Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.608

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cepillos Mariño, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Cepillos Mariño, S.L., con nº de código 3602482 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-4-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 28-3-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de maio de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Cepillos Mariño, S.L.

Artigo 1º

Este convenio afectará a tódolos traballadores da empresa Cepillos Mariño, S.L., de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e outros centros que se poidan crear.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha validez anual e actualizarase anualmente coas melloras reflectidas no convenio colectivo de fabricantes de mobles, carpintería, tapicería e ebanistería da provincia de Ourense, a partir do 1-1-2004, se non é denunciado con tres meses de antelación. A súa entrada en vigor será con data do 1-1-2003.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aqueloutras condicións que se puidesen establecer

por disposición legal, excepto cando expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A duración da xornada anual de traballo efectivo será de 1.776 horas, de luns a venres.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de 21 días laborables e, en calquera caso, nunca menos de 30 días naturais a salario real ou parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total dos días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos para desfrutar no verán e o resto para desfrutar de acordo entre traballador e empresa, atendendo de forma prioritaria as necesidades de producción.

O calendario de vacacións deberá publicarse cunha antelación mínima de dous meses.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute de vacacións, a excepción das horas extraordinarias e das gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que, na liquidación que se lles practique no momento de baixa na empresa, se lles aboe o importe da remuneración correspondente á parte das vacacións non desfrutadas. Nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutase as súas vacacións, a empresa poderá deducir na liquidación que se lle practique os días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para os efectos de aboamento de vacacións considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal sexa a causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se no momento do vencemento deste o traballador continuase de baixa, aínda que se manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución das vacacións e a prestación de incapacidade temporal de ser aquela de contía superior. O mesmo criterio aplicarase nos supostos de cesamentos por finalización de contrato.

No caso de baixa por accidente laboral, os traballadores por este convenio terán dereito a pospoñe-las súas vacacións, sinalando un novo período que se fixará de común acordo entre a empresa e o traballador afectado.

Artigo 6º.-Salario.

As táboas retributivas para o ano 2003 serán as que figuran neste convenio. Os salarios incrementaranse a partir do 1-1-2004 na mesma porcentaxe que se produza no C.C. de fabricantes de mobles,

carpintería, tapicería e ebanistería para a provincia de Ourense, anualmente.

Artigo 7º.-Antigüidade.

A partir do 1-6-1997 non se aboarán por este concepto novos dereitos quedando, polo tanto, suprimido. Non obstante, os traballadores que teñan adquiridos dereitos por este concepto percibiranos polo mesmo importe que teñan recoñecido ó 1-6-1997. Esta contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada e non será absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición da antigüidade, os traballadores que teñan adquiridos dereitos ó 1-6-1997, percibirán en compensación 9,62 euros mensuais, cantidade que se cobrará ata o mes de decembro de 2003, e se aboará mensualmente. Transcorrido este período, esta compensación por perda de antigüidade quedará fixada co importe alcanzado nesa data, e non poderá ser absorbible nin compensable.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Considéranse gratificacións extraordinarias os complementos salariais de vencemento periódico superior ó mes. Establécense tres gratificacións extraordinarias con denominación de paga de verán, paga de Nadal e paga de marzo que serán aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño, do 20 de decembro e repartidas nos 12 meses do ano. As dúas primeiras aboaranse por semestres naturais.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade; a gratificación extraordinaria de marzo será 26 días de salario base máis antigüidade.

Ó persoal que ingrese ou cese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional.

Artigo 9º.-Complemento de nocturnidade.

Os traballadores que realicen traballos nocturnos retribuiráselles cun complemento do 20% sobre o seu salario.

Entenderase como traballo nocturno o que se realice entre as 22.30 horas e as 7.00 horas.

Artigo 10º.-Indemnización por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non llelas facilite a empresa, consistente en 0,23 euros por día efectivo de traballo para un oficial e de 0,12 euros para un axudante. A empresa determinará os casos.

Artigo 11º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indican e polo tempo que se sinala:

a) Falecemento de pais, avós, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e sogros: 3 días naturais, ampliables ata 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

b) Enfermidade grave de pais, sogros, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e avós: 3 días naturais, ampliables ata 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

c) En caso de hospitalización de parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais, ampliables ata 4 naturais en caso de que o traballador teña que realizar desprazamento.

d) Por falecemento de tíos: 1 día natural.

e) Por enfermidade grave ou falecemento de noras, xenros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 días naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

f) Nacemento de fillo ou adopción: 3 días naturais, ampliables a 5 días naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

g) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

h) Cambio de domicilio habitual: 1 día laborable.

i) Matrimonio de fillos: 1 día natural.

j) Lactación ata 9 meses: ausencia de 1 hora ou 2 fraccións de media hora, reducción da xornada en media hora.

k) Tempo necesario para acudir ó médico, presentando a xustificación correspondente.

l) Deber inescusable de carácter público e persoal: o indispensable ou o que marque a norma.

m) Traslado: (artigo 40 ET): 3 días laborables.

n) Funcións sindicais ou de representación dos traballadores: o establecido na norma.

Para o que non estea previsto neste artigo aplicarase o disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores as pezas de roupa de seguridade que procedan, adaptadas ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e as pezas de seguridade reporanse sempre que sexa necesario, cando o seu grao de deterioración non sexa imputable a neglixencia por parte do traballador. Esta roupa será sempre propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á súa boa conservación e emprego. En calquera caso, os traballadores terán dereito a percibir dúas fundas de traballo ó ano.

Artigo 13º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Esta axuda é un concepto de aboamento extrasalarial que ten como finalidade o resarcimento ou compensación dos gastos de manutención e aloxamento do traballador ocasionados como consecuencia da situación de desprazamento. O traballador percibirá esta axuda completa cando pernoite fóra da súa residencia habitual e media axuda de custos cando realice a comida fóra da súa residencia habitual. Ó persoal afectado seranlle aboados en caso

de desprazamento fóra do centro de traballo habitual os gastos ocasionados e debidamente xustificados.

Artigo 14º.-Contratos de formación.

A contratación de traballadores con contrato de formación terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador. Este traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sea superior, media, académica ou profesional relacionada co posto de traballo que vaia desempeñar.

O contrato e as posibles prórrogas deberanse formalizar por escrito, debendo figurar de forma clara a actividade ou profesión obxecto de aprendizaxe. Non se poderán realizar este tipo de contratos en actividades nas que concorran circunstancias tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

Este contrato pódese realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21. A duración máxima será de 2 anos, xa sexan alternos ou continuados, e non se poderán realizar contratos con duración inferior a 6 meses e serán a tempo completo, dedicando o 15% do total da xornada á formación teórica, concretando no contrato as horas e os días dedicados á formación, especificando o centro formativo, en caso de ensino teórico e o nome e a categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica.

O salario que percibirá o aprendiz será do 75% e 85% do salario de axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro e segundo ano de contrato, respectivamente.

En caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a duración do contrato.

Artigo 15º.-Vinculación á totalidade.

En caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos artigos deste convenio, este quedará sen efecto e deberase considerar na súa totalidade.

Artigo 16º.-Póliza de seguros.

A empresa está obrigada a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de 3 meses a partir da contratación do traballador, unha póliza de seguros que cubra os riscos de morte, incapacidade para a profesión habitual, incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral incluído o in itinere, que lles garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes dereito en caso de morte ou invalidez para todo tipo de traballo por causa fortuíta, espontánea e exterior á vontade do traballador, as seguintes indemnizacións:

* Caso de morte: 15.025,30 euros

* Incap. permanente prof. hab.: 18.030,36 euros

* Incapacidade todo tipo de traballo: 21.035,42 euros.

Artigo 17º.-Situacións de incapacidade temporal.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, en caso de accidente laboral, con ou sen hospitalización, percibirán durante o período de incapacidade temporal por conta da empresa o 100% do salario desde o primeiro día ata o septuaxésimo, ambos inclusive. Nos supostos de enfermidade común e enfermidade profesional, percibirán en caso de IT a cargo da empresa o 100% do salario desde o día 20 ó 60, ambos inclusive.

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria do convenio que terá as funcións e os fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora dos traballadores por unha parte e do empresario pola outra. A súa designación recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 19º

No non previsto no presente convenio colectivo aplicarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 20º.-Sistema de contratación.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada acolleranse ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude do cal estes contratos quedarán incluídos no réxime previsto nos contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 21º.-Fomento á contratación.

Conforme o establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos a que se refire este artigo, poderá realizarse por unha duración máxima de seis meses nun período de doce meses. O réxime xurídico polo que se rexerá será o equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto a desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

Este contrato sométese a un réxime específico de extinción, con esixencia de aviso previo por escrito, polo menos, con 15 días de antelación, percibindo unha indemnización de 12 días por ano traballado, entendendo que esta indemnización corresponde por finalización das prórrogas, xa que no caso de se produci-la extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción cando finalice o tempo máximo de duración dun ano, se

o traballador continuase prestando os seus servicios para a empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Artigo 22º.-Empresas de traballo temporal.

Ós traballadores que sexan contratados a través de empresas de traballo temporal ETT), seralles de aplicación este convenio colectivo. De tódolos contratos que faga a empresa a través das ETT, entregará unha copia ó representante sindical, se o houber.

Artigo 23º.-Revisións médicas.

A empresa deberá concerta-los servicios adecuados para realizar unha revisión médica ó ano para tódolos traballadores.

Disposicións adicionais

Primera .-Os atrasos do presente convenio serán aboados a partir dos 7 días desde a sinatura do convenio.

Segunda.-Co fin de axusta-lo calendario laboral anual ó presente ano 2003, fíxanse como días non laborables: 14, 15 e 16 de abril, 2 de maio, 23 de maio, 24, 26 e 31 de decembro.

Se algún dos días sinalados coincidise con festivo local pasaríase ó inmediato anterior ou posterior. Os días festivos de convenio non serán computados para os efectos de vacacións.

Tercera.-Cláusula de revisión. No caso de que o IPC previsto polo Goberno superase o 31 de decembro de 2003 o 2%, o exceso aboarase nunha soa paga no mes de febreiro do ano seguinte. En todo caso este exceso, no suposto de darse, servirá de base para o cálculo do incremento en anos posteriores.

Disposición transitoria

Asinan este convenio colectivo a comisión negociadora, composta por Francisco Mariño Casal, DNI 35413837, en representación da empresa e Miguel Alves Lago, DNI 35466015, Francisco García Ríos, DNI 35453042 e Manuel Cores Arenas, DNI: 35432510.

Táboa salarial

CategoríaSalario base

Peón655,69 euros

Axudante676,86 euros

Oficial de segunda730,37 euros

Oficial de primeira731,92 euros

Xefe administrativo960,19 euros

Oficial administrativo 1ª814,19 euros

Oficial administrativo 2ª730,37 euros

Auxiliar administrativo723,36 euros

Viaxante723,96 euros

Chofer 1ª731,92 euros

Persoal de limpeza664,43 euros