Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 20 de xuño de 2003 Páx. 8.199

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 19 de maio de 2003 para a convocatoria dunha praza de persoal laboral fixo para esta sociedade.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turistica de Galicia, S.A. anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:

a) Posto: xefatura de Área Económica e de Persoal (referencia: JAEP).

1. Funcións principais: supervisión e control da área económica e de persoal desta sociedade.

2. Prazas: 1-Xornada completa.

3. Requisitos:

3.1 Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, nacional do Reino de Noruega ou nacional da República de Islandia.

3.2. Ser maior de 18 anos e non exceder da idade de xubilación forzosa.

3.3. Licenciatura ou diplomatura.

3.2. Galego.

3.3. Experiencia en xestión económica e de persoal en departamentos públicos.

A valoración do punto 3.3. realizarase con base en:

Experiencia en:

-Departamentos de fiscalización e contabilización de gastos: 1 punto por cada 6 meses.

-Unidades competentes de fomento e promoción do turismo: 1 punto por cada 6 meses.

-Tramitación de contratacións administrativas: 1 punto por cada 6 meses.

-Órganos xestores de autorización, disposición e pagamentos: 1 punto por cada 6 meses.

-Organismos autónomos, entes públicos ou outras fórmulas descentralizadas de xestión pública: 1 punto por cada 6 meses.

Coñecemento de:

-Organización e dirección turística: valorarase máster ou formación de postgrao en materia de turismo: 1 punto.

-Sistema de contabilidade pública: 1 punto.

-Confección de nóminas e seguros sociais: 1 punto.

-Análise de balances: 1 punto.

Manexo de:

-Ferramentas ofimáticas a nivel usuario: 1 punto.

-Programas informáticos de contabilidade: 1 punto.

3.4. Entrevista persoal.

b) Documentación que hai que presentar:

-Currículum vitae.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación orixinal ou compulsada que acredite a titulación esixida, así como a formación complementaria e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada.

-Certificado de vida laboral.

c) Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

-As solicitudes faranse chegar a Turgalicia-Área Económica e de Persoal. Estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da

publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. A lista de admitidos exporase nos taboleiros de Turgalicia e da Dirección Xeral de Turismo, fixándose na mesma a data, hora e lugar de realización da entrevista.

d) Comisión de selección:

A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

e) Selección:

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o Comité de Selección designado publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.

O mecanismo de selección consistirá nun concurso de méritos de ata 20 puntos de acordo coa baremación indicada no punto 3.3 e unha entrevista persoal que se puntuará con 5 puntos. Pasarán á fase de entrevista os que acaden no concurso de méritos un mínimo de 15 puntos.

f) Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais.

A lista da praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións obtidas na valoración de méritos, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará ó primeiro da lista, mediante telegrama, para que compareza nas súas dependencias e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedéndose por parte da sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou á praza en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.

Os candidatos que sexan chamados para una contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato, e unha vez rematado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó derradeiro lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.

En tódolos contratos temporais superiores a seis meses, establecerase un período de proba.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2003.

Pedro Capó Martínez

Director xerente de Turgalicia