Con base no artigo 28 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 145/2003, do 31 de xaneiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.
Mediante acordo do Consello de Ministros do 13 de xuño de 2003, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 200 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, coas modificacións introducidas pola Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamento e liquidación de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:
Importe: 200 millóns de euros.
Data de emisión: 1º de xullo de 2003.
Data de desembolso: 1º de xullo de 2003.
Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.
Nominal das obrigacións: 1.000 euros.
Subscrición: será realizada directamente polas entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando en nome propio ou por conta de terceiras persoas, desde o día 20 de xuño ata o 30 de xuño de 2003.
Cupón: o pagamento do cupón será anual e vencerá o día 1 de xullo de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu impor
te líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo o procedemento establecido na Resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG do 8 de novembro). Así mesmo, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas ós investidores suxeitos pasivos do imposto de sociedades, así como ós investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente, segundo o procedemento establecido na Resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro do 3-7-2001 (DOG do 9 de xullo).
Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública de anotacións Iberclear, na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.
Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.
Amortización: dunha soa vez á par, ós dez anos da data de emisión.
Tipo de xuro: 3,80%.
Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2003.
Jose Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda