestructuras asociadas, así como a vía entre os aeroxeradores 21 e 24, conforme o sinalado nos puntos 1 e 7 da DIA, indicando as coordenadas UTM das novas localizacións. A proposta acompañarase de valoración ambiental, informe arqueolóxico e plano de detalle, reflictindo a situación inicial e final e os elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela.

Unha vez recibido o informe favorable desta dirección xeral sobre a documentación requirida no punto anterior, presentarase:

11.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co que se derive do cumprimento do punto anterior. Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, as vías preexistentes dos de nova construcción e aqueles a acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflectiranse así mesmo o punto/os de acceso ó parque, os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e amoreamento de materiais.

11.3. Plan de seguimento do nivel de ruído, atendendo ó establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, no que se inclúa:

-Proposta xustificada de puntos de control, tanto para a fase de obras como de funcionamento. Acom

pañarase dun plano de localización dos puntos de control, relativizándoos coas instalacións e infraestructuras previstas, a escala mínima 1:25.000, e dunha táboa indicando a distancia dos puntos de control ó aeroxerador máis próximo.

-Metodoloxía para o control das emisións, indicando a frecuencia das medicións.

-Resultados dunha medición do nivel de ruído na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados deben estar asinados por técnico da entidade realizadora da medición. Indicarase a velocidade do vento durante o período de medición.

11.4. Estudio valorativo da incidencia do parque sobre a avifauna, conforme o punto 6.1 da DIA, que deberá ser elaborado por técnico/s especializado/s na materia e virá asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia.

Estará fundamentado nunha caracterización cualitativa e cuantitativa da avifauna na área do parque, baseada en traballo de campo (ademais da información bibliográfica que se poida achegar ó respecto), debendo caracterizarse a avifauna nidificante, en paso (migratorio ou movementos locais), sedentaria e invernante, para o que se contemplarán sucesivas campañas ó longo das fases de obra ou funcionamento.

Valorarase o nivel de risco por colisión e efecto baleiro asociado ás distintas categorías de aves detectadas na zona, e a súa vulnerabilidade en función da abundancia, uso do espacio, altura do voo, topografía da zona e localización dos aeroxeradores.

Á vista dos datos obtidos deseñarase un plan de seguimento de avifauna, que se centrará nas especies máis susceptibles de seren afectadas e as que teñen figuras de protección, considerando os seguintes mínimos:

-Metodoloxía para o seguimento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, contemplando a caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e a detección de morte por colisión.

-Definición xustificada de limiares de afección (alerta e inadmisible) por colisión e aparición de efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas.

-Proposta detallada de medidas protectoras e/ou correctoras a adoptar no caso de acada-los citados limiares. Medidas propostas para a detección de impactos puntuais imprevistos (desvío de rutas migratorias ou pasos, acumulación temporal de aves na área...), así como medidas de aplicación inmediata ante situacións deste tipo.

-Presentación dos resultados, detallando a estructura e contido dos informes, que incluirán como mínimo un punto introductorio (indicando datas e descrición das campañas efectuadas), outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións finais.

11.5. Proxecto de restauración, conforme o punto 10 da DIA, contendo a descrición completa e individualizada de tódalas actuacións de restauración nas fases de obra e desmantelamento do parque. O orzamento presentarase individualizado para as dúas fases e incluirá medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.6. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 13.3 da presente DIA.

11.7. Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.8. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez recibido o informe favorable desta dirección xeral sobre o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detecten, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicando a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa:

a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

c) Informe ambiental onde se detallen os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración), incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levadas a cabo, control do sistema de drenaxe, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela.

d) Informe de avance da obra, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha do parque. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de

obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e o seu resultado, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos contemplados no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

b) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co punto 3 da DIA. A frecuencia será mensual durante os primeiros seis meses como mínimo, establecéndose a frecuencia posterior en función dos resultados obtidos.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme ó punto 6.1 da DIA.

d) Informe, xunto con reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles

incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

Non obstante, esta dirección xeral, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou a proposta motivada do promotor poderá modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis que se van realizar.

12.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, conforme o plan que se vai presentar de acordo co requirido no punto 11.5 da DIA.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de oitocentos oitenta e sete mil seiscentos vinteseis con vintetrés (887.626,23) euros. O importe definitivo do aval, que será actualizable, proporase cando o promotor presente o orzamento do proxecto de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.5 desta DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente declaración non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de

ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que se cumpra este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólicoTouriñán IV, promovido pola empresa Eólicos Touriñán, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 33 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Monfero, Irixoa e Aranga (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse ó longo dunha aliñación dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 33.

-Modelo: Jacobs 48/750.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

-Potencia total instalada: 24,75 MW.

-Altura das torres: 50 m.

-Diámetro do rotor: 48,4 m.

-Producción neta anual prevista: 96.381 MWh/ano.

-Investimento previsto: 22.190.655,83 euros

A obra civil inclúe a execución duns 3.640 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes para a recollida e evacuación de pluviais. Prevese a execución duns 4.040 m de gabias de conducción do cableado, cun largo máximo de 70 cm. O proxecto contempla tamén a construcción dunha subestación transformadora 66/20 kV e un edificio de control anexo.

Medidas preventivas e correctoras

Atmosfera.

-Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.

-Realización dun control das emisións de ruído.

Solo.

-Garantirase a estabilidade dos noiros. Revestimento con terras, plantación e revexetación.

-Mellora das vías existentes.

-Dotación dunha rede de drenaxe, con entulleira de pedra á saída das drenaxes.

-Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo.

-Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación do solo.

-Realiza-los amoreamentos de terra vexetal cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades, grao de humidade.

-Humectación continua en tempos de seca, tanto dos amoreamentos como das zonas de explanación.

-Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.

-Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase.

-Preserva-los afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou botánico.

-Adecua-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona, e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando as vías existentes e as de nova construcción.

-Minimiza-la compactación nas plataformas eólicas e nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.

-Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento.

-Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación.

-Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de vías, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores. Plan de recuperación de solos e vexetación.

-Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase ó replanteo dos labores de execución de obra civil.

-Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os amoreamentos procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación.

-Na fase de abandono, retirada dos aeroxeradores, inutiliza-lo cableado soterrado e acondicionamento e rehabilitación de tódalas zonas que fosen afectadas polos labores de desmantelamento da instalación.

Vexetación.

-Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grado de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.

-Durante a fase inicial do plan de vixilancia levaríase a cabo un recoñecemento de detalle de evolución estacional das especies e comunidades de interese.

Fauna.

-Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúan a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión.

-Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna.

Paisaxe.

-Acabado da subestación adecuado á tipoloxía arquitectónica da zona.

-Aproveitamento de vías existentes na medida do posible.

-Medidas no deseño dos aeroxeradores e emprego de tons mate no acabado dos aeroxeradores.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite tres informes. O primeiro é desfavorable por non conta-lo estudio ambiental cunha avaliación do impacto arqueolóxico. O segundo require que se complete o presentado cunha avaliación do impacto sobre o patrimonio arquitectónio e etnográfico, e o terceiro, unha vez solventadas as carencias sinaladas, é favorable, aceptando as medidas correctoras propostas, cos seguintes condicionantes que hai que incluír na correspondente declaración ambiental:

1. De cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. En relación co impacto severo sobre o xacigo arqueolóxico GA15003120 (Túmulo de Pena Moura), é necesario cumprir coa seguinte medida correctora:

-Desprazamento do aeroxerador nº 22, da gabia de conducción eléctrica e a vía de acceso fóra do ámbito de exclusión de 50 m.

3. En relación co impacto moderado sobre o xacigo arqueolóxico GA15003120 (Túmulo de Pena Moura), é necesario cumprir coa seguinte medida correctora:

-Desprazamento do aeroxerador nº 23, da gabia de conducción eléctrica e da vía de acceso fóra do ámbito de exclusión de 50 m.

4. Desprazamento da vía entre os aeroxeradores 21 e 24 fóra da súa actual localización.

5. En relación co impacto compatible sobre o xacigo arqueolóxico GA15039025 (Medoña de Pena

Moura), é necesario cumprir coa seguinte medida correctora:

-Os traballos de acondicionamento da pista non poderán altera-lo xacigo arqueolóxico, e a gabia de conducción eléctrica trazarase polo lado contrario a aquel en que se localiza o xacigo.

6. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico (incluíndo a sinalización dos elementos do patrimonio cultural) durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e antes do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

7. En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

8. Así mesmo, en relación coa liña de evacuación de enerxía eléctrica, é necesario contar cun estudio que avalíe o impacto da construcción da dita liña (e os accesos) sobre o patrimonio cultural.

9. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, de 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite un primeiro informe no que recomenda a redacción dun novo estudio ambiental dadas as importantes carencias e falta de calidade do inicialmente presentado. Sobre o novo estudio ambiental, que é o que se someteu a información pública, emite informe que inclúe un resumo do proxecto e as seguintes consideracións:

1. Actualmente, o lugar onde se pretende construí-lo parque non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espacios naturais, aínda que preto da súa parte meridional se atopa o LIC denominado Betanzos-Mandeo. Nembargantes, tal como se observa nos planos, non se afecta ó espacio natural, gardándose unha distancia prudencial. Tampouco son de prever afeccións indirectas salientables, sobre todo se se fai unha correcta integración ambiental do proxecto.

2. O plano de vexetación atende fundamentalmente ós usos do solo, non facendo distinción das asociacións vexetais nin posibles especies singulares e protexidas. Debería completarse esta información. Nembargantes, a parte escrita é suficientemente clarificadora dos valores vexetais afectados, non detectándose asociacións ou especies con figuras de protección. Así mesmo, segundo o informe do servicio provincial, a zona atópase moi antropizada, con vocación forestal e gandeira, non resaltando formacións ou especies de interese especial.

3. En relación coa rede viaria, deberán repararse os posibles danos á rede existente, as vías deberán axustarse á topografía do terreo e evitaranse os movementos de terras e os fenómenos erosivos á saída das drenaxes.

4. Non se especifica por onde transcorrerá a liña de evacuación, nin o punto de destino nin se sitúa nos planos a traza desde a subestación. Esta ausencia minimiza os posibles efectos sinérxicos, relevantes no tema das aves, esgándose a información do estudio. Estímase viable que se consideren os ditos efectos. Independentemente do anterior, e de non mediar xustificación ó respecto, estímase adecuado adoptar por defecto as medidas que se recollen no primeiro punto do artigo 11 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución.

5. Extremarase a minuciosidade no seguimento das poboacións de aves, polo que no desenvolvemento e aplicación do plan de aves, teranse en conta as seguintes recomendacións:

-Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

-A frecuencia de mostraxe debe considera-las particularidades estacionais e locais da avifauna (migracións, época reproductora, inicio do voo).

-Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapificación), factores de corrección...

-O parque eólico pode ocasionar unha mortandade de aves despreciable durante moitos anos e provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse as taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo. Isto leva a propoñer que o plan debe formularse para que se superpoña en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

-Implementaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha

vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

-Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa que sirva para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

-Deberían integrarse nun único plan de vixilancia de aves as afeccións que se produzan polo parque e a liña de evacuación.

-O estudio cero de avifauna debería integrarse no estudio ambiental.

6. Están previstos rozas e posibles cortas de vexetación arbóra, nas que se estará ó disposto na lexislación vixente. Estremaranse as precaucións para non afectar a valores naturais. No caso de detectarse a súa presencia, delimitaranse e adoptaranse medidas precisas para preservalos. Así mesmo, xestionaranse de maneira precisa os residuos vexetais producidos, recomendando a súa valorización mediante trituración e esparexido homoxéneo.

7. Debe desenvolverse o plan de recuperación de solos e vexetación que se propón no estudio. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas e programándose dentro do plan de obra.

8. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución efectuaranse os controis oportunos para garantir que non se producen impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves. No momento no que se detecte un posible impacto, tomaranse as medidas oportunas para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Conservación da Natureza tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe unha descrición das características do proxecto, localización, contorno próximo e medio, principios normativos nos que se basea o informe e valoración da incidencia turístico-ambiental. No epígrafe de conclusións valoran que a implantación do parque eólico proposto supón unha incidencia turística reducida.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das

características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición da rede hidrolóxica na área do parque e un resumo das características do proxecto avaliado e da súa localización, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallo neles. Prohibirase o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

As obras non poderán afecta-la calidade nin o volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións. Os servicios de abastecemento terán prioridade fronte a calquera outro, segundo as prescricións establecidas na proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Un condicionante básico que hai que entender desta área, sería que a futura autorización reflictise que a instalación se axustará ó cumprimento da proposta do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

En definitiva, esta área considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Se con motivo da realización dalgún acceso ou vía con gabia do cableado se produce algún cruzamento cun curso fluvial ou se interrompe algún sistema de abastecemento das parroquias dos concellos afectados, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento

do dominio público hidráulico e a Lei de augas, no texto refundido aprobado polo Real decreto 1/2001, do 20 de xullo.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución do parque, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes ou as interrupcións de abastecemento, sendo necesario, neste caso, e atendendo de xeito específico ós cruzamentos de regatos ou cursos fluviais por parte da conducción eléctrica, a autorización preceptiva segundo a lexislación vixente de augas.

No caso de que as características deste parque precisasen do uso regular de auga para o seu funcionamento e fose necesario realizar captación de auga ou se producisen verteduras de augas residuais ou cruzamentos da rede fluvial, será tamén preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo da alegación

O Concello de Irixoa indica que deben facerse estudios ambientais rigorosos para a instalación de parques eólicos, especialmente se están no seu concello. Así mesmo, indica que hai que asegurarse de que os parques sexan rendibles e que logo non vaia quedar chatarra plantada nos montes. Solicita, así mesmo, un estricto seguimento dos seus efectos ambientais.