Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2003 Páx. 8.872

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 24 de febreiro de 2003 sobre a avaliación de impacto ambiental do proxecto técnico para a autorización de xestor de residuos dunha empresa dedicada á clasificación e selección de metais, nos concellos de Fene e Ferrol (A Coruña), promovido por Suymetal Aragunde, S.L. (clave 2003/0008).

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto legislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso. A decisión que deberá ser motivada e pública axustarase ós criterios establecidos no anexo III.

O proxecto tipifícase na categoría de proxectos do anexo II da Lei 6/2001, grupo 9, outros proxectos; letra d) «Instalacións de almacenamento de chatarra, incluídos vehículos rexeitados e instalacións de despezamento».

A Subdirección Xeral de Calidade Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de acordo co establecido no artigo 2.3º do Real decreto legislativo 1302/1986, segundo a redacción dada na Lei 6/2001, do 8 de maio, remitiu á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, con data do 22 de xaneiro de 2003, a documentación do expediente, entre a que se atopa o proxecto titulado proxecto técnico para a autorización de xestor de residuos dunha empresa dedicada á clasificación e selección de metais, ó obxecto de determina-la necesidade do seu sometemento ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

A actividade da empresa consiste na recollida, transporte, clasificación e almacenamento de chatarra, metais non férricos, papel, cartón e pequenas cantidades de baterías, con destino á reutilización ou xestor final autorizado. Para o seu desenvolvemento dispón de dous centros: un situado na parcela localizada en Pumido nº 3-Maniños do concello de Fene e outro nun baixo dunha vivenda situada na rúa Ourense nº 3 do concello de Ferrol, aínda que neste último só se leva a cabo a venda dos elementos aproveitables; os materiais metálicos prénsanse e lévanse á planta de Fene.

Considerando os criterios do anexo III da Lei 6/2001 e as seguintes características do proxecto:

-Non se producirán cambios na topografía, uso do solo e cambios en masas de auga no lugar do centro

durante a fase de construcción, debido a que xa levan anos desenvolvendo a súa actividade.

-Non existirá risco de accidente que poida afectar á saúde humana ou medioambiental na fase de construcción pola mesma razón mencionada con anterioridade.

-Non se valoran nin se eliminan residuos, tan só se manipulan e clasifican, non someténdoos a ningún tratamento químico ou biolóxico.

-Nos centros non se levarán a cabo traballos de incineración nin combustión, polo que non emitirán contaminantes perigosos, tóxicos ou nocivos á atmosfera.

-As instalacións non afectan a zonas incluídas na proposta galega de Rede Natura 2000.

Non se deduce a posible existencia de impactos ambientais significativos que aconsellen somete-lo proxecto ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

Polo tanto, en virtude do artigo 1.2º da lei precitada, e tendo en conta o exposto anteriormente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que non é necesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o proxecto da presente resolución.

Non obstante, esta dirección xeral considera que se deben ter en conta os seguintes aspectos ambientais, ademais das normas xerais de protección establecidas na documentación presentada e doutros requisitos legais esixidos na normativa vixente, para os efectos de evitar posibles impactos ambientais:

1. Toda a instalación localizada en Maniños (concello de Fene) deberá dispoñer dun valado perimetral de altura suficiente con elementos que diminúan ou minimicen o impacto visual, consistente nunha pantalla perimetral de carácter vexetal (preferiblemente con especies perennes e de crecemento rápido), para garantir con iso a harmonía co uso dominante primario do solo, sempre e cando non se demostre a inviabilidade desta actuación.

2. As augas de escorrentía que discorran polo interior das instalacións e as augas procedentes da limpeza das instalacións, serán conducidas mediante canalizacións apropiadas e tratadas, adecuadamente, antes da súa vertedura.

3. A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contaminaren as augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico, deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto legislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas).

4. As zonas de aprovisionamento de materiais para a súa posterior xestión, levaranse a cabo de forma que os materiais non se afecten polos arrastres ocasionados polas chuvias. As ditas zonas realizaranse sobre superficies planas previamente drenadas de forma que se eviten anegamentos e serán acondicionadas sobre solos de formigón impermeabilizados, que disporán, en todo caso, de aneis perimetrais de recolla de lixiviados para a súa adecuada captación e posterior tratamento.

5. O sistema de escorrega, recolla e almacenamento dos restos oleosos impregnados na chatarra, asegurará o seu almacenamento en lugares adecuados para tal efecto para a súa posterior evacuación e tratamento por parte dun xestor autorizado.

6. Os residuos xerados no desenvolvemento da actividade, independentemente de que esten catalogados ou non como residuos perigosos, serán entregados a xestor autorizado. Mentres se encontren no seu poder, os residuos serán almacenados en condicións adecuadas de seguridade e hixiene, evitando en todo momento a mestura das diferentes categorías de residuos perigosos entre si ou destes cos que non teñan tal consideración.

7. No caso de existir calquera tipo de captación de auga deberase contar coa autorización do organismo de conca correspondente.

8. Ó obxecto de evitar niveis indesexables de contaminación acústica, deberanse manter en condicións óptimas os sistemas de escape da maquinaria e vehículos dotados de motor de combustión; así mesmo, serán mantidos en óptimas condicións de funcionamento os sistemas mecánicos da propia instalación, así como os seus chasis, soportes e demais elementos susceptibles de crearen perturbacións sonoras non desexadas. Non se sobrepasarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), e, se é o caso, o establecido polo propio concello.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental