Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 01 de xullo de 2003 Páx. 8.707

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 28 de febreiro de 2003 sobre a avaliación de impacto ambiental do proxecto de instalación en baixa tensión para autoabastecemento en Confecciones Fíos, S.A. (polígono de Sabón-A Coruña), no concello de Arteixo (A Coruña), promovido por Confecciones Fíos, S.A. (Clave: 2003/0035).

Con data 10 de febreiro de 2003 recíbense na Consellería de Medio Ambiente os documentos titulados instalación en baixa tensión para autoabastecemento en Confecciones Fíos, S.A. (polígono de Sabón-A Coruña) e instalación en B.T. para autoabastecemento de Confecciones Fíos, S.A. Documentación Ambiental.

O obxecto do proxecto é a instalación dun aeroxerador na parcela da empresa Confecciones Fíos, sita no polígono de Sabón (Arteixo, A Coruña), para o autoabastecemento enerxético desta factoría. O aeroxerador previsto é do modelo G-58 de Gamesa Eólica, cunha potencia unitaria de 850 kW.

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, de 8 de maio, establece, no seu artigo 1.2º, que os proxectos públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo II só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso, axustándose ós criterios indicados no anexo III.

O proxecto presentado atópase comprendido no grupo 4 letra h) do anexo II do citado real decreto

lexislativo, que contempla os parques eólicos non incluidos no anexo I.

Unha vez avaliada a documentación presentada, e atendendo ós criterios indicados no citado anexo III, entre os que destacan:

1. A instalación conta cun único aeroxerador, que se localizará no interior da parcela axardinada que ocupa actualmente a empresa promotora no polígono industrial de Sabón.

2. A obra é de escasa entidade, dado que consta dunha soa zapata e a canalización de cableado ata o punto de conexión coa factoría, realizándose o acceso desde a pista asfaltada que chega á propia factoría, non considerándose que exista risco de procesos erosivos e afección ó solo, augas, vexetación, hábitats naturais ou elementos do patrimonio cultural.

3. Na documentación presentada valórase o posible impacto sobre a avifauna, en base a estudios previos realizados na zona.

4. O funcionamento do aeroxerador non producirá un incremento significativo dos niveis sonoros existentes na zona, ademais de que se trata dun polígono industrial cunha calidade sonora baixa e que admite unha presión sonora elevada, debido ó tráfico de vehículos e o funcionamento das numerosas instalacións industriais existentes.

5. O medio perceptual é de baixa calidade, distinguíndose como unidades paisaxísticas unha zona axardinada no lugar de instalación do aeroxerador e, no seu contorno, o polígono industrial de Sabón. Así mesmo, o aeroxerador non será visible desde a praia de Alba, quedando oculto polos montes de San Tirso segundo a documentación avaliada.

Á vista do anterior, e en virtude do artigo 1.2º do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, e tendo en conta que da execución do proxecto non se prevén impactos adversos significativos sobre o ambiente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve que é innecesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o proxecto instalación en baixa tensión para autoabastecemento en Confecciones Fíos, S.A. (polígono de Sabón-A Coruña), promovido por Confecciones Fíos, S.A.

Malia o anterior, ademais de adoptarse as medidas preventivas e correctoras previstas na documentación avaliada, e tendo en conta a existencia do encoro de Sabón nas proximidades (que acolle especies de aves nidificantes de interese para Galicia, ben polo seu número ou pola súa singularidade, así como outro grupo de especies de interese durante o período invernal), estímase necesario que se leve a cabo un plan de vixilancia de avifauna (con metodoloxía específica, limiares e medidas correctoras) por parte de técnicos especialistas na materia, que permita comprobar e valora-la magnitude do impacto previsto

sobre as poboacións de aves, recollendo os resultados do plan en informes periódicos que estarán a disposición da Administración.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental