Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2003 Páx. 9.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2003 pola que se constitúe a área de servicio compartido de cardioloxía do Hospital do Meixoeiro.

O Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, establece, entre outros fins, procura-lo aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de mellora-la calidade da asistencia sanitaria prestada.

A publicación do devandito decreto crea un novo marco de actuación que permite a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso ós servicios e melloran a satisfacción dos cidadáns, integrando funcionalmente, neste caso, as unidades de alta especialización e complexidade do Instituto de Medicina Técnica no Hospital do Meixoeiro, centro hospitalario público dependente do Servicio Galego de Saúde.

A actividade asistencial desenvolta no Hospital do Meixoeiro no ámbito da cardioloxía reúne unhas condicións óptimas para configurarse como área de servicio compartido, ó dispoñer de dúas unidades asistenciais, a Unidade de Cardioloxía Clínica do devandito hospital e a Unidade de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica, que se ben desenvolven a súa función asistencial complementaria e coordinadamente, realizan a súa actividade de xeito independente, para ámbitos xeográficos diferentes e en quendas de traballo diferenciadas.

Por outra banda, a creación da Área de Servicio Compartido de Atención Cardiolóxica Cirúrxica-Cirurxía Cardíaca no Hospital do Meixoeiro, por Resolución do 5 de agosto de 2002, da Secretaría Xeral do Sergas, ven consolida-la área cardiolóxica deste centro, que se configura así como un hospital que presta unha atención cardiolóxica integral á súa poboación de referencia.

A integración dos recursos asistenciais existentes co fin de lograr unha atención integral, eficiente e continuada, é un criterio básico de xestión no eido da sanidade pública. Por isto cómpre que o Sergas se beneficie do traballo simultáneo e coordinado de ámbalas dúas institucións mediante a constitución dunha área de servicio compartido para as prestacións propias da cardioloxía.

Finalmente, cómpre subliñar que coa posta en marcha desta área, preténdese xerar unha estructura organizativa asistencial de calidade, capaz de mellorar aspectos da organización existente ata agora, creando un modelo estructurado, flexible e adaptado ó centro, promovendo unha organización de servicios máis integrada e compartindo, de forma máis eficiente, os recursos públicos profesionais e técnicos. Todo isto co fin de poder establecer globalmente o tratamento das doenzas do corazón.

Por todo isto, ó abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, elaborado o plan asistencial desta área de servicio compartido polo xerente do Hospital do Meixoeiro, e unha vez emitido informe favorable da División de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

Artigo único.-Constitúese a Área de Servicio Compartido de Cardioloxía do Hospital do Meixoeiro, e noméase a Javier Goicolea Ruigómez, director técnico da Unidade de Cardioloxía Intervencionista, como coordinador asistencial da devandita área.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2003.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA