Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 2 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, do Instituto Galego de Consumo, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Xustiza, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, da Dirección Xeral da Xuventude e do Centro de Desenvolvemento Sostible, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre os temas transversais.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece, no seu artigo 1, que o sistema educativo español, configurado de acordo cos principios e valores da Constitución, orientarase á consecución de diversos fins, entre os que se atopan a formación no respecto dos

dereitos e liberdades fundamentais e no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia, así como a formación para a paz, a cooperación e a solidariedade entre os pobos.

Así mesmo, a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, establece no seu artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os que se atopan o fomento e promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa; a capacidade de transmitir valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade social, a cohesión e mellora das sociedades, e a igualdade de dereitos entre os sexos, que axuden a superar calquera tipo de discriminación, así como a práctica da solidariedade, mediante o impulso á participación cívica dos alumnos en actividades de voluntariado; e a flexibilidade, para adecua-la súa estructura e a súa organización ós cambios, necesidades e demandas da sociedade, e ás diversas aptitudes, intereses, expectativas e personalidade do alumnado.

Por outra parte, os decretos 426/1991, do 12 de decembro, 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro, e 275/1994, do 29 de xullo, establecen, respectivamente, os currículos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para a Comunidade Autónoma de Galicia e que os centros educativos deben desenvolver, tanto nos seus proxectos curriculares como nas súas diferentes programacións de aula.

Unha sociedade caracterizada pola rapidez na que nela se producen cambios, que mesmo afectan ós valores, demanda das súas institucións accións que estean dirixidas a potencia-las actitudes e coñecementos que, no eido da educación, se denominan temas transversais do currículo e que, pola súa transcendencia e relevancia social, necesitan para o seu desenvolvemento do concurso de tódalas institucións implicadas.

Por este motivo, as normas anteriormente citadas contemplan, ademais dos contidos que se deben atender especificamente nas diversas áreas e materias, os contidos transversais do currículo, que abordan problemáticas que, non sendo propias dunha disciplina académica particular, se consideran dimensións educativas que non deben tratarse en paralelo, á parte das áreas disciplinares, senón de xeito común e, polo tanto, con presencia en todas elas.

Como consecuencia, o fomento da innovación no ensino de contidos transversais, encadrada no impulso de carácter xeral das actividades de innovación educativa que leva a cabo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria como medio de promoción e actualización profesional do profesorado, debe constituír unha acción conxunta que deben dsenvolve-los organismos da Administración Autonómica.

Por iso, a presente resolución ten por finalidade establecer unha convocatoria de premios cos que dar recoñecemento ás mellores prácticas desenvolvidas no ensino dos citados contidos, contemplando un conxunto de temas específicos canda un metatema xenérico como é a transversalidade na educación.

No Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, no artigo 8 indícase a competencia do Centro de Desenvolvemento Sostible para a elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente no currículo educativo das ensinanzas regradas para efectos da súa proposta á Administración educativa.

O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller darlle prioridade á intervención educativa como instrumento de cambio e superación de discriminacións e desigualdades entre homes e mulleres, impulsando a realización de novos desenvolvementos da educación para a igualdade nas comunidades escolares co obxecto de proporcionar, desde as primeiras etapas educativas, modelos de relación e convivencia entre as persoas de diferente sexo.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a través da Dirección Xeral de Xustiza, colabora institucionalmente para fomenta-la realización de actividades acordes cos fins da xustiza.

Por todo isto, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xustiza, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, a Dirección Xeral da Xuventude e o Centro de Desenvolvemento Sostible establecen, na presente resolución, as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa sobre os temas transversais.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta resolución é a convocatoria de dous premios á innovación educativa no ensino non universitario sobre cada un dos seguintes temas, así como a aprobación das súas bases de concesión:

-A transversalidade na educación.

-Educación vial.

-Educación para o consumo.

-Prevención do consumo indebido de drogas.

-Educación para a saúde e a calidade de vida.

-Educación para a paz e a multiculturalidade.

-Educación para a igualdade de ámbolos sexos.

-Educación para o lecer.

-Educación ambiental.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Cada un dos dous premios ós que se alude no artigo anterior terán a seguinte dotación:

TemaContíaAplicación

orzamentaria

A transversalidade na educación1.500 A07.04.332I.640.1

Educación vial1.500 A07.04.332I.640.1

Educación para o consumo1.500 A08.50.343A.640.0

Prevención do consumo indebido de drogas1.500 A11.01.313A.640.1

Educación para a saúde1.500 A11.02.313A.640.4

Educación para a paz e a multiculturalidade1.500 A13.02.123A.226.06

Educación para igualdade de ámbolos sexos1.500 A14.50.212A.227.06

Educación para o lecer1.500 A14.01.211A.640.0

Educación ambiental1.500 A15.05.342A.640.1

Así mesmo, poderase conceder un accésit por tema, sen dotación económica, se, a xuízo do xurado, a calidade dos traballos presentados e non premiados o permite.

Artigo 3º.-Características dos materiais.

1. Os materiais presentados versarán sobre tratamentos innovadores no ensino dos contidos curriculares transversais nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

2. Os traballos poderanse presentar en papel, incluíndo ademais unha versión en soporte informático en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word ou Corel WordPerfect ou en formato RTF, ou en soporte óptico (CD-ROM autoexecutable) no caso de aplicacións informáticas, que estarán realizadas con tecnoloxía que permita a súa visualización nun navegador estándar e incluirán tódolos arquivos necesarios para a súa resolución íntegra fóra de liña.

As aplicacións que sexan de uso en liña executaranse a partir dunha páxina denominada index.htm que servirá de inicio delas. Non deberán empregarse letras maiúsculas, acentos, espacios en branco nin outros carácteres especiais nos nomes de ningún dos arquivos (ou carpetas) incluídos nas aplicacións, sexan páxinas htm, imaxes ou de calquera outro tipo.

Artigo 4º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar na presente convocatoria, a título individual ou en grupo, os profesores dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estean en activo e impartan ensino nos niveis non universitarios.

2. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados ou becados con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

3. Os concursantes deberán presenta-lo traballo por triplicado (agás aqueles materiais que sexan de reproducción difícil con medios domésticos) no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

No caso das aplicacións informáticas presentaranse en CD-ROM claramente etiquetados, xunto cos correspondentes manuais que incluirán os seguintes puntos:

-Requirimentos de hardware e software e procedemento de execución da aplicación.

-Guía do profesor, con exposición dos obxectivos educativos que se pretenden, indicación das actividades que se propoñen e dos aspectos curriculares nos que se incide.

-Guía detallada da utilización da aplicación polo alumno.

-Descrición, se procede, doutros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

-Os manuais presentaranse en papel e en formato electrónico de Microsoft Word ou Corel WordPerfect.

4. Tódolos traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I da presente resolución. Nela deberá constar con claridade unha dirección de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación da dirección de cada centro educativo, na que se acredite que os membros do grupo de autores e autoras a el pertencentes, dos que se relacionarán os seus DNI e NRP, prestan os seus servicios como persoal docente no centro ou de que estiveron destinados nel durante a realización da experiencia.

c) Memoria impresa descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrita en fonte tipo courier de 12 puntos e con espaciado de 1,5 e sen comprimi-los carácteres), que se axustará ó esquema establecido no anexo II.

d) Resumo da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou productos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados ou becados con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polos posuidores deles aceptando as bases do presente concurso.

O feito de que un producto necesite facer uso para o seu funcionamento de software comercial e/ou os seus dereitos para a súa distribución non poidan ser cedidos polo concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 30 de setembro de 2003.

Artigo 6º.-Composición e funcións do xurado.

1. Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria serán examinados e valorados por un xurado composto polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Vicepresidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa.

Vocais:

-A xerente do Instituto Galego de Consumo, ou persoa na que delegue.

-O Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, ou persoa na que delegue.

-A subdirectora xeral de Programas de Saúde Pública, ou persoa na que delegue.

-O subdirector xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e Recursos Humanos, ou persoa na que delegue.

-A secretaria xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou persoa na que delegue.

-O subdirector xeral de Promoción e Actividades, ou persoa na que delegue.

-O xefe do Servicio de Información e Formación Ambiental, ou persoa na que delegue.

-O xefe do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

Secretario/a: un funcionario ou funcionaria do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará con voz pero sen voto.

2. O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da inspección educativa solicitados previamente

pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

3. Os premios poderán ser declarados desertos ou determinarse a súa acumulación ou compartición. Así mesmo, os traballos poderanse redistribuír entre os diferentes temas da convocatoria se as súas características así o permiten.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

O xurado seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

A) Con carácter xeral, e sempre en coherencia cos currículos establecidos pola Xunta de Galicia:

-A calidade e rigor científico, orixinalidade, concreción dos obxectivos formulados e coherencia interna. Así mesmo, valorarase a calidade do deseño e presentación gráfica.

-O carácter innovador, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e recursos implicados.

-A transmisibilidade e capacidade de ser difundido, principalmente a través de medios electrónicos.

-A facilidade de emprego, realismo e versatilidade para a súa utilización en aulas estándares.

-O maior grao de experimentación co alumnado.

-Que correspondan a materias nas que se dea un maior índice de fracaso escolar ou que estean dirixidos a alumnado con dificultades de aprendizaxe ou de integración escolar.

-Que fomenten no alumnado a adquisición de habilidades, actitudes, procedementos e, sobre todo, valores.

-Que permitan a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e que as propostas pedagóxicas ofrezan distintos niveis de aprendizaxe.

-Que contemplen un plan de avaliación axeitado para a comprobación da consecución dos obxectivos.

-A maior participación dun sector significativo do claustro de profesores.

-Os niveis educativos e tipo de ensinanzas ós que van dirixidos.

B) Con carácter específico:

-No caso do tema de prevención de consumo indebido de drogas, daráselles prioridade ós traballos realizados a partir do material didáctico editado ó respecto polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade.

-No caso do tema da educación para a igualdade de ámbolos sexos, valorarase nos traballos presentados a inclusión de alomenos algún dos aspectos que se detallan a continuación:

* A integración transversal no quefacer docente diario da perspectiva da igualdade entre os colectivos de xénero.

* A constatación das contribucións do colectivo feminino ó avance da ciencia, da tecnoloxía e da cultura en xeral.

-No caso do tema de educación ambiental, valoraranse os seguintes aspectos nos traballos presentados:

* Coherencia ambiental e fomento da ética ambiental respecto do equilibrio ecolóxico e a calidade de vida;

* Rendibilidade social e continuidade da experiencia.

Artigo 8º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

A resolución do xurado esgotará a vía administrativa e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución os interesados poderán interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralle ó profesorado autor dos traballos premiados ou con mención de accésit, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco da presente convocatoria. Estas últimas terán, ó abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado. Así, terase en conta para cada traballo, a equivalencia de 50 horas, que nas autorías colectivas se distribuirán entre o profesorado participante segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente ós premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora, se o traballo é individual, por parte da consellería correspondente. No caso de que o traballo sexa colectivo, establecerase na solicitude se o pagamento se fará ó coordinador ou coordinadora ou ó grupo, e en qué porcentaxe se distribuirá dentro deste.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

Artigo 11º.-Publicación.

A presentación á presente convocatoria implicará a cesión a favor das consellerías e organismos convocantes dos dereitos de edición dos traballos premiados ou con accésit por un período de dous anos, así como a renuncia ós dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

No caso de que, neste período, os autores decidisen publica-los traballos por outras vías, deberán solicita-lo permiso correspondente á consellería ou organismo que outorgue o premio ou á de Educación e Ordenación Universitaria no caso dos accésit. De se-la resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accésit de que foi obxecto.

Así mesmo, os autores quedan comprometidos a autoriza-las modificacións precisas nos documentos finais e a subministra-los arquivos de código-fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido ese prazo, procederase á súa destrucción.

Artigo 13º.-Recurso.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Única.-A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

Alberto González ArmestoMaría Pilar del Mar Pérez Marsó

Director xeral de Centros e Directora xeral de Formación

Ordenación EducativaProfesional e Ensinanzas Especiais

Víctor Tello CalvoManuel Antonio Silva Romero

Presidente do Instituto GalegoSecretario xeral da Consellería

de Consumo de Sanidade

Manuel Barral CastroJuan José Martín Álvarez

Director xeral de Saúde PúblicaDirector xeral de Xustiza

María González VázquezLoreto San Martín Gómez

Directora xeral do ServicioDirectora xeral de Xuventude

Galego de Promoción da

Igualdade do Home e da Muller

Francisco Maseda Eimil

Director xeral do Centro de

Desenvolvemento Sostible

ANEXO II

Aspectos que hai que desenvolver na

memoria descritiva para a solicitude de

premios á innovación educativa

sobre os temas transversais

1. Datos de identificación:

1.1. Título:

1.2. Ámbito de aplicación do traballo:

-Centro/s.

-Rúa.

-Localidade.

-Provincia.

1.3. Delimitación do campo de traballo:

-Ciclo/s.

-Curso/s.

-Área/s.

-Etc.

1.4. Autor/a ou coordinador/a do traballo.

1.5. Datos persoais e profesionais do profesorado que intervén no traballo.

2. Deseño:

2.1. Xustificación do traballo:

-No marco do proxecto curricular da etapa e da programación da aula.

-Contexto no que xorde.

-Cuestións ás que pretende responder.

-Etc.

2.2. Obxectivos pretendidos:

-Qué se experimentou

-Defini-la súa finalidade.

-Etc.

2.3. Metodoloxía seguida:

-Hipóteses formuladas.

-Selección de variables.

-Técnicas utilizadas.

-Organización.

-Etc.

2.4. Descrición polo miúdo do traballo:

-Duración.

-Fases.

-Contidos.

-Secuencias.

-Etc.

2.5. Aspectos ou elementos avaliados e a súa incidencia na práctica docente.

2.6. No caso de participantes de varios centros, especificaranse:

-Os mecanismos establecidos para a coordinación.

-Intercambio de información.

-Posta en común e avaliación conxunta.

2.7. Transferibilidade da experiencia a aulas estándares.