Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xuño de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Familia Gómez Vila.

Visto o expediente de clasificación da Fundación familia Gómez Vila con domicilio en Baños de Molgas (Ourense).

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Familia Gómez Vila foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día vintenove de xullo de dous mil dous, ante o notario Alejo Calatayud Sempere, co número dous mil trescentos oitenta do seu protocolo por María Sara Gómez Vila que intervén no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi corrixida por outra posterior do 30 de maio de dous mil tres outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo mil setecentos dezaseis.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, a atención e coidado, mesmo en réxime de internado, de anciáns, inválidos e necesitados e, en xeral, canto supoña a educación, formación e sensibilización da comunidade e a axuda e asistencia ós necesitados.

4. O padroado da fundación estará integrado por José Manuel Sobrino Fernández como presidente, Gumersindo Pío Caride Losada como secretario, Dolores Ferreño Froufe como tesoureira, e Bernardino Ruido Hermida, Pilar Quintas Gómez, María Asunción Movilla González como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Familia Gómez Vila, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e á súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de xuño de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Familia Gómez Vila, adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública