Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2003 Páx. 8.431

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 290/2003, do 4 de xuño, polo que se fixan as normas relativas á formación de manipuladores de alimentos, o procedemento de autorización de empresas e entidades de formación e se crea o rexistro delas.

O Real decreto 2505/1983, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de manipuladores de alimentos, estableceu as condicións que debían cumpri-los manipuladores de alimentos. O dito real decreto destacaba, entre as súas prioridades, o fomento e desenvolvemento de programas de formación en hixiene alimentaria para o colectivo de manipuladores, resaltando a importancia da educación sanitaria para desenvolver conductas hixiénicas positivas como factores máis efectivos na prevención das enfermidades transmitidas polos alimentos, en detrimento dos exames médicos periódicos.

Na comunidade autónoma galega en aplicación do devandito real decreto, publicouse o Decreto 239/1986, do 24 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento de manipuladores de alimentos, no que se establecían o ámbito de aplicación, obrigas e prohibicións dos manipuladores de alimentos, así como o procedemento de expedición e renovación dos carnés de manipuladores de alimentos e o rexistro administrativo dos manipuladores, posteriormente recollidos na Orde do 30 de abril de 1987 pola que se aprobaron normas complementarias para a expedición do carné de manipulador de alimentos.

A entrada en vigor do Real decreto 2207/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas de hixiene relativas ós productos alimenticios, que incorporou ó ordenamento xurídico nacional a Directiva 93/43/CEE, do 14 de xuño, introduciu unha nova concepción en materia de formación de manipuladores de alimentos ó establecer que a formación adecuada deles en materia de hixiene alimentaria, segundo a actividade laboral que desenvolvan, é responsabilidade dos empresarios do sector alimentario.

A dita previsión regulamentaria foi desenvolvida polo Real decreto 202/2000, do 11 de febreiro, polo que se establecen as normas relativas ós manipuladores de alimentos, norma básica ó abeiro do disposto no artigo 149.1º 16 da Constitución e no artigo 40.2º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que regula as normas xerais de hixiene dos manipuladores de alimentos, as responsabilidades das empresas e as modalidades para a verificación da observancia das devanditas normas.

O devandito Real decreto 202/2000, establece que a formación dos manipuladores de alimentos levarase a cabo pola propia empresa alimentaria ou por unha empresa ou entidade autorizada pola autoridade sanitaria competente, que á súa vez aprobará e controlará os programas de formación impartidos polas empresas e entidades autorizadas e verificará, en cumprimento do Real decreto 50/1993, do 15 de xaneiro, que os manipuladores de alimentos aplican no seu posto de traballo os coñecementos adquiridos.

Así mesmo, establece que cando a autoridade competente o considere necesario, esta poderá desen

volver e impartir programas de formación en hixiene alimentaria. Por outra banda tamén poderá ter en consideración, para os efectos do recoñecemento de programas de formación, os cursos ou actividades que sexan impartidos ós manipuladores de alimentos en centros ou escolas de formación profesional ou educacional recoñecidos por organismos oficiais.

Malia que a formación dos manipuladores de alimentos debe garantirse polos empresarios, a dita formación non pode quedar exenta do control da autoridade sanitaria competente. Por iso, cómpre establece-lo marco normativo no ámbito da comunidade autónoma galega, coa finalidade de dar resposta ás funcións que se encomendan á Consellería de Sanidade como competente nos temas regulados.

En virtude das competencias recoñecidas no artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia en materia de sanidade interior e o artigo 33.1º h) do Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia 118/2003, do 3 de abril e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto:

1. Regula-los programas de formación en hixiene alimentaria dos manipuladores de alimentos impartidos polas empresas do sector alimentario ós seus traballadores ou por entidades autorizadas.

2. Regula-lo procedemento de autorización das empresas ou entidades para impartir programas de formación en materia de hixiene alimentaria.

3. Regula-lo recoñecemento da formación, nos casos de centros ou escolas de formación profesional ou educacional recoñecidos oficialmente.

4. A creación do rexistro de empresas ou entidades que imparten cursos de formación de manipuladores de alimentos na comunidade autónoma galega.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta disposición será de aplicación ás empresas do sector alimentario e entidades de formación en materias de hixiene alimentaria autorizadas, que operen na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Definicións.

Sen prexuízo das definicións recollidas no artigo 2 do Real decreto 202/2000, do 11 de febreiro, establécense, para os efectos deste decreto, as definicións seguintes:

1. Programa de formación: conxunto de actividades formativas encamiñadas a garantir que os manipuladores de alimentos dispoñan dunha formación axeitada en hixiene alimentaria de acordo coa actividade laboral que desenvolvan.

2. Entidade de formación: toda persoa física ou xurídica, pública ou privada, que imparta programas de formación en materia de hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos.

3. Autoridade sanitaria competente: a dirección xeral en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

Capítulo II

Dos programas de formación en hixiene alimentaria

Artigo 4º.-Responsabilidade da formación en hixiene alimentaria.

1. As empresas do sector alimentario garantirán que os manipuladores de alimentos que traballen nelas dispoñan dunha formación continuada en hixiene dos alimentos acorde coa súa actividade laboral.

2. A formación e supervisión dos manipuladores de alimentos estarán relacionadas coa tarefa que realizan e cos riscos que implican as súas actividades para a seguridade alimentaria. Para iso, a empresa incluirá o programa de formación dos manipuladores de alimentos no Plan de análise de perigos e puntos de control crítico ou aplicarao como instrumento complementario das guías de prácticas correctas de hixiene (GPCH).

3. Os ditos programas de formación deberanse desenvolver e, se é o caso, impartirse pola propia empresa ou por unha entidade de formación autorizada.

4. A autoridade sanitaria competente, cando o considere necesario, poderá desenvolver e imparti-los ditos programas de formación.

5. As empresas do sector alimentario que operen na comunidade autónoma disporán dun prazo máximo dun mes para garanti-la formación dos traballadores que se incorporen por primeira vez a esta actividade contado a partir da data de sinatura do contrato. A dita formación inicial deberá axustarse ós obxectivos e contidos recollidos no anexo I, e cunha duración mínima de 3 horas.

Artigo 5º.-Recoñecemento de programas de formación.

Para os efectos do seu recoñecemento como programas de formación en hixiene alimentaria, a autoridade sanitaria competente poderá ter en conta os cursos ou actividades impartidos en centros e escolas de formación profesional ou educacional recoñecidos por organismos oficiais que garantan o nivel de coñecemento necesario para posibilitar unhas prácticas correctas de hixiene e manipulación de alimentos, se os titulares deses centros así o solicitan.

Capítulo III

Do rexistro

Artigo 6º.-Creación do rexistro.

1. Créase o rexistro de empresas do sector alimentario autorizadas para impartir programas de formación en hixiene alimentaria e de entidades de formación.

2. Este rexistro terá dúas seccións:

a) Sección I de empresas do sector alimentario autorizadas para impartir programas de formación en hixiene alimentaria ó seu persoal.

b) Sección II de entidades de formación.

3. O devandito rexistro queda adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, correspondendo a súa xestión ó Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública.

4. O rexistro terá carácter público e poderanse consulta-los seus datos baixo as condicións que establece o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Datos do rexistro.

1. Con independencia do arquivo de documentos, nos rexistros informáticos que se establecerán para o efecto, deberán constar por cada inscrición, alomenos, os seguintes datos:

a) Identificación da empresa ou entidade.

b) Identificación e titulación dos responsable/s docente/s da formación.

c) Actividade docente para a que está autorizado.

d) Data da autorización en vigor.

e) Número de rexistro que lle corresponde.

f) Relación de documentos que constan no expediente.

g) Renovacións, cancelacións, ampliacións.

2. Os interesados estarán obrigados a comunicar calquera cambio que se produza nos datos que consten no asento de inscrición inicial, xuntando a documentación que se precise a Dirección Xeral de Saúde Pública para os efectos da adopción da resolución que proceda.

Artigo 8º.-Dos asentos de inscrición no rexistro.

O asento da inscrición no rexistro será practicado de oficio polo Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública, unha vez que a autoridade sanitaria competente dicte resolución de autorización.

Capítulo IV

Autorizacións

Artigo 9º.-Requisitos.

1. As empresas do sector alimentario que impartan programas de formación en hixiene alimentaria ó seu persoal deberán contar cos seguintes requisitos:

1.1. Contar coas licencias e autorizacións administrativas que lles sexan esixibles.

1.2. Contar cun responsable de formación, con coñecementos específicos demostrables en hixiene alimentaria no ámbito da actividade que desenvolva a empresa.

1.3. Dispoñer de recursos pedagóxicos e medios técnicos de apoio para a correcta execución dos programas de formación.

1.4. Contar cun programa de formación elaborado de acordo coa actividade laboral que desenvolve o persoal manipulador de alimentos da empresa.

Este programa axustarase, como mínimo, ós obxectivos e contidos establecidos no anexo I.

2. As entidades de formación deberán contar cos seguintes requisitos:

2.1. Contar coas licencias e autorizacións administrativas que lles sexan esixibles.

2.2. Contar cun titulado superior con formación específica en hixiene alimentaria, como responsable da formación.

2.3. Contar con persoal docente con formación en hixiene alimentaria e experiencia docente demostrables.

2.4. Dispor de recursos pedagóxicos e medios técnicos de apoio para a correcta execución dos programas de formación.

2.5. Dispor de programas de formación elaborados de acordo coa actividade laboral que desempeñen os establecementos nos que se impartirá a acción formativa, adicando especial atención ó traballo dos manipuladores de alimentos ós que vai destinado.

Este programa axustarase, como mínimo, ós obxectivos e contidos establecidos no anexo I.

Artigo 10º.-Procedemento de autorización.

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa dirixirase ante a autoridade sanitaria competente, segundo modelo normalizado que figura no anexo II, sen prexuízo da súa posible presentación conforme o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto co modelo de solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Datos de identificación do solicitante debidamente acreditados.

b) Documentación que acredite o cumprimento da normativa que lle sexa de aplicación.

c) Identificación do responsable de formación así como currículum vitae e documentos que o acrediten.

d) Proxecto da actividade co seguinte contido mínimo:

* Obxectivos xerais da acción formativa.

* Obxectivos específicos da aprendizaxe.

* Programa didáctico desagregado en módulos formativos independentes, especificando os contidos específicos de cada módulo.

* Metodoloxía docente para empregar nas distintas accións formativas.

* Duración da acción formativa, global e por módulos.

* Modo de avaliación dos coñecementos adquiridos.

* Copia do material didáctico (impreso ou outros formatos) que se vai utilizar na impartición dos cursos.

* Acreditación da dispoñibilidade de locais axeitados para a formación a impartir, e/ou o seu título de disposición no caso de ser necesario.

* Modelo de certificado de acreditación da formación.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Unha vez presentada a solicitude, a Dirección Xeral de Saúde Pública procederá á comprobación da documentación presentada.

No caso de faltar algunha documentación da esixida nesta normativa, procederase a outorgarlle un prazo de 10 días ó interesado para a súa emenda, segundo o recollido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública notificaráselle ó interesado de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo máximo para resolve-las ditas solicitudes será de 2 meses; transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase concedida a autorización.

4. A autorización administrativa supón a inscrición, de oficio, no rexistro de empresas do sector alimentario autorizadas para impartir programas de formación en hixiene alimentaria e de entidades de formación de Galicia.

Artigo 12º.-Recursos.

As resolucións do órgano competente non poñen fin á vía administrativa. Contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes perante o conselleiro de Sanidade, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 13º.-Vixencia das autorizacións.

1. A vixencia da autorización será de catro anos a partir da data da resolución de autorización.

Dentro dos tres meses anteriores á expiración do prazo de vixencia das autorizacións, os interesados poderían solicita-la súa renovación segundo modelo normalizado que figura no anexo III.

Artigo 14º.-Revogación e cancelación.

1. A revogación da autorización farase nos seguintes supostos:

a) Petición dos interesados.

b) Incumprimento dos requisitos que deron lugar á inscrición inicial, ou posteriores renovacións.

c) Falsidade constatada nos datos declarados na solicitude de autorización, ou dos documentos xustificativos achegados.

d) Suspensión firme de actividades por virtude de sanción imposta.

e) Falla de comunicación das modificacións producidas respecto dos datos do rexistro.

f) Expiración do prazo de vixencia da autorización, sen que se teña solicitada a súa renovación.

g) Falsidade constatada nas actuacións realizadas polas empresas ou entidades.

2. A revogación da autorización supón a cancelación de oficio do asento de inscrición no rexistro.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

O incumprimento do establecido neste decreto poderá ser obxecto de sanción administrativa, logo de instrucción do oportuno expediente administrativo, de acordo co previsto no capítulo VI do título I da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, sen prexuízo do disposto no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria e demais normas legais de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-As empresas ou entidades de formación de manipuladores de alimentos autorizadas noutras comunidades autónomas poderán desenvolver e impartir programas de formación na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que acrediten a devandita autorización e o soliciten mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Saúde Pública, para a súa inclusión no rexistro.

Segunda.-A autorización administrativa prevista neste non exclúe nin substitúe calquera outra que poida ser necesaria para o exercicio da actividade.

Terceira.-A acreditación da formación recibida polos manipuladores de alimentos durante os cursos de formación impartidos por empresas ou entidades de formación de manipuladores de alimentos, así como pola autoridade sanitaria competente, acreditarase mediante certificación individual expedida por estas e conterá, como mínimo, os seguintes datos:

* Identificación da empresa ou entidade de formación autorizada.

* Identificación do representante legal ou responsable da formación.

* Data de autorización e número de rexistro da empresa ou entidade de formación.

* Denominación do programa de formación.

* Datos do manipulador de alimentos:

-Nome, apelidos e DNI.

-Lugar e data de expedición do certificado.

-Actividade laboral.

Tódolos certificados deberán estar asinados polo representante legal ou o responsable da formación e selados.

Cuarta.-Anualmente, as empresas ou entidades de formación elaborarán unha memoria das actividades realizadas, que será presentada ante a autoridade sanitaria competente na materia e conterá, como mínimo, o número de cursos realizados e o número de alumnos que recibiron formación segundo a actividade laboral do manipulador, así como calquera outra actividade formativa dirixida a este persoal.

Quinta.-As entidades de formación autorizadas, comunicarán á autoridade sanitaria competente cun mínimo de 72 horas de antelación, o lugar de celebración das accións formativas previstas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante un prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto, a Consellería de Sanidade continuará participando na impartición dos programas de formación das empresas do sector alimentario de Galicia, dirixidos ós manipuladores de alimentos, co fin de que exista a oferta de formación suficiente para garanti-lo cumprimento do estipulado neste decreto, sen prexuízo do previsto no seu artigo 4.3º.

Segunda.-Os carnés de manipuladores de alimentos expedidos conforme o Decreto 239/1986, do 24 de xullo, da Xunta de Galicia, polo que se aproba o Regulamento de manipuladores de alimentos, e as normas complementarias para a expedición do carné de manipulador de alimentos publicadas na Orde do 30 de abril de 1987, así como os carnés

que se concedan durante o período transitorio mencionado na disposición transitoria primeira deste decreto, quedan equiparados ós certificados individuais de acreditación regulados nesta norma, entrando a formar parte do programa de formación das empresas de alimentación, sendo responsabilidade destas a continuidade dunha formación que garanta o nivel axeitado en materia de hixiene alimentaria dos seus manipuladores, sen prexuízo das competencias e funcións da Administración na materia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 239/1986, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de manipuladores de alimentos, e a Orde do 30 de abril de 1987 pola que se aproban normas complementarias para a expedición do carné de manipulador de alimentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil tres.

P.A.

José Antonio Orza Fernández

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Obxectivos dos programas de formación:

Capacita-lo manipulador de alimentos en materia de hixiene alimentaria para minimizar ou elimina-los riscos potenciais para a saúde dos consumidores asociados á actividade laboral que desenvolvan.

Contidos mínimos:

Sistemas de autocontrol baseados nos principios do análise de perigos e puntos de control críticos (APPCC).

Perigos nos alimentos (microbiolóxicos, físicos, químicos). Riscos asociados a eles. Medidas preventivas para minimizar ou elimina-los devanditos riscos.

Principais enfermidades que poden ser vehiculadas polos alimentos.

Factores contribuíntes máis frecuentes na aparición das enfermidades vehiculadas polos alimentos e as medidas necesarias para a súa prevención.

Prácticas correctas de hixiene e manipulación dos alimentos. Conductas hixiénicas positivas.

Lexislación alimentaria aplicable.

Os contidos mínimos dos programas de formación estarán dirixidos á actividade que o manipulador de alimentos desenvolva no momento de recibi-la formación.