Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.554

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Requeixo, no concello das Somozas (A Coruña), promovido pola empresa Somozas Energías Renovables, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 21 de maio de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Requeixo, no concello das Somozas (A Coruña), promovido pola empresa Somozas Energías Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto de execución do Parque Eólico de Requeixo nas Somozas, A Coruña. Febreiro 2002.

-Estudio de impacto ambiental do Parque Eólico de Requeixo, no municipio das Somozas (A Coruña). Marzo 2002.

-Corrección da avaliación de impacto arqueolóxico do Parque Eólico de Requeixo. Marzo 2002.

-Valoración ambiental de modificacións no Parque Eólico de Requeixo, nas Somozas (A Coruña). Xaneiro de 2003.

-Escrito e plano de situación relativos á subestación transformadora, do 30-4-2003.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: «declaración de impacto ambiental», «valoración ambiental de modificacións» e «estudio de impacto ambiental/corrección da avaliación do impacto arqueolóxico», por esta orde.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado «Parque Eólico Requeixo», que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 10,5 MW de potencia total no concello das Somozas (A Coruña), constituído por 7 aeroxeradores modelo Ecotécnia 1500, de 1.500 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

591.2994.821.200

592.0124.819.000

591.7244.818.600

589.5504.817.920

589.0004.818.500

588.9994.819.000

590.2304.829.800

Atendendo ó exposto nos puntos 6.3º e 7 desta DIA, o trazado das gabias do cableado e a localización definitiva da subestación transformadora establecerase unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida nos puntos 10.1 e 10.2 da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano: Planta xeral con modificacións. Plano nº 1, do documento de valoración ambiental de modificacións no Parque Eólico de Requeixo, nas Somozas (A Coruña). Xaneiro de 2003, agás para o que se deriva dos parágrafos anteriores.

As coordenadas UTM dos 7 aeroxeradores previstos son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1589.629,3644.818.327,485

2589.6994.818.140

3590.0654.818.414

4589.9854.818.953

5590.3304.818.692

6591.6564.818.728

7591.4044.818.708

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua dos viais e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudio ambiental, tanto na fase de obras como na de funcionamento do parque.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de viais, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. As ditas actuacións deberán axustarse ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía, co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural, conforme o plan de seguimento do estudio ambiental.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución dos viais, plataformas de montaxe e subestación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como ó final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudio ambiental.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, haberá que aterse ó indicado no punto 12.4 desta declaración.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ós viais e zonas acondicionadas para o efecto.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente a súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración da zona do préstamo.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflectindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.3 desta DIA.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega ó xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Nas cancelas canadenses que se instalen para impedi-lo paso do gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer no foxo. As ditas medidas consistirán, segundo o caso, nunha rampla de subida ou foxo con laterais abertos.

Respecto á avifauna, deberán realizarse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno.

Para tal fin, levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques considerados no estudio de sinerxias, que incluirá tamén a liña existente de evacuación de enerxía á que se conectará o parque obxecto desta DIA. Neste sentido, deberá presentarse a documentación requirida nos puntos 10.4 e 10.5 da DIA.

Así mesmo, dada a presencia de morcegos na zona, realizarase o seguimento de quirópteros proposto no estudio ambiental.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ó disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Aínda que coa relocalización do aeroxerador nº 7 fóra do espacio natural Ortigueira-Mera se eliminan as actuacións previstas no ámbito do dito

espacio, tendo en conta a presencia de hábitats naturais de interese comunitario no polígono do parque, prestarase especial atención en non compromete-la súa persistencia, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, de acordo coa Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

As gabias do cableado deberán axustarse o máximo posible ó trazado dos viais existentes ou que se vaian acondicionar. No caso dos viais de nova construcción, deberán embutirse no propio firme, agás que por motivos de mantemento se considere a opción de facelos paralelos ás pistas, debendo neste caso cumpri-lo requisito de máximo achegamento. En todo caso, as gabias non poderán levar como recheo materiais que xeren efecto presa, como o formigón.

A solución adoptada especificarase na documentación requirida no punto 10.2 da DIA e, en todo caso, quedará perfectamente reflectida no plano requirido no punto 10.3.

Durante as fases de replanteo e execución de obra realizarase un seguimento en campo co obxecto de verificar que se respectan as ditas formacións, especialmente as de bosque de ribeira, e comprobar que non se producen impactos imprevistos e se adoptan as medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e nesta DIA.

7. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 75 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

A subestación transformadora deberá localizarse na zona máis afastada da área de exclusión dos xacigos T-013 e T-014, aceptándose a localización proposta polo promotor no escrito de data 30-4-2003, que, non obstante, terá que ser corroborada coa presentación dun plano a escala de detalle. Neste senso, presentarase a documentación requirida no punto 10.1 da DIA.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, roza, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos e as medidas de posta en valor dos xacigos arqueolóxicos que puidesen ser realizadas dentro do ámbito do proxecto.

O dito control arqueolóxico será a pé de obra no caso dos traballos no ámbito de protección dos 200 m. Para tal fin, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que

ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

O acabado exterior do edificio de control adecuarase á tipoloxía constructiva da zona, tal como se indica no estudio ambiental. As cores que se van utilizar na pintura de exteriores serán acordes co contorno e de acabado mate.

9. Restauración.

Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno da subestación, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en tódalas fases, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque e a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe.

Tendo en conta que o plan de restauración incluído no estudio ambiental non contempla a totalidade dos condicionados anteriores, deberá revisarse o plan presentado, conforme o requirido no punto 10.6 desta DIA.

10. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

10.1. Plano de detalle da localización da subestación, que recolla o máximo retranqueo posible respecto das áreas de exclusión dos xacigos T-013 e T-014, conforme o sinalado no punto 7 da DIA, acompañado dunha descrición das características da edificación.

10.2. Solución adoptada para o trazado das gabias do cableado, de acordo co exposto no punto 6.3 da DIA.

Unha vez informada favorablemente por esta dirección xeral a documentación requirida nos puntos anteriores, presentarase:

10.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co que se derive do cumprimento dos puntos anteriores. Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, os viais preexistentes dos de nova construcción e aqueles que se vaian acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflectiranse así mesmo o/os punto/os de acceso ó parque, dispositivos de drenaxe, elementos do patri

monio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e acopio de materiais.

10.4. Novo plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, que deberá ser elaborado por técnico/s especializado/s na materia e virá asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia. Desenvolverá, como mínimo, os seguintes aspectos:

-Metodoloxía do seguimento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, para a caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e a detección de morte por colisión. Para esta última, terase en conta que se revisarán os 7 aeroxeradores previstos e que a frecuencia das visitas será como mínimo mensual, prevendo unha quincenal nas épocas reproductoras, de dispersión de xuvenís e de paso migratorio ou movementos locais, así como unha redefinición da frecuencia en función dos resultados do seguimento, incrementándoa no caso de detectárense afeccións.

-Definición xustificada de limiares de afección (alerta e inadmisible) por colisión e aparición de efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas.

-Proposta detallada de medidas protectoras e/ou correctoras que se van adoptar no caso de acada-los citados limiares. Medidas propostas para a detección de impactos puntuais imprevistos (desvío de rutas migratorias ou pasos, acumulación temporal de aves na área...), así como medidas de aplicación inmediata ante situacións deste tipo.

-Presentación dos resultados, detallando a estructura e contido dos informes, que incluirán como mínimo un punto introductorio (indicando datas e descrición das campañas efectuadas), outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións derradeiras.

10.5. Proposta metodolóxica para a detección e valoración de posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna e quirópteros, referidos ós parques eólicos previstos no estudio de sinerxias, e incluíndo a liña de evacuación que lles dá servicio, de acordo co punto 6.1 da DIA. Proporanse limiares de risco e medidas correctoras específicas ó respecto.

10.6. Revisión do plan de restauración, adaptándoo á configuración final do parque resultante do establecido nesta DIA e que ademais considere axeitadamente os condicionados establecidos no punto 9, entre os que cabería destacar: execución da restauración conforme avanza a obra, presentando calendario de labores; plan de vixilancia da revexetación; descrición dos labores de preparación do terreo previamente á revexetación; restauración de tódalas zonas alteradas polas obras, incluíndo as pla

taformas de montaxe. Restauración, na fase de desmantelamento, dos viais creados para uso exclusivo do parque. O orzamento do plan presentarase individualizado para as fases de obra e desmantelamento e incluirá medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata. Novos planos da restauración, para cada unha das fases do plan.

10.7. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 12.3 desta DIA.

10.8. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicara a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detecten, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación

aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicándolle a esta dirección Xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa:

a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

c) Resultados do plan de control da calidade das augas e do funcionamento da rede de drenaxe.

d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela.

e) Informe de avance da obra, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

f) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto.

11.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha do parque. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos dende a emisión do último informe de obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos considerados no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.3. Seguimento ambiental semestral, contado dende o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe e condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co punto 3 da DIA. A frecuencia do control da rede de drenaxe será mensual durante os primeiros seis meses como mínimo, establecéndose a frecuencia posterior en función dos resultados obtidos.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o punto 6.1 da DIA.

d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o que se derive da documentación requirida no punto 10.5 da DIA.

e) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta

vexetal, estado dos viais, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

11.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.

Non obstante, esta dirección xeral, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou a proposta motivada do promotor poderá modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis que se van realizar.

11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe indicando as posibles variacións respecto do plan de desmantelamento previsto, xunto coa súa xustificación.

11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizaralle a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase

no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de trescentos corenta e un mil setecentos corenta e sete con sesenta e dous (341.747,62) euros. O importe definitivo do aval, que será actualizable, proporase cando o promotor presente o orzamento do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 10.6 desta DIA.

12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.9. Esta declaración non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

12.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

12.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

12.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprimentado este trámite. Santiago de Compostela, 21 de maio de 2003. José Luis Díez Yáñez, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque Eólico Requeixo, promovido pola empresa Somozas Energías Renovables, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 7 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, no concello das Somozas (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 7.

-Modelo: Ecotecnia 1500.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 1.500 kW.

-Potencia total instalada: 10,5 MW.

-Altura das torres: 60 m.

-Diámetro do rotor: 74 m.

-Producción neta anual prevista: 26.775 MWh/ano.

-Investimento previsto: 8.543.690,64 euros.

A obra civil inclúe a execución duns 1.446 m de viais de acceso e servicio ós aeroxeradores, cunha anchura de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes para a recollida e evacuación de pluviais. Prevese a execución duns 5.925 m de gabias de conducción do cableado, cunha anchura máxima de 60 cm. O proxecto recolle tamén a construcción dunha subestación transformadora 20/132 kV cun edificio de control anexo.

Medidas preventivas e correctoras

Atmosfera.

-Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.

-Plan de matemento da maquinaria para reduci-las emisións.

-Realización dun control das emisións do ruído.

Solo.

-As obras axustaranse ó especificado no proxecto.

-Empregaranse, na medida do posible, os viais existentes na zona.

-Reposición de viais se resultan deteriorados.

-Retirada coidadosa e mantemento da terra vexetal retirada para que non perda as súas calidades.

-Descompactado de terreos previamente ó estendido de terra vexetal.

-Tódolos terreos afectados polas obras serán restaurados.

-Os sobrantes de terras levaranse a vertedoiro autorizado, non creándose vertedoiros incontrolados. Os materiais de préstamo terán a súa procedencia acreditada.

-O mantemento e reparación de maquinaria realizarase en talleres dedicados para tal fin.

-Preveranse vertedoiros para tódolos residuos de obra ou da actividade, para as distintas categorías de residuos xerados.

-O formigón trasladarase en formigoneiras desde as plantas de fabricación, evitando instalacións provisionais no parque.

-Os viais axustaranse á topografía do terreo. O trazado en zonas de arboredo será sinuoso, minimizando a corta.

Rede hidrolóxica.

-Vixiaranse os arrastres de materiais e construiranse gabias a pé de terraplén para recoller escorregas.

-Revexetación das zonas alteradas.

-O mantemento e reparación de maquinaria realizarase en talleres dedicados para tal fin.

-As augas residuais dos servicios hixiénicos levaranse á rede de saneamento municipal ou fosa séptica.

-Non se modificará a rede hidrolóxica da zona sen autorización do organismo de conca.

-Os cruzamentos cos regatos faranse cun deseño especial.

-Os residuos en fase de funcionamento recolleranse en contedores axeitados para tal fin.

Fauna e vexetación.

-Diminuí-la velocidade dos vehículos de obra.

-Reduci-las voaduras ó mínimo, sobre todo no período de reproducción das aves.

-No caso de detectarse cadáveres, retíranse para evita-la atracción de especies preeiras.

-Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna.

-As obras axustaranse ó especificado no proxecto, procurando que a afección á vexetación sexa a mínima posible.

-Reposición da vexetación unha vez finalizadas as obras, axustándose ó plan de revexetación do estudio ambiental.

-Rega para evita-lo levantamento e deposición de po na vexetación.

-Descompactado do terreo.

-Tratamento de residuos vexetais.

Paisaxe.

-Aeroxeradores con cores pouco rechamantes e acabado mate. Deseño e acabado de edificacións e viais con criterios de integración cromática e constructiva co medio. Revexetación. Liñas eléctricas no interior do parque soterradas.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite tres informes. O primeiro é desfavorable por carencias na memoria e documentación cartográfica relativa á avaliación do impacto arqueolóxico. O segundo establece unha serie de condicionados para a protección dos xacigos arqueolóxicos, que se concretan en desprazamentos de aeroxeradores e infraestructuras, e o terceiro, á vista do documento, valoración ambiental de modificacións no Parque Eólico de Requeixo, nas Somozas (A Coruña). Xaneiro de 2003, é favorable, aceptando as medidas correctoras propostas, cos seguintes condicionantes que se van incluír na correspondente declaración ambiental:

1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens de patrimonio cultural, cun raio de 75 m medidos dende o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. En relación coa nova situación da subestación, deberá localizarse na zona máis afastada da área de exclusión. Aceptando a última proposta presen

tada por Somersa, reflectida no plano adxunto. A localización definitiva, nunha escala adecuada, e as características da edificación, deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por se fose necesario establecer algunha medida correctora.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, roza, execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos e as medidas de posta en valor dos xacigos arqueolóxicos que puidesen ser realizados dentro do ámbito do proxecto. O dito control arqueolóxico será a pé de obra no caso dos traballos no ámbito de protección dos 200 m. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite un primeiro informe que inclúe un resumo do proxecto e as seguintes consideracións:

O parque previsto sitúase parcialmente na proposta de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) denominada Ortigueira-Mera. Este espacio atópase, na actualidade, declarado provisionalmente como espacio natural en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 13 de xuño de 2002. En concreto, das obras previstas no parque instalaríanse, dentro do espacio natural, o aeroxerador AE07 e as infraestructuras e instalacións que lle dan servicio.

1. A descrición da posible afección ó espacio natural é insuficiente. A priori, a falta de maior información sobre a dita afección, haberá que redistribuír fóra do espacio o aeroxerador AE07 e infraestructuras asociadas.

2. De acordo coa documentación, non son de prever afeccións a formacións vexetais importantes, endémicas, raras ou significativas. De atoparse outras unidades de vexetación distintas ás descritas, darase comunicación ó Servicio de Conservación da Natureza, agardando a resposta, especialmente no caso de atopar flora rara, singular ou ameazada.

3. A rede viaria disporá dunha rede de drenaxe que terá en conta que a auga evacuada por cada bueiro se corresponda coa mesma microbacia na que se efectuou a captación, colocándose á saída das drenaxes disipadoras de enerxía e barreiras de sedimentos; adoptaranse as medidas precisas para evitar posibles desprendementos, especialmente en zonas de fortes pendentes; os noiros e desmontes estarán protexidos contra fenómenos erosivos. A deterioración que sufran as infraestructuras viarias como consecuencia do seu uso na explotación deberá ser restaurado, en especial aquelas que repercuten directamente no medio.

4. Non se especifica por onde transcorrerá a liña de evacuación, nin o seu punto de destino, aspecto que debería ser considerado no estudio de sinerxias integrado no estudio ambiental. Os plans de seguimento integraranse para o conxunto dos parques da zona.

5. Extremarase a minuciosidade no seguimento das poboacións de aves e quirópteros. No desenvolvemento e aplicación do plan de aves, teranse en conta as seguintes recomendacións:

-Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

-A frecuencia de mostraxe debe considera-las particularidades estacionais e locais da avifauna (migracións, época reproductora, inicio do voo).

-Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapificación), factores de corrección...

-O parque eólico pode ocasionar unha mortandade de aves desprezable durante moitos anos e provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse as taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo. Isto leva a propoñer que o plan debe presentarse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

-Implementaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as

medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

-Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa que sirva para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

-Deberían integrarse nun único plan de vixilancia de aves as afeccións que sexan producidas polos parques e liñas de evacuación.

6. No suposto de que se instalen cancelas canadenses para impedi-lo paso do gando, proponse que se adopten medidas que posibiliten o escape dos animais que poidan caer no foxo.

7. A integración paisaxística será un aspecto crucial na execución da obra, cumpríndose o disposto no plan de restauración presentado. Os viais axustaranse á topografía do terreo e o modelado de noiros evitará formas demasiado artificiais. Empregaranse canteiras ou zonas de extracción abandonadas para o depósito de materiais, que logo serán restauradas. Sería adecuado que se propuxesen medidas de carácter compensatorio que tratasen de equilibra-lo impacto de índole paisaxística e ecolóxica, mediante labores de mellora ecolóxica e paisaxística, que serán asumidos e programados como un elemento máis do poceso productivo.

8. Para a xestión dos residuos vexetais (ramas e leñas delgadas) recoméndase a súa valorización mediante trituración e esparexido homoxéneo.

9. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución efectuaranse os controis oportunos para garantir que non se producen impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves, sen esquence-los demais elementos do medio. No momento no que se detecte un posible impacto, tomaranse as medidas oportunas para evitalo, comunicándolle ó correspondente Servicio de Conservación da Natureza tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

No segundo informe, sobre o documento de valoración ambiental de modificacións no Parque Eólico de Requeixo, nas Somozas (A Coruña). Xaneiro de 2003 (no que se recolle, entre outras modificacións, a retirada do aeroxerador nº 7 do espacio natural Ortigueira-Mera), indica que dado que a área de influencia segue a se-la mesma, non son de considerar impactos de magnitude significativamente distinta. Se cabe destaca-la mellora ambiental que supón a eliminación total de accións sobre o espacio natural potexido de Ortigueira-Mera.

A pesar de non afectarse o espacio natural, no ámbito da zona de actuación aparecen varios tipos de hábitats naturais de interese comunitario (o infor

me incorpora unha listaxe), polo que as obras executaranse respectando estas formacións ó máximo posible, sinalizando as obras e invadindo o mínimo territorio posible destas zonas. En todo caso, as formacións prioritarias do bosque de ribeira deberán respectarse.

Por outra banda, co fin de mellora-la integración ambiental, será adecuado que para as gabias do cableado, no caso das pistas de nova execución, deberá facerse baixo estas, sendo máis axeitado que formen parte do corpo destas, embutidas no firme. Deberán presentarse as solucións constructivas adoptadas. Se ben, por motivos de mantemento, se pode considera-la opción de facelas paralelas e tanxentes ás pistas. No caso de transcorrer paralelamente ás pistas xa existentes ou que haxa que acondicionar, bastará con achegalos ó maximo a estas. En todo caso, as gabias non deben levar como recheo materiais que xeren efecto presa, tal que o formigón. En caso de ser imprescindible dotaranse dos suficientes ocos drenantes. De todos modos presentarase xustificación á solución adoptada.

De cumprirse todo o requirido e exposto na documentación e informes ó respecto, non hai motivos para non estimar unha adecuada integración entre os intereses ambientais e os industriais. De todos modos, a execución das obras e o plan de seguimento ambiental serán determinantes no cumprimento da premisa anterior.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe unha descrición das características do proxecto e localización, valoración da incidencia turístico-ambiental e principios normativos nos que se basea o informe.

No punto de conclusións indican que desde un punto de vista xeral a actuación presenta as consideracións negativas comúns a este tipo de actuacións, e en particular, a situación dun dos aeroxeradores nunha zona protexida como espacio natural, aspecto que debería ser reconsiderado. A instalación, aínda que se emende o aspecto mencionado, produciría unha serie de impactos que deberán ser minimizados coa execución estricta das medidas correctoras e o plan de vixilancia ambiental que se presenta no estudio ambiental, así como o coidado de elementos como o edifico de control, que terá un aspecto o menos agresivo posible coa paisaxe.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación

realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados e dos resultados de información pública, así como unha proposta de condicionado ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición da rede hidrolóxica na área do parque e un resumo das características do proxecto avaliado e da súa localización, acompañado do seguinte condicionado:

Para minora-los impactos producidos polos movementos de terras evitarase a afección directa sobre leitos, respectando a vexetación; non se acumularán materiais no propio leito, evitarase estraer auga dos regatos e a xeración de sólidos en suspensión. Procederase á adecuada xestión de substancias potencialmente contaminantes.

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles. Prohibirase a lavada de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

As obras non poderán afecta-la calidade nin o volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións. Os servicios de abastecemento terán prioridade fronte a calquera outro, segundo as prescricións establecidas na proposta do plano hidrolóxico de Galicia-Costa.

Un condicionante básico que hai que entender desta área sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento da proposta do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se con motivo da realización dalgún acceso ou vial con gabia do cableado se produce algún cruzamento cun curso fluvial ou se interrompe algún sistema de abastecemento das parroquias dos concellos afectados, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas, no texto refundido aprobado polo Real decreto 1/2001, do 20 de xullo.

En definitiva, esta área considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución do parque, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes ou as interrupcións de abastecemento, sendo necesario, neste caso, e atendendo de xeito específico ós cruzamentos de arroios ou cursos fluviais por parte da conducción eléctrica, a autorización preceptiva segundo a lexislación vixente de augas.

No caso de que as características deste parque precisasen do uso regular de auga para o seu funcionamento e fose necesario realizar captación de auga ou se producisen verteduras de augas residuais ou cruces da rede fluvial, será tamén preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia.