Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2003 Páx. 9.080

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 30 de xuño de 2003 pola que se establece e regula o programa de axudas asistenciais individuais a emigrantes galegos para o exercicio de 2003.

A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, evoca o espíritu asociativo e solidario dos galegos, que os levou a constituír fóra de Galicia auténticas comunidades que serven de vínculo de unión e comunicación coa súa terra de orixe, recoñecéndolle-lo dereito a participar da vida social e cultural de Galicia.

O Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería

de Emigración, atribúe a esta as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior, e política inmigratoria nacional e estranxeira en Galicia.

Ó inicio deste exercicio aprobouse a Orde da Consellería de Emigración, do 14 de febreiro de 2003, pola que se regulan os programas de axudas e subvencións para a promoción asistencial e cultural das comunidades de galegos asentadas fóra de Galicia, mediante a concesión de subvencións ás entidades galegas que presten servicios sanitarios, asistenciais ou residenciais á colectividade de asociados de orixe galega que carezan de medios económicos.

Cómpre agora darlles continuidade ás liñas de acción que dan resposta ás situacións concretas de necesidade que afectan ós galegos residentes no exterior, co fin de garanti-lo benestar social e a calidade de vida de tódolos galegos alí onde se atopen.

A situación xeral da nosa colectividade, que está sometida na actualidade ás profundas crises que están a atravesar algúns dos países en Iberoamérica, fan aconsellable o establecemento de programas de axudas asistenciais individuais, de carácter social, dirixidas ós propios emigrantes galegos e ás súas familias que se atopen en situación de precariedade económica e carezan de cobertura axeitada para cubri-las súas necesidades básicas.

A inquietude e sensibilidade da comunidade galega manifestouse neste exercicio na aprobación dos créditos habilitados para estes fins na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003, así como no interese manifestado polas deputacións provinciais de Galicia en colaborar e coordinar, coa Consellería de Emigración, programas que contribúan a mellora-la situación dos seus veciños que residen fóra de Galicia, e en especial, daqueles que sofren dificultades acusadas en determinados países de Iberoamérica, particularmente na Arxentina.

Deste xeito, a Xunta de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra, na súa función de apoio ós municipios correspondentes, teñen a previsión de sumar esforzos financeiros e coordinar políticas atendendo ós principios de eficacia e eficiencia dos recursos destinados ó apoio social dos emigrantes, polo que os créditos reservados na aplicación orzamentaria 17.02.213.A.480.0 da Consellería de Emigración para estes fins poderán verse incrementados coas achegas das deputacións provinciais interesadas.

As bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e ó establecido na Lei 6/2002,

do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Por todo isto e desde os principios e obxectivos expostos, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Programa de axudas asistenciais individuais a emigrantes galegos

Artigo 1º.-Obxecto e características.

O obxecto deste programa é a concesión de prestacións económicas directas, individuais, extraordinarias e non periódicas, de carácter social, dirixidas ás persoas de orixe galega e ás súas familias, residentes no estranxeiro, que se atopen en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubri-las necesidades básicas de subsistencia como manutención, aloxamento e atención socio-sanitaria.

Estas axudas destinaranse ós países iberoamericanos, debido á súa situación actual e a da nosa comunidade alí residente, aínda que puideran ser atendidos os casos de especial e de grave necesidade sen distinción en canto ó lugar de residencia, sempre que esta sexa no estranxeiro.

Artigo 2º.-Requisitos xerais dos solicitantes.

Poderán solicitar estas axudas ás persoas de orixe galega que cumpran e acrediten documentalmente, os requisitos xerais que a continuación se sinalan:

2.1. Teren o seu lugar de residencia nos países iberoamericanos ou, nos casos de especial gravidade, en calquera lugar no estranxeiro.

2.2. Careceren de bens e ingresos que permitan o nivel mínimo de subsistencia, computándose todo tipo de rendas incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante a esta, sempre que non cubran as súas necesidades básicas. A comisión de avaliación á que se refire o número 3 do artigo 10, fixará, en cada país o limiar máximo de ingresos persoais e familiares, segundo o suposto de axuda que, en calquera caso, serán inferiores ó equivalente ó importe das pensións non contributivas en España referidas ó ano 2003.

2.3. As axudas asistenciais individuais son incompatibles coa percepción das pensións asistenciais por ancianidade establecidas no Real decreto 728/1993, do 14 de maio, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, en favor dos emigrantes españois, agás nos casos establecidos nos números 2 e 4 do artigo 3º desta orde.

2.4. Residiren en domicilios particulares e non pertenceren a organizacións, comunidades, ou institucións que polas súas regras ou estatutos estean obrigados a prestarlles asistencia.

Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda previstos no seguinte artigo, os solicitantes terán que cumpri-los requisitos específicos que nel se sinalan.

Artigo 3º.-Supostos de axuda e requisitos específicos para naturais de Galicia.

Poderán solicitar estas axudas os naturais de Galicia que cumpran, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais previstos no artigo anterior e aqueles específicos que se sinalan para cada un dos seguintes supostos:

3.1. Axudas por invalidez ou enfermidade permanente:

3.1.1. Teren menos de 65 anos de idade.

3.1.2. Encontrarse nunha situación de invalidez ou enfermidade permanente que os incapacite para desenvolver calquera tipo de actividade laboral.

3.2 Axudas en casos de infortunio familiar:

3.2.1. Seren cabezas de familia na que se presenta algunha das seguintes circunstancias:

a) Enfermidade grave dalgún membro da unidade familiar que estea necesitado de atención urxente e careza da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

b) Que teñan sucedidos feitos extraordinarios, de carácter puntual, que afecten gravemente á cobertura da necesidade básica de vivenda tales como inundación, incendio, desaloxo e outros.

c) Estaren o seu cónxuxe ou fillos en situación de gran invalidez, incapacidade permanente absoluta ou enfermidade conxénita invalidante.

3.3. Axudas para paliar unha situación de paro xeneralizado na unidade familiar:

3.3.1. Seren menores de 65 anos.

3.3.2. Estaren, tanto o cabeza de familia como o seu cónxuxe, en situación de paro, sempre que as rendas doutros membros da unidade familiar non superen as contías ás que se fai referencia no artigo 2º.2.

3.4. Axudas para lles facilitar ós emigrantes beneficiarios das pensións asistenciais por ancianidade que o necesiten, o acceso a coidados de terceiros con asistencia domiciliaria e atención no fogar mediante a correspondente contraprestación económica:

3.4.1. Seren maiores de 65 anos de idade.

3.4.2. Padeceren unha situación de dependencia física ou psíquica que lles faga precisar doutra persoa para realiza-las actividades esenciais da vida diaria.

3.4.3. Seren beneficiarios das pensións asistenciais por ancianidade.

Artigo 4º.-Supostos de axuda e requisitos específicos para fillos de galegos.

Poderán solicita-las axudas para paliar situacións de necesidade en casos de enfermidade conxénita invalidante, incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, os fillos de naturais de Galicia que non poden ser atendidos por estes por mor de fale

cemento e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 2 e os seguintes específicos:

4.1. Ser orfo de natural de Galicia. No caso de incapacidade poderá presenta-la solicitude o seu titor.

4.2. Non posuír cobertura médica e asistencial suficiente.

4.3. Ser menor de 30 anos de idade.

4.4. Estar nalgunha das tres situacións seguintes:

-De gran invalidez.

-De incapacidade permanente absoluta.

-Enfermidade conxénita invalidante.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

A contía da axuda será dun importe mínimo de trescentos euros. Ademais, nos supostos previstos no artigo 3 punto 2, esta contía será fixada en función da gravidade xustificada da situación, do número de solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Natureza das axudas.

As axudas teñen carácter persoal e intransferible.

As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias deste exercicio, previstas para esta finalidade.

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas presentadas ó abeiro desta orde correspóndelle ó conselleiro de Emigración.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, nas entidades galegas dos países de destino da convocatoria que teñan recoñecida a galeguidade ou que estean consideradas como colaboradoras, que entregarán os correspondentes recibos destas, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de agosto de 2003.

As solicitudes correspondentes á alínea 2 do artigo 3 poderán presentarse na época do ano na que se produza a continxencia xunto cun informe do centro, quedando condicionada a súa concesión á existencia de crédito na partida orzamentaria correspondente.

Artigo 9º.-Documentación.

1. Tódolos solicitantes deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude segundo modelo normalizado do anexo I desta orde. No caso de que os solicitantes previstos no artigo 4 sexan menores de idade ou incapacitados, asinará a solicitude o pai ou nai ou titor daquel.

No modelo da solicitude inclúese unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas, das distintas administracións públicas competentes.

b) Documentos nos que consten os ingresos do solicitante e de tódolos membros da unidade familiar que convivan con el:

-Último recibo de cada xubilación ou pensión percibida incluso as que proveñan doutro país.

-Último recibo de cada salario percibido.

-No caso de traballadores por conta allea ou que realicen traballos esporádicos: declaración xurada de puño e letra na que se indique a orixe dos ingresos e contía anual recibida o ano anterior.

-Imposto inmobiliario ou contribución urbana relativos ás propiedades dos membros da familia do solicitante. Noutro caso, recibo do aluguer.

c) Fotocopia do pasaporte español ou documento de identidade no que consten os seus datos persoais.

d) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda e completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Ademais, para cada caso concreto deberán completa-la documentación achegando:

2.1. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 3º.1:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo II, realizado polos servicios médicos dunha sociedade galega ou española que preste servicios na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola sociedade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde pública oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares nos que estas existan. Podería admitirse un certificado médico nun modelo distinto do anexo II, sempre que cumprise o anteriormente sinalado e del se poidesen extraer obxectivamente os mesmos datos que aparecen no modelo normalizado.

2.2. Para os casos de infortunio familiar previstos no artigo 3º.2:

a) Xustificantes que poidan servir como comprobantes das circunstancias recollidas na letra b) do artigo 3º.2.1.

b) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo para os casos recollidos nas letras a) e c) do artigo 3º.2.1 e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes das circunstancias recollidas nas devanditas letras.

2.3. Para os casos de paro xeneralizado na unidade familiar previstos no artigo 3º.3:

a) Xustificantes da situación de paro, con indicación de se é subsidiado ou non, do cabeza de familia e do seu cónxuxe así como do resto dos membros que compoñen a unidade familiar e que estean nesa situación.

b) Xustificación de non estar en activo laboralmente para os membros da familia que estean nesa situación.

2.4. Para os casos de acceso a coidados de terceiros previstos no artigo 3º.4:

a) Documentación que probe que na actualidade é beneficiario dunha pensión asistencial por ancianidade recoñecida pola Administración do Estado.

b) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes do grao de dependencia de terceiras persoas para o desenvolvemento da súa vida diaria.

2.5. Para os casos que atinxen a orfos de natural de Galicia previstos no artigo 4º:

a) Documentación xustificativa da súa condición de orfo de natural de Galicia.

b) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que o descrito na alínea 2.1º a) deste mesmo artigo e outros xustificantes que poidan servir como comprobantes das situacións descritas na alínea 4 do artigo 4º.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As entidades galegas receptoras da documentación realizarán unha revisión técnica das solicitudes e, unha vez comprobado que está completa e correcta, enviarana, para unha maior simplificación do trámite e eficacia, o día seguinte do remate do prazo, ós centros coordinadores seguintes:

* En Arxentina:

-Oficina Delegada da Consellería de Emigración no Centro Gallego de Buenos Aires.

* En Brasil:

-Peña Galega da Casa de España do Río de Janeiro/Hospital de Beneficencia.

-Real Sociedad Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

* En Cuba:

-Oficina Administradora de Comunidades Galegas, Centro Gallego de La Habana.

-Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana.

* En Uruguai:

-Casa de Galicia de Montevideo.

-Unión de Sociedades Gallegas de Montevideo.

* En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Caracas.

2. Os centros coordinadores, designados no punto anterior, efectuarán unha segunda revisión, realizando o exame técnico das solicitudes e informarán periódicamente, nos prazos en que sexan requiridos pola Consellería de Emigración, do número de solicitudes correctas recibidas de cada un dos centros correspondentes á súa área xeográfica.

3. En cada un destes países a Consellería de Emigración poderá constituír unha comisión, para a que nomeará un representante na persoa dun funcionario e na que estarán, así mesmo, representados os centros receptores das solicitudes en función do número de solicitudes presentadas e o seu peso específico dentro da colectividade galega. Así mesmo, poderá asistir un representante do consello de residentes correspondente á demarcación na que ten lugar a comisión, preferentemente galego, por razóns de coñecemento e integración na comunidade galega asentada nese país e, polos mesmos motivos, preferiblemente pertencente e representante dalgún dos centros constituíntes da comisión.

4. A devandita comisión reunirase naqueles países onde se presentaron un maior número de solicitudes, levantando acta dos seus acordos, que terá valor de proposta de selección.

5. Os galegos residentes naqueles países de Iberoamérica non citados no punto 1 deste artigo poderán remiti-las súas solicitudes á Consellería de Emigración (Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela. A Coruña).

6. De constituírse, a comisión avaliadora reunirase dentro do prazo de 60 días contados a partir do día seguinte ó de remate do prazo de presentación de instancias, e levantará acta da relación provisional de persoas seleccionadas, que se expoñerá ó público nos taboleiros de anuncios dos centros durante sete días naturais. Durante este período os interesados poderán presenta-las correspondentes reclamacións e o centro coordinador poderá pedirlles ós preseleccionados canta documentación coide oportuna para comproba-la veracidade dos datos citados nas solicitudes. No oitavo día natural, o centro coordinador elevará informe e, se é o caso, a proposta de modificacións xunto coa oportuna documentación xustificativa e informe do centro no que foi presentada a correspondente solicitude, á Consellería de Emigración que, despois dos trámites legais oportunos, lles comunicará a resolución aprobatoria ós interesados e ós centros coordinadores, que se expoñerá públicamente nos taboleiros de

anuncios.

7. De non constituírse a dita comisión, os centros coordinadores deberán remitir á Consellería de Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de 5 días a partir do remate do prazo de presentación.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

Tendo en conta o crédito dispoñible para este programa elaborarase a relación provisional de persoas seleccionadas, aplicando os criterios e a gradación deste que a continuación se sinalan:

1. No caso do artigo 3º.1:

a) Grao de autonomía: autoválido, parcialmente dependente de terceiros ou totalmente dependente de terceiros.

b) Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

c) Gastos médico/farmacéuticos: normais, medios ou altos.

2. No caso do artigo 3º.2:

a) Grao de infortunio: medio, alto ou moi alto.

b) Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

c) Avaliación da necesidade: media, alta ou moi alta.

3. No caso do artigo 3º.3:

a) Incidencia do paro en relación co número de membros da unidade familiar: alto, moi alto ou extremadamente alto.

b) Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

c) Idade do solicitante: baixa, media ou alta.

4. No caso do artigo 3º.4:

a) Grao de dependencia de terceiros: media, alta ou moi alta.

b) Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

c) Idade do solicitante: avanzada, moi avanzada ou extremadamente avanzada.

5. No caso do artigo 4º:

a) Gravidade da situación da enfermidade/incapacidade/invalidez: normal, media ou alta.

b) Ingresos económicos: escasos, moi insuficientes ou extremadamente insuficientes.

c) Grao de dependencia de terceiros: medio, alto ou moi alto.

Para os efectos da gradación dos criterios sinalados neste artigo deberán terse en conta os informes socioambientais elaborados por traballadores sociais realizados a través de entidades asistenciais galegas e españolas e outros informes realizados, de se-lo caso, para o desenvolvemento de programas asistenciais.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Dada a especificidade do programa e para unha maior operatividade e eficacia, delégase no director xeral de Emigración da Consellería de Emigración a resolución da concesión ou denegación das axudas que se convocan por esta orde.

2. As resolucións seránlles notificadas ós interesados, debendo ser sempre motivadas.

3. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 28/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes ós programas convocados por esta orde quedan obrigados a:

-Someterse ós requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral de aplicación ás axudas de subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectua-la entidade concedente e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Modificación da resolución, concesión e revogación.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos esixidos na convocatoria ou de circuns

tancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para ás que se solicitou a axuda, podendo a consellería adopta-la resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración, sempre que a natureza e tramitación orzamentaria o permitan, para amplia-los prazos sinalados nesta orde mediante resolución, coas limitacións que se derivan do artigo 49 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992, do 26 de novembro).

Segunda.-As axudas precisas para a realización deste programa concederanse con cargo á partida 17.02.213-A 480.0 (Transferencias correntes. A familias e institucións sen fin de lucro. Subvencións dedicadas ó cumprimento da Lei 4/1983) do orzamento da Comunidade Autónoma para o 2003, por un importe de 900.000 euros. O citado importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que poidan producirse na devandita aplicación ou ben por xeracións de crédito orixinadas por constitucións das deputacións provinciais de Galicia, que teñan por finalidade a atención socio-sanitaria de galegos residentes en Iberoamérica.

A concesión das axudas estará sempre condicionada ó límite de crédito previsto na aplicación correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde haberá que aterse ó Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e á Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002 (Lei 6/2002, do 29 de abril) e do Decreto 287/2000.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración para dicta-las resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2003.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración