Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2003 Páx. 9.066

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2003 pola que se publica o Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

A Mesa do Parlamento de Galicia, na súa reunión do 15 de abril de 2003, aprobou o Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

O devandito regulamento publicouse no Boletín Oficial del Parlamento de Galicia número 362, do 27 de maio de 2003, e na súa disposición derradeira segunda establécese que a súa entrada en vigor se producirá o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, e para dar cumprimento a esta prescrición, ordénase a súa publicación ordinaria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2003.

José María García Leira

Presidente del Parlamento de Galicia

Proxecto de Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo

Capítulo I

Do orzamento

Sección primera

Contido e aprobación

Artigo 1º.-Exercicio orzamentario.

1. O Parlamento de Galicia elaborará e aprobará anualmente un orzamento xeral no que se incluirán, como unidades orgánicas separadas, o orzamento da

propia institución parlamentaria e o do Valedor do Pobo.

2. O exercicio orzamentario coincide co ano natural e a el imputaranse:

a) Os dereitos liquidados neste, calquera que sexa o período do que deriven.

b) As obrigas recoñecidas durante este.

3. O orzamento xeral incluirá a totalidade dos gastos e dos ingresos do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

Artigo 2º.-Contido.

O orzamento xeral conterá para cada un dos orzamentos que nel se integran:

a) Os estados de gastos, coas debidas especificacións dos créditos necesarios para atende-lo cumprimento das obrigas.

b) Os estados de ingresos, nos que figurarán as estimacións dos distintos recursos que se prevexan liquidar durante o exercicio.

Artigo 3º.-Estructura.

1. Os créditos incluídos nos estados de gastos clasificaranse de acordo cos seguintes criterios:

a) Por funcións, incluíndose a totalidade dos créditos do orzamento xeral no programa correspondente.

b) Por categorías económicas, ordenándose os créditos por capítulos, artigos, conceptos e subconceptos.

2. As previsións dos estados de ingresos ordenaranse de acordo coa súa natureza económica consonte a clasificación por capítulos, artigos, conceptos e subconceptos.

3. A ordenación por categorías económicas é aberta.

4. Utilizarase a estructura orzamentaria que se estableza, con carácter xeral, para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Partida orzamentaria.

1. A partida orzamentaria, da que a expresión cifrada constitúe o crédito orzamentario, virá definida pola conxunción da clasificación orgánica, funcional e económica.

2. O control contable realizarase sobre a partida orzamentaria e o control fiscal sobre o nivel de vinculación xurídica que se estableza.

Artigo 5º.-Documentación complementaria.

Ó orzamento xeral uniráselle a seguinte documentación:

a) Anexo de persoal de cada unha das institucións, no que se relacionen e valoren os postos de traballo existentes, de xeito que se dea a oportuna correlación cos créditos para persoal incluídos no orzamento.

b) A valoración das retribucións dos altos cargos do Valedor do Pobo e dos deputados do Parlamento.

c) Tamén poderán unírselle ó orzamento unhas normas de carácter xeral que faciliten a xestión e execución orzamentaria. Estas normas de carácter xeral, con vixencia exclusiva para cada exercicio, consideraranse como normas de desenvolvemento deste regulamento.

Artigo 6º.-Aprobación.

1. O anteproxecto do orzamento seralle sometido á mesa do Parlamento de Galicia no mes de xullo de cada ano para a súa aprobación.

2. Logo de ser aprobado pola Mesa, o proxecto do orzamento seralle remitido á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para a súa inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e posterior aprobación polo Pleno do Parlamento.

Artigo 7º.-Prórroga.

1. O orzamento entrará en vigor trala publicación no Diario Oficial de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Se ó iniciarse o exercicio económico non entrase en vigor o orzamento correspondente, considerarase automaticamente prorrogado o do exercicio anterior ata o límite global dos seus créditos iniciais, como máximo, sen prexuízo de practicar outros axustes e modificacións que procedan.

3. O orzamento prorrogado será aprobado pola mesa.

Artigo 8º.-Principio de estabilidade orzamentaria.

O orzamento xeral atenderá ó cumprimento do principio de estabilidade, nos termos previstos na Lei xeral de estabilidade orzamentaria.

Sección segunda

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 9º.-Especialidade orzamentaria e anulación de créditos.

1. Os créditos autorizados teñen carácter limitativo e vinculante e, polo tanto, non poden adquirirse compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos autorizados no estado de gastos.

2. Os créditos destinaranse exclusivamente á finalidade específica para a que foron autorizados no orzamento.

3. Con cargo ós créditos do estado de gastos de cada exercicio só poderán contraerse obrigas derivadas de gastos que se realicen no ano natural do propio exercicio orzamentario.

4. Os créditos para gastos que no último día do exercicio non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, sen prexuízo da posibilidade de seren incorporados como remanentes de crédito ó orzamento do exercicio seguinte.

Artigo 10º.-Créditos extraordinarios e suplementos de crédito.

1. Cando se teña que realizar algún gasto que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista no orzamento crédito ou sexa insuficiente o consignado, poderá incoarse un expediente de concesión de crédito extraordinario no primeiro caso ou de suplemento de crédito no segundo.

2. O expediente, que deberá ser obxecto de informe polo interventor do Parlamento, será aprobado pola Mesa do Parlamento, tanto se afecta o orzamento desta institución coma o do Valedor do Pobo.

3. O expediente deberá de especifica-la partida que se vai incrementar e o recurso que financiará o aumento que se propón.

4. O incremento orzamentario poderá financiarse:

a) Co remanente líquido de tesourería.

b) Con novos e maiores ingresos recadados sobre os previstos no orzamento.

c) Mediante baixas ou anulacións de créditos doutras partidas non comprometidas das que as súas dotacións se estimen reducibles.

Artigo 11º.-Transferencias de crédito.

1. A transferencia de crédito é aquela modificación mediante a que, sen altera-la contía do orzamento de gastos, se lle imputa o importe total ou parcial dun crédito a outra partida con diferente vinculación xurídica.

2. As transferencias serán aprobadas polo presidente do Parlamento, de afectaren o orzamento da cámara, ou polo Valedor do Pobo, de afectaren o orzamento desta institución.

3. As transferencias están suxeitas ás seguintes limitacións:

a) Non afectarán os créditos extraordinarios concedidos durante o exercicio.

b) Non poderán minora-los créditos que fosen incrementados con suplementos ou transferencias, agás cando afecten créditos de persoal, nin os créditos incorporados como consecuencia de remanentes non comprometidos.

c) Non incrementarán créditos que fosen minorados por outras transferencias, agás cando afecten créditos de persoal.

Artigo 12º.-Xeración de créditos.

1. Poderán xerar créditos nos estados de gastos os ingresos non tributarios derivados de achegas ou compromisos firmes de achegas de persoas físicas ou xurídicas para financiar conxuntamente gastos da súa competencia.

2. Os expedientes de xeración de créditos deberán de ser aprobados en todo caso pola Mesa do Parlamento.

Artigo 13º.-Incorporación de créditos.

1. Poderán incorporarse ós correspondentes créditos do orzamento de gastos do exercicio inmediato seguinte:

a) Os créditos extraordinarios e os suplementos de créditos, así como as transferencias que fosen concedidas ou autorizadas, respectivamente, no último mes do exercicio e que, por causas xustificadas, non puidesen utilizarse durante este.

b) Os créditos que amparen compromisos de gastos por operacións correntes contraídos antes do último mes do exercicio e que, por causas xustificadas, non puidesen realizarse durante este.

c) Os créditos para operacións de capital.

2. Os créditos incorporados unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio no que a incorporación se acorde, e no suposto da letra a) do apartado anterior para os mesmos gastos que motivaron a súa concesión ou autorización.

3. Os expedientes de incorporación de remanentes de créditos serán aprobados en todo caso pola Mesa do Parlamento de Galicia.

4. A incorporación de remanentes de crédito quedará condicionada á existencia dos suficientes recursos para o seu financiamento.

5. A incorporación de remanentes de crédito poderá financiarse:

a) Con remanente líquido de tesourería.

b) Con novos ou maiores ingresos recadados sobre os totais previstos no orzamento.

Sección terceira

Da execución e liquidación

Artigo 14º.-Fases de execución do orzamento.

1. A xestión do orzamento de gastos realizarase nas seguintes fases:

a) Autorización.

b) Disposición ou compromiso.

c) Recoñecemento ou liquidación das obrigas.

d) Ordenación do pagamento.

e) Pagamento material.

2. A xestión do orzamento de ingresos realizarase nas seguintes fases:

a) Recoñecemento do dereito.

b) Cobro.

3. Un mesmo acto administrativo poderá abranguer máis dunha das fases de execución do orzamento de gastos, podéndose da-los seguintes casos:

a) Autorización-disposición.

b) Autorización-disposición-recoñecemento da obriga.

c) Autorización-disposición-recoñecemento da obriga-ordenación do pagamento.

d) Recoñecemento da obriga-ordenación do pagamento.

Artigo 15º.-Competencias de execución orzamentaria.

1. Dentro do importe dos créditos autorizados no orzamento, correspóndelle á Mesa do Parlamento ou, se é o caso, ó Valedor do Pobo a aprobación dos actos de autorización e disposición dos gastos.

2. A Mesa do Parlamento poderá delegar no presidente do Parlamento a aprobación de créditos de autorización ou disposición ata a contía que se determine.

3. Correspóndenlle ó presidente do Parlamento ou, se é o caso, ó Valedor do Pobo o recoñecemento e a liquidación das obrigas derivadas de compromisos de gastos legalmente adquiridos.

4. Correspóndenlle ó presidente do Parlamento ou, se é o caso, o Valedor do Pobo as funcións de ordenación de pagamentos.

Artigo 16º.-Ordenación dos pagamentos.

1. A expedición das ordes de pagamento axustarase ás dispoñibilidades de tesourería e terá en conta necesariamente a prioridade derivada dos gastos de persoal e dos orzamentos pechados.

2. As ordenacións de pagamentos poden realizarse individualmente ou mediante relacións contables.

3. As ordes de pagamento poderán expedirse en firme ou «a xustificar».

4. Os pagamentos «a xustificar» e os anticipos de caixa fixa serán obxecto dunha regulación independente que será aprobada pola Mesa do Parlamento.

5. Con carácter xeral, os pagamentos efectuaranse mediante transferencia bancaria, e, excepcionalmente, poderá utilizarse como medio de pagamento o talón bancario nominativo. Tódolos pagamentos levarán a sinatura conxunta do ordenador e do interventor do Parlamento.

Artigo 17º.-Fiscalización previa dos gastos.

Ningunha unidade da administración parlamentaria poderá realizar gastos que previamente non fosen fiscalizados polo interventor da Cámara e autorizados pola Mesa do Parlamento ou polo presidente do Parlamento. Para o devandito fin remitiránlle as súas propostas de gastos á dirección competente en materia de intervención xeral e asuntos económicos da Cámara para a súa fiscalización e tramitación posterior.

Artigo 18º.-Liquidación.

1. O orzamento de cada exercicio liquidarase en canto á recadación de dereitos e ó pagamento de obrigas o 31 de decembro do ano natural correspondente.

2. A liquidación do orzamento deberá confeccionarse antes do 1 de marzo do exercicio seguinte.

3. A liquidación, coa determinación dos orzamentos pechados e os remanentes de créditos incorporables, aprobaraa en todo caso a Mesa do Parlamento.

Capítulo II

Da xestión financeira

Artigo 19º.-Tesourería do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

1. Tódolos recursos financeiros, sexan diñeiro, valores ou créditos, tanto por operacións orzamentarias coma extraorzamentarias, constitúen a tesourería do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

2. Cada institución realizará independentemente a xestión financeira da súa tesourería.

Artigo 20º.-Apertura de contas.

Tanto o Parlamento de Galicia coma o Valedor do Pobo poderán concertar coas entidades financeiras a apertura dos seguintes tipos de contas:

a) Contas operativas de ingresos e pagamentos.

b) Contas restrinxidas de ingresos e pagamentos.

c) Contas financeiras de colocación de excedentes de tesourería

Artigo 21º.-Débeda e excedentes de tesourería.

1. O Parlamento de Galicia e o Valedor do Pobo poderán concertar coas entidades financeiras operacións de tesourería para cubrir déficits temporais de liquidez. Estas operacións aprobaraas en todo caso a Mesa do Parlamento.

2. Igualmente, ámbalas institucións poderán rendibiliza-los os seus excedentes temporais de tesourería mediante investimentos que reúnan as condicións de liquidez e seguridade. Estas operacións tamén serán aprobadas pola Mesa do Parlamento ou, se é o caso, polo Valedor do Pobo.

Capítulo III

Da contabilidade

Artigo 22º.-Principios de actuación contable.

1. O Parlamento de Galicia e o Valedor do Pobo quedan sometidos ó réxime de contabilidade pública.

2. A xestión contable de ámbalas institucións axustarase ás directrices do Plan xeral de contabilidade pública do 6 de maio de 1994, cualificado como Plan contable marco, e ó Plan xeral de contabilidade pública de Galicia do 28 de novembro de 2001, que constitúe unha norma de adaptación a aquel.

3. O sistema de información contable adaptarase ás directrices xerais recollidas na Instrucción de contabilidade da Administración do Estado ou, se é o caso, na da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O Parlamento de Galicia e o Valedor do Pobo constitúen entidades contables públicas independentes.

Artigo 23º.-Contas xerais do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

1. O Parlamento e o Valedor do Pobo elaborarán anualmente unha conta xeral. A súa estructura e mailo seu contido axustaranse ó disposto nos plans xerais de contabilidade pública citados no artigo anterior.

2. As contas xerais de ámbalas institucións, logo de estaren formadas pola Intervención do Parlamento, seranlle remitidas á Mesa do Parlamento para a súa aprobación antes do 31 de xullo do exercicio seguinte.

3. Trala súa aprobación, as devanditas contas xerais seranlle enviadas ó Consejo de Cuentas de Galicia e publicaranse no Boletín Oficial del Parlamento de Galicia.

Capítulo IV

Control e fiscalización

Artigo 24º.-Control interno da xestión económica e financeira.

1. No Parlamento de Galicia e no Valedor do Pobo exerceranse as funcións de control interno da xestión económica e financeira na súa dobre acepción de función interventora e control financeiro.

2. A función interventora ten por obxecto controlar tódolos actos que dan lugar ó recoñecemento e liquidación de dereitos e obrigas de contido económico, así como os ingresos e pagamentos que deles deriven, e a recadación, o investimento e a aplicación en xeral dos capitais públicos co fin de que a xestión se axuste ás disposicións aplicables en cada caso.

3. O control financeiro, que ten por obxecto comprobar que o funcionamento, no aspecto económico-financeiro, se axuste ó ordenamento xurídico e ós principios xerais de boa xestión financeira, exercerase co alcance, extensión e contido que, se é o caso, acorde a Mesa do Parlamento.

Artigo 25º.-Función interventora.

O exercicio da función interventora comprenderá:

a) A intervención crítica ou previa de todo acto, documento ou expediente susceptible de producir dereitos e obrigas de contido económico e movemento de fondos e valores.

b) A intervención formal da ordenación do pagamento.

c) A intervención material do pagamento

d) A intervención do recoñecemento das obrigas e a comprobación material dos investimentos e da aplicación das subvencións.

Artigo 26º.-Intervención limitada.

Non estarán sometidos a intervención previa os gastos de material non inventariable, os abastecementos menores e os de carácter periódico e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente ó período inicial do acto ou contrato do que deriven.

Artigo 27º.-Autonomía no exercicio do control interno.

1. O control interno exercerase con plena autonomía respecto das autoridades e dos órganos que teñan a súa xestión obxecto de control.

2. Cando a natureza do acto, documento ou expediente o requira, a Intervención Xeral do Parlamento poderá acadar dos órganos correspondentes os asesoramentos xurídicos e os informes técnicos que considere necesarios, así como os antecedentes e documentos precisos para o exercicio das súas funcións de control.

Artigo 28º.-Conformidade da Intervención.

Se a Intervención do Parlamento considera que o expediente obxecto de fiscalización se axusta á legalidade, fará consta-la a súa conformidade sen necesidade de motivala.

Artigo 29º.-Reparos da Intervención.

Se a Intervención se manifestase en desacordo co fondo o coa forma dos actos, documentos ou expedientes examinados, deberá formula-los seus reparos motivados por escrito antes da adopción do acordo ou da resolución.

Artigo 30º.-Suspensión dos expedientes.

1. O reparo suspenderá a tramitación do expediente ata que sexa resolto nos seguintes casos:

a) Cando se basee na insuficiencia do crédito ou o proposto non sexa adecuado.

b) Nos casos de omisión no expediente de requisitos ou trámites que, a xuízo da Intervención, sexan esenciais, ou cando se estime que a continuación da xestión administrativa puidese causarlle quebrantos económicos á institución.

c) Cando o reparo derivase de comprobacións materiais das obras, abastecementos, adquisicións e servicios.

2. Non obstante a Intervención poderá fiscalizar favorablemente, os defectos que observe no expediente, sempre que os requisitos ou trámites incumpridos non sexan esenciais, pero a eficacia do acto quedará condicionada á súa corrección, e do seu cumprimento daráselle conta á Intervención.

3. O reparo formulado enviaráselle á Oficialía Maior, que, de non aceptalo, remitirallo con tódolos antecedentes á mesa para a resolución definitiva da discrepancia.

Artigo 31º.-Omisión da intervención preceptiva.

1. Nos supostos nos que a función interventora fose preceptiva e se omitise, non se poderá recoñece-la obriga nin tramita-lo pagamento ata que se coñeza e resolva a devandita omisión.

2. Cando a Intervención ó examinar un expediente observase algunha das omisións indicadas no punto anterior, emitirá un informe no que poñerá de manifesto as posibles infraccións do ordenamento xurídico e as prestacións que se realizasen como con

secuencia do acto non fiscalizado, e remitirallo á Oficialía Maior para que o someta, conxuntamente coa memoria explicativa da omisión da fiscalización, á mesa para a convalidación ou a anulación das actuacións realizadas.

Artigo 32º.-Reparos que afecten o Valedor do Pobo.

1. Nos supostos previstos nos artigos 30 e 31, cando o reparo ou a omisión de fiscalización afecten a institución do Valedor do Pobo, a Intervención remitiralle a nota de reparo ou, se é o caso, o informe directamente ó Valedor do Pobo para que resolva definitivamente o que proceda.

2. O órgano interventor daralle conta á Mesa do Parlamento das resolucións adoptadas polo Valedor do Pobo contrarias ós reparos efectuados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Dereito supletorio.

No non previsto neste regulamento aplicarase, supletoriamente, a lexislación orzamentaria da Comunidade Autónoma e, se é o caso, a lexislación orzamentaria do Estado.

Segunda.- Entrada en vigor.

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.